Papeleira de Pontevedra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°24′54″N 08°40′12″O / 42.41500, -8.67000

Vista do complexo desde Samieira.

A papeleira de Pontevedra é un complexo industrial situado na parroquia de Lourizán, xunto á ría de Pontevedra. Está formado pola fábrica da empresa Ence.

Situación[editar | editar a fonte]

O complexo está situado a medio camiño entre a cidade de Pontevedra e Marín, e ocupa unha zona de alto valor ecolóxico: está entre un importante banco marisqueiro e a Escola de Capataces Forestais e CIF (Centro de Investigacións Forestais) de Lourizán, dependente do CSIC e que data de principios do século XX.

Factoría de Ence.

Historia[editar | editar a fonte]

A decisión técnica e o acordo político de situar a fábrica na ría tomáronse entre finais de 1955 e comezos de 1956. O gobernador civil, Rafael Fernández Martínez, deu unha rolda de prensa o 13 de xuño de 1955, confirmando a instalación da fábrica en Lourizán. Presidencia do Goberno publicou o decreto de constitución da empresa no Boletín Oficial del Estado o 20 de novembro do mesmo ano, inda que a formalización da Empresa Nacional de Celulosas de Pontevedra adiouse ata o 4 de abril de 1957. O enxeñeiro finlandés Kaarlo Amperla visitou a zona en xaneiro de 1956 e fixo un informe favorable. Dous meses despois, o 26 de marzo de 1956, Ricardo López Molero, enxeñeiro xefe do Ministerio de Obras Públicas cuxo titular era Fernando Suárez de Tangil, asina unha circular sobre a ocupación do terreo por parte do Instituto Nacional de Industria (INI), presidido por Juan Antonio Suances, para a instalación dunha fábrica de pasta de celulosas kraft. Francisco Franco inaugurouna o 13 de setembro de 1963.[1]

Características[editar | editar a fonte]

A fábrica de pasta de papel de celulosa da empresa Ence (Empresa Nacional de Celulosas) produce pasta que é enviada a outras fábricas para ser tratada e fabricar o produto final, se ben é o proceso de fabricación da pasta o que máis afecta ó medio ambiente.

A fábrica é obxecto de polémica. Ó longo dos anos foi medrando a contestación social na cidade, que sofría diariamente os malos cheiros derivados da emisión de mercaptanos, chegándose a crear a Asociación Pola Defensa da Ría. Co tempo demostrouse a concentración de metais pesados no produto do marisqueo do esteiro do río Lérez (grazas probablemente tamén á contribución de Tafisa) e comezaron as accións legais, aínda en curso.[Cómpre referencia].

No complexo industrial estivo a industria electroquímica da empresa Elnosa. Abastecía de cloro[2] e outros produtos químicos á planta de pasta de papel,[3] mais pechou definitivamente en 2020.[4]

Na actualidade, dentro do recinto da factoría hai unha depuradora, pero semella que segue habendo problemas co emisor submarino.[Cómpre referencia]

Outras papeleiras (por exemplo a de Brandía, na Barcia, preto de Laraño, Santiago de Compostela) causaron menor polémica social debido ó seu menor tamaño e ó maior respecto co medio natural.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. López Torre, Rafael (2015): Filgueira Valverde. Crónica de una alcaldía (1959-1968), 352 pp., Concello de Pontevedra e Faro de Vigo, D.L.: PO 314-2015.
  2. Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, ed. (2004-2010). "PRTR - Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes". Consultado o 7 de maio 2012. (en castelán)
  3. Ence Energía y Celulosa, ed. (2012). "¿Sabías que...? Celulosa Pontevedra". Arquivado dende o orixinal o 25 de xuño de 2015. Consultado o 7 de maio 2012. 
  4. "Elnosa echa el cierre tras 50 años en Pontevedra y aplica un ERE extintivo". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de novembro de 2018. (en castelán)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • López Torre, Rafael (2015): "La llegada de Celulosas a Lourizán", pp. 158–168 en Filgueira Valverde. Crónica de una alcaldía (1959-1968), 352 pp., Concello de Pontevedra e Faro de Vigo, D.L.: PO 314-2015 (en castelán).

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]