Narón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°30′2.34″N 8°11′31.45″O / 43.5006500, -8.1920694

Narón
Bandeira de Narón---Escudo de Narón
Casa do Concello
Mosteiro do Couto Hotel Pazo Libunca
Casa da Cultura Xuvia Muíño de Pedroso
Narón
Situacion Narón.PNG
Situación
Xentilicio[1] naronés/naronesa
Xeografía
Provincia Provincia da Coruña
Comarca Comarca de Ferrolterra
Poboación 39.426 hab. (2016)
Área 67,0 km²
Densidade 588,45 hab./km²
Entidades de poboación 8 parroquias
Capital do concello Cidade de Narón
Política (2015)
Alcalde Marián Ferreiro Díaz
Concelleiros BNG: 2
PPdeG: 5
PSdeG-PSOE: 2
Outros: TEGA 10, Esquerda Unida 1, ENE 1
Eleccións municipais en Narón
Uso do galego[2] (2016)
Galegofalantes 22,49%
Na rede
naronconcello.org
naron@naron.es

Narón (xentilicio «naronés/naronesa») é un concello da provincia da Coruña situado entre a ría de Ferrol e o océano Atlántico e pertencente á comarca de Ferrolterra, sendo na actualidade a área de expansión urbana máis importante da comarca. Narón limita cos concellos de Ferrol, Valdoviño, San Sadurniño e Neda. Segundo o IGE en 2016 tiña 39.426 habitantes, o que a converte na oitava vila de Galicia (38.285 no 2010, 35.664 no 2006, 35.083 no 2005, 34.404 no 2004, 33.825 en 2003), sendo o cuarto núcleo de poboación na provincia da Coruña despois da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol.

É un concello mixto, con sete parroquias eminentemente rurais nas que viven menos da cuarta parte da poboación e cun núcleo urbano de máis de 29.000 hab. formado polos barrios da Gándara (Santiago Apóstolo), A Solaina (Santa Icía), O Alto do Castiñeiro (San Xosé Obreiro), Piñeiros (Nosa Señora dos Desamparados), O Couto (San Martiño de Xuvia), Freixeiro (Virxe de Fátima) e Xuvia (Santa Rita), destacando pola súa poboación as catro primeiras.

Orixe do topónimo[editar | editar a fonte]

Fusaiola do século I da era actual ou I antes da actual duns catro centímetros de diámetro, atopada no Castro de Santa Comba, Ferrol, coa inscrición REBE TRASANCI AVG[VST]E, no Museo das Mariñas.

O topónimo «Narón» sería da raíz preindoeuropea “nar-“ que significa auga, curso de auga. San Xiao de Narón por onde pasa o río Salgueiro deu nome ao concello ao ser onde se reunía o concello no século XIX, dende 1837 na Pena de Embade[3]. En 1960 construíuse en Xuvia a Casa do Concello deseñada polo arquitecto ferrolán García Lastra. Xa no século XXI a Casa do Concello trasládase ao Alto do Castiñero sendo dende entón o centro administrativo do concello.

Ata a constitución do Concello de Narón en 1837 o territorio que hoxe ocupan Narón, Ferrol, San Sadurniño, Valdoviño e Neda era coñecido como «Trasancos»: os que queiman o monte para cultivar. En lingua antigoeuropea: “Trs-“ = "queimar", "tostar", lat. torreo, "facer rozas para cultivar"[4].

O 15 de outubro de 2001 André Pena Graña atopou no castro de Santa Comba unha lousiña circular do tamaño e da forma dunha fusaiola duns catro centímetros de diámetro coa seguinte inscrición a Reva datada no século I da era actual: REBE TRASANCI AVG[VST]E[5].

Historia[editar | editar a fonte]

Debuxo do petróglifo de Chamorro (Serantes, Ferrol).
Vista da ría de Xuvia dende o Monte de Nenos, Sedes.

Na Ría de Ferrol non se atoparon asentamentos do neolítico antigo (6000-4000 anos antes da era actual) nin anteriores a esas datas. Si se teñen atopado petróglifos nas inmediacións da veciña Ermida de Chamorro (Serantes, Ferrol)[6].

En 1867 Leandro de Saralegui Medina falaba da existencia dos restos de dous dolmens preto de Ferrol. Un deles destruído no século XVIII para aproveitar as pedras na construción e o outro preto de Chamorro (Serantes) do que só quedaban dous chantos de 2,90 m e 3,56 m, tamén destruído.

Os asentamentos máis antigos na terra de Trasancos da que formaban parte o actual Narón, Ferrol, San Sadurniño, Valdoviño e Neda son 65 mámoas (4000 a 2000 anos antes da era actual):

Para contar a historia de Narón habería que falar da cultura propiamente megalítica ou das mámoas, que arrinca dun Neolítico final (do 3.000 ao 2.700 a.C).

As mámoas foron inicialmente concibidas como lugares destinados a enterramentos, e concentrábanse tanto en vales coma en outeiros, tanto no interior como na costa. O aspecto de montiños que teñen desde lonxe é o que lles dá nomes como Monte de Nenos ou Montiños de Moura.

Aínda que a actividade agrícola provocou a súa destrución nas áreas dedicadas ao cultivo, quedan en Narón dous campos de mámoas. Un primeiro conxunto con catorce túmulos, situado no cumio do monte de Nenos, e outro nos límites co concello de San Sadurniño. Os dous datan da Idade de Bronce.

Tódalas mámoas foron violadas e ningunha foi escavada. Nos enxovais das cámaras acháronse armas, machados ou puntas de frecha. Narón non ten museo de arte prehistórica e os achados feitos desta época son de particulares.

Os castros identificados no que hoxe é Narón son trece[7][8][9]:

Castro de Eiravedra Sedes Narón A Coruña.jpg
Castro de Eiravedra.

Na época da Romanización, a vida cotiá dos castros non sofre variación. Tampouco o medio nin as institucións políticas sufriron grandes cambios, xa que a romanización apenas tivo incidencia nas nosas terras. O que si é certo é que do seu paso polo noso territorio quedaron algúns sinais importantes. En Lóngaras, A Gándara, atopouse un cuncheiro que foi escavado polo arqueólogo municipal André Pena Graña. Entre as cunchas de ostras apareceron anacos de cerámica romana datada no século I antes da era actual e século I despois da era actual.

No ano 844, entre xuño e agosto, as naves normandas chegaron ao Mar da Xoiva (Ría de Xuvia). Saquearon e queimaron o mosteiro prerrománico de San Martiño. Os duques e condes de Ramiro dirixiron unha expedición á Terra de Faro (proximidades da cidade da Coruña) onde derrotaron aos piratas logrando que marchen a Lisboa e Sevilla onde continuaron os saqueos. Duascentas naves saquearon as vidas dos veciños. Aínda que Galicia sufriría varios ataques máis, sería esta a única invasión normanda documentada nas crónicas de Trasancos.

Mosteiro do Couto.

San Martiño de Xuvia cítase por primeira vez nun documento con data 15 de maio do 977. Foi unha doazón ao mosteiro feita por Visclávara Vistráriz, señora de Trasancos e descendente do que fora duque e bispo de Xuvia.

In dei nomine amen. Inuicctissimo almo atque Pannonie nato olimpo in regno Martino nempe uocato cuius baselica siccta est in ualle Trasanquos fluminis Iuuie ripa, [...] in quo loco domino nostro pontifex et uenerabilis Argimirus tenuit mire ducato per ordinationem Ranimiri prinipis,[...]"

Nos séculos XI e XII o mosteiro de Xuvia gaña importancia ata o século XIII en que o mosteiro de Sobrado pasa a ser o máis importante do país.

No século XIII fúndase Ferrol, Neda e A Graña.

Muíño de mareas das Aceñas.

No século XVIII créanse os Reais Arsenais de Esteiro e con eles complexos fabrís industriais, muíños para fariñas, moenda de trapos para facer pasta de papel de estraza e común, e triturar pedra para curtir. O muíño de mareas das Aceñas, dous muíños de vento e o muíño de Amenadás entre outros.

Ata o ano 977, no que aparece na colección diplomática do mosteiro de San Martiño de Xuvia o primeiro documento, a historia de Trasancos escribíase nas epígrafes doutras terras. Coa lectura do manuscrito, asinado por Visclavara Suarit, sabemos que San Martiño é o eixo de toda a vida trasanquesa, non só como difusor cultural a través da escritura senón como centro político, económico e relixioso.

Os condes e duques, señores destas terras, manteñen aínda os antigos títulos de príncipes, pervivindo así ao longo dun milenio institucións do pasado. Estes príncipes teñen uns infantes aos que lles conceden as "villae". Á súa vez estes cabaleiros viven das rendas que perciben dos labregos e das taxas que lles impoñen aos homes libres da súa xurisdición. Trasancos acolle o máis importante clan de Galicia, que ten residencia no mosteiro de San Martiño. É a dinastía dos Petriz ou Froilaz, máis tarde condes de Trava, que contribuíron a consolidar este mosteiro, xunto ao de San Salvador de Pedroso, entre os máis influentes de Galicia. Nos primeiros anos do s. XIII, a terra de Trasancos sofre profundos cambios, e fúndanse as vilas de Neda e Ferrol.

Este feito trouxo fondas implicacións en todos os eidos e a ruptura da autarquía política e económica tradicional. Houbo tamén neste momento loitas internas entre fidalgos para chegar a establecerse como comedeiros dos mosteiros, e creouse un ambiente social violento e enrarecido. Chegan, así, anos escuros e caos económico, a desastrosa Batalla do Salgado contra os árabes e os primeiros brotes de peste negra. Con isto San Martiño vai perder unha poboación que no século XVI non se recuperara.

Polo ano 1418 rómpese en Trasancos o equilibrio social entre liñaxes, da que se deriva a Primeira Revolta Irmandiña, dirixida por Roi Xordo. Cando labregos e fidalgos de San Martiño intentarían frustradamente sorprender a Nuno Freire de Andrade en Ferrol. O sangue irmandiño decorreu polo Eume e o Xuvia, e quedou Trasancos baleiro.

Século XIV[editar | editar a fonte]

O século XIV vería outra revolta máis e outra nova derrota. Avanzando o XIV e XV, e coa reforma dos Reis Católicos, o protagonismo dos mosteiros de Xuvia e Pedroso acabará definitivamente. O noso concello articúlase no século XVI nunha serie de coutos ou xurisdicións de novo cuño, relacionadas cunha serie de casas tradicionais. O couto de Trasancos era xurisdición de Antonio de Castro. Tamén existían San Xiao de Narón, dependente da vila de Ferrol, San Mateo de Trasancos, O Val e o Couto de Pedroso, que comprendía catro parroquias. Coa merca da xurisdición dos coutos monásticos, os fidalgos impoñen as bases da preeminencia territorial. Os labregos trasanqueses con terras propias víronse despoxados delas mediante roubos ou vendas impostas pola fidalguía. A partir de entón só as poderán obter por un alugueiro curto de entre seis e oito anos.

Revolución industrial[editar | editar a fonte]

O vello rigor das freguesías é recuperado a mediados do século XVIII, tras douscentos anos de decadencia, de maneira que a comarca acada un activo papel económico e cultural que será pioneiro en Galicia. Outro factor importante que fai prosperar as nosas terras é a creación en varias freguesías dunha rede de complexos fabrís industriais. Con elas obtíñanse diferentes fariñas, tratadas en muíños que aínda hoxe conservamos e que configuran a paisaxe dun inmobiliario arqueolóxico e industrial valorado nos nosos días.

Creación do Concello[editar | editar a fonte]

En 1820 as Cortes de Cádiz crean sobre o papel os concellos de Trasancos e Pedroso pero non será ata 1837 cando na casa da Pena de Embade comece o Concello de Narón, o concello tiña entón 5.018 veciños.Coincidindo coa creación dos concellos prodúcese unha masiva compra de terras polos grandes latifundistas. Isto ocasiona unha deterioración progresiva e un endebedamento dos labregos, co que desaparece a pequena propiedade. A mediados do século XIX, a industria do Concello de Narón renóvase totalmente, xurdindo os laminados de cobre e os teares. A desamortización fai que as terras pasen a mans de caciques e os labregos teñen que emigrar.

Século XX[editar | editar a fonte]

Ao inicio do século XX Narón como outros concellos de Galiza estaba en mans de caciques. Os postos municipais eran herdados de pais a fillos. O 13 de marzo de 1918 día da Feira do Trece en Sedes prodúcese a chamada Revolta das Pedradas. Traballadores das fábricas de Xuvia protestan polas condicións de traballo, ás súas queixas súmanse os labregos protestando polos impostos. Un concelleiro pagaba 1,92 pesetas de impostos e un labrego 110 pesetas. A todo isto sumábase o malestar pola chegada do ferrocarril. Os labregos tiñan medo de que trouxese produtos que os deixasen sen poder vender os seus. Das protestas diante do negocio do alcalde Xosé Fernández Lemos pásase ao lanzamento de pedras. O alcalde fai chamar á Garda Civil que dispara contra os labregos. A Benemérita mata a seis labregos, fire a moitos e leva presos. Esa mesma tarde o Concello de Narón facía público un comunicado.

"vandálico atropelo do que foi vítima o señor alcalde na súa propiedade por parte duns cantos bandidos que enarborando a bandeira da fame trataban de saquear o seu establecemento"
Antiga casa do Concello en Xuvia, actualmente acolle o xulgado de paz.

Os traballadores dos estaleiros solidarízanse cos labregos e van en manifestación a pé ata a Feira do Trece. Os labregos organizáronse en sindicatos e cooperativas. Xurdiron así as cooperativas de Pedroso, Sedes, San Mateu, O Val ou Castro.

En 1933 o concello xa en mans republicanas fixo un monumento na Feira do Trece onde foran asasinados os labregos, durante a guerra civil foi destruído. Ese mesmo ano Bartolomé Freire puxo a funcionar en Narón un pequeno almacén de ferralla co tempo o negocio medraría, chegando a ser a actual Megasa.

En 1960 trasládase a Xuvia a Casa do Concello. O estaleiro Astano a finais dos anos 60 en mans do Banco Pastor e a principios dos 70 co INI da o salto á construción de grandes petroleiros. Unha nova onda de inmigrantes cas súas familias chega a Narón. En 1968 inaugúrase a Ponte das Pías, os barrios da Gándara e Santa Icía medran como periferia de Ferrol. A crise do petróleo e a entrada de España na CEE no 1985 condenan o sector naval á reconversión. A reindustrialización de ferrolterra pasa por un polígono industrial que se constrúe nas marismas da Gándara. Durante anos o polígono está baleiro. Pequenas empresas de servizos e comerciais comezan a ocupar os terreos. O 13 de setembro de 1991 o Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive voa unhas torres de alta tensión nas Pontes deixando durante 48 horas a toda a comarca sen enerxía eléctrica.

En 1992 Alcampo abre no polígono industrial da Gándara o seu hipermercado, o futuro de Narón pasa por outro tipo de empresas. Asumida a realidade comercial da Gándara o polígono esgota a superficie, as empresas comezan a instalarse na estrada de Cedeira no que agora se chama polígono das Lagoas. Nos anos 90 o constante medre de Megasa e o esgotamento do carbón da mina das Pontes fan que centos de camións enchan a estrada de Castela transportando chatarra, aceiro e carbón. A noite do 13 de xaneiro de 1998 á 1:15 o Discoverer Enterprise esnaquizaba a ponte das Pías. Durante os meses que duraron as obras de reparación da ponte, Ferrolterra volveu ter as comunicacións do século XIX. O tren inaugurado en 1913 ocupa o papel de transporte de proximidades que nunca tivo. A Ponte das Pías reconstrúese ampliada agora con catro carrís, dous en cada sentido. Narón, como periferia de Ferrol padeceu o narcotráfico e a inseguridade cidadá. O 14 de setembro de 1996 a maior manifestación de Narón con cinco mil persoas contra o narcotráfico recorreu o Concello saíndo dende Freixeiro [15].

Século XXI[editar | editar a fonte]

Rotonda de Freixeiro.

Constrúese a autoestrada AP-9 que chega a Ferrol por unha nova ponte sobre a ría pasando por Narón, con dous novos ramais: un ata Xuvia e o outro ata A Gándara onde xa está o centro comercial Odeón. A autoestrada en Freixerio enlaza co novo polígono de Río do Pozo xurdido co obxectivo de trasladar Megasa fora de Xuvia, proxecto rexeitado pola empresa e que deixaría durante anos o polígono baleiro como pasara co da Gándara. En sucesivas ampliacións Río do Pozo chega a ter máis de dous millóns de metros cadrados e segue medrando cruzado pola AG-64 a Autovía Ferrol-Vilalba. A estrada de Castela volve ser unha estrada residencial. Esgotada a superficie para construír en A Gándara e Santa Icía o Concello traslada a casa do concello ao Alto do Castiñeiro. Narón é unha cidade con centro urbano.

Xeografía física[editar | editar a fonte]

Pena Lopesa.

Narón ten unha superficie duns 66 km² e debuxa un perímetro irregular. Dende a ría de Ferrol onde desemboca o río Inxerto e seguindo o seu curso hoxe totalmente canalizado ao seu paso pola Gándara (baixo a Estrada de Castelao) ata as vivendas da Virxe do Mar. Cos anos a urbanización da Gándara fixo que se modificasen eses límites naturais en función de acordos entre o concello de Narón e Ferrol. O límite entre os dous concellos segue por Santa Icía ata a estrada de Valdoviño e cun perfil irregular ata o océano Atlántico na praia de Ponzos. A franxa de océano de Narón ten praias virxes como O Casal ou Lopesa que estiveron practicamente inaccesibles ata a construción da senda litoral costa Ártabra, un camiño peonil e para bicicletas. Narón limita con Valdoviño compartindo a praia de Lopesa na zona do Val, onde un pequeno cordal pecha a chaira de Trasancos, e logo nas parroquias de Sedes e Pedroso, onde o Monte de Nenos (367 m, a maior altura de Narón) forma o peche setentrional do concello, e dende onde se ven asombrosas vistas da ría de Ferrol e a terra de Trasancos. Na marxe meridional, dende a desembocadura do Xuvia ata A Gándara só destaca o pequeno Couto que dá nome á parroquia onde se sitúa.

Océano Atlántico Valdoviño San Sadurniño
Ferrol Rosa dos Ventos.svg San Sadurniño
Ferrol Ría de Ferrol Neda
Parroquias de Narón.svg
Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Narón

Castro (Santa María) | Doso (San Lourenzo) | Narón | Pedroso (San Salvador) | San Xiao de Narón (San Xiao) | Sedes (Santo Estevo) | Trasancos (San Mateo) | O Val (Santa María a Maior)

Parroquias de Narón
Barrio Habitantes Superficie
Narón (San Xiao) 990 6,75 km²
Castro 836 4,25 km²
O Val 1.695 13 km²
Trasancos (San Mateo) 799 9,75 km²
Sedes 939 9,65 km²
Pedroso 813 9,8 km²
Doso 454 4,5 km²
Narón cidade 29.187 8,5 km²
Situación da zona urbana de Narón e os seus barrios.png
Barrios de Narón no concello de Narón, na provincia da Coruña

O Alto do Castiñeiro | O Couto | A Gándara | Piñeiros | A Solaina | Xuvia

Cidade de Narón
Barrios Habitantes Superficie
A Gándara 6.954 1 km²
A Solaina 6.293 1,75 km²
Alto do Castiñeiro 5.359 1,25 km²
O Couto 1.534 1,25 km²
Piñeiros 6.842 2,5 km²
Xuvia 2.205 0,75 km²

Climatoloxía[editar | editar a fonte]

O clima en Narón é temperado e cálido. A temperatura media anual é de 14,2 °C. As precipitacións son de 998 mm por ano.[Cómpre referencia]

Nuvola apps kweather.png Dados climáticos
Mes Xan Feb Mar Abr Mai Xuñ Xul Ago Set Out Nov Dec Ano
Temperatura máxima media (°C) 13,1 13,4 15,4 16,5 18,2 20,6 22,4 23,0 22,0 19,0 15,6 13,6
17,7
Temperatura media (°C) 10,0 10,1 11,8 12,9 14,7 16,9 18,8 19,2 18,2 15,4 12,3 10,4
14,2
Temperatura mínima media (°C) 7,0 6,9 8,3 9,3 11,2 13,3 15,2 15,5 14,5 11,9 9,1 7,3
10,7
Precipitacións (mm) 116 95 89 80 71 48 30 41 70 101 129 128
998
Fonte: Clima Narón es.climate-data.org [cando?] [Cómpre referencia]

Poboación[editar | editar a fonte]

A evolución da poboación de Narón está ligada á inmigración que recibiu na segunda metade do século XX, poboación chegada do agro ás cidades, a situación de Narón como periferia de Ferrol.[Cómpre referencia] O aumento moderado da poboación nos últimos anos e o mantemento deste nivel de crecemento está máis ligado á creación de infraestruturas propias no concello, servizos, autoestrada, polígonos industriais e ordenamento urbanístico.[Cómpre referencia] Desde 2014 Narón está preto de acadar os 40.000 habitantes:[16] no 2016 estivo a falta de 574 persoas para acadar ese valor.

Fuente:INE Archivo
Evolución da poboación de Narón   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016
8.333 12.278 14.518 29.152 34.404 37.712 38.910 39.238 39.450 39.574 39.565 39.426
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)
Censo total (2016) 39.426 habitantes
Menores de 15 anos 5.985 (15.18 %)
Entre 15 e 64 anos 25.666 (65.09 %)
Maiores de 65 anos 7.775 (19.72 %)

Goberno municipal[editar | editar a fonte]

O alcalde de Narón é, dende xaneiro de 2009, Xosé Manuel Blanco (Terra Galega) gobernou apoiado por BNG e PSdeG. Nas eleccións municipais de 2015 acadou 10 concelleiros, a un da maioría absoluta. No seu primeiro mandato, ao igual que o seu antecesor no cargo, Xoán Gato, mantivo un pacto de goberno co Partido Popular, cuxa voceira no Concello, Ángeles Díaz Pardo, era a primeira tenente de Alcaldía.

Eleccións municipais, 24 de maio de 2015[17] Histórico de alcaldes do Concello[18]
Partido Votos  % Concelleiros Nome Período
Terra Galega 6 408 38,51 % 10 Xosé Manuel Blanco 2009-setembro 2017
PPdeG 3 639 21,87 % 5 Xoán Gato Díaz 13/12/1985-21/01/2009
PSdeG 1 489 8,95 % 2 Antonio Martínez Aneiros 19/04/1979-13/12/1985
BNG 1 353 8,13 % 2 Antonio Sánchez Berbis 23/12/1974-16/04/1979
EU 1 008 6,06 % 1 Nemesio Quintia Luaces 27/11/1974–23/12/1974
ENE 888 5,34 % 1 Marcial Calvo Hermida 10/09/1954–27/11/1974
Coalición de goberno: Terra Galega e BNG[19] Manuel Prado Fernández 24/01/1947–06/09/1954

En setembro de 2012 a edil de Converxencia Galega María Porto incorporouse ao goberno de Xosé Manuel Blanco para facerse cargo das áreas de Relacións Institucionais, Novas Tecnoloxías e Turismo[20][21]. En setembro de 2017, Marián Ferreiro Díaz substituíu a Xosé Manuel Blanco que renunciou ao cargo por motivos de idade[22].

Lugares de interese[editar | editar a fonte]

Mosteiro de San Martiño de Xuvia.
  • Casa da Cultura. De principios do século XX foi unha casa de indianos, está situada na Estrada de Castela. É un dos centros culturais máis importantes da poboación primeiro como biblioteca pública é lugar onde realízanse ao longo de todo o ano numerosos actos culturais. Foi mercada polo concello e restaurada no ano 1982.
  • Presa do Rei. Foi mandada construír polo rei Afonso XIII e utilizada nas súas orixes para dar enerxía á Real Fábrica de Moeda de Xuvia. Atópase situada as beiras do río Xuvia.
  • Mosteiro de San Martiño de Xuvia. Tamén coñecido como Mosteiro do Couto, foi mandado construír polo Conde de Traba no século XII sobre os restos dun templo anterior ao século X. É de estilo románico galego e forma conxunto coa Igrexa de San Martiño de Xuvia. Foi declarado Monumento Artístico Nacional.
  • Igrexa se San Martiño de Xuvia. Foi mandada levantar no ano 1137 polo Conde de Traba. É un templo románico con planta basilical de tres naves, divididas por arcos de medio punto e tres ábsidas semicirculares. No seu interior gárdase o sepulcro gótico de Rodrigo Esquío, cabaleiro do século XV.
  • Igrexa de Santa Rita de Xuvia. É un templo de estilo ecléctico, con planta rectangular dunha soa nave dividida en varios treitos e cuberta con bóveda de canón, capelas laterais e presbiterio. Merece especial mención a súa fachada principal, na que destacan as súas dúas altas torres campanario coroadas por dúas cúpulas con forma piramidal e un rosetón sito sobre a súa portada principal, que da iluminación ao templo.
  • Ponte de Xuvia. É unha ponte de finais do século XIX, que foi levantada sobre os restos dunha antiga ponte romana. Atópase localizada no límite entre os concellos de Narón e de Neda.
  • Casa da Moeda. Situada no veciño concello de Neda ao pasar a ponte de Xuvia , encontrase a casa da moeda, que se estableceu en Xuvia no ano 1790, co nome de " Fábrica Nacional de Cobrería" para a fabricación de cobre na construción dos barcos dos estaleiros de Ferrol. Debido á guerra, en 1811, esta fábrica convértese nunha fábrica de moeda. Cuñou as pezas de cobre durante os reinados de Fernando VII e Isabel II. Era das poucas fábricas de cobre que desenvolvían unha actividade cuñatoria, e a súa maquinaria desenvolvía unha beleza na moeda non alcanzada en épocas anteriores. Ademais das moedas destinadas á circulación, non convén tampouco pasar por alto a cuñaxe de medallas dedicadas a motivos diversos, dotadas dun importante interese histórico e avaladas pola oficialidade de ser emitidas por unha ceca do Estado. Hoxe en en día, esta fábrica xa non realiza ningún traballo, e a súa finca forma parte da empresa Galicia Textil.[23][24]
Muíño de Xuvia antes da reconstrución.
  • Muíño de Xuvia: en 1858 era o principal muíño do país en capacidade de produción na súa clase. Recibía o trigo en barcos do Báltico, de América e de Santander. Pero non acabou aí a súa contribución á economía da zona, e anos máis tarde este muíño fariñeiro chegou a mover unha fábrica de papel, unha de tecidos e unha de laminados de cobre. A posterior perda da súa importancia económica non lle restou un chisco da súa beleza, reflectida nunha fermosa presa, recollida por un paseo de magnolios. A poucos metros desta fermosa estampa atópase o desaugadoiro do río Xuvia na ponte dos Andrade, que serve como liña estremeira dos concellos de Narón e Neda. Ademais de muíño fariñeiro, chegou a mover unha fábrica de papel, unha fábrica de tecidos e unha fábrica de laminados de cobre que alternaron e complementaron a historia do muíño. Encóntrase o final do paseo marítimo de Xuvia, preto do Ponto, e este muíño encóntrase en desuso actualmente.
  • Aldea Nova é un parque temático integral de desenvolvemento rural, situado en Sedes, inaugurouse en 2007 co apoio da Unión Europea e a través dun plan PODER (Programa Operativo de Desenvolvemento e Diversificación Económica de zonas Rurais). Encóntrase na parroquia naronesa de Sedes, nunha saia do monte de Nenos. Aldea Nova é o único espazo aberto e vivo adicado ao desenvolvemento rural sostible en Galicia, así como ao seu estudo, divulgación e experimentación. É un proxecto que pretende impulsar, en definitiva, a revitalización social, económica e ambiental destas áreas máis aló do mundo urbano, seguen conservando tanto a esencia da cultura tradicional galega. Os responsables de Aldea Nova teñen entre un dos seus obxectivos explicar á sociedade as enerxías renovables e a súa gran importancia de cara a preservar o medio ambiente
  • Igrexa de Santa María a Maior do Val. É un templo barroco con planta de cruz latina sito en Baltar, ao norte da parroquia de O Val. Destaca pola súa fachada coroada por unha espadana dobre, que atópase arrodeada por unha balconada de pedra. Sobre a súa portada principal hai un rosetón, utilizado para alumear o interior do templo.
  • Convento de Baltar. Foi nas sas orixes, século XVI, un pazo mandado construír pola Marquesa de Lago-San Sadurniño. Máis tarde foi reconvertido en Convento grazas á súa doazón, realizada pola Marquesa aos freires claretianos. Como elementos máis importantes merecen especial mención a Capela do Sagrado Corazón e unha fonte barroca.
  • Capela de Santa Margarida (O Val). Foi construída no século XV e é un dos templos máis antigos de todo o Concello. É unha pequena igrexa de planta rectangular cunha soa nave e presbiterio cuberto con bóveda de cruceiro.
  • Pena Molexa. É un dos monumentos naturais máis singulares de Narón. Atópase localizada no lugar de Vilasuso, na parroquia de O Val, e trátase dunha grande rocha de varias toneladas de peso sobre a cal sitúanse outras de menor tamaño. Conta a lenda que un feitizo converteu a unha fada nesta espectacular rocha.
  • Pazo de Libunca, coñecido tamén como Chalé de Cabezas, localízase na parroquia de Castro e foi mandado construír pola Familia Montenegro a comezos do século XX. Na actualidade foi reconvertido nun hotel e nos seus arredores hai un xardín botánico.

Economía e urbanismo[editar | editar a fonte]

Praza da Gándara.

É unha cidade inconclusa que aínda mantén características da súa orixe como cidade dormitorio de Ferrol, que vivía tamén do sector naval, e que pouco a pouco se vai convertendo no principal motor industrial e de ocio da comarca de Ferrolterra, situándose coma un dos concellos economicamente mas fortes de Galiza.

Sede de Pull&Bear, Río do Pozo.

En Narón está situado un dos meirandes polígonos industriais de toda Galiza, Río do Pozo, no que se instalaron empresas tan importantes coma a sede de Pull and Bear, Indipunt (tamén do grupo Inditex), Megasa ou o centro loxístico de Lidl. Existen ademais outros dous polígonos industriais, A Gándara (parte do cal pertence a Ferrol), onde se atopa o maior centro comercial da comarca, o C.C. Odeón, e empresas como Poligal e o polígono das Lagoas, onde hai unha cementeira das dúas que ten este concello.

O concello conta con vías rápidas de alta capacidade, xa que a autoestrada AP-9 atravesa o núcleo urbano, conta con dous ramais que unen o parque empresarial do Río do Pozo coa autoestrada e a circunvalación de Narón dende A Gándara ata Xuvia. Pasa ademais a autovía Ferrol - Vilalba e a vía de FEVE Ferrol - Xixón ten varios apeadoiros no concello.

A cidade de Narón é unha cidade que sofre dunha grave desorde urbanística e que logo de varias décadas, co novo plano urbanístico vai emendando ese problema pouco a pouco. Exemplo disto son as liñas de alta tensión que ata hai pouco pasaban polo medio de populosos barrios, as vías de RENFE e FEVE que exercen de barreira e numerosas rúas sen saída e de escasos equipamentos . Porén, grazas ao grande crecemento en número de vivendas, a cidade vai gañando en calidade de vida, aínda que prazas e parques son aínda unha utopía e segue a dominar o cemento .

Cultura e deportes[editar | editar a fonte]

Estadio municipal de Rio Seco.

O concello conta cunha grande oferta cultural, no ano 2008 inaugurouse un dos maiores teatros e centros culturais de toda Galiza: O Pazo da Cultura de Narón, ademais de contar xa cunha biblioteca no Alto e cun museo etnográfico na parroquia de Sedes sobre a vida labrega nesta comarca do país, Aldea Nova.

Narón ten un equipo de fútbol na terceira división, o Narón Balompé Piñeiros, e o Rally Cidade de Narón do certame galego. Ademais, en Narón practícanse moitas disciplinas deportivas.

Ocio e entretemento[editar | editar a fonte]

Muíño de Pedroso.

Existen varias áreas recreativas coma a do muíño de Pedroso, que conta tamén con cámping, ademais do da Picota, no Couto, en obras, e a Presa do Rei en Xuvia; e un parque urbano ás beiras do río Freixeiro, onde se está a construír unha das meirandes urbanizacións de toda a comarca, que incluirá o terceiro centro comercial do municipio. Os outros centros comerciais son Odeón e o CC Narón xunto á Casa do Concello. O CC Odeón é o maior centro comercial da comarca; nel hai unha gran boleira e numerosos restaurantes e cafetarías, así como doce salas de cine e xunto a el o maior hotel de Narón.

Servizos[editar | editar a fonte]

Lixo e reciclaxe[editar | editar a fonte]

Punto Limpo en Río do Pozo.

O concello de Narón ten un dos servizos de recollida de lixo e reciclaxe máis antigos existentes en Galiza,[Cómpre referencia] primeiro ca recollida de papel e vidro que foi ampliando cos anos ata a construción pola mancomunidade de municipos da planta de compostaxe de Mougá[25]. O proxecto fracasou por unha mala recollida selectiva do lixo[26]. O concello de Narón está adherido ao servizo prestado por Sogama. En Río do Pozo hai unha planta de transferencia de lixo de Sogama que tamén é empregada por Ferrol. En Río do Pozo tamén existe un Punto Limpo compartido con Neda onde se poden achegar cascallos, electrodomésticos, plásticos, mobles ou chatarra. O concello recolle de xeito separado papel-cartón (do que se fai cargo unha empresa de Narón), aceite usado e pilas. Os envases son recollidos en colectores amarelos e faise cargo deles Sogama. O Concello de Narón aprobou en xaneiro de 2013 unha nova normativa ambiental que obriga a separar o lixo para a súa reciclaxe.

Centro de Saúde de Narón.

Servizo de auga[editar | editar a fonte]

Cosma é a concesionaria do servizo de augas en Narón. A auga que se consome en Narón provén do encoro das Forcadas[27] situado en Valdoviño e propiedade[28][29] do concello de Ferrol que fornece ademais de Ferrol e Narón a Neda, Fene, Mugardos, Ares e Valdoviño. A auga potabilízase en Catabois. O ciclo da auga remata na EDAR de Cabo Prioriño (Ferrol)[30] e na EDAR de Punta Avarenta (Ares).

Saúde[editar | editar a fonte]

O concello de Narón forma parte da área de saúde de Ferrol, zona norte da provincia da Coruña. O principal centro sanitario é o Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide-Novoa Santos de Ferrol. A atención sanitaria primaria é o Centro de Saúde de Narón que está situado xunto á Casa do Concello. Hai dous consultorios máis: o do Val e o de Pedroso.

Centros de ensino[editar | editar a fonte]

O principal centro de ensino de Narón é o IES As Telleiras e o de formación profesional Terra de Trasancos, ambos en Freixeiro.

Datas de interese[editar | editar a fonte]

Saída do 27º Rally de Narón na rúa Cataluña.
  • Feira do Trece. Sedes. Cada día 13 do mes e o último domingo de cada mes[31].
  • Festa de San Xosé Obreiro. O primeiro de maio.
  • Festa de Santa Rita. En Xuvia o 22 de Maio.
  • Rally Cidade de Narón. Datas 8, 9 e 10 xuño[32].
  • Oenach atlántico. Aldea Nova, Sedes. Datas 27, 28 e 29 de xullo[33].
  • Festas do Pemento do Couto. O 30 de Xullo.
  • Festival Internacional de Folclore de Narón, mediados de xullo[34].
  • Día de Narón, 23 de novembro, festivo local.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Narón.
Biblioteca do Alto do Castiñeiro. 
Pazo da Cultura. 
Fonte do Carballo. 
Fonte na Solaina. 
Praza de Galicia. 
Megasa, vista dende Neda
Parque cemiterio de Narón. 
Vista dos accesos á empacadora de lixo de Sogama en Río do Pozo. 
Servizo de recarga eléctrica en Narón. 
Oenach atlántico de Sedes, en 2015. 
Anduriña, A Gándara. 
Servizo de bombeiros de Narón en Río do Pozo. 
Placa altimétrica do concello. 

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Narón

Castro (Santa María) | Doso (San Lourenzo) | Narón | Pedroso (San Salvador) | San Xiao de Narón (San Xiao) | Sedes (Santo Estevo) | Trasancos (San Mateo) | O Val (Santa María a Maior)

Lugares de Narón[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Lugares de Narón.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Consultado o 14 de outubro de 2014. 
  3. Segundo Fernando Cabeza Quiles, IvanFernandezCoba.blogspot.com
  4. 1º Prehistoria. Neolítico
  5. Un excepcional achado epigráfico, André Pena Graña, arqueólogo do Concello de Narón
  6. O Petroglifo de Chamorro (San Salvador de Serantes, Ferrol) (en Dialnet) Juan A. Carneiro Rey, Ramón Fábregas Valcarce. Gallaecia, ISSN 0211-8653, Nº 22, 2003 , páxs. 73-86
  7. Os castros. Páxina web do Concello de Narón
  8. Castros de Narón. O Noso Patrimonio
  9. Castro de Pena Grande
  10. Castro de Vilar (en castelán)
  11. Castro de Revolta (en castelán)
  12. Castro de Vicás (en castelán)
  13. Castro da Ermida (en castelán)
  14. Castro de Vilasuso (en castelán)
  15. La espada de Damocles de la droga lavozdegalicia.com
  16. Narón celebra los 40.000 La Voz de Galicia.
  17. Eleccións en Narón lavoz.com
  18. Concello de Narón (ed.). "O 23 de novembro, Día de Narón!!". Consultado o 13 de novembro de 2013. 
  19. Los dos ediles del BNG de Narón se ocuparán de cuatro concejalías. diariodeferrol.com
  20. Narón presenta su cuatripartito como «un goberno único e sen illotes» (en castelán)
  21. Converxencia Galega intégrase no goberno municipal de Narón
  22. "Marián Ferreiro, primera alcaldesa de Narón". lavozdegalicia.es. Consultado o 24-09-2017. 
  23. Pita Fernández, Ricardo Luís (1996). A Real Casa da Moeda de Xubia: breve historia e catálogo das súas cuñacións. Andavira, Santiago de Compostela. [ISBN 84-89641-37-4]
  24. Pita Fernández, Ricardo Luís (1999). Numismática galega. A Moeda en Galicia e Galicia na Moeda. Santiago de Compostela. [ISBN 84-605-9958-2]
  25. A aposta científica pola compostaxe. vieiros
  26. Ambiente derruba a antiga planta de compostaxe de Mougá. La Voz de Galicia
  27. Estado de los embalses y pantanos de España. Embalse: FORCADAS
  28. Dende o Encoro das Forcadas situado no concello de Valdoviño e propiedade do Concello de Ferrol a auga captada percorre 17,4 km... Emafesa, concesionaria do servizo de aguas de Ferrol
  29. Os Concellos de Ferrol e Valdoviño celebran o 50 aniversario do inicio das obras da presa das Forcadas
  30. Cosma, S.A. (Compañía de Servicios Medioambientales do Atlántico, Sociedad Anónima) (en castelán).
  31. Feira do Trece
  32. Rallye de Narón
  33. Sedes Narón
  34. O rico folclore de tres continentes encheu o Pazo da Cultura de Narón diariodeferrol.com

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Narón, terra de futuro. Concello de Narón.
  • Narón, unha historia ilustrada na Terra de Trasancos. Merlán, Eva e outros.
  • Pena Graña, André. Muiñería Industrial: A Real Fábrica de Fariñas da Ponte de Xuvia.
  • Pena Graña, André. Narón, un concello con historia de seu I. Concellaría de Cultura, 1991 (Primeira edición). ISBN 84-920185-9-3, 9788492018598 (en Calameo)
  • Pena Graña, André. Narón, un concello con historia de seu II. Concellaría de Cultura, 1992. ISBN 84 87674321 (en Calameo)
  • Pena Graña, André. Narón, un concello con historia de seu III. Concellaría de Cultura, 2007. ISBN 978 84 92018598 (en Calameo)

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]