Partido Socialista Galego

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Partido Socialista Galego (PSG)
Partido político de Galiza
Dirixentes e organización
LíderFrancisco Fernández del Riego
Xosé Manuel Beiras Torrado
Historia
Fundación23 de agosto de 1963
Disolución19841
Posicións políticas
IdeoloxíaSocialismo
Federalismo
Nacionalismo galego
1 Unión con Esquerda Galega para fundar PSG-EG

O Partido Socialista Galego (PSG) foi un partido galego nacionalista de esquerdas fundado na clandestinidade en 1963 e fusionado con Esquerda Galega en 1984.

Historia[editar | editar a fonte]

Fundación e primeira época (1963-1970)[editar | editar a fonte]

O 23 de agosto de 1963 Mario Orjales Pita, Salvador Rey Rodríguez, Salvador García Bodaño, Xosé Luís Rodríguez Pardo, Cesáreo Saco López, Manuel Caamaño Suárez e Ramón Piñeiro fundaron o PSG nunha xuntanza clandestina no despacho de Sebastián Martínez Risco.

Baixo o lema de federalismo, socialismo e democracia o novo partido atraeu a antigos membros do Partido Galeguista como Francisco Fernández del Riego, que foi elixido presidente do partido, Amando Losada, Domingo Pombo. Así como a mozos influídos polas ensinanzas de Ramón Piñeiro como Xosé Luís Franco Grande, Xosé Manuel Beiras Torrado, Valentín Arias e Ramón Lugrís. Con todo nos primeiros anos o PSG foi esencialmente un partido de cadros, ratificado no documento político de 1966, Os Nosos Principios, con escasa base militante, pero con boas relacións con outras forzas socialistas de Cataluña, Comunidade Valenciana e o País Vasco e cun pequeno núcleo de activistas na Universidade de Santiago de Compostela[1].

Durante a primeira época un dos principais obxectivos do PSG foi establecer relacións con outros partidos socialistas europeos[2], acudiron a xuntanzas en Italia e Francia con outras forza e estableceron unha relación estreita co Moviment Socialista de Catalunya e, grazas á súa colaboración, comezou a editar en Perpiñán en 1965 o seu voceiro Adiante, que pasou a editarse dende 1969 en Galicia co nome de Galicia Socialista. Pero nos últimos anos da década o PSG deixou de ter actividade pública.[3]

Segunda época, cambios ideolóxicos e escisións (1970-1977)[editar | editar a fonte]

Para reactivar o partido en 1970 conformouse unha dirección colexiada que lle deu unha orientación estratéxica e ideolóxica diferente, cun maior énfase no carácter nacionalista do PSG. En 1972 foi elixido como secretario xeral Xosé Manuel Beiras, e asumiu como principio programático a teoría do colonialismo interior defendida por este. En 1974 o PSG participou na Conferencia Socialista Ibérica xunto co PSOE, Moviment Socialista de Catalunya, Partit Socialista del País Valencià e a Unión Sindical Obreira, que en 1976, xa sen o PSOE, se transformou na Federación de Partidos Socialistas.

Cartel do PSG de 1977.

En 1975 integrouse no seo do PSG o Movemento Socialista de Galicia de Álvarez Gándara e González Amadiós. Os malos resultados das eleccións xerais de 1977 e as presións do PSOE esfarelaron a FPS e o PSG entrou en crise. Beiras saíu da dirección, sendo reemplazado por unha dirección colexiada con Valentín Arias como coordinador. Así mesmo, aparece un sector interno partidario de se achegar ao PSOE, feito que se ve plasmado no manifesto coñecido como Documento dos 19. Este sector formou o 2 de abril de 1978 o Colectivo Socialista-PSG, liderado por Rodríguez Pardo, Ceferino Díaz e Fernando González Laxe, que agrupaba arredor de 100 militantes. A dirección do PSG optou por expulsar ao colectivo, que acabou integrándose no PSOE.

Terceira época, política de coalicións e desaparición (1978-1983)[editar | editar a fonte]

O PSG participou na constitución de Unidade Galega para se presentar ás eleccións xerais e municipais de 1979, pero a diferenza do resto de partidos integrantes de UG negouse a entrar na Comisión dos 16, que tiña que elaborar o proxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981.

No II Congreso de xuño de 1980 desbotouse a posibilidade de confluír co Partido Obreiro Galego, comezando un achegamento ao BNPG co que conflue na creación da Mesa de Forzas Políticas Galegas, co programa das Bases constitucionais de 1976. Esta decisión de se achegar ao BNPG levou a unha nova división no seo do PSG que provocou a saída dun grupo de arredor de 50 militantes, entre eles os históricos Valentín Arias e Mario Orxales[4].

Para as eleccións autonómicas de 1981 acudiu en coalición electoral co BNPG; dos tres deputados elixidos, Claudio López Garrido era militante do PSG. Cando se formou o BNG, o PSG integrouse nel. Porén, no congreso extraordinario do 15 de xaneiro de 1983 decidiu abandonalo, feito que provocou unha nova escisión no seo do PSG. Unha parte da militancia permaneceu no BNG como Colectivo Socialista tras da decisión do PSG de concorrer en solitario ás eleccións municipais de 1983 e o resto, liderado unha secretaria colexiada na que estaban Domingos Merino, Claudio López Garrido, Lois Mazás ou Xosé Paz fusionouse con Esquerda Galega en 1984 formando o PSG-EG.

Cartel do PSG polo Día da Patria de 1980. 
Propaganda do PSG pedindo o non no referendo do estatuto de autonomía, 1980. 
Cartel para o Día da Patria de 1981. 
Cartel pedindo o voto para a coalición BNPG-PSG, 1981. 
Cartel anunciando un magosto e unha palestra contra a entrada do Estado Español na OTAN, 1981. 

Militantes[editar | editar a fonte]

O PSG foi un partido de cadros e cunha forte impronta culturalista[5], ata 1975 non pasou de 100 afiliados, aínda que chegou aos 650-700 afiliados na seguna metade dos 70.

Ano Afiliados[6]
1975 100
1977 600-700
1980 650
1982 1,130[a]

Eleccións[editar | editar a fonte]

Eleccións Ano Votos % Deputados/concelleiros Alcaldes
Eleccións xerais 1977 27.197 2,41% 0 / 350 -
Eleccións xerais[b] 1979 55.555 5,35% 0 / 350 -
Eleccións municipais[c] 1979 78.216 7,32% 141 / 4,072 9 / 312
Eleccións galegas[d] 1981 61.870 6,27% 1 / 71 -
Eleccións xerais[e] 1982 38.437 2,96% 0 / 350 -
Eleccións municipais 1983 7.084 0,58% 21 / 4,033 1 / 312

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Fermí Rubiralta, De Castelao a Mao, 1998, páx. 92-94
  2. Miguel Anxo Fernández Baz, A formación do nacionalismo galego contemporáneo (1963-1984), Santiago de Compostela, 2003, páx. 41
  3. Francisco Pillado e Miguel Anxo Fernán-Vello, Conversas con Xosé Manuel Beiras, Santiago de Compostela, 1989, páx. 171
  4. Manuel Rivas, Crise en Unidade Galega, rebumbio na esquerda, Man Común 1, 1980
  5. Bernardo Máiz, Galicia na II República e baixo o franquismo, Vigo, 1988, páx. 136
  6. Carbajo Vázquez, J. (2016). El Partido Socialista Galego (PSG) y el discurso de los derechos del Franquismo a la Transición Democrática. Ediciones Universidad de Salamanca. páxina 188.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Xa coma PSG-EG.
  2. Na coalición Unidade Galega.
  3. Na coalición Unidade Galega.
  4. En coalición co BN-PG.
  5. En coalición co BN-PG.