Banco Pastor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Banco Pastor
Logo pastor168x78.gif;pv91c0cc0e0080a771.gif
Cantones pastor.jpg
Tipo Sociedade Anónima
Fundación 1776
2012 (Banco Popular Pastor)
Matriz Banco Popular Español
Localización Rúa Cantón Pequeno, 1 15003 A Coruña Galicia Galiza
Fundador Jaime Dalmau Batista
Persoas clave José María Arias Mosquera (presidente)
Industria Banca
Páxina web bancopastor.es

O Banco Pastor é un histórico banco galego fundado en 1776, que forma parte desde 2012 como filial do Banco Popular Español. Trátase do segundo banco máis antigo de España, despois do Banco Etcheverría. Opera en Galicia e a súa sede social está na Coruña.

Historia[editar | editar a fonte]

Empezou a súa actividade financeira en 1776 co nome de Jaime Dalmau y Cía. O seu fundador foi Jaime Dalmau Batista, que ata entón xestionara o tráfico de mercancías e pasaxeiros entre o porto da Coruña e varios portos americanos a través da súa navieira. Os emigrantes tiñan por costume enviar os seus aforros a través da compañía navieira e así naceu a idea de crear o banco, que empezou a xestionar todo ese capital.

En 1819 entrou José Pastor Taxonera como novo socio da compañía. Pronto se converteu no buque insignia da compañía e levou todo o peso dos negocios. En 1826 a compañía pasou a chamarse "Dalmau y Pastor".

En 1845 José Pastor Taxonera comprou a compañía, pasando esta a chamarse "José Pastor". Tralo falecemento de José Pastor en 1853 a compañía pasou a chamarse "Pastor Hermanos", tras facerse cargo dela o seu fillo, Juan Ventura Pastor Galcerán, e os medio irmáns deste, José Pastor Horta e Francisco Pastor Horta) en 1860.

Banco Pastor en Barcelona.

En 1868 a compañía pasou a chamarse "José Pastor y Cía." ó quedar como único socio vivo José Pastor Horta. Con el traballaba o seu sobriño, Pedro Barrié Pastor, que se incorporou como socio.

En 1877 faleceu José Pastor Horta, quedando a compañía en mans do seu herdeiro universal: Pedro Barrié Pastor, que mantivo o nome da compañía. En 1888 entrou a colaborar na compañía Ricardo Rodríguez Pastor, pasando a chamarse "Sobrinos de José Pastor". En 1915 Pedro Barrié de la Maza incorporouse como socio ó regresar da súa formación financeira en Alemaña, Gran Bretaña e Francia.

Edificio Banco de Vigo, principal sucursal do banco en Vigo.

En 1925 a compañía transformouse en Sociedade Anónima e o nome cambiouse a Banco Pastor.

En 1939 Pedro Barrié de la Maza fíxose co control do banco. Baixo a súa dirección, o Banco Pastor realizou numerosas inversións, converténdose no gran impulsor do tecido empresarial de Galiza. Esas inversións tomaron carácter estatal, e o Banco chegou a contar con participacións en empresas como ASTANO, Renfe e Fenosa (fundada en 1943 polo propio Barrié de la Maza.

En 1966 Barrié de la Maza creou a fundación que leva o seu nome. Esta fundación ten como obxectivo seguir impulsando o desenvolvemento cultural e económico de Galiza, sendo na actualidade propietaria do 40% do capital do Banco Pastor.

En 1968 instaláronse nas oficinas do banco as primeiras computadoras de Bull, (dúas GE415). En 1969 a fundación financiou un computador IBM 1130 para a universidade de Santiago.

Tras falecer Pedro Barrié de la Maza en 1971, a súa viúva, Carmela Arias y Díaz de Rábago foi nomeada presidenta do Banco, sendo a primeira muller en presidir un Banco en España. Abandonou dito posto en 2001 por razóns de idade.

A presidencia foi entón asumida polo seu sobriño, José María Arias Mosquera, que tamén é vicepresidente da Fundación Barrié. José María Arias iniciou en 2001 unha forte reestruturación de todo o banco que aínda segue en marcha. A reestruturación iniciouse co lanzamento dun primeiro plan estratéxico de 2002 a 2005, cumprido con varios meses de antelación. A finais de 2005 presentouse o novo plan estratéxico, Plan Delta, que durará ata decembro de 2008. O obxectivo final destes plans é triplicar o tamaño do banco. Ata a data a marcha do banco demostra o éxito destes plans, pois o valor do Banco en Bolsa pasou dos 700 millóns de euros en 2001, a máis de 3 500 millóns en 2006.

En 2011 a crise financeira afecta plenamente o banco, que suspende os test de estrés europeos. A finais de setembro nomea a Susana Quintás para o posto de directora xeral da entidade, de nova creación, e só uns días despois anúnciase a venda do 100% das accións da entidade ao Banco Popular, que pasa a converterse no propietario da entidade galega. No acordo de compra sinálase que a marca Banco Pastor se manterá en Galicia.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Banco Pastor
Escudo de A Coruña.svg
A Galipedia ten un portal sobre:

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]