Cabo Fisterra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°55′28″N 09°17′29″O / 42.92444, -9.29139

Cabo Fisterra.

O cabo Fisterra é un promontorio de granito dunha altura de 600 m situado no concello coruñés de Fisterra en plena Costa da Morte, constituído por unha península que penetra no mar 3 km.

Cabo Fisterra desde o monte Pindo.

Hai autores[quen?] que identifican o cabo Fisterra co antigo Promontorio Nerio dos xeógrafos romanos, outros sitúan neste lugar a Ara Solis, na cal se practicaba o culto celta ao Sol. Os romanos pensaron que este era o punto máis occidental do mundo coñecido. Porén, o cabo Touriñán sitúase máis cara o oeste.

Vista lateral do cabo Fisterra.

O faro foi construído en 1853. A torre do faro, feita de cantaría, é de base octogonal, e acaba nunha cornixa sobre a que se apoia a balconada. Encima está a bóveda, cunha lanterna poligonal. A torre mide 17 metros e a súa luz, situada a 143 metros sobre o nivel do mar, acada máis das 30 millas náuticas. A constante néboa do inverno provocou que se lle engadise unha sirena en 1888, a Vaca de Fisterre, para avisar aos navegantes do perigo existente. Aínda así, foi escenario de naufraxios, como en 1870, cando o Monitor Captain se afundiu levando 482 persoas da súa tripulación no suceso máis lutuoso desta costa.

Hai tamén, preto do lugar unha serie de pedras vencelladas a lendas relixiosas: As Pedras Santas, As Pedras Manchadas de Viño, A Cadeira de Pedra, A Tumba de Orcabella.

Batallas do cabo Fisterra[editar | editar a fonte]

Tres batallas de combates navais entre o Reino Unido e Francia coñécense como a batalla do cabo Fisterra, tiveron como escenario principal esta costa do noroeste de España.

Última etapa do Camiño de Santiago[editar | editar a fonte]

O cabo Fisterra é hoxe día o destino final para moitos peregrinos do Camiño de Santiago, tras percorrer unha distancia de 89 km desde Santiago de Compostela, se ben algúns peregrinos continúan ata Muxía, a un día de marcha máis lonxe.

Na área hai restos de crenzas e lugares santos precristiáns. Disque o cabo fora o "Ara Solis", onde fenicios ou celtas adoraban o sol entre outros rituais. O Monte Facho era o lugar onde se levaban a cabo as ofrendas e rituais en honra de san Guillerme de Gellone que morou nunha casopa no lugar. A carón da casa de San Guillerme as parellas estériles terían relacións sexuais sobre un penedo, a cama do santo, para tratar de concibir, seguindo vellos ritos de fecundidade.

Lendas[editar | editar a fonte]

No veciño Monte do Facho, había un menhir fincado de pé contra o cal os namorados, seguindo ritos celtas, debían copular para mellorar a fertilidade. O menhir sería demolido no século XVIII por clérigos locais.[1]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Fisterra.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cf. p. 191, DAVIES, Bethan e COLE, Ben (2003). Walking the Camino de Santiago. ISBN 0-9731698-0-X.  Parámetro descoñecido |editora= ignorado (Axuda)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]