Polbo á feira
| Polbo á feira | |
|---|---|
Prato de polbo á feira | |
| Nome | Polbo á feira |
| Tipo | Peixe |
| Lugar de orixe | |
| Ingredientes | Polbo, pemento picante, pemento doce, aceite de oliva, sal groso |
O polbo á feira é un prato típico de Galicia e básico na súa gastronomía consistente en polbo fervido enteiro e servido con sal, aceite de oliva e pemento. O seu nome provén de que era unha comida tradicional nas feiras e romarías, nas que se serve en pratos de madeira (máis doados de transportar), aínda que agora van desaparecer por motivos de hixiene.
Era un prato moi común nunha época en que os transportes eran moi lentos e o peixe fresco só estaba dispoñíbel preto da costa, porén o polbo seco (como o bacallau ou o congro) chegaba a todas partes.
Índice
Receita[editar | editar a fonte]
Ingredientes[editar | editar a fonte]
- 1 polbo de 1 kg.
- Pemento picante.
- Pemento doce.
- Aceite de oliva.
- Sal groso.
Preparación[editar | editar a fonte]
- Hai que mazar o polbo para que non estea duro, aínda que hoxe en día simplemente se conxela.
- Unha vez mazado ou desconxelado, ponse a ferver auga abundante nunha pota de cobre. Cando estea fervendo, cóllese o polbo pola cabeza e mergúllase unhas cantas veces na auga (meténdoo e sacándoo) para que non solte a pel.
- Déixase cocer de 40 a 50 minutos, dependendo do tamaño do polbo.
- Unha vez cocido, escórrese e córtase cunhas tesoiras en anacos de 1 cm de groso.
- Sérvese nun prato de madeira aliñado con sal groso, aceite e pemento.
- Dependendo do forte que o queiramos, engádese o pemento picante, doce ou mesturado.
O tradicional é comelo con escarvadentes. Acompáñase, ás veces, de patacas cocidas que se se cocen na propia auga do polbo adquiren unha coloración rosada.
A preparación do polbo nas feiras e romaxes facíana mulleres que se chamaban "polbeiras"[1]. Tamén se chaman "polbeiras" os locais especializados neste prato que se atopan nas vilas e cidades[1].
Galería de imaxes[editar | editar a fonte]
- Artigo principal: Galería de imaxes sobre o polbo en Galicia.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 "polbeiro/a". Dicionario Real Academia Galega.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
| O Galilibros ten un manual sobre: Polbo á feira |