Saltar ao contido

Sociedad Deportiva Teucro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «SD Teucro»)
S.D. Teucro
Nome completoSociedad Deportiva Teucro
CidadePontevedra, Galicia Galicia
Historia1945-Actualidade
Fundado4 de maio de 1945
PavillónMunicipal dos Deportes (4.000 espectadores)
PresidenteGalicia José Ameijeiras
AdestradorGalicia Irene VIlaboa
CompeticiónPrimeira Nacional
Cores          Azul e branco
Na rede
https://teucro.es/
Team colours
Team colours
Team colours
Team colours
Local
Team colours
Team colours
Team colours
Team colours
Visitante
Sitio web
Sitio web oficial

A Sociedad Deportiva Teucro é un equipo de balonmán de Pontevedra. Compite na Primeira Nacional, terceira categoría do balonmán español. Xoga os seus partidos como local no Pavillón Municipal dos Deportes, un pavillón con capacidade para 4 000 persoas.

Fundación

[editar | editar a fonte]

Vicedecano do balonmán español,[a] a Sociedad Deportiva Teucro naceu o 4 de maio de 1945. Inicialmente o club contaba con once seccións deportivas nas modalidades de ximnasia, atletismo, fútbol, baloncesto, balonmán, remo, natación, hóckey, ciclismo, xadrez e tenis de mesa,[3] mais a finais do ano incorporouse unha sección máis, elevando o número de modalidades da entidade ata as 12.[4]

Os fundadores do club foron José Covelo Neira, Robreto Rodríguez Ozores, Jesús Dapena Corbal, Joaquín González García y José Soto Martínez, este último determinante tamén no nacemento do Pontevedra Club de Fútbol catro anos antes. Rafael Díaz Ureña foi nomeado primeiro presidente do club pontevedrés, mentres que Víctor Cervera Mercadillo ocupou a vicepresidencia dunha xunta directiva que completaba José Covelo Neira como secretario, e que pretendían facer do Teucro un gran club a curto prazo.[3]

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]

Con todo, a modalidade máis exitosa durante os primeiros anos do club foi o atletismo, que axiña conseguiu o campionato galego para o club coincidindo co ocaso da Sociedad Gimnástica.[4]

En 1948 organiza a Fase Final do Campionato de España de balonmán (na modalidade de a once), como premio á boa traxectoria do equipo. Na Fase Final tamén participan o FC Barcelona, a Real Sociedad de San Sebastián e o SEU de Barcelona, destacando xa a afección do Teucro como unha das mellores da península.

A principios de 1958 comeza a participación en competicións oficiais de balonmán xuvenil en modalidade a sete (se ben o equipo sénior aínda participaba a once), inscribindo dous equipos pola gran cantidade de xogadores desa categoría que se anotaron. Tanto os xuvenís como o equipo sénior acadan boas posicións nas súas competicións. Nese mesmo ano comezan as seccións de natación, montaña, pelota e actividades recreativas.

O equipo sénior gañou o campionato local en 1959, e os xuvenís obtiveron en León o primeiro posto do sector nacional, clasificándose para a fase final do Campionato de España a celebrar en Zaragoza, onde acada o terceiro posto.

Malia as diferentes seccións deportivas, xa nos anos 60 era o equipo de balonmán o que destacaba por riba dos demais. Na tempada 1960/61 o equipo de Primeira División e o de Segunda clasificáronse para as fases nacionais, celebradas respectivamente en Palencia e Alacant, igual que na tempada 1961/62, ano en que a Federación Española de Balonmán concede á SD Teucro unha placa ó mérito á entidade con maior contribución á difusión deste deporte.

En 1963 un combinado de xogadores da SD Teucro e do Vulcano, como selección de Pontevedra, clasificouse por primeira vez para as semifinais da Copa do Xeneralísimo, tras vencer á selección de Zaragoza. A Semifinal celebrouse en Pontevedra ante miles de afeccionados e coa presenza entre outras autoridades do Presidente da Federación Española de Balonmán. O partido rematou co triunfo da Selección pontevedresa ante a de Valencia.

Na tempada 1963/64 o equipo resulta campión do sector noroeste, clasificándose para a Fase de Ascenso a División de Honra, celebrada en Elx, que gañaría finalmente o Granollers. Na década dos 60 varios xogadores da canteira pontevedresa chegan á Selección Nacional.

Tras algúns altibaixos deportivos, na tempada 1972/73 o equipo asegura o ascenso á División de Honra a falta de dúas xornadas. Mantense aí ata a tempada 1976/77 (acadando na tempada 75-76 a súa mellor clasificación ata aquel momento, un 7º posto). Descende a Primeira Nacional, onde está ata a tempada 1983-84, na que ascende á máxima categoría, que perde ó ano seguinte.

O afianzamento definitivo na máxima categoría do balonmán español conséguese na tempada 1989/90. En 1993 a SD Teucro foi semifinalista na Copa de S.M. El Rei. Na 1995/96, despois dunha temporada anterior estupenda na que se mantivo na loita polo título ata caer en Barcelona a falta de cinco xornadas, obtén un cuarto posto de 16 equipos, clasificándose así para disputar a Copa EHF.

Debut europeo

[editar | editar a fonte]

O 8 de outubro de 1995 produciuse o debut do equipo pontevedrés nunha competición europea, disputando os 1/16 de final da Copa EHF ante o Elektromos Budapest húngaro. O primeiro partido da eliminatoria a dobre volta disputose en Pontevedra, onde o equipo dirixido por Fran Teixeira se impuxo por 27-25, logo de finalizar a primeira parte con empate a 12 tantos no marcador. O partido de volta disputado en Budapest finalizou tamén cunha vantaxe de dous goles (26-24), desta volta favorable ao equipo húngaro, o que puña nun empate (51-51) a eliminatoria, con todo, o valor dobre dos goles logrados en cancha contraria deixou fora da competición ao equipo galego ante un cadro húngaro cheo de xogadores internacionais húngaros.[5][6][3]

Mantendo o equipo na máxima categoría (a excepción de dúas tempadas: 97/98 e 00/01) a SD Teucro continuou paseando o nome de Pontevedra polos mellores campos da xeografía nacional. Na tempada 2003-04 consegue o 8º posto na liga e chega ás semifinais da Copa de S.M. El Rei en Pamplona.

Na tempada 2004-05, malia organizar a XXX Copa do Rei de Balonmán, descendeu. Nas mesmas datas organizouse a Fase Final do Campionato Xuvenil Masculino.

Tras dúas tempadas na División de Honra B, acadando na primeira un decepcionante 8º posto, na tempada 2006-2007 acada a segunda posición, o que lle permite ascender para xogar na 2007-08 de novo na máxima categoría, a liga Asobal.

Na tempada 2007-2008, a SD Teucro parte co obxectivo da permanencia na máxima categoría, obxectivo que consegue acadando o décimo posto. Nesta tempada conseguiu algunhas vitorias importantes, como a que se produciu na casa contra o BM Valladolid. Este 10º posto permítelle continuar un ano máis na considerada mellor liga do mundo.

Na seguinte tempada (2008/09) descende á División de Honra B, que no ano 2011 muda o seu nome para pasar a denominarse "División de Honra Prata", na que compite ata a tempada 2014/15, na que acada o campionato de liga e ascende de novo á Liga Asobal, tras seis tempadas na División de Prata.

No inicio da tempada 2009-10 o club alzouse co título da Copa Xunta de Galicia logo de impoñerse na final ao Academia Octavio. O equipo dirixido por Modesto Augusto derrotou ao cadro vigués, que dominou a primeira parte do encontro, grazas á súa defensa e acerto no treito final do partido.[7]

Pavillón

[editar | editar a fonte]
O Teucro xoga os seus partidos como local no Pavillón Municipal dos Deportes.

O Teucro xoga os seus partidos como local no Pavillón Municipal dos Deportes, un recinto do ano 1966 obra do arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota e con capacidade para 4 000 persoas sentadas. O pavillón está situado na rúa Xoán Manuel Pintos.[8]

Palmarés

[editar | editar a fonte]

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]

Ao longo dos seus case 80 anos de historia o club recibiu os seguintes recoñecementos:[9]

  • Premio á Mellor Afección de España en 1991.
  • Premio ao Mérito Deportivo na Categoría de Clubes, outorgado pola Real Federación Española de Balonmán nas tempada 1988-89 e 1994-95.
  • Premio ao Labor no Deporte Base, outorgado pola Federación Galega de Balonmán na tempada 2006-07.
  • Premio Pontevedreses en 2012.
  • Premio Servir Rotary Club Pontevedra en 2014.
  1. O club máis antigo de España é o BM Granollers, fundado en 1944.[1][2]
Referencias
  1. "Origen del 'Balón a Mano' Granollers (1944-1955)" (en castelán). BMGranollers.cat. Consultado o 17 de setembro de 2024. 
  2. "Los dos clubes de balonmano más antiguos, cara a cara". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de outubro de 2015. Consultado o 17 setembro de 2024. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Historia SD Teucro" (en castelán). Teucro.es. Consultado o 17 de setembo de 2024. 
  4. 4,0 4,1 Acevedo, David (4 de maio de 2020). "75 años de historia azul". Diario de Pontevedra (en castelán). Consultado o 17 de setembro de 2024. 
  5. "1995/96 Men's EHF Cup - MATCH DETAILS" (en inglés). EHF. Consultado o 17 de setembro de 2024. 
  6. Acevedo, David (8 de abril de 2020). "Añoranza de un tiempo pasado". Diario de Pontevedra (en castelán). Consultado o 17 de setembro de 2024. 
  7. Méndez, Gerardo (7 de setembro de 2009). "El Teucro, nuevo campeón gallego". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 17 de setembro de 2024. 
  8. "Pavillón Municipal de Deportes". Cidade de Pontevedra. Consultado o 17 de setembro de 2024. 
  9. "Palmarés" (en castelán). Teucro.es. Consultado o 17 de setembro de 2024. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]