Galego-portugués

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lingua galego-portuguesa no mapa político da península ibérica cara o século X, antes da separación lingüística das dúas variedades
O galego-portugués naceu grosso modo nos conventos lucense e bracarense da que fora a provincia romana de Gallaecia.
Linguas e dialectos descendentes do idioma galaico-portugués en Europa:      Idioma galego      Idioma portugués

O galego-portugués (tamén chamado galaico-português) é a lingua medieval que se falou no noroeste da Península Ibérica que deu lugar ó galego e portugués actuais. Procedía do latín falado na Gallaecia[1] e foi introducido polos colonizadores romanos. É polo tanto unha lingua romance. Tivo especial relevancia cultural durante varios séculos, e disto dan fe os textos medievais conservados nesta lingua.

A lingua considérase formada no século VIII, principalmente coma desenvolvemento do latín vulgar falado polos conquistadores romanos a partir do século II d. C.

O documento da lírica galego-portuguesa máis antigo parece ser a cantiga satírica "Ora faz ost'o senhor de Navarra" de Johan Soarez de Pávia, datado en 1196 por algúns expertos. As recompilacións líricas medievais galego-portuguesas máis importantes que se conservan hoxe son o Cancioneiro de Ajuda, o Cancioneiro da Vaticana, o Cancioneiro Colocci-Brancutti e as Cantigas de Santa María.

O rei Afonso X o Sabio, de Castela, coordinou as Cantigas de Santa María en galego-portugués, que daquela era a lingua por excelencia para a lírica nos reinos de Galicia, León e Castela (estando o reino de Aragón na zona de influencia da literatura occitana). Tamén compuxo algunhas cantigas de amor, mais ningunha de amigo.

Algúns poetas salientábeis son: Bernal de Bonaval, Airas Nunez, Pero da Ponte, Pero Amigo, Xohán de Cangas, Martín Codax etc.

O galego-portugués tivo a súa máxima importancia dende finais do s. XII ata mediado o s. XIV.

Afastamento do galego e do portugués[editar | editar a fonte]

A partir da súa independencia, o reino de Portugal comezou coa creación dunha norma escrita (unha data importante é a declaración do galego-portugués —daquela chamado «nosa linguage» ou «vulgar»— como lingua oficial da súa administración en 1290), que en Galicia non se elaborou até ben entrado o século XX. Como sinala Azevedo Maia [2], axiña as formas escritas en Portugal comezaron a se homoxeneizar baixo a influencia da corte mentres que os escritos galegos van sendo penetrados de castelanismos. O feito de que a partir de 1480 os tabelións galegos tivesen que cambiar os seus formularios polos casteláns e tivesen que estudar en Toledo, aprofundou o proceso de castelanización dese galego escrito.

As diferenzas entre galego e portugués xa proveñen do galego medieval, onde en textos antigos xa se comeza a confundir as sibilantes xordas coas sonoras, conservadas en Portugal, así como outras pequenas variacións en morfoloxia (disso fronte a disse…). Ademais, o avance do galego-portugués cara ao sur e o desprazamento da capital portuguesa introduciron unha serie de elementos novos que deron lugar á situación actual:[3]

  • Dialectos galegos: os falados nas catro provincias galegas, en zonas limítrofes de Asturias, León e Zamora e o galego de Ellas. Caracterizados pola inexistencia de sibilantes sonoras e vogais nasais (só en pequenas zonas do «galego exterior») fronte aos dialectos portugueses.
  • Dialectos portugueses setentrionais: Do Miño até Aveiro na costa e Castelo Branco no interior. Presenza do fonema africado ( como o ch en chave) e non distinción entre b/v pero distingue sibilantes sonoras como o portugués común.
  • Dialectos portugueses centro-meridionais.

Características do galego-portugués[editar | editar a fonte]

O galego medieval distínguese do galego actual principalmente en:

  • Existencia de vogais nasais.
  • Distinción b/v.
  • Presenza de sibilantes sonoras j (g+ e, i), z, s intervocálico.

O sistema de vogais orais era o actual, ainda que non coa mesma distribuición, principalmente debido á posterior acción da metafonía. Ademais existian vogais nasalizadas pola perda dunha nasal. A queda de consoantes intervocálicas provocaba moitos hiatos, que despois se desenvolverían, principalmente por crase.

Consoantes do galego-portugués
Bilabiais Labiodentais Dentais Alveolares Pós-alveolares Palatais Velares
Realización xorda sonora xorda sonora xorda sonora xorda sonora xorda sonora xorda sonora
Plosivas p b t d k g
Nasais m n ɲ
Fricativas f v s z ʃ ʒ
Africadas ts dz
Laterais l ʎ
Vibrantes ɾ

Documentos máis antigos en galego-portugués[editar | editar a fonte]

Nome Datación Título Descrición
"Doação à Igreja de Souselo" 870 d. C. O texto mais antigo latino-português Copia do século XI escrita en letra visigótica de transição
"Carta de Fundação da Igreja de Lardosa" 882 d. C. O documento original máis antigo latino-português Escrita em letra visigótica cursiva
"Notícia de fiadores" 1175 Posibelmente o documento máis antigo escrito en galego-português Pequena lista de nomes que remata con esta frase: "Istos fiadores atan .v. annos que se partia de isto male que li avem."[4]
"O Pacto de Gomes Pais e Ramiro Pais" c. 1175 Posibelmente o documento máis antigo escrito en galego-português É apenas datábel criticamente
"Ora faz host'o senhor de Navarra" c. 1196 O texto lírico máis antigo escrito en galego-português que é posíbel datar Presente nos Cancioneiro da Biblioteca Nacional e da Vaticana
"Testamento de Afonso II" 1214 O documento rexio máis antigo en galego-português Primeiro texto escrito tras a independencia de Portugal
"Notícia de Torto" 1214-1216 O documento notarial particular máis antigo escrito en galego-português Longa narrativa dos agravios que Lourenço Fernandes da Cunha sofreu nas mans de outros señores
"Foro do bõ burgo de Castro Caldelas" 1228 O documento máis antigo en galego-português escrito na Galiza Outorgado por Afonso IX en abril de 1228 no concello de Allariz
Foro do Bo Burgo de Castro Caldelas, privilexio dado polo rei Afonso VIII. Primeiro documento real en lingua galega. Allariz, 1228

A Notícia de fiadores (1175) é o documento en galego-portugués máis antigo coñecido con data. O Pacto dos irmãos Pais reivindica o título de texto mais antigo encontrado en Portugal, no entanto é apenas datábel por conxectura, e é probabelmente anterior a 1173. Outro documento, a Notícia de Torto[5], sen data, calcúlase que foi escrito entre 1211 e 1216. O Testamento de Afonso II data de 1214. Algo anterior é o primeiro documento literario coñecido escrito en galego, Ora faz ost’o senhor de Navarra de Johan Soarez de Pávia.

O documento máis antigo escrito en Galicia data do ano 1228. Trátase do Foro do bõ burgo de Castro Caldelas[6] outorgado por Afonso IX en abril do dito ano ao municipio de Allariz.

O máis antigo documento latino-galego-portugués, encontrado en Portugal, é chamado de Doação à Igreja de Souselo, encóntrase no Arquivo Nacional da Torre do Tombo, e é datado do ano de 870 d.C.[7]

Tradición oral na cultura galego-portuguesa[editar | editar a fonte]

O patrimonio cultural inmaterial galego-portugués está presente nas tradicións orais populares e é hoxe un patrimonio en perigo de extinción, o que levou á súa candidatura conxunta polo gobernos de España e de Portugal á "Masterpiece of Oral and Intangible Heritage of Humanity" en 2005.

O folclore galego-portugués é rico en tradicións orais; estas inclúen as "regueifas" ou "cantigas ao desafío", mitos e lendas, cantigas, ditados e lengalengas, alén dos falares que reteñen unha semellanza a nivel morfolóxico e sintáctico, no léxico e na fonética. A tradición oral está ligada a diversas actividades tradicionais que transmítense oralmente, coma as celebracións das festas populares tales coma o entroido, o magosto, as festas da coca, San Xoán, as festas marítimas, romarías, música e danzas populares. Nos oficios, coma as actividades piscatorias, a agricultura e o artesanado, alén de seren actividades que son transmitidas de xeración en xeración de xeito verbal, cada actividade emprega un vocabulario específico. Tamén nos costumes, nos falares, nos bailes, nos rituais, na medicina tradicional e na farmacéutica popular, nas artes culinarias, nas supersticións e crenzas, existe todo un coñecemento que é transmitido oralmente.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ramón Mariño Paz Historia da lingua galega. Sotelo Blanco, 1998, páxina 104
  2. Ver Bibliografia, capítulo de Conclusións
  3. * Lindley Cintra, Luís F. Nova Proposta de Classificação dos Dialectos Galego-Portugueses (PDF) Boletim de Filologia, Lisboa, Centro de Estudos Filológicos, 1971.
  4. Modelo:Citar web
  5. Notícia de Torto, História da Língua Portuguesa.
  6. Foro do bo burgo de Castro Caldelas, consellodacultura.org
  7. O documento máis antigo en latín-galego-portugués, ano 870.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Clarinda de Azevedo Maia (1988). História do Galego-Português. Estudo lingüístico da Galiza e do Noroeste de Portugal desde o século XIII ao século XVI. Coimbra: INIC. 
  • Edwin B. Williams, From Latin to Portuguese. Historical Phonology and Morphology of the Portuguese Language1938, Trad. port. de Antônio Houaiss: Do Latim ao Português. Fonologia e Morfologia Históricas da Língua Portuguesa. Rio de Janeiro, Tempo Brasileiro, 1975 (3ª ed.)