Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 15 de febreiro de 2010 ás 15:38 por Albert galiza (conversa | contribucións) (Desfixéronse as edicións de Nonso91 (conversa); cambiado á última versión feita por Imxavitooh)

Modelo:Galicia info Galicia[1] ou Galiza[2] é unha nación[3] establecida xurídica e administrativamente desde 1978 como Comunidade Autónoma con estatuto de "nacionalidade histórica" segundo a Constitución española e o seu Estatuto de Autonomía (ver Estatuto de Galicia) dentro do Reino de España. Está situada no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, con Asturias e Castela e León, ao oeste co Océano Atlántico, ao norte co Mar Cantábrico e, ao sur coa República de Portugal.

Ten como lingua propia o galego, similar e de orixe común co portugués, e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en todo o Estado Español.

A consideración de Galicia como nación e unha procura constante dun maior grao de autogoberno son defendidas por un número significativo de cidadáns. As tendencias nacionalistas, e mesmo as non-nacionalistas, en Galicia son, na súa meirande parte, de tipo federalista, isto é, a formación dunha federación co resto dos actuais territorios españois ou peninsulares. Ademais, tamén existen grupos independentistas.

Galicia posúe 2.796.089 habitantes (2009), cunha distribución poboacional que aglomera a meirande parte na franxa entre Ferrol e Vigo. Santiago de Compostela é a capital cun estatuto especial, dentro da provincia da Coruña. En Galicia, os núcleos urbanos con rango de cidade son sete, que segundo criterios poboacionais son os seguintes: Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Ferrol.

Denominación

Na Antigüidade os gregos a chamaban Kallaikia (καλλαικια) e aos seus habitantes "kallaikoi" (καλλαικoι), que era o nome co que os habitantes da cultura castrexa se coñecían a si mesmos. O topónimo evoluíu a Gallaecia baixo a administración romana. Na época medieval constituíuse como reino independente, co nome de Reyno de Galicia formando parte integrante posteriormente do Reino de León, malia manter o seu carácter de reino ata a chegada do absolutismo no século XIX, momento no cal se crearon as actuais provincias galegas en 1833 e se creou como tal a coroa española, unificando as diversas coroas de "las españas", que o monarca posuía. No período transicional entre a Idade Antiga e a Idade Media, Galicia foi chamada ocasionalmente Suevia debido a que este territorio foi o centro no cal se estableceron as etnias invasoras dos xermanos suevos (ou suavos).

Símbolos institucionais

Bandeira de Galicia

Artigo principal: Bandeira de Galicia.

A bandeira galega foi creada no século XIX, e está inspirada na bandeira da Comandancia Naval da Coruña. Ten fondo branco e presenta unha franxa azul dende o ángulo superior esquerdo ata o inferior dereito.

Escudo de Galicia

Artigo principal: Escudo de Galicia.

O actual escudo de Galicia é descrito no artigo número 3 da Lei de Símbolos de Galicia:

O escudo de Galicia trae, en campo de azur, un cáliz de ouro sumado dunha hostia de prata, e acompañado de sete cruces recortadas do mesmo metal, tres a cada lado e unha no centro do xefe. O timbre, coroa real, cerrada, que é un círculo de ouro, engastado de pedras preciosas, composto de oito floróns de follas de acanto, visibles cinco, interpoladas de pérolas, e das súas follas saen cadansúas diademas sumadas de perlas, que converxen nun mundo de azur, co semimeridiano e o ecuador de ouro, sumado de cruz de ouro. A coroa, forrada de goles ou vermello.[4]

Himno galego

Artigo principal: Os Pinos.

O himno galego (Os Pinos) é o símbolo acústico máis solemne de Galicia como comunidade política. O texto son as dúas primeiras partes do poema Queixumes dos pinos de Eduardo Pondal, e a música é da autoría de Pascual Veiga. Foi estreado na Habana, Cuba, o 20 de decembro de 1907.

Historia

Artigo principal: Historia de Galicia.

Prehistoria

Artigo principal: Galicia Prehistórica.
Dolmen de Corveira, construído entre o IV e III milenios a.C, é unha típica anta de corredor que forma parte do conxunto Sotorraño-Parxubeira-Portocoiro, Eirón, Mazaricos.

As primeiras probas líticas de presenza humana en Galiza remóntanse a hai uns 300.000 anos, no Paleolítico Inferior, durante o Pleistoceno medio. Apareceron restos destes poboadores por todo o litoral, dende Ribadeo ata A Guarda. Estes restos son instrumentos líticos, que nos amosan unha industria Acheulense a base de bifaces, fendedores, triedros,... feitos sobre unha base de cuarzo ou cuarcita. Coñécense dúas culturas, o paleolítico inferior arcaico (ou "cultura dos cantos tallados") e o paleolítico inferior clásico ou Acheulense. A técnica é máis simple na primeira delas. As industrias son simples e o número de tipos reducido.

A primeira claramente identificada, caracterízase pola súa capacidade construtora e arquitectónica, xunto co seu sentido relixioso, fundamentado no culto ós mortos como mediadores entre o home e os deuses. Este sentido relixioso abrangue a súa importancia ata a actualidade. Estaban constituídos en clans. Desa época dan testemuña milleiros[Cómpre referencia] de mámoas e medorras espalladas por todo o territorio.

Idade de Bronce

É nestes tempos cando se acada o desenvolvemento metalúrxico, impulsado pola riqueza mineira. Parece que debido ós cambios climáticos, varios pobos da meseta trasladáronse a Galicia, incrementando a poboación e os conflitos entre pobos. É a época de produción de diversos utensilios e xoias de ouro ou de bronce, que mesmo foron levadas máis aló dos Pireneos.

Etapa castrexa

Artigo principal: Cultura castrexa.
Castro de Santa Tegra.

Floreceu na segunda metade da Idade de Ferro, resultado da fusión da cultura da Idade de Bronce e outras contribucións posteriores, coexistindo en parte coa época romana. Os celtas trouxeron novas variedades de gando, o cabalo domesticado e probablemente o centeo.

O primeiro pobo celta que invade Galicia é o dos Saefes, no século XI a.C. Someterá ó Oestrymnio, pero este influirá no primeiro sobre todo no eido da relixión, da organización política e das relacións marítimas con Bretaña e Inglaterra. O seu carácter eminentemente guerreiro fixo que Estrabón dixera deles que eran os máis difíciles de vencer de toda Lusitania. Cómpre dicir que a provincia romana da Gallaecia propia dos galaicos aínda non estaba constituída política e administrativamente.

Vivenda castrexa reconstruída.

Os castros son recintos fortificados de forma circular, provistos dun ou varios muros concéntricos, precedidos xeralmente do seu correspondente foxo e situados, os máis deles, no cume de outeiros e montañas. Entre os castros de tipo costeiro destacan o de Fazouro, Santa Tegra, Baroña e O Neixón. No interior poden mencionarse os de Castromao e Viladonga. Común a todos eles é o feito de que o home se adapta ó terreo e non ó contrario.

En canto ós templos, a única construción atopada é a de Elviña. O de Meirás conserva unha necrópole. Noutros castros existían pequenas construcións en forma de caixa onde se gardaban as cinzas (cultura sorotáptica, dos campos de enterramento de furnas ou Urnenfelder como se coñecen pola súa denominación en alemán). Existen tamén outras parcialmente soterradas, cun depósito para a auga, nas que os vestixios de lume indican que debían servir para incinera-los cadáveres.

Dende finais do Megalítico aparecen inscricións sobre as rochas graníticas a ceo aberto das que se descoñece aínda a verdadeira orixe e significado (son moi coñecidas as de Campo Lameiro).

Idade Antiga

A romanización

Artigo principal: Gallaecia.
Muralla romana de Lugo.
Catedral de Santiago de Compostela.

Os romanos someteron a Galicia para aproveita-los seus recursos mineiros. Co tempo converteríana en provincia do imperio e recoñecerían a súa personalidade chamándoa Gallaecia. Con eles, os castros perderon o seu vello valor defensivo. Trouxeron novas técnicas, novas vías de comunicación, novas formas de organiza-la propiedade e unha lingua nova, pero foron tolerantes coa cultura existente.

O cristianismo chegaría a Galicia cos romanos. Lograría o que non acadou o latín e impúxose ó arrianismo dos suevos e ó paganismo prerromano. Os suevos, que mantiveron Galicia como reino independente cento setenta anos, foron progresivamente mediatizados polos visigodos. Foi na súa época na que se impuxeron definitivamente a lingua latina e o cristianismo, evolucionando o primeiro cara o galego e mesturándose o segundo cos costumes pagáns.

O Islam chegaría ó sur de Galicia e só o norte se mantería como bastión da Reconquista ata que, logo de recupera-lo sur, este se independizara co nome de Portugal. As actividades económicas dos castrexos baséanse na agricultura e gandería-pastoril.

Idade Media

Artigo principal: Reino de Galicia.

A aparición do sepulcro do Apóstolo 'Sant Iago' no século IX conferiulle a Galicia unha importancia clave dento do fortalecemento dos reinos cristiáns, erixíndose Santiago de Compostela como centro relixioso e destino de peregrinos que fortaleceron as ligazóns con Europa. O Camiño de Santiago converteuse nun eixo cultural polo que se espallaron, entre outros, a arte románica ou a lírica dos trobadores, facendo dela tamén un contrapeso cultural fronte ó centralismo.

Idade Moderna

Artigo principal: Galicia na Idade Moderna.

A partir da escriturización normativa en castelán comezada por Afonso X, o galego como lingua comezou unha decadencia acelerada dentro do proceso de uniformización de España, pasando polos chamados "Séculos Escuros", nos que a supervivencia lingüística foi só oral. No século XVIII comezouse a tomar conciencia da situación de división lingüístico-social entre o pobo galegofalante e os poderosos, castelán-falantes.

Idade Contemporánea

Século XIX

Os Cantares gallegos de Rosalía marcan o comezo do Rexurdimento.

En 1833 Galicia perde a súa representatividade como unidade administrativa e desaparece a Xunta do "Reino de Galicia". É aqui que nacen as actuais catro provincias galegas que estruturan o territorio baixo administración do goberno central. Atopamos neste século o primeiro xurdimento dun movemento político que vai defender Galicia por causa desta perda de poder.

O pronunciamento de Solís vai levantar en armas a unha parte do exército para defende-la unidade de Galicia contra a perda da desa administración anterior. Finalmente foron masacrados na batalla de Compostela e o 23 de abril de 1846 fusilados os sobreviventes, coñecidos a partir de aí coma os Mártires pola Liberdade ou Mártires de Carral.

O Rexurdimento supón unha tentativa culturalista de defensa da galeguidade posterior a esa tentativa política o afianzamento da conciencia de diferenciación cultural parella a un ideal político de autopertenza. Isto supón a recuperación da lingua galega como vehículo de expresión culto. Desta época son Rosalía de Castro, Murguía, Manuel Leiras Pulpeiro ou Eduardo Pondal, entre outros.

Século XX

Castelao.

Logo do provincialismo, federalismo e rexionalismo do século anterior, xorde a etapa da Solidaridad Gallega, de 1907 á Primeira Guerra Mundial, co obxectivo de conseguir unha fronte electoral unida para eliminar o caciquismo e acadar unha representación galega (o que se saldou cun fracaso).

Unha primeira etapa, ata Primo de Rivera, é a marcada polas Irmandades da Fala, cunha preocupación fundamental pola defensa da lingua. Ao estendérense, vai callando de novo a idea política do galeguismo. Así, Vicente Risco e Otero Pedrayo traballaron no aspecto cultural e tiveron contraparte no aspecto político en Porteira e Lois Peña Novo. O relevo constitúeo a chamada 'xeración Nós', en torno á revista do mesmo nome, acompañada de 1920 á Segunda República por unha preocupación pola creación dun galeguismo controlado e instrumental desde o poder político central.

Na Segunda República hai dúas tendencias fundamentais: a correspondente á Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e a contraparte no Partido Galleguista (PG). O PG xorde da unión de varias tendencias representadas nas figuras de Vicente Risco, R. Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas, Suárez Picallo, Castelao... En 1936 o PG, para lograr o estatuto para Galicia, aliouse coa Fronte Popular e a resultas desa alianza sufriu unha escisión. Porén, logrouse o Estatuto e Castelao presentouse a Cortes pouco antes da Guerra Civil española.

Franquismo

Durante o franquismo, cualificado por Celso Emilio Ferreiro de "longa noite de pedra", sucedéronse diferentes etapas represivas coas ideas galeguistas, a partir da loita armada de moitos galeguistas en contra de Francisco Franco.

Na posguerra créase en Bos Aires o Consello de Galiza, comandado por Castelao e Suárez Picallo. No ano 1944 sae do prelo Sempre en Galiza, guía ideolóxica do galeguismo. Pouco a pouco vaise optado polo mantemento dunha acción cultural, como manifesta a creación da editorial Galaxia.

No ano 1964 fúndanse a Unión do Pobo Galego (UPG, que Méndez Ferrín, un dos seus fundadores definiu como o partido nacionalista de esquerda revolucionaria) e o Partido Socialista Galego (PSG, con X. M. Beiras e Salvador García-Bodaño).

En democracia
Manuel Fraga gobernou Galicia durante 15 anos.

Demografía

Artigo principal: Demografía de Galicia.
Concellos máis densamente poboados de Galicia.
Densidade de poboación por parroquias.
Concellos que gañaron ou manteviron a súa poboación en 2009
Densidade de poboación por provincias.

Cunha poboación estimada (2008) de 2.784.169 habitantes[5], Galicia é a quinta comunidade autónoma de España segundo poboación. A súa densidade de poboación, de 94,14 hab./km², é lixeiramente superior á media española e semellante á europea.

A poboación de Galicia concéntrase na súa maioría nas zonas costeiras, sendo as áreas das Rías Baixas e o Golfo Ártabro (áreas metropolitanas da Coruña e Ferrol) as de maior densidade de poboación. A cidade de Vigo, con 295.703 habitantes, constitúe a maior cidade galega, seguida das cidades da Coruña, 245.164 habitantes, e Ourense, 107.057 habitantes. Xunto estas tres cidades, Galicia conta con outras catro localidades consideradas cidades: Lugo, Santiago de Compostela (capital administrativa de Galicia), Pontevedra e Ferrol.

Vigo é a cidade máis poboada de Galicia.

Así mesmo, o país conta con cinco concellos con máis de 30.000 habitantes, dez concellos de entre 20.000 e 30.000 habitantes, e trinta e cinco de entre 10.000 e 20.000 entre os que destaca Monforte de Lemos.

Segundo o censo de 2006, o nivel de fertilidade das galegas era de 1,03 fillos por muller fronte ao 1,38 estatal e menor á cifra de 2,1 fillos por muller necesarios para que se produza o remprazo xeracional da poboación[6]. Entre as galegas, as luguesas e as ourensás son as que menos fillos teñen, con 0,88 e 0,93, sendo as primeiras, as que menos fillos teñen en España[6]. En 2006 rexistráronse en Galicia un total de 21.392 nacementos[7], o que supón case 300 máis ca en 2005, segundo o IGE. De feito, na actualidade Galicia vive unha recuperación do número absoluto de nacementos comezado en 1999 e que está a sosterse nos últimos anos (En 2008 houbo 23.281 nacementos).

Malia a mellora dos nacementos, o saldo vexetativo, é dicir, a diferenza entre o número de persoas nadas e as falecidas, continúa sendo negativo en Galicia. No 2006 houbo un total de 29.389 falecementos polo que a poboación total minguou en preto de 8.000 persoas.

No tocante á esperanza de vida, os galegos teñen unha media de vida de 76,8 anos para os homes e de 84 anos para as mulleres, 7,2 máis cos varóns galegos. Dende 1981 a esperanza de vida dos galegos medrou en 5 anos, grazas á mellora da calidade de vida[8]. O avellentamento da poboación tamén se pon de manifesto no incremento de anciáns de idade avanzada que rexistra gradualmente a comunidade cada exercicio. Galicia contaba en 1991 con 300 persoas con máis de cen anos. Cinco lustros despois, a cifra medrou un 72% ao superaren o século 518 galegos.

A proporción de estranxeiros en Galicia é do 2,67% da poboación total. As nacionalidades predominantes son a portuguesa (17,93% do total de estranxeiros), a colombiana (10,93%) e a brasileira (8,74%)[9].

Concellos máis poboados

Listaxe Municipio Provincia Pob. Listaxe Municipio Provincia Pob.

Vigo

A Coruña

Ourense

Santiago de Compostela

Lugo

Pontevedra
1 Vigo Pontevedra 293 652 13 Carballo A Coruña 31 416
2 A Coruña A Coruña 247 376 14 Culleredo A Coruña 30 864
3 Ourense Ourense 104 250 15 Redondela Pontevedra 28 937
4 Santiago de Compostela A Coruña 98 687 16 Ribeira A Coruña 27 030
5 Lugo Lugo 98 214 17 Cangas Pontevedra 26 807
6 Pontevedra Pontevedra 82 535 18 Cambre A Coruña 24 739
7 Ferrol A Coruña 63 890 19 Marín Pontevedra 24 197
8 Narón A Coruña 39 051 20 Ponteareas Pontevedra 23 154
9 Oleiros A Coruña 37 809 21 O Porriño Pontevedra 20 562
10 Vilagarcía de Arousa Pontevedra 37 689 22 Lalín Pontevedra 20 282
11 Arteixo A Coruña 33 516 23 A Estrada Pontevedra 20 081
12 Ames A Coruña 32 482 24 Moaña Pontevedra 19 315
Padrón continuo. Datos a 1 de xaneiro de 2023[10]

Evolución demográfica

A historia demográfica de Galicia foi a dunha continua perda de peso respecto ao resto do estado, froito da emigración cara a Iberoamérica, Centroeuropa ou outros territorios do Estado. Así, en 1857 a densidade de poboación en Galicia era a meirande de todas as rexións que conforman o estado, representando a cota galega o 11,49% da poboación española. Así e todo, no 2007, Galicia pasou a representar unicamente o 6,13% do poboación estatal.

Evolución demográfica de Galicia e
porcentaxe con respecto ao total estatal[11]
1857 1887 1900 1910 1920 1930 1940 1950
Poboación 1.776.879 1.894.558 1.980.515 2.063.589 2.124.244 2.230.281 2.495.860 2.604.200
Porcentaxe 11,49% 10,79% 10,64% 10,32% 9,93% 9,42% 9,59% 9,26%
1960 1970 1981 1991 1996 2001 2006 2008
Poboación 2.602.962 2.583.674 2.753.836 2.720.445 2.742.622 2.732.926 2.767.524 2.794.796
Porcentaxe 8,51% 7,61% 7,30% 6,90% 6,91% 6,65% 6,19% 5,99%

Divisións administrativas

Mapa dos concellos de Galicia, coa capital administrativa (Santiago de Compostela) en vermello.

Historicamente Galicia estivo dividida en 7 provincias (Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Ourense, Santiago, Tui e Vigo) ata 1833. Administrativamente a Galicia actual estrutúrase en 4 provincias (A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra), 53 comarcas, 315 concellos e 3.778 parroquias. O territorio do concello estrutúrase en parroquias e estas á súa vez en aldeas ou lugares.

Demograficamente, Galicia caracterízase pola súa alta taxa de dispersión demográfica, o que, xunto a un elevado número de poboacións, fai que un 50% das entidades de poboación de España se atopen en Galicia, ocupando só o 5,8% da superficie total. Así, calcúlase que en Galicia existen un millón de topónimos e microtopónimos[12].

Economía

Artigo principal: Economía de Galicia.
Tenda ZARA en Hong Kong. ZARA, do grupo INDITEX, é o primeiro grupo europeo e segundo mundial de confección e roupa. Ten a súa sede central en Arteixo, A Coruña.
Ficheiro:2007-03-14 175231.png
Un Citroën C4 Picasso 5 prazas foi o vehículo 9 millóns producido polo Centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën dende que iniciou as súas actividades en 1958[13].

Galicia é unha terra de contrastes económicos. Mentres a costa oeste, sede dos maiores centros de poboación, e tamén das industrias manufactureiras e de derivados da pesca, é próspera e incrementa a súa poboación, a zona rural das provincias de Ourense e Lugo basea a maior parte da súa economía na agricultura tradicional, asentada no minifundio, ou pequenas explotacións agrícolas e/ou gandeiras. O crecemento do turismo, aproveitamento forestal sostible e agricultura orgánica e natural, así como explotacións gandeiras de certo tamaño están aumentando as posibilidades da economía galega.

O 85% dos turistas que visitan Galicia visitan Santiago de Compostela, un dos principais reclamos turísticos galegos[14].

Aséntanse en Galicia poucas grandes industrias. Cabe contar entre elas coa planta de aluminio que a multinacional Alcoa ten en San Cibrao (Cervo), a industria manufactureira de automóbiles da tamén multinacional Citroën en Vigo, a mina e as centrais térmica e de ciclo combinado de Endesa de As Pontes de García Rodríguez, a refinería de A Coruña ou os asteleiros de Ferrol e Vigo, con desigual sorte e en proceso de reconversión case continua na súa maioría desde os anos 80. Nos anos 90 unha industria galega estase a desenvolver de xeito internacional, o grupo téxtil Inditex (Zara, Pull and Bear, etc.), con sede en Arteixo.

As industrias manufactureiras de produtos agrícolas están en pleno retroceso, caendo en mans foráneas as industrias de derivados lácteos e outras sufrindo unha reestruturación, como lle pasou á antiga industria estatal 'FRIGSA' ('Frigoríficos Industriales de Galicia') que acabou sendo desmantelada e tratando de ocupar o seu lugar unha serie de empresas moito máis pequenas.

Galicia tamén conta con catro importantes entidades financeiras: dúas caixas de aforros; Caixa Galicia e Caixanova, e dous bancos; o Banco Etcheverría, e o máis importante, o Banco Pastor, que ademais é o segundo máis antigo de España despois do Banco Etcheverría.

A pesca, na que tradicionalmente Galicia é unha potencia, vén mermando o número de capturas desde hai anos tanto polo esgotamento das pesquerías tradicionais como polas condicións políticas de acceso ás mesmas. Estanse comezando a desenvolver os cultivos mariños, algúns deles seguindo a liña tradicional das mexilloeiras (que aínda hoxe representan a maioría do valor de especies cultivadas) ou as cetarias.

Sanxenxo é un dos destinos turísticos máis coñecidos da comunidade.

A agricultura e gandería pasaron nunha xeración de ser practicamente de subsistencia a ser de comercialización, e seguen a sufrir cambios debido ao impacto da incorporación na UE e ás condicións de entrada. O número de explotacións agrarias está caendo rapidamente, así como se está a concentrar a cota leiteira, por citar dous indicadores.

O turismo, de desenvolvemento máis tardío cá noutras zonas da península, representa hoxe en día unha importante fonte de ingresos, coa peculiaridade de que se concentra na costa (principalmente nas Rías Baixas) e Santiago. Durante o ano 2007 Galicia recibiu 5,7 millóns de turistas, un 8% máis que no ano 2006[14], e un 11% máis que no 2005 e 2004. O turismo supón o 12 por cento do Produto Interior Bruto (PIB) galego e emprega a un 12 ou 13 por cento dos traballadores.

Xeografía

Artigo principal: Xeografía de Galicia.
Imaxe de Galicia feita por un satélite da NASA.

O territorio de Galicia está comprendido entre 43º 48' N (Estaca de Bares) e 41º 49' N (fronteira con Portugal no parque do Xurés) en latitude. En lonxitude, entre 6º 44' O (límite entre Ourense e Zamora) e 9º 18' O (acadado practicamente en dous lugares: cabo da Nave en Fisterra e cabo Touriñán).

Relevo

Praia de Carnota. Cos seus 7 km de lonxitude constitúe o maior areal do país.

Na xeografía galega destaca o contraste entre o relevo costeiro e o de interior, máis elevado có primeiro. Tamén contrasta a morfoloxía entre as chairas elevadas setentrionais e as serras e depresións meridionais.

O aspecto orográfico que presenta Galicia no seu interior é de montañas baixas e romas, con multitude de ríos, estruturados como tributarios do Río Miño no interior, e nas cuncas atlántica e cantábrica, ríos máis curtos (en particular os que van ó Mar Cantábrico). As pendentes suaves ás veces ceden o paso a ladeiras escabrosas, como ocorre nos Canóns do Sil. Noutras zonas aparecen amplos vales, se ben son minoritarios.

Vista xeral da Ría de Ferrol.

A costa galega conta con 1.659 km dos que máis de 800 son cantís e 300 son de praias. A costa do país caracterízase pola presenza das rías, indentacións na costa nas que o mar anegou vales fluviais por descenso do nivel terrestre (ascenso relativo do nivel mariño). As rías están tradicionalmente divididas en Rías Altas (Ribadeo, Foz, Viveiro, Barqueiro, Ortigueira, Cedeira, Ferrol, Ares, Betanzos, A Coruña, Corme e Laxe e Camariñas) e Rías Baixas de maior tamaño, atópanse ao sur de Fisterra como punto máis occidental de Galicia (Corcubión, Muros e Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo). Entre as Rías Altas faise decote unha división entre as denominadas propiamente Rías Altas (ó leste de Estaca de Bares) e as Rías Medias.

As rías destacan pola súa importante achega á pesca de Galicia, contribuíndo a que a costa galega sexa unha das zonas pesqueiras máis importantes do mundo.

Cabo Ortegal.

A erosión do Océano Atlántico na costa galega tamén contribuíu á presenza de multitude de cabos entre os que destacan Estaca de Bares (punto máis ó norte de Galicia e a separación entre Océano Atlántico e Mar Cantábrico), Cabo Ortegal, Cabo Prior, Punta Santo Adrao, Cabo Vilán, Cabo Touriñán (punto máis occidental de Galicia), Cabo Fisterra, considerado polos romanos como o fin do mundo coñecido e o Cabo Silleiro que pecha polo sur a ría de Vigo.

Ó longo da costa galega atópanse pechando as rías un gran número de arquipélagos que destacan tanto polos seus fondos mariños como polas súas colonias de aves mariñas. Os principais grupos de illas son os arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora así como as illas de Cortegada (xunto cos tres arquipélagos anteriores forman o Parque nacional das Illas Atlánticas), Arousa, Sisargas e Malveiras.

As nubes que entran por Galicia baten cos Ancares ó penetraren no interior da península Ibérica.

O aspecto orográfico que presenta Galicia no seu interior é de montañas baixas e romas. As pendentes suaves ás veces ceden o paso a ladeiras escabrosas, como acontece nos canóns do río Sil. Noutras zonas aparecen amplos vales, se ben son minoritarios.

Galicia é percorrida de norte a sueste por dúas fallas tectónicas, partindo as características do chan galego por ditos lugares. Así, atopámonos na zona do Porriño con canteiras de granito, rocha moi abundante en boa parte de Galicia, pero ausente no extremo nordeste.

As principais cadeas montañosas do país son as serra do Xistral (norte de Lugo), Os Ancares (fronteira con León e Asturias), O Courel (fronteira con León), O Eixo (fronteira entre Ourense e Zamora; a 2.124 m atópase Pena Trevinca, o teito de Galicia), Macizo de Manzaneda (corazón da provincia de Ourense), O Faro (fronteira entre Lugo e Pontevedra), Cova da Serpe (fronteira Lugo e A Coruña), Montemaior (provincia da Coruña),Montes do Testeiro (entre Pontevedra e Ourense), A Peneda, e as do Xurés e O Larouco (fronteira entre Ourense e Portugal).

Os principais cumios de Galicia son Pena Trevinca (2.127 m), Pena Survia (2.095 m), Alto do Torno (1.942 m), Maluro (1.925 m), Os Ancares (1.821 m) e Cabeza de Manzaneda (1.778 m) [15].

Hidrografía

Artigo principal: Ríos de Galicia.
Desembocadura do Miño na Guarda.

Galicia califícase moitas veces como a terra dos mil ríos pola cantidade de cursos fluviais que mantén. En xeral, e debido á súa pequenez, salvo o Miño na súa desembocadura ou nos moitos encoros, non son navegables (excepción feita para pequenas barcas no tramo final sen pendente dalgúns, que propicia a celebración de festas semi-acuáticas como as chamadas "zaleas").

Os ríos galegos pertencen a dúas vertentes: a Cantábrica e a Atlántica. Na vertente cantábrica son ríos moi curtos, onde destaca o río Navia, que nace nos Ancares e desemboca na localidade asturiana de Navia, e o río Eo, que desemboca no límite con Asturias. Algo máis longos son na atlántica, coas excepcións novamente de Miño e Sil que teñen unha lonxitude de varios centos de quilómetros, 310 e 225 km respectivamente, sendo o Miño o noveno de España en lonxitude. Na vertente atlántica cabe destacar ademais, de norte a sur, os ríos Eume, Tambre, Ulla, Lérez e Limia, que desemboca en territorio portugués.

O río Lérez, na súa desembocadura en Pontevedra

Existen moitos encoros para a produción de enerxía eléctrica, debido ó caudal, pendente e angostura, o que produce tamén o fenómeno dos 'canóns', como os célebres canóns do Sil (moitos deles aproveitados para encoros).

Climatoloxía

Artigo principal: Climatoloxía de Galicia.

En xeral, Galicia ten un clima suave de influencia oceánica, moi chuvioso. Aínda así, a irregular orografía ten como consecuencia a existencia de múltiples microclimas, con fortes variacións en áreas con pouco máis de 200 km².

A grandes trazos, pódense distinguir as seguintes zonas:

Río Sil ao seu paso pola Ribeira Sacra, onde forma os famosos Canóns do Sil.

O territorio galego ten unha temperatura media anual ponderada de 13,3 ºC.[16] Durante o inverno a temperatura media acada os 8,5 ºC,[16] na primavera chega aos 15 ºC,[16] no verán os 19 ºC e durante o outono os 11 ºC.,[16] É, polo tanto, no primeiro terzo do ano (meses de xaneiro a marzo) cando danse os valores máis baixos de temperatura para a maior parte de Galicia. É na zona atlántica de Galicia –provincias da Coruña e Pontevedra onde se rexistran as temperaturas medias anuais máis elevadas, superando lixeiramente os 14 ºC e sendo de 1 a 2 ºC máis altas cás de Lugo e Ourense, respectivamente. Os valores medios normalizados van dende mínimos por debaixo dos 6 ºC nas montañas das serras orientais e sudorientais (Os Ancares e O Eixo), ata máximos superiores aos 15 ºC nas áreas costeiras a baixa altitude, especialmente nas Rías Baixas. A distribución espacial das temperaturas presenta unha variación costa-interior, relacionada coa preseza do Océano Atlántico -quen ten un efecto de regulador térmico nas zonas costeiras e incluso en zonas máis interiores-, e outra norte-sur, en relación co balance anual entre as compoñentes climáticas temperada e subtropical. En conxunto, marcan un efecto diagonal NW-SE de diminución da temperatura é dicir, poderíase trazar unha liña dende Tui ata Ribadeo que diferenciaría dúas zonas principais climáticas en Galicia, unha con temperaturas máis suaves (a costa) e outra con temperaturas máis continentais (o interior).

Natureza

Flora

As Fragas do Eume constitúen un reduto do bosque atlántico galego que outrora cubriu case toda Galicia.

Galicia ten unha gran porcentaxe de bosque (un 66%) con máis de 600 millóns de árbores cubrindo a súa superficie, valorada en 28.000 millóns de euros[17], onde se desenvolven importantes especies forestais en estado natural, se ben nas últimas décadas as características boscosas están cambiando debido á importación do eucalipto, quedando un número de fragas reducido, en particular no centro-norte da provincia de Lugo.

Dentro do aproveitamento da terra fóronse introducindo diversos cultivos, pero respecto á cantidade de terra dedicada compiten cos pastos debido á presión do aproveitamento económico do gando.

Galicia é unha forte potencia de riqueza forestal para o Estado Español. A pesar dos incendios forestais que queiman moitas hectáreas tódolos anos, a madeira producida en Galicia é unha importante fonte de ingresos, así como a pasta de celulosa procedente de madeiras brandas. A rexión é unha zona de transición entre tres climas e os seus biotopos:

Debido á bonanza do clima, danse tamén facilmente especies subtropicais e mesmo tropicais: palmeiras, orquídeas, etc. En Galicia houbo tres revolucións botánicas ou forestais, que se deron en tres épocas diferentes e con resultados ben distintos:

  • chegada do castiñeiro (Castanea sativa) cos romanos, rapidamente aclimatado e agora xa considerado coma autóctono;
  • chegada das repoboacións de piñeiro rodeno (Pinus pinaster), co tempo chamado mesmo piñeiro do país ou piñeiro galego, dende a descubrimento de América, sobre todo para a construción de barcos;
  • chegada das repoboacións de eucalipto (especialmente Eucalyptus globulus), dende o franquismo, aínda contemplado coma especie alóctona, principalmente para fornecer de materia prima a ENCE, a papeleira de Pontevedra.

Fauna

Gaivotas patiamarelas nas Illas Cíes
Artigo principal: Fauna de Galicia.

Existen en Galicia 262 especies de vertebrados inventariados, dos que 12 son peixes de augas doces, 15 anfibios, 24 réptiles, 152 aves e 59 mamíferos[18].

Os animais que se ven topicamente como máis característicos de Galicia son domésticos, e corresponden ás explotacións gandeiras. Porén, os bosques e montes galegos albergan unha variedade de pequenos mamíferos (lebres, coellos) e outros non tan pequenos (como xabarís ou corzos) que son aproveitados nas tempadas de caza.

Dentro das aves, cabe citar os varios sitios de paso ou invernada, zonas ZEPA, etc, como a da Ría de Ribadeo.

Cabe mencionar o cabalo de pura raza galega e a galiña autóctona de Mos, que se atopa en perigo de extinción, aínda que o número de exemplares aumentou considerablemente en 7 anos[19].

Lingua

Falantes de galego como primeira lingua segundo os censos do Instituto Galego de Estatística do ano 2001.

O galego, idioma romance derivado do latín que se falaba na antiga Gallaecia romana, é a lingua propia de Galicia e constitúe a máxima expresión cultural do pobo galego. Dende o punto de vista filoxenético é de orixe común ao portugués e similar a outros romances ibéricos tales coma o asturiano ou o castelán.

A lingua galega desenvolveu tradición literaria temperá canda outros romances coma o occitano. Esta prematura tradición acredita o seu prestixio. Atravesou posteriormente períodos de decadencia literaria e sociolingüística debido ao estatus político de Galicia ao longo da súa historia.

Actualmente, a lingua galega posúe un estándar elaborado pola Real Academia Galega en base á súa tradición literaria. O galego contemporáneo, como lingua oficial, posúe unha variante culta que é empregada tanto nos medios de comunicación de Galicia coma no ensino primario, secundario e universitario.

A lingua galega é falada por máis de 3 millóns de persoas arredor do mundo. En relación ó número de falantes, o galego ocupa o posto 146 na lista mundial, na que están incluídos máis de 6.700 idiomas[9].

O castelán comezou a se introducir na Baixa Idade Media sobre todo ao accederen casteláns a postos na Igrexa e na política galega, e acabou por converterse na lingua da clase dirixente e de facto na única lingua oficial e ao longo do século XX tamén na lingua falada por unha parte dos habitantes das cidades galegas. Despois de varios séculos de imposición política da lingua castelá, o galego acadou nos últimos decenios tamén o estatus de lingua oficial na comunidade autónoma galega, e ámbolos dous son aprendidos nos centros de ensino. Existe un forte movemento social que busca a plena normalización da lingua de Galicia.

Hai que notar que tanto o galego coma o portugués son derivados do antigo galego, chamado habitualmente galego-portugués. As dúas linguas comezaron a se afastaren progresivamente coa separación política de Portugal e Galicia.

Transportes e mobilidade

Aeroportos

Torre de control do aeroporto de Santiago de Compostela.

En Galicia hai tres aeroportos situados no eixo atlántico, que dan servizo ás cidades máis importantes de Galicia. O Aeroporto de Santiago de Compostela, cun tráfico de 1.917.466 pasaxeiros no 2008 é o máis importante de Galicia e o único con voos intercontinentais. Concecta con varias cidades de España e Europa e en temporada alta ten voos a Caracas e Bos Aires. O Aeroporto de Vigo, con 1.278.762 pasaxeiros no mesmo ano, ten tamén voos directos a varias cidades de España e a Londres e París. Finalmente, o Aeroporto da Coruña, con 1.174.970 pasaxeiros en 2008, ten voos directos a varias cidades de España, así como a Lisboa e Londres. Cabe destacar que os tres aeroportos teñen voos directos a Madrid, Barcelona, Bilbao, algunha das Illas Canarias, Palma de Mallorca e Londres.

Portos

Porto de Vigo coas Illas Cíes ó fondo

Entre os portos galegos cabe destacar o Porto de Vigo, que é o maior porto de pesca do mundo[20] [21]. O seu tráfico total en 2004 foi de 4.730.399 toneladas. Outros portos a destacar son os de Ferrol e A Coruña, así como os de Marín e Vilagarcía de Arousa.

En Galicia hai ademais outros 122 portos xestionados polo ente público Portos de Galicia, entre os que destacan o Porto deportivo de Pontevedra e o de Burela.

Estradas

Autoestrada AP-9 cara Vigo.

A rede de estradas de Galicia está formada por varias autoestradas e autovías que unen as principais cidades, e unha rede nacional e secundaria que chega ó resto de concellos.

Cabe destacar as autovías de acceso a Galicia: a A-6 que une A Coruña e Lugo con Madrid entrando polo Cebreiro e a A-52 que une Vigo, Ourense e Benavente entrando pola Gudiña. Están en construción outras dúas, a A-8 que entra polo Cantábrico e a A-76 que entrará por Valdeorras. No interior de Galicia atopamos entre outras a AP-9 entre Ferrol e Vigo e a AP-53 (e AG-53) entre Santiago e Ourense. Están actualmente en construción as autovías A-54 entre Santiago e Lugo, e A-56 entre Lugo e Ourense. Hai ademais outras autoestradas e autovías xestionadas pola Xunta de Galicia, que unen as principais capitais comarcais, como a AG-53 anteriormente mentada e a AG-55 que une A Coruña e Carballo.

Ferrocarril

Liñas de ferrocarril existentes en Galicia.

O día 15 de setembro de 1873, foi inaugurado o primeiro ferrocarril de Galicia entre O Carril (Vilagarcía) e Cornes (Santiago). En 1875 inaugurouse a segunda liña, que unía A Coruña e Lugo. E non será até 1883 cando se ligue o país co resto do Estado, a través do Barco de Valdeorras.

A rede de ferrocarril en Galicia ronda os 1.100 km. Hai varias liñas de largo ibérico (1.668 mm) que corresponden a Adif e Renfe Operadora e que unen tódalas cidades galegas. Hai outra liña de largo inferior (1.000 mm) correspondente a FEVE, co percorrido Ferrol-Ribadeo-Oviedo. De todas estas liñas a única electrificada é a que entra por Ponferrada cara Monforte-Ourense-Vigo.

Actualmente están en construción varias liñas de alta velocidade. Unha delas é a liña Santiago-Ourense-Madrid prevista para 2012, así como o eixe atlántico, xa en servizo entre A Coruña e Santiago, que unirá tódalas cidades atlánticas da comunidade con Portugal. Hai outras liñas en proxecto que acabaran de vertebrar o territorio unindo o resto de cidades: o eixe interior de Galicia entre Vigo e Monforte, e a L.A.V. subcantábrica, entre A Coruña e León.

Cultura

Artigo principal: Cultura de Galicia.

Galicia conta cunha rica historia na que diferentes pobos, xunto coa poboación nativa, deixaron a súa impronta na cultura.

Literatura

Artigo principal: Literatura galega.

Como acontece coa maior parte das linguas linguas romances, as primeiras manifestacións literarias en galego (algunhas veces denominado actualmente galego-portugués) datan da Idade Media. Logo desta etapa medieval (na que resulta especialmente relevante a produción poética), tivo lugar un longo período de algo máis de tres séculos de sequía literaria, denominados séculos escuros no que produciuse un case total abandono da lingua galega como lingua literaria. Co rexurdimento, dende comezos do século XIX, a literatura en galego volve a cultivarse xurdindo nomes fundamentais como Rosalía de Castro. Xa no século XX, antes da guerra civil teñen especial importancia grupos de intelectuais como a Xeración Nós e as Irmandades da Fala, nos que se atopan escritores como Vicente Risco, Ramón Cabanillas e Castelao. Pódense acotar, logo, dous períodos máis que coincidirían, aproximadamente, un co franquismo e o outro co período de tempo que chega ata a actualidade, dende o advenimento da democracia en España. Autores de sona da literatura galega contemporánea son Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Rivas ou Suso de Toro.

Música

Gaiteiros nunha romaría
Artigo principal: Música tradicional galega.

Galicia é un país cunha ampla tradición musical. A súa riqueza musical reside na variedade de ritmos musicais así como de instrumentos.

Os instrumentos empregados na música galega viran fundamentalmente ao redor dos de vento e percusión. De entre todos eles, destaca a gaita como o máis estendido e coñecido, aínda que ultimamente estase prestando especial atención á recuperación daqueles intrumentos que foron caendo no esquecemento, principalmente os diferentes tipos de frautas galegas e a zanfona. En canto á percusión, ten unha gran variedade, podendo citarse o tamboril, o bombo e a pandeireta, entre outros.

En canto a ritmos musicais destacan as muiñeiras, danzas folclóricas que teñen orixe nos muíños onde se moían o trigo e o millo; e alalás.

Festas populares

As seguintes son algunhas das festas máis populares de Galicia:

  • Festa de San Froilán: son as festas dedicadas ao patrón da cidade de Lugo, entre o 4 e o 12 de outubro. Estas festas de Interes Turístico Nacional reúnen todos os anos multitude de visitantes, chegando na súa edición de 2008 a reunir a 1.035.000 persoas.[22] Son famosas sobre todo polas tradicionais casetas onde se desgusta o polbo á feira.
Un dos desfiles do Arde Lucus
  • Arde Lucus: é unha das festas máis populosas de Galicia, onde os habitantes da cidade de Lugo festexan o seu pasado romano e celta, disfrazandose como eles, adornando a cidade e realizando múltiples actividades como circos romanos, vendas de escravos ou vodas celtas.
  • Festa do marisco: vén celebrándose cada outubro desde 1963 no Grove. Na década dos 80 foi declarada de Interese Turístico Nacional. A degustación de marisco fresco a prezos populares é, sen dúbida, o maior atractivo desta cita.
  • Festa de San Pelaio: celébrase na Estrada en xuño. Dura tres días e consta de oficios relixiosos, procesións, fogos artificiais e bailes. É a festa patronal da Estrada.
  • Festa da Dorna: celébrase o 24 de xullo en Ribeira e foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Nace no ano 1948, orixinariamente como unha broma que un grupo de amigos quixo gastarlle aos seus veciños. Desde entón vén celebrando cada ano en torno ao 24 de xullo e presume de ser unha das festas con máis arraigamento popular, participativo, e divertido de toda Galicia. Actividades que é hoxe en día a Festa da Dorna e que pasan desde un "Gran Prix de Carrilanas", unha "Regata de Embarcacións Feitas a man e propulsion a pan de millo", un "Premio de Icaro de Voo sen Motor", e ata unha "Canción de Tasca".
  • Feira Franca: celébrase en Pontevedra no primeiro fin de semana de setembro, é a recreación dun mercado aberto que se empezou a celebrar en 1467, na feira rememóranse os períodos de máis prosperidade da historia de Pontevedra desde o século XV ata finais do século XVI e recréanse as actividades históricas, teatro, animación, ou demostración de oficios artesáns. A primeira edición celebrouse no ano 2000 e é unha das festas máis importantes de Pontevedra.
Aloitadores tentando suxeitar a unha besta na Rapa das Bestas de Sabucedo
  • Rapa das Bestas de Sabucedo: celébrase o primeiro fin de semana de xullo en Sabucedo (A Estrada), é un acontecemento de tradición ancestral, declarado de Interese Turístico Nacional en 1963. É rápaa máis famosa de Galicia, consiste en baixar do monte cabalos salvaxes e levalos a un recinto pechado denominado "fachendoso", onde se lles corta as crines e márcase aos poldros. É diferente respecto das demais rapas de Galicia, xa que nela os "aloitadores", encargados de inmobilizar aos animais para poder cortales as crines e marcalos, non utilizan ningunha axuda.
  • Festival de Ortigueira: celébrase na localidade de Ortigueira durante catro días. Primeiro celebrouse desde 1978 a 1987, e actualmente celébrase desde 1995. O festival baséase na cultura celta, música folk e encontro con distintos pobos, o cal fai deste festival algo importante para o coñecemento doutras culturas ou pobos vindos de moitas partes de España e do mundo, cada mes de xullo nas datas sinaladas reúnense un número de persoas próximo ás 100.000 por edición. Está considerado Festa de Interese Turístico Estatal.
  • Romaría Viquinga de Catoira: é unha festa profana que se celebra na localidade de Catoira o primeiro domingo de agosto. Celébrase desde 1960 e rememora feitos históricos en defensa de Galicia dos ataques de piratas normandos e sarracenos que buscaban o tesouro da Igrexa compostelá. En 2002 foi declarada Festa de Interese Turístico Internacional.

Gastronomía

Artigo principal: Gastronomía de Galicia.
Polbo á feira.

A gastronomía galega destaca pola súa variedade e pola calidade dos seus produtos, demostrada en moitos casos polos 30 produtos galegos con Denominación de Orixe Protexida.[23] A miúdo os produtos galegos son protagonistas de gran cantidade de feiras e festas patronais e gastronómicas referencia ineludible para o turista que visita Galicia.

Queimada.

A cociña galega tanto nas zonas do interior como nas costeiras sempre foi moi sinxela, debido á escaseza de recursos dos que dispor. O porco formaba a base da alimentación nas terras do interior. Na zona costeira tamén se consumía este tipo de carne, pero a base da alimentación constituíaa o peixe.

Os pratos máis tradicionais da cociña galega corresponden, entre outros, o caldo galego, o polbo á feira, o cocido, a caldeirada, o churrasco, as mariscadas, os callos e a empanada. Entre as sobremesas tradicionais atópanse a torta de Santiago ou a de Mondoñedo, as orellas (típicas do Entroido) ou as filloas. Algúns produtos típicos da gastronomía galega son o grelo, a pataca, a castaña, o pemento, o mel, o lacón, os embutidos, o queixo, o pan e os distintos tipos e mariscos.

Entre as bebidas destacan a queimada, os augardentes e derivados (bebidas espirituosas), e os distintos tipos de viño dos que cabe destacar as cinco denominacións de orixe existentes en Galicia: O Ribeiro, Rías Baixas, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra.

Deportes

Xogadores do Deportivo de La Coruña antes dun partido en 2008

Polo que respecta aos deportes de masas, existen equipos importantes de fútbol, principalmente o Deportivo de La Coruña e o Celta de Vigo. O primeiro xoga en Primeira división e gañou 1 liga, 2 copas e 3 supercopas. O Celta, actualmente xoga en Segunda división pero xogou 46 tempadas en Primeira. Outros equipos de sona son Pontevedra CF, Racing de Ferrol, CD Lugo e CD Ourense, así como a SD Compostela. En baloncesto destacan equipos como o CB Breogán, CAB Obradoiro, OAR Ferrol e Club Ourense Baloncesto. Destacan tamén os equipos de balonmán, SD Teucro, Octavio Pilotes Posada e BM Cangas; o H.C. Liceo de hóquei sobre patíns (o equipo máis laureado de Galicia), e os equipos de fútbol sala, Lobelle de Santiago e Azkar Lugo.

Existen tamén varias seleccións galegas, entre as que destacan a selección galega de fútbol e a selección galega de baloncesto.

Galicia acolleu, en 1982, varios partidos da Copa do Mundo de Fútbol, nos estadios de Riazor e Balaídos.

Goberno e política

O Pazo de Raxoi, sede oficial da presidencia da Xunta de Galicia.
Alberte Núñez Feijóo, presidente da Xunta.

Os poderes da comunidade

O Estatuto de Autonomía de Galicia establece que os poderes da comunidade exércense pola vía do Parlamento, a Xunta e a Presidencia[24]:

  • A Xunta de Galicia é o órgano colexiado sobre o cal recae a potestade executiva e administrativa do goberno. Está integrada polo presidente, o vicepresidente e doce conselleiros. A comunidade exerce as súas funcións administrativas pola vía da Xunta e dos seus entes e órganos dependentes. A Xunta tamén coordina as actividades das Deputacións Provinciais.

Resultados electorais

Número de deputados no Parlamento de Galicia, en 2009:

Número de votos das forzas políticas con representación parlamentar nas eleccións (1 de marzo de 2009):

Número de votos das principais forzas políticas sen representación parlamentar:

Partidos políticos

Medios de comunicación

Televisión

A Televisión de Galicia (TVG) é a cadea pública autonómica de televisión, que emite desde o 24 de xullo de 1985 e forma parte da Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG). Televisión de Galicia emite en todo o territorio galego e ademais conta con dúas canles internacionais, Galicia Televisión Europa e Galicia Televisión América, que emiten en toda a Unión Europea e en América grazas ao satélite Hispasat. CRTVG tamén está estudando a creación de dous canles máis en TDT, a parte da G2 que emite desde o 2 de febreiro de 2009; unha canle de noticias 24 horas, que está previsto para o ano 2010, e outra canle que aínda está por definir.

Radio

A Radio Galega (RG) é a radio pública de Galicia, forma parte da CRTVG do mesmo xeito que a Televisión de Galicia. Radio Galega comezou a emitir en fase de probas o 24 de febreiro de 1985, e iniciou a súa programación regular o 29 de marzo do mesmo ano. Conta con dúas cadeas que emiten de forma convencional, sendo Radio Galega, que emite programación xeralista, e Radio Galega Música, que emite música. Hai tamén bo número de emisoras locais asociadas na EMUGA.

Xornais

O xornal galego con maior difusión é La Voz de Galicia, que conta con 12 edicións locais e unha a nivel estatal. Outros xornais relevantes son El Correo Gallego, Faro de Vigo, Galicia Hoxe, o primeiro que se publica unicamente en galego, e o ourensán La Región. Entre outros xornais de menor difusión cómpre destacar o Atlántico Diario, da área metropolitana de Vigo, o gratuíto De luns a venres, o primeiro en lingua galega, o xornal deportivo DxT Campeón, o xornal El Ideal Gallego da Coruña, o Heraldo de Vivero, o Xornal de Galicia e o Diario de Ferrol.

Notas

  1. Galicia constitúe o único topónimo oficial: La Voz de Galicia, 8 de xuño de 2008. Segundo as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego: "Teñen terminación -cia, entre outros, acacia, ..., etc. Entre estas palabras está Galicia, voz lexítima galega, denominación oficial do país e maioritaria na expresión oral e escrita moderna. Galiza é tamén unha forma lexitimamente galega, amplamente documentada na época medieval, que foi recuperada no galego contemporáneo. NOMIG 20º edición ISBN 84-87987-51-6 Páxina 56.
  2. O termo Galiza, segundo as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego da Real Academia Galega do ano 2003, acéptase para referírmonos á Comunidade Autónoma de Galicia (mantendo esta última como forma recomendada), xa que a pesar do estabelecido nas NOMIG, que xunto co VOLG son os únicos textos con carácter normativo para a lingua galega (Ver lei de normalización lingüística), sobre o carácter equivalente dos termos Galicia e Galiza, o Estatuto de Autonomía, di, no seu Artigo 1. 1. Galicia, nacionalidade histórica, constitúese en Comunidade Autónoma...polo que este é o nome oficial da comunidade autónoma.
  3. Segundo o Dicionario da Real Academia Galega: "nación s.f. Comunidade humana, instalada nun territorio definido, que pode estar ou non politicamente organizada como estado, e que se caracteriza por ter unhas tradicións históricas e culturais comúns, os mesmos intereses económicos e unha unidade lingüística ou relixiosa. A nación de Breogán. Sociedade de nacións. CF. país, pobo, terra."
    No Dicionario de galego Digalego.com, Ir Indo. "Nación (lat. natione). s.f. Comunidade de individuos aos que uns vínculos determinados, basicamente culturais, económicos e unha historia común, lles dan unha fisionomía propia, diferenciada, e unha vontade de organización e proxección autónoma que os leva a querer dotarse de institucións propias, ata que se constitúa o estado."
  4. Lei 5/1984, do 29 de maio, de Símbolos de Galicia.
  5. Principais datos de Galicia.
  6. 6,0 6,1 As lucenses son as que menos fillos teñen en España.
  7. Aumentan os nacementos en Galicia, pero o saldo vexetativo segue en negativo.
  8. A esperanza de vida incrementouse en Galicia en cinco anos dende 1981.
  9. 9,0 9,1 Galicia 08. Xunta de Galicia, Consellaría de Cultura e Deporte.
  10. "Población por sexo, municipios y relación lugar de nacimiento y de residencia". Estadística del Padrón continuo (publicado o 17 de xaneiro de 2022). 1 de xaneiro de 2022. Consultado o 3 de marzo de 2023. 
  11. Fonte: Poboación de feito segundo o Instituto Nacional de Estadística. Datos disponibles en INE. Censo de 1857, Poboación de España por provincias desde 1787 a 1900, Series de población de hecho en España desde 1900 a 1991, y Series de poboación de España desde 1996.
  12. Microtoponimia, artigo de Manuel Bragado en Xornal.com.
  13. El Centro de Citroën Vigo produce su vehículo 9 millones, un C4 Picasso (en castelán).
  14. 14,0 14,1 Galicia recibiu un 8% máis de turistas durante o 2007.
  15. La Voz de Galicia, 10.08.2008
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 Variación temporal e espacial da temperatura
  17. Pérez, Paula. "El desorden de los bosques". Faro de Vigo.  Parámetro descoñecido |consultado= ignorado (suxírese |data-acceso=) (Axuda)
  18. Enciclopedia Galega Universal (versión en liña).
  19. www.europapress.es. A 'galiña de Mos' aumenta o seu censo de 100 a 5.500 exemplares en sete anos, aínda que segue en perigo de extinción.
  20. http://www.galiciaparaelmundo.com/blog/index.php?page_id=51&reportaje_id=2504&name_page=Reportaje
  21. http://weblogs.madrimasd.org/ciencia_marina/archive/2008/05/30/93384.aspx
  22. O San Froilán atraeu a Lugo a máis dun millón de persoas
  23. Ministerio de Agricultura, Pesca e Medio Ambiente DOP Galicia
  24. Estatuto de Autonomía de Galicia. Título I: Do Poder Galego

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Modelo:ProvinciasGalegas