Radio Galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Radiogalega.jpg

Radio Galega (RG) é o nome da radio pública de Galicia, integrada na Compañía de Radio-Televisión de Galicia, que inclúe tamén á Televisión de Galicia (TVG). Comezou a emitir, en fase de probas, o 24 de febreiro de 1985 e iniciou a súa programación regular o 29 de marzo dese ano[1]. Desde mediados de 2009 a súa directora é a xornalista Rosa Martínez, en substitución do tamén xornalista Virxilio Costas.

Historia[editar | editar a fonte]

Despois da aprobación da Lei de creación da CRTVG no Parlamento de Galicia o 11 de xullo de 1984, inícianse as obras da Casa da Radio coa remodelación do vello edificio sede da residencia do gobernador militar.

Radio Galega iniciou as súas emisións en probas o domingo 24 de febreiro de 1985, día que coincide co aniversario do nacemento da poetisa Rosalía de Castro. A súa programación regular comezou o 29 de marzo de 1985, e a partir desta data as súas emisións abranguiron as 24 horas do día ininterrompidamente en lingua galega.

O programa Fío directo foi o primeiro dos realizados polos Servizos Informativos da emisora. Inicialmente presentado por Pedro Revaldería, na súa terceira emisión pasou a ser dirixido e presentado por Xosé María Fernández Pazos, quen o levou ata outubro de 1985, cando pasou a coordinar os informativos da fin de semana. Sería substituído por Xan Docampo.

Fío directo emitíase inicialmente os luns de 7 a 8 da tarde, e, ó mes do inicio da súa emisión, pasou a emitirse de luns a mércores á mesma hora. O programa levaba cada día un invitado distinto, a quen os oíntes facían preguntas a través do teléfono.

A marcha de Xosé Luís Blanco Campaña como director da Televisión de Galicia nesa época trouxo como responsable da emisora a Xerardo Rodríguez Rodríguez. Na época de Xerardo Rodríguez a emisora chegou a cambiar o nome da emisora, pasando de Radiotelevisión Galicia a Radio Autonómica Galega e usando ademais o indicativo a radio nacional de Galicia.

O 15 de xullo de 1987 a Radio Galega inaugurou a súa segunda delegación territorial trala de Ferrol, cuxas instalacións, situadas no edificio El Moderno da cidade olívica, ascenderon a un coste de 13 millóns de pesetas da época.

Días despois dos atentados terroristas que na noite do 11 de outubro de 1990 deixaron tres mortos e 46 feridos en diversos puntos de Galicia, a Radio Galega logrou gravar nun comunicado a unha persoa que se identificou como Manolo Chao, considerado o máximo dirixente do EGPGC, que reivindicou na súa chamada a autoría dos mesmo e a pertinencia de dous dos falecidos á organización, englobandoo tamén nunha campaña contra os intereses do narcotráfico[2].

Despois de seis anos no vello Palacete de San Caetano, a necesidade de ampliar o espazo da emisora que se atopaba no recinto da Administración Autonómica e o de aumentar medios, fixo que o goberno galego decidira a construción do novo edificio, que se fixo en menos dun ano. Foi o 23 de novembro de 1990 cando a Radio Galega inaugurou oficialmente as súas novas instalacións en San Marcos, na parroquia compostelá de Bando, ao lado da Televisión de Galicia. O proxecto do edificio das novas instalacións empezáronse sendo director xeral de medios, Rafael Valcarce.

O primeiro anuncio da Radio Galega foi emitido ás 10.30 da mañá do 7 de outubro de 1990. Foi o de Loteria La Favorita da Coruña. Despois viría Autos Buenos Aires, do que se pudio escoitar na seguinte gravación a súa cuña publicitaria.

Emisión[editar | editar a fonte]

A Radio Galega é a única emisora de Galicia con total cobertura do seu sinal en todo o territorio da Comunidade Autónoma. O seu sinal distribúeo en Galiza Retegal. Tamén emite fóra de Galicia vía satélite, coma en Europa (a partir do 24 de decembro de 1998) e en América (a partir do 22 de febreiro de 1999).

Ademais, a Radio Galega foi a terceira emisora de España e unha das primeiras de Europa en poder ser escoitada en directo a través da rede Internet. Fíxoo o 20 de agosto de 1996.

O 3 de marzo de 2004 Radio Galega Música comeza a emitir en FM, dixital, Internet e TDT (Televisión Dixital Terrestre).

A segunda enquisa do EGM da temporada 2002-2003 sitúa á Radio Galega como a segunda emisora máis escoitada de Galicia, cunha media de 142.000 oíntes diarios.

Na actualidade conta con dúas cadeas que emiten dun xeito convencional: A Radio Galega, con programación xeralista integramente en galego, e Radio Galega Música, unha sorte de radiofórmula musical. No que se refire á emisión pola Internet e pola TDT, a ámbalas dúas cadeas antes citadas hai que engadir a de Son Galicia Radio, dedicada á música en lingua galega, tanto á tradicional como á máis contemporánea. Cabe salientar que no caso de Son Galicia Radio e dos "non-programas" de Radio Galega Música a emisión músical faise de forma ininterrompida, co que vén sendo un fío músical moi propicio pra quen fuxa da comercialidade.

A nova canle Son Galicia Radio bota a andar o 17 de maio de 2004 emitindo a través de Internet e da TDT.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]