Comarca da Limia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Comarca da Limia
ProvinciaProvincia de Ourense
Área802,64 km²
Poboación19.803 hab. (2020)
Densidade24,67 hab./km²
ConcellosBaltar
Os Blancos
Calvos de Randín
Porqueira
Rairiz de Veiga
Sandiás
Sarreaus
Trasmiras
Vilar de Barrio
Vilar de Santos
Xinzo de Limia

A comarca da Limia é unha comarca galega situada na provincia de Ourense e a súa capital é Xinzo de Limia. A ela pertencen os concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.

Vista da Limia.

A Limia é unha das comarcas naturais máis nítidas de Galicia. Está situada no centro da provincia de Ourense ocupando en gran parte unha ampla depresión tectónica de fondo plano, na cal estivo a lagoa de Antela, desecada a partir do ano 1958. Ten unha altitude media duns 600 metros, cunha topografía de chaira rodeada polo sur pola serra do Larouco.

Os concellos que se inscriben nesta depresión son: Xinzo de Limia, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos, Trasmiras e un pequeno sector dos Blancos, xa fóra da depresión, o mesmo cós concellos de Calvos de Randín e Baltar, xa na serra do Larouco. No nordeste, o concello de Vilar de Barrio, xa comeza a situarse na depresión de Maceda, así como nas serras centrais ourensás.

Homenaxe á muller labrega (Sandiás)

A comarca ocupa unha extensión de 802,64 km² e tiña unha poboación de 19.803 habitantes no 2020 (IGE),[1] cunha densidade de poboación de 24,67 habitantes por quilómetro cadrado. Arredor do 48,66% desta poboación (9.637 habitantes[2]) concéntrase no concello de Xinzo de Limia. Esta comarca está a experimentar un forte proceso de despoboamento, sobre todo nos concellos situados nas zonas montañosas como o de Baltar e o de Calvos de Randín.

O cultivo de cereais e a pataca, produto con denominación de orixe, predominan na maior parte das terras de labradío. A maior superficie dedicada ó cultivo da pataca por produtores a título principal dáse, con moita diferenza, nos concellos de Xinzo de Limia e no de Sandiás.

A Limia é a comarca agrícola extensiva máis importante de Galicia, con 350 familias vivindo exclusivamente da agricultura e outras 500 dedicadas a ela como unha segunda actividade. No relativo ós cultivos, colléitanse unhas 16.000 Has de cereais, cun 55% de trigo; seméntanse unhas 4000 Has de pataca, a maior parte para consumo en fresco, sostendo a única indicación de pataca protexida de Europa. Estes cultivos manteñen un sector de servizos directos (fertilizantes, sementes, fitosanitarios, cereais, talleres) moi desenvolto.

Nos diferentes concellos atopámonos cun maior ou menor aproveitamento gandeiro, avícola e cunícola, destacando os complexos da cooperativa Coren nos concellos de Sarreaus e Porqueira. Esta comarca conta con 350 explotacións de bovino, 319 de ovino-caprino, 91 de aves, 71 de porcino e 9 de coellos. Esta capacidade produtiva dá lugar a un sector de transformación e comercialización agrogandeira que xera máis de 150 empregos directos.

A actividade industrial máis destacada está relacionada co sector da construción, (serradoiros de madeira, canteiras, areeiras etc.).

A vila de Xinzo de Limia actúa como centro comercial de toda a comarca, concentrando asemade a maioría das actividades industriais e de servizos.

Demografía[editar | editar a fonte]

Padrón municipal 2020 19.803 habitantes[1]
Menores de 15 anos 1.748 (8,83 %)
Entre 16 e 64 anos 10.717 (54,12 %)
Maiores de 65 anos 7.338 (37,05 %)

A Limia na cultura popular galega[editar | editar a fonte]

  • Ser como os burros da Limia, que apañan o viño e beben auga [3].

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "IGE - Información comarcal". www.ige.eu. Arquivado dende o orixinal o 30 de abril de 2021. Consultado o 2021-04-30. 
  2. "IGE. Táboas". www.ige.eu. Arquivado dende o orixinal o 30 de abril de 2021. Consultado o 2021-04-30. 
  3. Dise dos que queren aforrar demasiado, dos forróns. Fonte: José Santiago Crespo Pozo, s. v. económico; José María Pereda Álvarez (1953), s. v. auga.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • CRESPO POZO, José Santiago: Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego con indicación de fuentes e inclusión del gallego literario (galaico-portugués). 1 (La Región, Ourense 1972); 2,3,4 (Ed. do Castro, Sada, 1979/1982/1985).
  • PEREDA ÁLVAREZ, José María: "Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega", en Douro Litoral 1953, 5ª série, VII-VIII, pp. 19–52.