Cortegada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°12′25″N 8°10′9″W / 42.20694°N 8.16917°W / 42.20694; -8.16917

Cortegada
Escudo de Cortegada
Concello de Cortegada.JPG

Casa do Concello e Biblioteca Municipal de Cortegada.
Situacion Cortegada.PNG
Situación
Xentilicio[1] cortegao
Xeografía
Provincia Provincia de Ourense
Comarca Comarca do Ribeiro
Poboación 1.191 hab. (2014)
Área 26,9 km²
Densidade 44,28 hab./km²
Entidades de poboación 7 parroquias
Política (2011)
Alcalde Avelino de Francisco Martínez
Concelleiros BNG: 1
PPdeG: 2
PSdeG-PSOE: 6
Outros: -
Eleccións municipais en Cortegada
Uso do galego[2] (2011)
Galegofalantes 87,96%
Na rede
http://www.cortegada.es

Cortegada é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca do Ribeiro. Segundo o IGE en 2014 tiña 1.191 habitantes.

Poboación[editar | editar a fonte]

Censo Total 1.191 (2014)
Menores de 15 anos 60 (5,04 %)
Entre 15 e 64 anos 690 (57,93 %)
Maiores de 65 anos 441 (37.03 %)

Xeografía[editar | editar a fonte]

O concello limita ao norte co concello da Arnoia, ao leste con Gomesende, ao sur con Padrenda e ao oeste co concello pontevedrés de Crecente. Atópase á beira do río Miño entre os seus afluentes, os ríos Arnoia e Deva.

Historia[editar | editar a fonte]

As primeiras pegadas son da Idade do Bronce, cos petróglifos de Valongo (monte Picoñas) e Louredo (coto das ferraduras). Hai un poboado castrexo en Abelenda, así como indicios doutros castros en Monte do Castro en Louredo e Muradelle en Refoxos). Da dominación romana, consérvanse dúas aras, unha en Meréns como agradecemento por recuperar a saúde e outra en Zaparín adicada ao deus Ceceaigis (cunha dedicación semellante en Graginha Chaves).

Na alta Idade Media o lugar estivo poboado por varias comunidades campesiñas que se coñecen a través de varios foros e documentos de doazón ao mosteiro de Celanova[3]. Estas comunidades labregas xunto a pequenos señores feudais que erguen os seus enclaves aproveitando as terrazas sobre o Miño edificando algunha pequena fortaleza da cal só fican restos na toponimia (lugares da Torre en Zaparín e Louredo) fronte a aceifas de Al-Andalus e logo do veciño Reino de Portugal (sobre todo do rei Afonso Henriques que conquistou varias veces o dominio do sur de Ourense e Pontevedra).

Ao longo da Idade Media o territorio pertencía a varios coutos señoriais, un de señores laicos (Meréns, Louredo, Poulo) e outros relixiosos (pertencentes ós mosteiros de Celanova e Ramirás[4]). O couto señorial que máis terreo ocupaba era o de Vestiaria (cuxo priorado se conserva no lugar de Refoxos[5])doado polo rei galego-castelán Afonso VII en 1145, o outro Couto era o de San Bieito de Arnoia (actual san Bieito do Rabiño).

Ao longo do século XVII tiveron lugar varias resistencias antiseñoriais polos privilexios económicos dos frades de Celanova e unha renovación de 55 foros, que producen unha auténtica rebelión labrega de todo o Couto da Vestiaria en 1673[6].

Durante o século XIX coa proclamación da Constitución española de 1812, suprimiuse o réxime xurisdiccional e establecéronse os Concellos de Rabiño e Valongo. Porén, en 1814 un decreto derrogatorio da Constitución asinado polo Rei Fernando VII, supuxo a restauración do Antigo Réxime e a súa administración señorial derogada outra vez no Trienio Liberal. A instauración definitiva do municipalismo produciuse coa división territorial de España en 1833. Deste xeito constituíuse o Concello de Cortegada en 1835, que inicialmente abranguía ás parroquias de Meréns, Rabiño, Refoxos e Valongo. En 1893 segregáronse de Rabiño as parroquias de Cortegada e Louredo, mentres que a parroquia de Zaparín separouse de Refoxos. Dende entón non houbo variacións no territorio, que pertenceu ós partidos xudiciais de Celanova (1835-1965) Ourense (1965-1988) e Ribadavia dende 1988.

A guerra carlista deixou varios enfrontamentos debido á proximidade da fronteira portuguesa (20 km), que foi usada como base de aprovisionamento e refuxio das partidas carlistas, sobre todo na I Guerra Carlista pola partida de Mateo Guillade en 1838. Da segunda Guerra carlista consérvase na tradición oral a morte dun xefe carlista en Louredo.

Durante a ditadura de Miguel Primo de Rivera construíuse a ponte de ferro e pedra de Filgueira-Cortegada rematando co oficio de barqueiro de toda a aldea da Barca que databa da Idade Media(nos anos 70 deshabitaríase de todo polas augas do encoro de Frieira). Xa durante a II República o territorio proseguiu a súa modernización, e xurdiron varias agrupacións políticas que tralo Alzamento Nacional de 1936 entraron en combate. A Falanxe local tomou a tiros a oficina de correos e telégrafos contra so socialistas, que foxen ó monte á espera do que sucedese no resto do Estado Español. De aí a pouco, desatouse a represión contra varios veciños e outros son chamados a filas polo exército franquista (que xa dominaba toda Galicia) mentres algúns naturais pasaron a engrosar as filas do exército republicano debido a que se atopaban na sega de castelá (nas Milicias galegas e incluso no Batallón Galicia).

A mediados do século XX houbo unha forte emigración cara a Europa, Madrid e o País Vasco.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Os petróglifos do monte Picoñas están situados na aba deste outeiro de 334 m, no val do río Deva, sobre os lugares de Casaldálvaro e O Casal. Os gravados inclúen labirintos, e cazoletas de gran tamaño. En Louredo, están os petróglifos da Pena do Campo, cunhas cazoletas e os do Coto da Ferradura, cuns inscultura en forma de ferraduras da Idade do Bronce comentados por Bouza Brey na década de 1930.

A ara romana de Zaparín ten a inscrición latina Diis Ceceaicis iriba Marcus Aeturi ("Marco da tribo dos eturios dedica esta ara a Ceceaicis"). O nome latinizado indica que a ara é posterior á romanización. A divindade Ceceaicis aparece noutra ara en Braga. Está situada fronte á igrexa de San Martiño de Zaparín, e sobre ela ten unha cruz de pedra. A outra ara, atópase en Meréns, onde a descubriu Fermín Bouza Brey en 1936, de pé de pía de auga bautismal na vella capela, a inscrición alude ao sol a á saúde.

A igrexa de San Martiño de Valongo é un templo barroco, reconstruído a mediados do século XVIII grazas ao donativo do frade agostiño Diego Martín de Vergara, natural da parroquia e que chegou a ser o arcebispo en Bogotá e se fixo unha capela propia que loce o escudo heráldico persoal no flanco esquerdo.

A igrexa de San Bieito de Rabiño pertenceu ao mosteiro de Celanova a través do priorado de Arnoia. O templo actual é barroco, destacando a torre central sobre a porta principal, dando impulso vertical á fachada. Sobre a porta, no medio dun frontón triangular, está a efixie de San Bieito. O retablo maior, do século XVIII, ten relevos da Santísima Trindade.
O templo, de granito do país, é de planta de cruz latina, cunha soa nave cuberta de arcos de medio punto ao longo do corpo até o cruceiro, onde se forman tres bóvedas sostidas por nervaduras, de catro brazos nos brazos laterais e dezaseis na bóveda da cabeza, onde o deseño fai un rombo dividido en catro espazos de lados convexos. As nervaduras son de cor marrón listado. As capelas laterais ostentan como claves das nervaduras senllos debuxos do Sol e a Lúa humanizados por un rostro. As claves das nervaduras da bóveda principal teñen decoración vexetal ,unha cruz asturiana e unha Lúa acompañada de dúas estrelas. Na sancristía a bóveda está sostida por catro nervaduras reunidas nunha clave que ten tallada un sombreiro eclesial de dúas puntas. Tanto as bóvedas laterais como a central conservan pintura.
A carón da igrexa atópase un milladoiro. O edificio é de planta cadrada con tellado a catro augas, sobre unha bóveda de crucería sustentada por catro arcos e catro piares. No centro do edificio hai unha mesa de ofrendas e un cruceiro tallado coa Virxe María e Cristo.

A igrexa de Louredo foi deseñada en 1906 polo arquitecto modernista Daniel Vázquez Gulías. Contén unha labra románica en pedra da Virxe María.

O pazo de Louredo ten un só nivel de planta cadrada, cun patio pechado por unha porta principal de arco de medio punto decorada con molduración corrida sobre o lintel da porta, que sostén dúas ameas de pico. A os dous lados da porta hai dous escudos da familia Puga, e enriba dela hai unha cruz.

A casa museo Bouza Brey foi a última morada de Fermín Bouza Brey, galeguista, xuíz represaliado polo franquismo, arqueólogo e poeta. Actualmente é de propiedade privada.

A casa consistorial é de arquitectura colonial, construída a comezos do século XX grazas a dous indianos.

O pazo de Seixomil, do que destaca a súa cheminea, intégrase nun urbanismo preindustrial.

A ponte romana de Valongo cruza o río Deva.

A casa do conde de Ximón, situada en Meréns, foi construída en 1789. Conserva o escudo heráldico máis grande de Galiza, con dezaoito cuarteis rematados por unha coroa condal. Aparecen os apelidos Araúxo, Feixoo, Ortigueira, Mosqueira, Cismeiro, Figueiroa, Nóvoa e Sarmiento.

En Cortegada, ao pé do río Miño, hai un palacete modernista recentemente restaurado, vestixio do balneario antigo. As súas augas, sulfurosas e ferruxinosas, acadan os 38 °C, e tomadas en baño teñen propiedades para as enfermidades hepáticas, respiratorias, gastrointestinais, xenético-urinarias e da pel. Debido á existencia de balnearios, esta terra tamén se coñecía como Cortegada de Baños.

No concello, tamén hai cruceiros antigos nos lugares de Prado, Pousa, Vilaverde Casares e Louredo, e petos de ánimas en Rabiño, Torre, Meréns e Louredo. Destacan tamén os hórreos de Piñor.

Termalismo[editar | editar a fonte]

Xa no século XVIII tiñan uso as augas termais de Cortegada, como deixou escrito en 1764 Pedro Bedoya. En 1816 había casa de baños regulada e con director médico, que acollía xente do lugar e da contorna. O fluxo de persoas aumentou en 1881 coa chegada do tren Vigo-Castela á parroquia veciña de Filgueira (Crecente), da outra beira do Miño.

Hai tres fontes termais: baños da Pedra (a máis abundante), do Campo (mana a borboroto) e do Monte, antigamente do Castaño (a de menos caudal). Son de propiedade comunal (consérvase un foro do século XV regulando o usufruto das augas por parte do mosteiro de Celanova), se ben a principios do século XX foron alugadas á familia Álvarez (máis coñecidos como "os Tortuga"). En 1933 construíron un palacete de estilo modernista; pouco máis abaixo erguéronse varias casetas de madeira para os bañistas, e construíronse varios hoteis no casco vello de Cortegada.

Trala segunda Guerra Mundial os baños comezaron a súa longa decadencia, ata que foron atacados de morte coa construción do encoro de Frieira na década de 1970, que subiu o nivel do río, cubrindo as mellores fontes termais e multiplicando o nivel de humidade e frío na zona. Ao longo da década de 1990 tentouse revitalizar o termalismo.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Cortegada.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias de Cortegada

Cortegada (Santa María) | Louredo (San Xoán) | Meréns (San Cibrán) | Rabiño (San Bieito) | Refoxos (San Breixo) | Valongo (San Martiño) | Zaparín (San Martiño)

Lugares de Cortegada[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Cortegada vexa: Lugares de Cortegada.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Neira, Carlos. «Evolución do uso do galego por concellos». Consultado o 14 de outubro de 2014. 
  3. Fray Benito de la Cueva: "Historia de los monasterios y prioratos anejos a Celanova", edición, notas e índices por María Teresa González Balasch, introdución por José Ignacio Fernández de Viana y Vieites, Granada, 1991.
  4. Revista Minius, nºX, Beatriz Vaquero, Mercedes Durany e FJ Pérez: "A Terrade Celanova na idade Media" [1]
  5. Fr. Martín Sarmiento: "Viaje a Galicia", Editor José Luis Pensado (1975), Colección: EF [2]
  6. Breve historia de Galiza [3]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cortegada Modificar a ligazón no Wikidata

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Concellos da Comarca do Ribeiro Comarca do Ribeiro
Arnoia
Arnoia
Avión
Avión
Beade
Beade
Carballeda de Avia
Carballeda de Avia
Castrelo de Miño
Castrelo de Miño
Cenlle
Cenlle
Cortegada
Cortegada
Leiro
Leiro
Melón
Melón
Ribadavia
Ribadavia