Saltar ao contido

Sempre en Galiza

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Este artigo trata sobre o libro de Castelao, para o artigo sobre programa de radio véxase Sempre en Galicia.
Sempre en Galiza
Imaxe
 Instancia de
 Título
Sempre en Galiza (gl) Editar o valor en Wikidata
Características
 Xénero artístico
 Edicións en galego
(22 de setembro de 2004) Sempre en Galiza
(1974) Sempre en Galiza Editar o valor en Wikidata
 Lingua orixinal
Implicados
 Autor/a
Datas
 Data de publicación
1944 Editar o valor en Wikidata
Localización
 País de orixe
Códigos e identificadores
Open LibraryOL23962602W Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
Enciclopedia Galega Universal: 185088
Wikidata

Sempre en Galiza é un libro de ensaio político escrito por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, considerado a obra canónica do nacionalismo galego. A obra publicouse o 10 de marzo de 1944 en Buenos Aires e os primeiros exemplares que chegaron a Galicia fixérono de xeito clandestino.

Castelao concibiu o libro baixo o título "Co pensamento en Galiza", como pode verse no manuscrito conservado no Museo de Pontevedra, datado en 1943 e dedicado á memoria de Alexandro Bóveda. Baixo o nome de Bóveda escribira protomártir, pero terminou riscando esta palabra. Finalmente, foi publicado como Sempre en Galiza.

No libro axúntanse artigos, ensaios, conferencias, discursos xunto a material pensado especificamente para a obra. O limiar da obra, Adro, comprende os artigos que dende Badaxoz escribiu para A Nosa Terra en 1935. A primeira parte escribiuna entre Valencia e Barcelona en 1937, orixinariamente publicouse na forma de artigos no xornal que os galegos exiliados publicaban en Madrid, Nueva Galicia. A segunda parte escribiuna en Nova York e durante a viaxe que o levou a Buenos Aires en 1940. O resto escribiuno en Buenos Aires entre 1942 e 1943.

Constituído por 14 capítulos que apareceran como artigos co título xenérico de "Verbas de chumbo" n' A Nosa Terra, teñen como eixo a postura de Castelao no seo do Partido Galeguista verbo da súa orientación ideolóxica e da súa alianza co centro esquerda español, o que chocaba coa orientación do ata entón principal ideólogo do galeguismo, Vicente Risco, e que conduciría á súa marcha do PG.

Castelao realizou algunhas modificacións ó texto dos artigos, na maior parte de tipo lingüístico ou de estilo.

Escrito durante a Guerra civil española, o texto apareceu no xornal Nueva Galicia entre xullo de 1937 e setembro de 1938 co título de Verbas de chumbo, agás a primeira que apareceu co título Nós. De novo publicouse en Nova Galiza de Barcelona tamén entre os anos 1937 e 1938. Castelao pensou en publicar un libro con estes textos co título de Verbas de chumbo, pero o desenvolvemento da guerra impediu que se editase. Trala derrota da república, Castelao modificou o texto para axeitalo á nova situación política.

O libro xira arredor do problema político galego e da súa resolución, a consideración de Galicia como nación e o repaso da posición dos diferentes grupos políticos ante o problema nacional e analiza as vantaxes dunha república federal, a historia do galeguismo e do Estatuto.

Este libro comezouno a escribir Castelao en Nova York ó alborexar 1940. Consta de 26 capítulos que finalizou no paquebote que o levaba á Arxentina e estaba pensado como unha segunda parte do libro anterior (Verbas de chumbo) para reflectir o afastamento político de Castelao das forzas republicanas motivado pola actitude destas cara ao Estatuto de Autonomía de Galicia e a súa actitude política no exilio.

Libro III

[editar | editar a fonte]

Este libro, que consta de 35 capítulos, escribiuse durante o desenvolvemento da segunda guerra mundial, entre febreiro de 1942 e abril de 1943, no que se albiscaba un triunfo dos aliados que levase á desfeita do réxime franquista e reflicte unha posición política pragmática e posibilista, de colaboración cos republicanos españois. É o libro máis ideolóxico de todos os que compoñen o Sempre en Galiza.

Este libro non figuraba na primeira edición senón que foi engadido na segunda edición (1961) con textos escritos por Castelao entre 1947 e 1948, tralo seu paso polo goberno de José Giral e a súa volta á Arxentina desilusionado coa situación política. Os sete capítulos do libro céntranse no federalismo. No capítulo primeiro inclúe o comezo do discurso Alba de groria pronunciado no Teatro Argentino de Buenos Aires o 25 de xullo de 1948.[1]

Edicións

[editar | editar a fonte]

Algunhas das edicións máis coñecidas da obra son:

Sempre en Galiza na escena mariñeira concibida por Francisco de Sales Covelo e interpretada por Isaac Díaz Pardo (exterior do Museo do Mar de Galicia, Vigo).

Recoñecemento

[editar | editar a fonte]

O Consello da Cultura Galega polo 70 aniversario da súa edición fixo accións de visibilización.[7]

  1. "25 de xullo, Alba de Groria" Real Academia Galega, 24/7/2012.
  2. Esta é unha versión censurada, comenza cunha nota do director da colección, Xesús Alonso Montero titulada "Esclarecendo un pouco", na que se dí textualmente "Os leutores disimularán -i entenderán- as pequenas omisiós -non chegan a duas páxinas en total-, omisios que foron debidas a necesidade de publicar hoxe o texto -texto completo que aparecerá completo cando aquí poda aparecer completo- e que non mancan nin imprecisan ningún dos planteamentos de Castelao". A continuación reproducense os textos omitidos:
    PáxinalocalizaciónTexto censurado
    34liña 11, despois de "Felipe II"para faceren esta guerra noxenta
    191liña 6, despois de "países retrógadas!..."Non se daría nada maís risible se non eisistira un Exército regular e a Garda Civil para defender esta hipocresía, esta ficción, esta falsedade; pero xa non é risible senón indiñante, a posición suicida das "esquerdas" e do mesmo proletariado.
    195liña 5, despois de "miliatarismo"que se consideraba ferido nos seus sentimentos patrióticos e hipotecou a independencia da patria,
    195liña 15, despois de "en pólvora"Eles representaban o orgullo, a soberbia e a vaidade; é decir, o máis vello, máis negro e máis podre da Hespaña centralista. Veles aí van: MILITARISMO A bravura dos militares hespañoes era o medo que metía medo. O coartel era un convento onde se xuraba, se blasfemaba, se conspiraba contra o Goberno, se pegaban labazadas, se depelicaban patacas e se tocaba a corneta. Alí os xefes e oficiaes escollían asistentes. Os militares usaban bigotes e padecían de catarro crónico. Adobiábanse con plumas, charoles, ferros e botóns dourados, para namoraren mulleres. Gostaban máis das procesións que das batallas. Perdían as guerras —eso é verdade—; pero perdíanas groriosamente. Eran cabaleiros no Casino e arrieiros no fogar. Chegaban a xeneraes polo riguroso turno de antigüedade. Morrían de prostatitis crónica (nos militares hespañoes todo era crónico). Os militaristas amaban a “intanxible unidade da patria”. Creían que Isabel a Católica descobrira as Américas. Tiñan unha espiña cravada no corazón: Xibraltar. Arruináranse comprando “marcos” e seguían sendo xermanófilos. Por algo foron vencidos polo povo.
  3. 1 2 Inclúe textos de Justo G. Beramendi, Xulio Cabrera, X. Castro, I. Cochón, F. Dubert, R. Máiz, A. Mato, H. Monteagudo, Xan Moreno e Ramón Villares.
  4. Conmemora o quincuaxésimo aniversario do pasamento do autor.
  5. Edición galega en portugués adaptada polo profesor Fernando Vázquez Corredoira. Con anotacións de Fernando Vázquez Corredoira e Ernesto Vázquez Souza, e textos de Camilo Nogueira, Francisco Rodríguez, Xosé Manuel Beiras, Margarita Ledo, Encarna Otero e Luís Gonçales Blasco ‘Foz’. Inclúe a separata 'Sempre Castelao'.
  6. Ficha de Forever in Galicia na páxina web da editorial.
  7. "Unha iniciativa para conmemorar o 70º aniversario da edición de Sempre en Galiza". Consello da Cultura Galega. Consultado o 24 de outubro de 2018.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]