Ría de Ribadeo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°32′07″N 7°01′54″O / 43.53528, -7.03167

Localización da ría de Ribadeo (NL de Galiza)

A ría de Ribadeo, ou ría do Eo, é a formada a partir do río Eo xunto con outros ríos menores, como o río Grande. Está situada no nordeste de Galiza e oeste de Asturias, actuando como fronteira natural. Ten 10 km de lonxitude e unha largura abondo constante duns 800 m, estreitándose ata os 600 m preto da boca, circunstancia aproveitada para construír sobre ela a Ponte dos Santos, e abríndose abondo máis á altura da enseada de Arnao, xusto á beira da súa boca, ou na enseada da Liñeira, fronte a Ribadeo, ambas na parte oriental.

Características[editar | editar a fonte]

A ría de Ribadeo no mapa de Pedro Teixeira, 1634.

Delimitación[editar | editar a fonte]

Colle o seu nome da principal vila ribeirá, Ribadeo, a única situada baixo administración galega. Os outros tres enclaves principais son, na beira asturiana e de norte a sur, As Figueiras, Castropol e A Veiga. Recibe achegas de varios ríos, o Eo é o principal deles e o que aporta a maioría da auga doce que recibe, e outros son o Suarón e o Monxardín (ambos desembocando na Veiga, Asturias) e o río Grande na zona galega. A saída ó mar prodúcese na zona norte, entre os enclaves da Illa Pancha na parte galega (concello de Ribadeo) e a Punta da Cruz na asturiana (concello de Castropol). Polo interior, na desembocadura do río Eo, a variación mareal amortece ó longo de varios quilómetros, chegando ata Abres, zona final na que a ría recibe o nome de ría de Abres.

Medio físico[editar | editar a fonte]

Xeoloxicamente, o mesmo que as outras rías, está formada polo afundimento dun val fluvial. Na actualidade está colmatada de materiais fluviais formando marismas na súa primeira metade, e, facendo unha transición a materiais de orixe mariña, na parte central forma os tesos ou tesóns. Ten sido obxecto de diversos estudos, en particular a raíz dos traballos de Isidoro Asensio Amor.

A ría da acubillo a varias praias, entre as que destacan Arnao (a maior, con diferenza) e San Román, na parte asturiana, e O Cargadoiro na parte galega. Ademais cabe mencionar a praia dos bloques, artificial, ó sur do porto de Ribadeo, e a praia de Cabanela, desaparecida baixo o paseo marítimo de Ribadeo.

A ría sofre un porceso de colmatación que é tratado periodicamente con dragados. Abrangue no seu interior unha zona de especial protección para as aves[1] (ZEPA). É destacable a avifauna da ría, asentada na lama da súa parte interior (sur).

Instalacións portuarias[editar | editar a fonte]

No ano 2004 na ría de Ribadeo as instalacións portuarias ocupaban un 4% do espazo. A comezos de 2006 completouse o recheo cunha extensión de 8.000 m2, no porto de Ribadeo, instalacións de Mirasol. Con este recheo incrementouse a área portuaria ata acadar o 5 % do total da ría[2]. En Ribadeo as instalaciones comprenden un porto comercial, outro deportivo e outro pesqueiro. As Figueiras e Castropol tamén teñen instalacións porturarias, pero menores.

Outros empregos[editar | editar a fonte]

Na parte asturiana da ría están enclavados os estaleiros Gondán[3], con abundante produción de barcos no século XXI.

Protección[editar | editar a fonte]

A ría é acollida por diferentes figuras de protección. Dende o ano 1983, é Refuxio Nacional de Caza[4], estando acollida despois como zona ZEPA[5], Reserva da Biosfera[6], reserva natural, recollida na Red Regional de Espacios Naturales Protegidos de Asturias (RRENP)[7], etc.

Controversia sobre o nome[editar | editar a fonte]

Na vertente asturiana da ría úsase principalmente o nome de ría del Eo (ou ría do Eo) entre os habitantes da zona; porén, os organismos oficiais, segundo resolución da Dirección Xeral de Cartografía, avalada polo Instituto Xeográfico Nacional, denomínana ría de Ribadeo.[8]

Isto levou a peticións diverxentes por parte dos alcaldes de Vegadeo e Castropol,[9] a Xunta de Galicia ou a Plataforma para a Defensa da Ría de Ribadeo.[10]

O nome de ría de Ribadeo vese avalado por aparecer con ese nome en mapas e cartas mariñas desde o século XVI, e porque tradicionalmente as rías do Cantábrico toman a denominación da poboación de maior entidade na súa desembocadura. Pola súa parte, desde a parte asturiana deféndese que a ría era propiedade de Castropol desde 1154, non sendo ata 1956 cando se tomou a ría como división ou fronteira entre Asturias e Galicia. Así, segundo o Principado de Asturias, o topónimo tradicional de maior uso en ámbalas dúas marxes é «ría del Eo-ría do Eo, de uso exclusivo en Asturias e maioritario en Galicia», argumento rebatido desde o lado galego.

O caso foi tratado pola Comisión especializada de nomes xeográficos nas súas reunións de 19 de decembro de 2007 e 12 de marzo de 2008, estudando os informes da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, a Dirección General de Promoción Cultural y Política Lingüística da Consejería de Cultura y Turismo do Principado de Asturias e a Real Sociedad Geográfica, acordando que o nome oficial recoñecido sexa o de ría de Ribadeo.[11][12][13] Porén, e a pesar da resolución oficial baseada en datos históricos e xeográficos, a polémica continúa, dado o interese asturiano en que se considere o nome que eles defenden como oficioso.

Por outra parte, e de acordo co nome legal, o ex-presidente do Goberno de España, Leopoldo Calvo-Sotelo, foi investido polo rei Xoán Carlos I, o 24 de xuño de 2002, como o primeiro marqués da ría de Ribadeo (con Grandeza de España).[14]

Galería de Imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "DECRETO 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia." (PDF). DECRETO 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia. Consultado o 22/1/2016. 
  2. "Mapa Sigpac". Sigpac. Coordenadas 43º32' N, 7º2'17" O. Consultado o 6/11/2016. 
  3. "Asteleiros Gondán". Consultado o 6/11/2016. 
  4. Guía Turística de Ribadeo, D.L.LU 28-2016
  5. "DECRETO 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia." (PDF). DOG. Consultado o 6/11/2016. 
  6. "Información xeográfica de Galicia". Información xeográfica de Galicia. Consultado o 6/11/2016. 
  7. [1]
  8. resolución de la Dirección General de Cartografía, avalada por el Instituto Geográfico Nacional
  9. El Comercio, 15 de setembro de 2005
  10. Una plataforma gallega pide al Instituto Geográfico que oficialice «Ría de Ribadeo»
  11. Noticia sobre la controversia y la resolución de la Comisión Geográfica Nacional
  12. Fomento oficializa el topónimo de ría de Ribadeo
  13. Informe sobre la resolución adoptada por la comisión especializada de nombres geográficos con relación al tomónimo Ría de Ribadeo
  14. "El marquesado de la Ría de Ribadeo pervivirá tras fallecer Calvo-Sotelo" La Voz de Galicia, 28 de maio de 2008.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Artigo sobre a ría de Ribadeo: '"Visións de o Tesón"