Ventosela, Ribadavia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ventosela
San Paio de Ventosela, Ribadavia.jpg
San Paio de Ventosela.
Concello Ribadavia
Poboación 495 hab. (2016)
Entidades de poboación 5

San Paio de Ventosela é unha parroquia do concello de Ribadavia. Segundo o IGE en 2016 tiña 495 habitantes (248 mulleres e 247 homes), distribuídos en 5 entidades de poboación.

Ano 2000 2003 2005 2010 2013 2016
Poboación 631 633 610 540 507 495

Historia[editar | editar a fonte]

Na Idade do Ferro estableceuse o castro Boubou ou castro da Veiga (coñecido na Idade Media como Castrum Minei, e sendo tal vez Abobriga), situado nun outeiro dominando un paso sobre o río Miño. Este castro foi tamén santuario castrexo e atopábase na fronteira co tribo castrexa dos Coelerni.

A rexión foi asolada no 754 polas tropas de Abdul-Azis e conquistada no 793 por Abdul-Malek, sendo máis tarde reconquistada por Afonso II. Durante estas datas o castro volveu ser fortificado para protexer o val do río Avia (o "territorio de Castella"), ao tempo que se sitúa baixo del un lugar de paso dunha barca, Portomiro, que funcionaría de enlace entre San Paio e Castrelo de Miño ata finais do século XIX. Na zona houbo tamén unha ponte[1].

No século XII este lugar pertenceu á familia nobre dos Traba, refuxiándose no castelo "castrum Minei" (o castro Boubou sobre San Paio) o aio do rei Pedro Froilaz, o arcebispo Diego Xelmírez e o infante Afonso VII, sendo asediados pola súa nai a raíña Urraca I de León, do cal tiveron que fuxir cara ao castelo dos Traba en Pena Corneira (Avión). San Paio foi entregada por Sancho IV de Castela ao mosteiro de Oseira, que rifaron cos abades do mosteiro de Celanova pola pesca e rendas da barca de Portomiro.

Coa paz e os colonos e servos do mosteiro énchese todo o val de viñas, este monocultivo esténdese ata o século XX, cando no ano 1969 se constrúe o encoro de Castrelo de Miño que asolaga as terras máis fértiles. Os de Ventosela aliaranse co seus veciños de Castrelo por defenderse dos abusos de FENOSA xunto cos activistas da UPG;malia todo o encoro seguiu e a maioría da xente saíu á emigración. Entre os seus habitantes destacaron o gaiteiro "O ventosela"(1847-1912) e Xesús Alonso Montero, que aínda que nado en Vigo vai a Ventosela a vivir unha tempada tralo apresamento do seu pai na illa de San Simón por denuncias falsas de falanxistas.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

O Castro de San Paio de Veiga, preto da Presa de Castrelo nun espolón de 277 metros sobre o Miño cun santuario rupestre castrexo na acrópole.

A Igrexa de San Paio de Ventosela, de fábrica barroca. Esta foi cedida ao Mosteiro de Oseira polo rei Sancho IV, o edificio prioral da orde consérvase nun solar anexo cunha importante bodega. Xunto ao cemiterio consérvase un peto de ánimas.

O Pazo de San Paio de Ventosela moi alterado por reconstrucións contemporáneas.

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Ventosela[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Ventosela no concello de Ribadavia (Ourense)

A Quinza | San Paio | Santa Cristina | Val de Pereira | Ventosela

Parroquias de Ribadavia[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias de Ribadavia

Campo Redondo (Santo André) | Esposende (Santiago) | Francelos (Santa María Madanela) | Ribadavia (San Domingos de Fóra) | Ribadavia (San Domingos) | San Cristovo de Regodeigón (San Cristovo) | Sanín (San Pedro) | Ventosela (San Paio)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

  • Samuel Eiján (1920): Historia de Ribadavia y sus alrededores.