Noia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 42°47′0″N 8°53′0″O / 42.78333, -8.88333

Noia
Escudo de Noia
Noia Galicia Concello 2006.jpg
Casa do Concello.
Situacion Noia.PNG
Situación
Xentilicio[1]noiés
Xeografía
ProvinciaProvincia da Coruña
ComarcaComarca de Noia
Poboación14.271 hab. (2018)
Área37,2 km²
Densidade383,63 hab./km²
Entidades de poboación6 parroquias
Capital do concelloNoia
Política (2015)
AlcaldeSantiago Freire Abeijón (PPdeG)
ConcelleirosBNG: 1
PPdeG: 8
PSdeG-PSOE: 4
Outros: Marea Cidadá de Noia 2, NO.I.A. 2
Eleccións municipais en Noia
Uso do galego[2] (2011)
Galegofalantes60,58%
Na rede
www.noia.es
correo@noia.dicoruna.es

Noia é un concello costeiro da provincia da Coruña, capital da comarca de Noia. Segundo o padrón municipal (INE 2014) conta con 14.571 habitantes e ten unha extensión de 37,2 km². O seu xentilicio é noiés.

Poboación[editar | editar a fonte]

Censo total (habitantes) 14.271 (2018)
Menores de 15 anos 1.662 (11.6 %)
Entre 15 e 64 anos 9.325 (65.3 %)
Maiores de 65 anos 3.485 (24.4 %)
Fonte INE; 1857-2011
Evolución da poboación de Noia   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017
9.791 10.975 12.118 14.126 14.481 14.970 14.876 14.757 14.659 14.571 14.472 14.337 14.295
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Xeografía[editar | editar a fonte]

O concello está situado ao sur da desembocadura do río Tambre na ría de Muros e Noia. Limita ao norte con Outes (a través da serra de Outes), ao sueste con Lousame e ao leste con Brión.

No seu percorrido por Noia, o río Tambre ten dous encoros, na actualidade pertencentes a Gas Natural Fenosa: os encoros do Tambre I e II. No núcleo urbano desemboca o río Traba.

Noia ten un clima oceánico húmido, con abundantes choivas durante todo o ano e temperaturas suaves.

Historia[editar | editar a fonte]

Os primeiros poboados nas desembocaduras dos ríos Tambre e Traba foron creados hai uns 5.000 anos. Desa época consérvase o dolmen de Argalo, do período megalítico. Do período castrexo consérvanse restos do castro da Barquiña, aldea que foi a orixe primitiva de Noia. Coa romanización de Galicia creáronse pontes sobre os dous ríos, que foron reformadas na Idade Media, e das que xa non se conservan restos.

Na Idade Media o porto marítimo tivo moita influencia na expansión económica da vila, que dependía da mitra compostelá.No ano 1147 a frota que levaba a Segunda Cruzada viuse obrigada a fondear en Noia[3] debido ao temporal e aproveitaron para peregrinar a Compostela, onde se lles debeu sumar o conde Fernando Froilaz de Traba, logo seguiron camiño e axudaron ao rei Afonso Henriques contra os mouros. Durante o século XIV Noia foi adquirindo a actual configuración urbana, e levantáronse as murallas, a fortaleza de Tapal, os hospitais, e reedificáronse varias igrexas, como a de Santa María e San Martiño.

Houbo varios enfrontamentos entre os señores feudais e o Arcebispado. Durante a Revolta Irmandiña os campesiños destruíron a fortaleza de Tapal. Finalmente, os señores acabaron vencendo e obrigaron aos Irmandiños a reconstruír torres e castelos.

Durante o século XVI houbo un renacemento económico e cultural, con novas construcións e a creación de feiras e mercados de gando. En 1585 Filipe II vendeu a vila a un comerciante xenovés buscando fondos para os seus proxectos bélicos, iniciándose un período de decadencia que continuou até o século XVII. No século XVIII a fidalguía mediaba coa igrexa para subarrendar as terras ao campesiñado, obtendo grandes ingresos, cos que se construíron pazos, como o de Argalo ou o de Bergondo. A finais dese século asentáronse na poboación industrias derivadas do mar.

A comezos do século XIX Noia separouse do Arcebispado. En 1846 tivo lugar na vila parte do levantamento militar provincialista contra o presidente Narváez, levado a cabo polos mártires de Carral, que implicou unha época de represalia do goberno que levou a moitos noieses ao exilio e a emigración.

Central hidroeléctrica do Tambre.

Na década de 1920 construíuse no río Tambre a primeira gran central hidroeléctrica galega, promovida pola Sociedad Gallega de Electricidad, cun edificio deseñado por Antonio Palacios.

Patrimonio histórico-artístico[editar | editar a fonte]

Festas[editar | editar a fonte]

  • 25 de abril (prolóngase tres ou catro días) - Feira de San Marcos. Destaca a feira de gando e maquinaria agrícola.
  • 16 de xullo - Virxe do Carme. Destaca a procesión organizada pola Confraría de Pescadores San Bartolomeu de Noia.
  • 3º fin de semana de xullo - Feira medieval. Ambientación medieval no casco medieval da vila.
  • 24 de agosto (prolóngase 5 ou 6 días) - Festa de grande afluencia na honra de San Bartolomeu. Destacan as verbenas, os concertos e o espectáculo pirotécnico.

Noia na literatura popular[editar | editar a fonte]

Refraneiro
  • Xente de Noia, campana de pau, tocan a misa co corno.
Cantigueiro
  • A aldeíña do Obre/ de lonxe parece vila,/ ten un caravel na entrada/ e unha rosa na saída [4].
  • Alá no medio do mar/ vin saltar unha sardiña,/ mariñeiriños de Noia/ vinde alá cunha traíña [5].
  • Anque che somos de Buño/ e nin todos somos oleiros,/ tamén as xentes de Noia/ nin todos son zapateiros [6].
  • As muchachiñas do Couto/ elas para todo son,/ para cantar e bailar/ e tirar polo legón [7].
  • De Rianxo, miña nai,/ de Rianxo para Noia,/ de Rianxo, miña nai,/ que se fai a festa toda [8].
  • Hoxe teño que ir a Barro/ pola colleita de millo,/ hoxe teño que ir a Barro,/ de Barro non me despido [9].
  • Inda que somos de Buño/ non somos todos oleiros;/ tamén na terra de Noia/ non son todos zapateiros [10].
  • O carballo da Chaínza,/ ten a folla revirada,/ que lla revirou o vento/ nunha mañán de xiada [11].
  • O carballo da Chaínza,/ ten tres carros de madeira:/ un é meu, o outro é teu/ o outro de quen o queira [12].
  • Os de Noia son borrachos,/ os de Muros aloqueiros,/ os de Fisterra son mouros,/ e os do Son sonche bucheiros.[13]
  • Os de Noia son bos mozos,/ os de Muros baloqueiros,/ os de Fisterra son negros,/ e os do Son son mariñeiros [14].
  • Os zapateiros de Noia/ valen pouco e van a menos,/ venden cento por un carto/ como un plato de xurelos.
  • Para zapateiros, Noia,/ para pescadas, o Son,/ para mozos ¡viva Boiro!/ para borrachos, Cespón [15].
  • Si todo o mar fora leite/ e Monte Louro boroa,/ xa terían que comer/ os tramalleiros de Boa [16][17].

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Noia.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Noia

Argalo (Santa María) | Barro (Santa Cristina) | Boa (San Pedro) | Noia | O Obre (Santa Mariña) | Roo (Santa María)

Lugares de Noia[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Noia vexa: Lugares de Noia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Consultado o 14 de outubro de 2014. 
  3. A nobreza altomedieval galega, a familia Froilaz-Traba" J.L. López Sangil ed Toxosoutos 2005
  4. Refírese a Santa Mariña do Obre, parroquia de Noia. Álvaro das Casas, en Nós 94, 15.10.1931, 193.
  5. Álvaro das Casas, en Nós 94, 15.10.1931, 192. No orixinal: c-unha, traiña.
  6. Buño, parroquia de Malpica de Bergantiños. Álvaro das Casas, en Nós 95, 15.11.1931, 215.
  7. Álvaro das Casas (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 95, 15.11.1931, 216. No orixinal: pol-o, lijón. Resulta difícil concretar a que Couto se refire a cantiga. Na parroquia de Noia do concello do mesmo nome hai un "O Couto de Arriba" e outro "O Couto de Abaixo"; o Nomenclátor non recolle ningún lugar co nome de "O Couto" no concello.
  8. Fermín Bouza-Brey 1929, 204. No orixinal: Noya.
  9. Santa Cristina de Barro é unha parroquia do concello de Noia. Álvaro das Casas, en Nós 94, 15.10.1931, 192. No orixinal: oxe, pol-a.
  10. Gran Enciclopedia Galega IV, s.v. artesanía.
  11. Álvaro das Casas (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 94, 15.10.1931, 192. No texto: Chainza, mañan.
  12. A Chaínza é lugar da parroquia do Obre, do concello de Noia. Álvaro das Casas, en Nós 95, 15.11.1931, 216. No texto: Chainza, tén, e teu.
  13. Cantigas do viño. Aloque ou aloqueiro significan pantano, lameira, e, por extensión, atranco, dificultade, compromiso. Bucheiro pode significar barrigán, tripón; ou pescador de bucheiros, nome local dos muxos.
  14. Álvaro das Casas, en Nós 94, 15.10.1931, 192. No orixinal: bós. Segundo Eladio Rodríguez, chámase baloqueiro á persoa moi aficionada ás balocas (castañas ou patacas) cocidas.
  15. Fermín Bouza-Brey 1929, 172. No orixinal: Noya, Són.
  16. Boa é a parroquia máis occidental do concello coruñés de Noia, lindando con Porto do Son. Tramalleiros son os que pescan ó tramallo, unha arte de pesca formada por tres redes superpostas. Álvaro das Casas, en Nós 94, 15.10.1931, 192; no orixinal: Montelouro,
  17. Lino Lema Bouzas, 15.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ANÓNIMO: Cantigas do viño. Edicións Castrelos, Col. O Moucho 6, Vigo 1968.
  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
  • CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 1931.
  • Gran Enciclopedia Galega, Ed. Silverio Cañada, Lugo 2003.
  • LEMA BOUZAS, Lino (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993.
  • GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio; XOGAINA, Suso: La iglesia y el cementerio de Santa María A Nova de Noia, A Coruña, 2003.