Carles Riba

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Carles Riba i Bracons
Carles Riba Bracons 0921.JPG
Nacemento 23 de setembro de 1893
Lugar Barcelona, Barcelonès
Falecemento 12 de xullo de 1959
Lugar Barcelona
Soterrado Sarrià cementery
Nacionalidade España
Alma máter Universidade de Barcelona
Ocupación poeta, escritor, esperantista, tradutor, filólogo e escritor de literatura infantil
Cónxuxe Clementina Arderiu
Xéneros Narrativa, crítica literaria, poesía, tradución
Premios Serra d'Or Critics Award
editar datos en Wikidata ]

Carles Riba i Bracons, nado en Barcelona o 23 de setembro 1893 e finado o 12 de xullo de 1959[1], foi un escritor e poeta catalán. Autor dos dous libros que forman Estances, Elegies de Bierville, Salvatge cor, Del joc i del foc, Esbós de tres oratoris, e tradutor ao catalán da Odisea de Homero, das Vidas paralelas de Plutarco, do teatro de Sófocles e de Eurípides, entre moitos outros autores clásicos. A maiores do grego e do latín, traduciu do hebreo, do inglés, do alemán, do francés, do grego moderno e do italiano. Ademais, escribiu uns cantares de amor e de amigo en lingua galega. Estivo casado coa poeta Clementina Arderiu.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Cando estudaba o bacharelato xa se matriculou nas carreiras de Filosofía e Letras e de Dereito na Universidade de Barcelona, feito que lle permitiu adquirir unha importante formación helenística. A segunda licenciatura, unha imposición familiar, non a acabaría ata anos máis tarde. A pesar diso, o seu pai non dubidou en apoialo na vocación humanística. De feito, en 1911, sufragoulle a publicación das Bucòliques de Virxilio, que Carles Riba traducir con só 17 anys. Aquel mesmo ano, o escritor gañou a flor natural nos Jocs Florals de Xirona.

En 1916 casou coa poeta Clementina Arderiu, a quen coñecera nuns Xogos Florais. Riba quería gañar a vida no mundo das letras e conseguiuno grazas ao contexto do momento. A principios do século XX, co Noucentisme, cultura e política ían da man. En 1915 fora nomeado redactor xefe da revista de pedagoxía Quaderns d'Estudi, da que era director Eugeni d'Ors, e un ano máis tarde se converteu en profesor da Escola de Bibliotecàries, nacida baixo os auspicios da Mancomunitat. Riba colaboraría, tamén, en La Veu de Catalunya e mais en La Publicitat como crítico literario e en La Revista.

O 1919 foi un ano decisivo na vida de Carles Riba, xa que se publicou o primeiro libro de Estances –o segundo é de 1930–. Pode parecer unha obra difícil, mais Estances é, sobre todo, unha vitoria do poeta sobre a lingua en construción. Riba consegue que sexa válida para expresar uns estados psicolóxicos, anímicos, dentro duns modelos perfectamente fixados. Segundo Gabriel Ferrater, o tema xeral desta poesía é o intento de reconstruír a propia identidade a través dos sentimentos de cada moment'.[2]

Viaxou a Alemaña, onde estudou baixo a dirección de Karl Vossler en Múnic (1922). Completou a formación clásica con viaxes a Italia e Grecia durante a década de 1920. Nesta mesma época colaborou con Pompeu Fabra na elaboración do Diccionari General de la Llengua Catalana.

Traballou na Fundació Bernat Metge, especializada en estudos clásicos e pasou a ser profesor de grego na Universidade de Barcelona en 1934.

Comprometido co catalanismo e coa II República Española, viuse obrigado a exiliarse en Montpellier (Francia) despois da vitoria franquista que acabou co goberno lexítimo republicano en 1939. Na localidade de Roissy-en-Brie compuxo un dos seus libros máis recoñecidos, Les elegies de Bierville. Tanto desde Francia como despois de volver a España en 1943, continuou traballando en traducións de autores clásicos para a Fundació Bernat Metge, organismo que chegou a dirixir despois de verse obrigado a afastarse da vida pública por mor das purgas na Universidade.

Foi o portavoz indiscutible dos intelectuais cataláns nos congresos de poesía de Segovia (ao que foi convidado por Dionisio Ridruejo en 1952), Salamanca (1953) e Santiago de Compostela (1954). Despois destes simposios, a correspondencia con Ridruejo mostra o interese que a cultura catalá espertaba entre os sectores máis inquedos do panorama literario español.

Tradutor de Konstandinos Kavafis, Friedrich Hölderlin, Edgar Allan Poe, Rainer Maria Rilke e Franz Kafka, alén dos clásicos gregos e latinos,[3] dedicouse tamén á narrativa (relatos infantís).

A súa poesía establece a vontade de tratar o amor como elemento poético, cunhas referencias cultas que mostraban a súa amplísima cultura clásica e angloxermánica. A súa poesía parte de modelos diferenciados no tempo e no espazo. Dunha banda, o máis evidente é o dos clásicos gregos, con especial fincapé en Homero; mais non é menos evidente a influencia do Renaixement catalán (Ausiàs March) ou italiano (Petrarca e Dante) ou da poesía moderna catalá (Josep Carner).

Obra en galego[editar | editar a fonte]

Poesía[editar | editar a fonte]

Un aspecto bastante descoñecido, especialmente en Cataluña, da obra de Carles Riba é que foi autor, con tan só 18 anos, duns poemas neotrobadorescos en lingua galega. Estas composicións están dedicadas a Pepita Vila, unha rapaza barcelonesa filla de galegos (de Samos e do Incio) que mantivo unha relación sentimental con Carles Riba.

Escritos cando o poeta tiña 18 anos, estes cantares de amor e de amigo «poderían alterar ou modificar a cronoloxía da poesía neotrobadoresca en Galicia e, tamén, a ampliar os seus anos de existencia, aínda que xurdira fóra do espazo galego»[4]. Cómpre ter en conta que Fermín Bouza-Brey escribiu Troba infinita en 1926 (publicada dentro de Nao senlleira en 1933) e que Álvaro Cunqueiro publicou Cantiga nova que se chama Riveira en 1933, en ambos os casos con posterioridade aos poemas de Riba. Ademais, o Primer llibre d'Estances viu a luz en 1919.

Os poemas foron gardados por Pepita Vila ata a súa morte en 1975 e, doados por unha sobriña, foron publicados por primeira vez polo Departament de Cultura da Generalitat de Catalunya en 1987 nunha escolma de textos temperáns de Carles Riba titulada Papers de joventut. Posteriormente, Xosé Lois García Fernández preparou unha edición titulada Cantares d'amor e d'amigo para Ediciós do Castro que saíu do prelo en 1990.

Obra en catalán[editar | editar a fonte]

Narrativa[editar | editar a fonte]

  • Aventures de Perot Marrasquí (1917)
  • Guillot el bandoler (1920)
  • L'ingenu Amor (1924)
  • Sis Joans (1928)

Poesía[editar | editar a fonte]

Crítica literaria[editar | editar a fonte]

  • Escolis i altres articles (1922)
  • Els marges (1927)
  • Per comprendre (1937)
  • ...Més els poemes (1957)

Fondo persoal[editar | editar a fonte]

O seu fondo persoal consérvase no Arxiu Nacional de Catalunya. A documentación ingresou no ANC en virtude do convenio de cesión asinado o 12 de novembro de 1992 entre os irmáns Riba e Arderiu, herdeiros legais do fondo, e a Generalitat de Catalunya. O fondo contén a documentación xerada e recibida por Carles Riba e Clementina Arderiu; documentación relacionada tanto coa súa actividade persoal como coa súa actividade profesional, destacando os aspectos literarios, de carácter cultural e asociativo. Do conxunto do fondo cómpre subliñar, polo seu interese, a serie da correspondencia, especialmente a recibida por Carles Riba.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. «Carles Riba i Bracons». L'Enciclopèdia.cat. Barcelona: Grup Enciclopèdia Catalana (en catalán).
  2. «Carles Riba». Web. Generalitat de Catalunya, 2012. [Consulta: setembro 2014] (en catalán).
  3. *Jordi Malé. Carles Riba i la traducció. Vid. Bibliografia
  4. "Aproximación posíbel ás orixes dos «Cantares d'amor e d'amigo» compostos, en galego, por Carles Riba". Xosé Lois García. Introdución a Cantares d'amor e d'amigo de Carles Riba. Sada: Ediciós do Castro, 1990.
  5. «Carles Riba i Clementina Arderiu». Arxiu Nacional de Catalunya. [Consulta: 17 de juny de 2013].

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • In memoriam Carles Riba (1959-1969 (Miscelánea. Institut d'Estudis Hel·lènics. Departament de Filologia catalana. Barcelona: Editorial Ariel (1973).
  • Jordi Malé. Carles Riba i la traducció; Quaderns, 1. Editorial Punctum & Trilcat. Barcelona (2006).

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Obra[editar | editar a fonte]