Eucalipto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Eucalipto (xénero Eucalyptus)

Exemplar de eucalipto
Clasificación científica
Reino: Plantae
(sen clasif.) Anxiospermas
(sen clasif.): Eudicotiledóneas
(sen clasif.): Rosidae
Orde: Myrtales
Familia: Myrtaceae
Subfamilia: Myrtoideae
Tribo: Eucalypteae
Xénero: Eucalyptus
L'Hér.
Especie tipo
'Eucalyptus obliqua'
L'Hér. 1789
Distribución natural
Distribución natural

Distribución natural
Sinonimia

Aromadendron Andrews ex Steud.
Eucalypton St.-Lag.
Eudesmia R.Br.
Symphyomyrtus Schauer[1]

Eucalipto[2] é a denominación dada ás especies vexetais do xénero Eucalyptus (do grego eu (εὖ), ben, e kalyptos (καλυπτός), cuberto; en alusión ás súas flores: ben cubertas, ben protexidas polo opérculo). O xénero inclúe máis de 600 especies[3] autóctonas de Australia que forman parte da flora característica do continente australiano, existindo apenas un pequeno número de especies propias dos territorios veciños da Nova Guinea e Indonesia. De feito, ningún continente está tan marcadamente caracterizado por un só xénero de árbore como acontece en Oceanía cos eucaliptos.

A especie do xénero eucalipto máis espallada ao longo do país é o eucalipto azul (Eucalyptus globulus Labill.).[Cómpre referencia] A FAO, nunha reclasificación da sistemática desta especie, utiliza a forma E. globulus Labill. subsp. globulus. J. S. Labillardiere foi quen identificou esta especie, en 1792, a partir de mostras recollidas en Tasmania.

Historia[editar | editar a fonte]

Os eucaliptos foron descritos xa polos exploradores españois, portugueses e holandeses a finais do século XVI, tralas súas expedicións polas costas australianas. No século XVIII, estas expedicións foron acompañadas por botánicos e naturalistas que, seguindo o modelo de Linneo, recolleron exemplares da flora e fauna das terras exploradas. Entre elas, a terceira expedición de Cook forneceu o material sobre o que o botánico francés L'Héritier describiu a especie Eucalyptus obliqua en 1788, inaugurando o xénero. En 1800 coñecíanse xa 19 especies; en 1820 xa se describiran 28 máis; en 1840 o número de especies descritas ascendía a 71 e en 1860 a 149. Estudos posteriores dos botánicos George Bentham, Ferdinand von Mueller e, sobre todo, J. H. Maiden e o seu axudante W. F. Blakely, elevaron as cifras a 500 especies e 138 variedades.

A taxonomía da especie, moi discutida e modificada ao longo dos anos, complícase non só pola similitude de boa parte das especies senón tamén pola facilidade coa que se produce a hibridación, especialmente trala reforestación en Europa e América de especies que crecían moi afastadas na súa terra de orixe.

En 1971, os botánicos de Sydney L. D. Pryor e L. A. S. Johnson publicaron unha revisión sistemática (A classification of the eucalypts) na que se establecen sete subxéneros divididos en seccións, series e subseries, especies e subespecies. Os subxéneros son os seguintes:

  • Blakella
  • Corymbia
  • Eudesmia
  • Gaubaea
  • Idiogenes
  • Monocalyptus
  • Symphyomyrtus

Distribución[editar | editar a fonte]

Hai máis de 700 especies de eucalipto e a maioría son nativas de Australia; un número moi pequeno atópase en áreas adxacentes de Nova Guinea e Indonesia. Unha especie, Eucalyptus deglupta, distribúese tan ao norte como as Filipinas. Das 15 especies que se atopan fóra de Australia, só nove son exclusivamente non australianas. As especies de eucalipto cultívanse amplamente no mundo tropical e tépedo, incluídas as Américas, Europa, África, a conca do Mediterráneo, o Medio Oriente, China e o subcontinente indio. Con todo, o rango no que se poden plantar moitos eucaliptos na zona tépeda está limitado pola súa limitada tolerancia ao frío.[4]

Australia está cuberta por 92.000.000 de hectáreas (227.336.951 acres) de bosque de eucalipto, que comprenden tres cuartas partes da área cuberta por bosque nativo.[5] As Montañas Azuis do sueste de Australia foron un centro de diversificación de eucaliptos,[6] o seu nome refírese á brétema azul que prevalece na área, que se cre deriva dos terpenoides volátiles emitidos por estas árbores.[7]

Desde moi pronto, tralo seu descubrimento se exportou a outros continentes onde gañaron unha importancia económica relevante debida ao feito da súa rendibilidade para producir pasta de celulosa, usada na fabricación de papel. A FAO xa cuantificaba a superficie reforestada en España en 1973 en 390.277 ha, principalmente en Andalucía (269.029 ha).

O eucalipto en Galicia[editar | editar a fonte]

Plantación de eucaliptos en Viveiro. Obsérvese a diferenza entre as follas novas (nas árbores novas da parte inferior da fotografía) e as adultas.

Dis que foi Frei Rosendo Salvado (1814-1900), que evanxelizou Australia, quen trouxo a árbore a Galicia a mediados de século XIX,[8] (na súa obra en italiano de 1851 "Memorie storiche dell'Australia particolarmente della missione benedettina di Nuova Norcia e degli usi e costumi degli australiani" describe varias especies de Eucaliptus, Reinifera, Robusta)[9] malia que outras fontes aseguran que as nosas árbores foron importadas dende Portugal. Non hai coincidencia na data exacta da súa introdución: o biólogo Silva Pando afirma que comezou a plantarse en Galicia en 1845-1855; o edafólogo Díaz-Fierros dá como primeira cita en Galicia a de 1863,[10] e tamén supón que procede de plantacións portuguesas, onde se coñecía desde 1839,[11] e o botánico Pablo Ramil Rego asegura que Rosendo Salvado enviou as sementes en 1886.[12] As sementes ou plantas véndense en Santiago dende 1873[13] e o concello de Santiago dispuña de plantas no viveiro do Macelo ese mesmo ano. En 1875 cítase unha plantación de 2 000 robustos eucaliptos en Casal D'Orta nas proximidades de Santiago propiedade de Patricio Moreno;[14] e en 1877 fálase de que na provincia de Pontevedra as poboacións multiplícanse dende hai anos.[15] En 1883 a Proposta de Ley de Fomento do Arbolado de Gabriel de la Puerta Ródenas y Magaña[16] no seu artigo 9 propón a súa plantación nos sitios pantanosos e malsáns.[17][18]

Nun principio cultivouse como árbore ornamental, como os exemplares na Alameda de Santiago, nos xardíns do Gran Hotel da Toxa (O Grove) ou no Pazo de Rubiáns (Vilagarcía); pero axiña se espallou por toda Galicia e o noroeste peninsular para o seu aproveitamento madeireiro, dado o seu rápido crecemento e facilidade de cultivo na climatoloxía galega: se a mediados da década de 1960 o eucalipto ocupaba en Galicia uns poucos centos de hectáreas,[19] contra 1992 eran unhas 40.000 hectáreas[20] e en 2009 tiñamos xa 375.000.[21] Hoxe está amplamente distribuído por toda Galicia, especialmente na franxa costeira, dado que non medra tan doadamente a alturas superiores aos 500-700 metros de altitude por ser sensible ás xeadas. En calquera caso e aínda que non resiste temperaturas por baixo dos -5 °C, recupérase rapidamente grazas a eses brotes epicórmicos que se mencionaron antes[onde?].

Os distintos autores[quen?] coinciden en que o verdadeiro problema da especie foi a repoboación masiva con eucaliptos que tivo lugar no tardofranquismo, no momento no que cedeu o monocultivo do piñeiro para empezar a subvencionar o eucalipto. Estas subvencións, xunto ao alto prezo que pagaban as papeleiras nun principio, a alta produtividade (que podía chegar a 40 m3 por hectárea e ano) e o abandono do medio rural daqueles tempos de puxante industrialización, fixeron que moitas terras que antes se dedicaban a outros cultivos pasasen a ser sementadas de eucaliptos, mesmo terras agrícolas de alto valor.[22]

Dende hai uns 25 anos[cando?] estase utilizando nas repoboacións forestais da Galicia interior unha especie resistente ás xeadas e á altitude, o Eucaliptus nitens, que presenta o inconveniente de que a súa madeira non é tan axeitada para a fabricación de pasta de celulosa coma a do eucalipto branco.

O E. globulus representa máis do 95 % da especie en Galicia. Outras especies presentes, como ornamentais ou como especie forestal, son o E. obliqua (de casca fibrosa e madeira de moi boa calidade),[23] o E. viminalis (tamén de cortiza rugosa, pero só na base), o E. macarthuri, o E. calophylla (de flor vermella), o E. camaldulensis, o E. delegatensis (unha das especies que alcanza maior altura) ou o E. robusta.

Lista de especies[editar | editar a fonte]

Eucaliptal na illa das Esculturas (Pontevedra).

Consecuencias ecolóxicas[editar | editar a fonte]

En setembro de 2017 Rafael Sisto, alcalde de Teo, solicitou por escrito a inclusión do eucalipto no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras. O Ministerio de Agricultura encargou un informe ao seu comité científico, formado por vinte especialistas, no que se ditaminou que o eucalipto cumpría con todas as características propias dunha especie invasora e recomendaba a súa inclusión no Catálogo.[24] A recomendación non foi aceptada pois o propio Ministerio solicitou outro informe que contradicía o ditame do CoHmité. Este segundo documento foi asinado polo catedrático da Universidade Politécnica de Madrid Luis Gil, profesor vinculado a ENCE, empresa propietaria de máis dun terzo dos cultivos de eucalipto en España.[25]

O eucalipto pode ser considerado como a especie arbórea máis controvertida en Galicia,[26] con defensores e detractores que non sempre tiveron en conta os datos científicos (Silva Pando). Xa se dixo que os efectos negativos foron máis unha consecuencia das plantacións masivas que se realizaron a partir do último terzo do século pasado, como acontece con calquera monocultivo pero agravados, neste caso, polas características peculiares desta especie.

A introdución masiva desta especie (e hoxe existe unha práctica unanimidade ó respecto) foi unha das máis desafortunadas iniciativas forestais da nosa historia (Xunta de Andalucía [27])

Entre as críticas que se lle fan destaca, en primeiro lugar, o feito de presentar unha extrema avidez pola auga,[28] que pode chegar a causar o desecamento de pozos e leitos de ríos próximos. Nestas elevadas necesidades de auga inflúe a densa rede de raíces, capaz de aproveitar a mínima greta do subsolo.

Monte queimado en Brión

Esta afirmación, matizada nos últimos anos, acompaña ao eucalipto desde os primeiros momentos da súa introdución. Desta maneira, Eladio Rodríguez escribía (1949) que "Considérasele útil por varios conceptos, pois polo seu rápido desenvolvemento deseca o terreo, contribúe a sanear as localidades pantanosas e crese que as emanacións das súas follas destrúen os xermes das febres palúdicas".[29] Tamén se consideraba, pola mesma razón, bo para curar o paludismo: Cuveiro escribía en 1876 que "Úsase con bo resultado nas febres intermitentes.[30] Faise unha infusión teiforme con catro das súas follas pecioladas ou dúas das sentadas, que se dá dúas veces ó día aínda durante o acceso, pois axiña diminúe a forza. O seu extracto está recomendado nas neuralxias".[31]

Opinións semellantes defendían tamén outros autores igualmente distantes das posicións ecoloxistas. Font Quer escribía en 1961 que "A introdución do eucalipto fíxose para sanear terreos baixos e pantanosos, morada das larvas dos mosquitos, e pensando que non só acabarían coas charcas e zonas húmidas senón coas 'miasmas' do paludismo", para concluír que "Saneou extensos territorios palúdicos do mundo enteiro" (Font Quer, pp. 398–399).[32]

Incendio nun bosque de eucaliptos á beira do Corredor do Morrazo (agosto 2006)

Mesmo na 22ª edición do Diccionario da Real Academia Española (outubro de 2012) mantense a mesma tese: "A árbore é de gran utilidade para sanear terreos pantanosos".[33]

Na controversia que acompaña a esta árbore non faltan estudos que quitan importancia a este dato. Díaz-Fierros estimaba que o consumo de auga dun eucalipal, dun piñeiral e dunha carballeira eran practicamente semellantes: 1.195 litros por m2 e ano no primeiro caso, fronte a 1.149 e 978 nas dúas últimas especies, pero só cando a plantación estaba realizada sobre solos de pouca profundidade (menos de 50 cm), xa que cando se situaba en terras agrícolas, profundas, destinadas tradicionalmente a pradeiras e cultivos, a redución do caudal hídrico era do 60%.[34]

Tamén se lle achaca a capacidade de reducir a biodiversidade da flora e fauna asociadas ao sotobosque, e facilitar a propagación de incendios forestais por ser unha especie pirófila, que non só non morre co lume, senón que os incendios forestais facilítanlle a colonización do espazo.

Coala, coa súa cría, comendo follas de eucalipto

Un bosque de eucaliptos pode crear problemas de incendios incontrolables debido á grande altura que acadan estas árbores en pouco tempo de crecemento e á fácil combustión da súa madeira. En bosques mestos de eucaliptos, as lapas dun incendio poden acadar máis de 300 metros de alto, como se pode comprobar en Australia na época da seca. Co incendio poden perder toda a masa foliar, que reaparece sen problemas coas primeiras chuvias.[35]

Os eucaliptos son unhas árbores que provocan alosteria, un fenómeno consistente na emanación de certas substancias químicas que fan que non medren árbores ou herbas doutra clase ao seu redor. En Australia, a flora autóctona está adaptada a estas árbores e aos seus fenómenos alostéricos, de xeito que nese país os eucaliptais si teñen sotobosque, estrato fundamental para o ecosistema dun bosque. Ademais a fauna autóctona (coalas) aliméntase destas árbores, de xeito que se alcanza un ecosistema equilibrado.

Estudos realizados en Galicia sobre eucaliptais vellos e implantados matizan esta observación no sentido de que, ao madurar a masa de árbores, descende a densidade da masa foliar e permítese o acceso da luz solar ao chan. Así, Silva Pando ofrece os seguintes datos: 21 especies vexetais diferentes no caso dos eucaliptais fronte ás 22 especies nas matogueiras ou nos piñeirais, cifra que se eleva a 29 especies nunha fraga consolidada. Ramil Rego daba diferenzas moito máis significativas referidas a un bosque da Mariña lucense: menos de 20 plantas vasculares nun eucaliptal maduro fronte a 60-70 especies nun bosque autóctono.

Conclusións semellantes obtén Silva Pando respecto á concentración de microorganismos no chan destes mesmos tipos de ecosistemas: 15±7 x 106/g de solo nun eucaliptal, 17±7 nun piñeiral fronte a 25±9 nunha fraga. A flora microbiana e fúnguica do chan resulta imprescindible para a formación de humus e a fertilidade do substrato.

Tamén se comprobou unha diferenza significativa na avifauna: mentres que nunha fraga media poden observarse 12,92 especies diferentes de aves, nun eucaliptal só hai 7,84 especies diferentes, segundo estudos realizados pola Sociedade Galega de Ornitoloxía en 2003.[36] Tamén a diferenza no número de aves é similar: 52,1 aves por km2 nunha fraga fronte as 28,5 exemplares nun eucaliptal.

Predadores[editar | editar a fonte]

Gonipterus scutellatus. Orixinario de Australia, é unha praga do eucalipto en España dende a década de 1990.

Dende 1990, o eucalipto galego é vítima do ataque dun insecto defoliador, o gorgullo do eucalipto (Gonipterus scutellatus), que se estendeu rapidamente por tódalas plantacións ao non contar con inimigos naturais que controlasen a súa expansión. Dende 1999 combátese con éxito esta praga mediante a liberación controlada dunha pequena avespa, tamén natural de Australia, Anaphes nitens, que actúa como parasitoide específico do gorgullo.

En Andalucía existen outros insectos que actúan como pragas do eucalipto. O Phorocanta semipunctata e P. recurva,[37] foi importado en Europa coas primeiras árbores xa no século XIX, se ben aínda non se detectou en Galicia a causa das condicións climatolóxicas galegas, que non permiten o seu desenvolvemento.[38] Neste caso, o dano prodúceo o desenvolvemento da larva que escava longas galerías baixo a cortiza da árbore e provoca que seque. A praga afecta normalmente a árbores con algún tipo de lesión ou que sofren longos períodos de seca, pero tamén se atopou en exemplares sans e en troncos acabados de cortar.

Outra praga presente en España e Portugal, e ausente tamén en Galicia, é o Ctenarytaina eucalypti (Rhinocola eucalypti), cuxas ninfas se alimentan da saiba das follas. En Portugal tamén está presente o Melolontha sp., cuxas larvas aliméntanse das raíces da árbore.

Tamén hai fungos que afectan os eucaliptos. O Mycosphaerella provoca a putrefacción das follas. Máis común, pero menos daniño é o Botrytis cinerea, que provoca o chamado mal azul; afecta a exemplares novos (antes da aparición das follas adultas) nos que causa a aparición de manchas verde-azulentas no talo e morte das follas.

Aproveitamento[editar | editar a fonte]

Longos toros de eucalipto preparados para a construción de bateas de mexillón.

O principal uso comercial do eucalipto consiste no aproveitamento madeireiro, tanto na obtención de madeira como, fundamentalmente, na obtención de pasta de papel, pero tamén para fabricar serraduras, taboleiros de partículas, laminados tipo formica, fibras téxtiles, aceites etc. A madeira non é boa para ebanistería pero, ao ser moi resistente á humidade, vai ben para postes ou para vigas de batea. Outros uso, como o decorativo ou o medicinal, son secundarios e testimoniais.

No ano 2005, o volume de madeira cortada de eucalipto representaba en Galicia o 47,12 % do total das especies forestais, cun total de 2.697.627 m³ (na Coruña ascendía ao 66,29 %).[39] Estudando a serie histórica obsérvase un mantemento nas cifras desde 1997, cando se cortaron 2.730.002 m³. Nese mesmo ano 2005, o prezo medio da madeira de eucalipto foi de 20,41 €/m³, fronte aos 27,08 € no caso do piñeiro.

Usos medicinais[editar | editar a fonte]

O uso terapéutico das follas do eucalipto é anterior á chegada dos europeos ao continente australiano: os aborixes nativos bebían o cocemento de follas para combate-la febre.[40] Este aproveitamento medicinal acompañou logo á especie segundo se ía expandindo polo mundo e queda reflectido en nomes populares como árbore da saúde ou árbore da febre. Hoxe en día forma parte da farmacopea popular e mais da oficial, tanto en forma de follas desecadas como de aceite esencial [41].

As follas adultas teñen propiedades balsámicas e antisépticas, polo seu contido en aceites esenciais: eucaliptol (o 1-3%).

En medicina utilízanse as follas, directamente ou trala súa destilación para obter a esencia. O uso máis habitual é por inhalación dos vapores que desprende á cocción, para catarreiras, bronquite, sinusite ou farinxite.

Mediante uso externo (a auga de cocer as follas ou a esencia) utilízase como antiséptico e cicatrizante de feridas. O eucaliptol é un dos ingredientes característicos da pomada Viks VapoRub, xunto ao alcanfor e o mentol, utilizada contra arrefriados e conxestión nos meniños.[42]

Tamén contén substancias tóxicas: a eucaliptina (unha flavona, de acción estroxénica), e desaconséllase o seu uso en embarazadas, durante a lactación e nos meniños. Pode acelerar o metabolismo hepático dalgúns medicamentos, polo que é incompatible co consumo de sedantes, analxésicos ou anestésicos.

Outros usos[editar | editar a fonte]

O mel de eucalipto, producido a partir do seu néctar, é moi estimado [43].

Do eucalipto pode extraerse tamén o xilitol, un alcohol de azucres amplamente utilizado como edulcorante na industria alimentaria, especialmente para facer goma de mascar.[44]

Os eucaliptos na cultura popular galega[editar | editar a fonte]

Eucalipto centenario en Vilasobroso.

Disque a sombra do castiñeiro (por húmida e fría) e da nogueira son malas; a do carballo, do eucalipto e doutras árbores é boa, pero a mellor é a do piñeiro (Rodríguez López).

Os vapores de eucalipto son desinfectantes e serven para curar os arrefriados; para curar a diabetes úsase o viño quente con estrugas e follas de eucalipto. Tamén se utiliza na medicina veterinaria popular: as espullas do gando cúranse con auga de eucalipto.

Sinonimia (dialectalismos)[editar | editar a fonte]

Refraneiro[editar | editar a fonte]

  • Planta eucaliptos para ti, piñeiros para os fillos e carballos para os netos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Eucalyptus L'Hér.". Germplasm Resources Information Network. United States Department of Agriculture. 2009-01-27. Arquivado dende o orixinal o 29 de maio de 2010. Consultado o 2010-02-28. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para eucalipto.
  3. Especies de eucaliptos en Botanical-online (en castelán).
  4. Sellers, C. H. (1910). Eucalyptus: Its History, Growth, and Utilization. A.J. Johnston. p. 13. 
  5. "Eucalypt forest". Commonwealth of Australia. 2017. Consultado o 29 de xaneiro de 2017. 
  6. "Greater Blue Mountains Area". whc.unesco.org. UNESCO World Heritage Centre. 2019. Consultado o 2019-05-11. 
  7. Bohlmann, J.; Keeling, C. I. (2008). "Terpenoid biomaterials". The Plant Journal 54 (4): 656–669. PMID 18476870. doi:10.1111/j.1365-313X.2008.03449.x. 
  8. Silva Pando non ve verosímil esta teoría porque o lugar de residencia do misioneiro estaba a máis de 3.000 km da zona australiana onde medra o E. globulus, e supón que, de mandar algo, sería outra especie.
  9. "Memorie storiche dell'Australia particolarmente della missione benedettina di Nuova Norcia e degli usi e costumi degli australiani / per Rudesindo Salvado". 
  10. En Asturias, en 1865; en Cantabria, 1866; no País Vasco, 1867.
  11. Francisco Díaz-Fierros Viqueira, La Voz de Galicia (1.09.1989).
  12. La Voz de Galicia, 3.02.2009.
  13. "La gacetilla de Santiago: diario de noticias y anuncios: Num. 223 (22/03/1873)". galiciana.gal (en castelán). Consultado o 10 de decembro de 2023. 
  14. Redacción (7 de agosto de 1875). "Sección Local". El Diario de Santiago (931): 2. 
  15. [1]
  16. [2]
  17. [3]
  18. [4]
  19. Pablo Damil Rego, director do Instituto de Biodiversidade Agraria (La Voz de Galicia, 3.02.2009).
  20. Silva Pando. Refírese a eucaliptais puros, aos que habería que sumar outras 100.000 ha de superficie arborada mixta, con piñeiros e frondosas autóctonas.
  21. Tomás Fernández Couto, Director Xeral de Montes da Xunta de Galicia (La Voz de Galicia, 10.05.2009).
  22. É frase célebre desta época que se plantaban eucaliptos ata na horta da casa.
  23. Esta especie foi a primeira descrita para este xénero.
  24. Comité científico. Comité de flora y fauna silvestres (Ministerio de agricultura, pesca, alimentación y medio ambiente) (2017). "Dictamen del Comité Científico" (PDF). Ibader (Instituto de biodiversidade agraria e desenvolvemento rural). 
  25. Rey, Manuel (2018-04-18). "O Goberno avalou o eucalipto co informe dun catedrático patrocinado por ENCE". GCiencia. Consultado o 2022-01-16. 
  26. Como se reflicte nas denominacións ideolóxicas que por veces recibe: vampiro vexetal para uns, ouro verde para outros (El Independiente (Madrid), 8.06.1990).
  27. "La introducción masiva de esta especie (y hoy existe una práctica unanimidad al respecto) fue una de las más desafortunadas iniciativas forestales de nuestra historia'".
  28. R.Romar (25/04/2007). "Plantar eucaliptos en tierras de cultivo reduce el agua en un 60%". Consultado o 25/08/2017. 
  29. "Se le considera útil por varios conceptos, pues por su rápido desarrollo deseca el terreno, contribuye a sanear las localidades pantanosas y se cree que las emanaciones de sus hojas destruyen los gérmenes de las fiebres palúdicas".
  30. Cos nomes de febres intermitentes ou tercianas designábase o paludismo ou malaria.
  31. "Se usa con buen resultado en las fiebres intermitentes. Se forma una infusion teiforme con cuatro de sus hojas pecioladas ó dos de las sentadas, que se dá dos veces al dia aun durante el acceso, pues en seguida disminuye la fuerza. Su extracto es recomendado en las neuralgias".
  32. "La introducción del eucalipto se hizo para sanear terrenos bajos y pantanosos, morada de las larvas de los mosquitos, y pensando que no sólo acabarían con las charcas y humedales sino con las 'miasmas' del paludismo", "ha saneado extensos territorios palúdicos del orbe entero"
  33. Diccionario de la lengua española (en castelán).
  34. "A inmerecida lenda negra dos eucaliptos", en La Voz de Galicia (3.06.1990); "Plantar eucaliptos en tierras de cultivo reduce el agua en un 60%", en La Voz de Galicia (26.03.2007).
  35. Nesta páxina web pode verse unha fotografía da recuperación dun eucaliptal queimado en Porto do Son ao cabo dun ano do incendio. As novas árbores xa superaban os dous metros de altura.
  36. O estudo realizouse en 16 puntos de Galicia (8 da Coruña, 4 de Pontevedra e 1 de Lugo), en dúas sondaxes sucesivas en cada punto e en fragas e eucaliptais próximos xeograficamente [5] Arquivado 23 de febreiro de 2009 en Wayback Machine..
  37. Eucalyptus Longhorned Borer, Universidade de California Riverside, (en inglés).
  38. Naturalmente, tamén está presente noutros países onde se reforestou con eucaliptos, como Chile, Perú, Uruguai ou Suráfrica.
  39. Anuario de Estatística Agraria 2005, Consellería do Medio Rural.
  40. Ginkel, 1999.
  41. As follas, na Farmacopea alemá, belga, francesa e holandesa; o aceite esencial, na alemá, austríaca, belga, brasileira, checa, china, francesa, inglesa, holandesa, italiana, portuguesa, rusa, suíza e xaponesa; forma parte da Farmacopea española desde 1997.
  42. Coa contraindicación do seu emprego en menores de 3 anos.
  43. Dentro da Identificación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, unha das presentacións é o Mel monofloral de eucalipto, de cor ámbar, aromas céreos e sabor lixeiramente ácido e pouco persistente.
  44. "Descuberto un edulcorante que non provoca carie a partir das madeiras de eucalipto e piñeiro" (5.05.1992).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Castro, M., Freire, L. e Prunell, A.: Guía das árbores de Galicia. Xerais, Vigo 1989.
  • Consellería do Medio Rural: Anuario de Estatística Agraria 2005. Dirección Xeral de Investigación.
  • Cuveiro Piñol, J.: Diccionario Gallego (1876). En Diccionario de Diccionarios, 2003.
  • Font Quer, Pío: Plantas medicinales. El Dioscórides renovado, Labor, Barcelona 1961.
  • García, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe. Anexo 27 de Verba. Anuario Galego de Filoloxía. Secretariado de Publicacións da Universidade, Santiago de Compostela 1985.
  • Ginkel, Astrid van: "Eucalipto", en Fitomédica nº 25, xullo-agosto 1999, 64-75.
  • Leiro Lois, Adela (dir.): Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo, Cambados 1986.
  • Ramil Rego, Pablo: "Eucalyptus" en La Voz de Galicia 3.02.2009.
  • Rigueiro Rodríguez, Antonio: Guía de plantas medicinais de Galicia. Galaxia, Vigo 1996.
  • Rivas Quintas, Elixio: Frampas III en Diccionario de Diccionarios, 2003.
  • Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • Rodríguez López, Jesús: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Ed. Celta, Lugo 1974.
  • Silva Pando, Francisco Javier, e Rigueiro Rodríguez, Antonio: Guía das árbores e bosques de Galicia, Galaxia, Vigo 1992.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]