Festas de San Froilán de Lugo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Festa de San Froilán")
A asociación cultural Cántigas e Frores nunha actuación durante as festas de San Froilán de 2011.

As festas de San Froilán teñen lugar en Lugo entre o 4 e o 12 de outubro. Xiran arredor do 5 de outubro, día en que o santoral católico conmemora o día de San Froilán. Foron proclamadas de Interese Turístico Nacional polo Ministerio de Industria e Turismo en 2006. Na actualidade son organizadas exclusivamente polo Concello de Lugo. O pregoeiro das festas de 2015 é o escritor Darío Xohán Cabana.

Evolución[editar | editar a fonte]

As festas de San Froilán están consideradas, en palabras de Álvaro Cunqueiro como "as máis belas do outono galego". Son as últimas de importancia que se celebran no ano en Galicia.

A celebración comezou sendo relixiosa. No ano 1600, a diocese de Lugo estableceuna como festa eclesiástica, con misa solemne e obrigatoria, cinco anos antes de que San Froilán (832?-905) fose declarado oficialmente patrón da cidade e da diocese. No 1754, a celebración relixiosa foi acompañada por outra popular. Este ano está considerado como o de inicio das festas como se coñecen hoxe en día.

Inicialmente, chamáronse feiras e festas de San Froilán, pero o aspecto de feira de gando foise perdendo cos anos. No século XXI, este aspecto feiral tradúcese nun desfile de gando polo centro da cidade e un salón multisectorial, chamado Expolugo, que se celebra no pazo de feiras e congresos. As casetas do polbo son tamén unha reminiscencia do tempo en que o San Froilán era unha inmensa feira.

Esta transformación dende unhas feiras populares a unha festa grande evidenciouse tamén nos lugares de celebración e na colocación das casetas e barracas, motivo de polémica veciñal cada ano. As feiras celebráronse a carón da muralla, na zona coñecida como A Mosqueira (unha das máis significativas do monumento), pero foron trasladándose cara á contorna do parque de Rosalía de Castro. No século XXI, as atraccións grandes sitúanse nas costas do Parque; as pequenas, nos seus arredores, e os vendedores ambulantes, entre a contorna desta zona verde e a Praza Maior.

Datas[editar | editar a fonte]

O San Froilán, como é coñecido popularmente, ten unha serie de datas significativas, que se repiten ano tras ano.

  • Domingo das Mozas. O día grande. Celébrase no domingo das festas. Dado que o San Froilán dura nove días, sempre hai algún domingo polo medio, que é cando se fixa esta data. No caso de que haxa dous domingos, celébrase o segundo. A orixe do nome non está moi clara, aínda que se pensa que se debe ás mancheas de mozos do resto da provincia que acudían ese día ás festas para buscar moza. Hoxe mantense a tradición de que xentes de toda a provincia se acheguen a Lugo nesta data, o que garante que a cidade triplique e mesmo cuadriplique a súa poboación nunha soa xornada[1]. Este domingo tamén se celebran unha ofrenda a Rosalía de Castro e o día de exaltación do traxe galego. É tradición que numerosos lucenses saian á rúa con traxe rexional.
  • 4 de outubro. Na véspera da festividade do patrón, lese o pregón inaugural, na contorna da Praza Maior (ben no quiosco da música, ben dende o balcón da casa do Concello). Tamén se celebra unha das dúas sesións fixas de fogos artificiais, ábrese oficialmente o chamado recinto feiral (onde están as barracas e os vendedores ambulantes) e acéndese o alumeado festeiro.
  • 5 de outubro. Día de San Froilán, patrón da cidade. Celébrase unha misa na catedral, presidida habitualmente polo bispo, que serve para renovar o voto da cidade ao santo. Á misa acode unha representación da corporación municipal, co alcalde á cabeza.
  • 12 de outubro. Peche das festas. Celébrase a segunda sesión fixa de fogos de artificio e, dende comezos do século XXI, reprodúcese un mercado medieval a carón da catedral. As festas rematan sempre o 12 e non se prolongan, aínda que algún ano, se este día é xoves ou venres, o Concello deixa que as barracas e os vendedores ambulantes continúen a fin de semana.
  • Véspera do Domingo das Mozas. Día adicado a Ferrol, cidade coa que Lugo está irmandada. A corporación ferrolá visita a cidade e é recibida oficialmente pola luguesa. En correspondencia, durante as festas de San Xiao, en xaneiro, é Lugo quen devolve a visita a Ferrol.
  • Día do Neno. Celébrase unha xornada entre semana. Ese día refórzanse as actividades para pequenos que habitualmente se inclúen nas festas. Dende finais do século XX, os nenos teñen o seu propio programa específico, chamado San Froilanciño.

Peculiaridades[editar | editar a fonte]

O San Froilán ten varias cousas que o distinguen, ademais da permanencia de certo sabor rural nas celebracións.

As casetas do polbo[editar | editar a fonte]

Caseta do Polbo.

Dende o 1 de outubro, se non antes, funcionan unhas casetas de madeira nos bancais do parque Rosalía nas que se come esencialmente polbo, que é preparado por un grupo de polbeiras en caldeiros situados enfronte destas barracas. Son tamén coñecidas como "garigolos".

"O polbo", que é o nome popular que recibe, é unha das tradicións máis acendradas das festas. Son habituais as comidas de empresas ou de grupos, ademais das colas para comer nos días máis salientables das festas.

As casetas tamén foron cambiando de emprazamento, igual que as barracas. Outro dos cambios afectou á construción, pois pasaron de ser simples casetas a auténticos restaurantes temporais, con todo tipo de servizos.

Un terceiro cambio afectou ao xeito de adxudicación. Inicialmente, o Concello sacaba á poxa ano a ano o dereito a instalar casetas ou caldeiros. Despois de diferentes polémicas, mesmo con pelexas durante o acto de poxa, a comezos do século XXI acordouse que a adxudicación sería por cinco anos. Os donos das casetas son normalmente hostaleiros da cidade, que xa gardan as barracas prefabricadas dun ano para outro.

O Pelúdez[editar | editar a fonte]

Os Pelúdez.

A mestura entre rural e urbano que manteñen as festas de San Froilán, un dos aspectos que as distingue, tradúcese en Pelúdez. Trátase dun personaxe de ficción creado nas páxinas do xornal El Progreso en 1938 e que se mantén ata a actualidade. Pelúdez é un home da aldea que se vai vivir a Lugo durante todas as festas, e vai contando o que ve e encontra dun xeito humorístico e retranqueiro. O personaxe acabou transcendendo as páxinas do xornal e converteuse en todo un símbolo do San Froilán. Ten unha estatua na Praza da Constitución, aos pés da Mosqueira, e un grupo de actores dálle vida tanto durante o pregón como noutras datas significativas das festas.

Creado por Antonio de Cora Sabater, os que principalmente recrearon as súas peripecias foron Trapacero (pseudónimo de Xosé Trapero Pardo, que lle deu un toque chairego) e Cora (apelido de José de Cora Paradela, da familia propietaria do xornal), que é o que se ocupa do personaxe dende comezos dos anos 90. O primeiro Pelúdez ía en soidade ás festas, pero en diferentes etapas foi aumentando a familia: a súa muller, Filomena; o seu fillo, Peludeciño; a nora, Vanessa; o neto, Harrisonciño, e a consogra, Reborita das Arieiras.

A música[editar | editar a fonte]

Grupo galego actuando no San Froilán 2011, cabo da porta de Santiago (diante da fachada da catedral).

O primixenio San Froilán, co seu carácter feiral, só contemplaba a música tradicional, ben con bandas, ben con gaitas. Porén, dende finais do século XX empezou a gañar importancia a música moderna, ata se converter nun dos pratos fortes das festas na actualidade. O número de concertos e a calidade das actuacións son un dos aspectos que máis interese espertan entre os lugueses.

Os primeiros concertos do San Froilán celebráronse xa recuperada a democracia, a finais dos anos 70 do século XX. Durante os nove días de San Froilán, pódense ver na cidade actuacións de grupos ou solistas de actualidade.

Neste senso, as marcas de asistencia están no concerto que o brasileiro Carlinhos Brown ofreceu no San Froilán de 2004 e no do dúo Amaral nas festas de 2009. O primeiro xuntou a unhas 15.000 persoas e o segundo, a unhas 30.000.[2]

Incidencias[editar | editar a fonte]

Nos seus máis de dous séculos de historia, o San Froilán ten vivido varias vicisitudes fóra do normal. Velaquí algunhas das máis recentes:

  • En 1984, o furacán Hortensia arrasou o recinto das barracas, das que moitas se viron afectadas.
  • En 1996, as festas estiveron a piques de non ter alumeado por culpa da débeda que o Concello tiña contraída con Begasa, a empresa que daba subministración eléctrica á cidade. A eléctrica ameazou con non dar luz, problema que non se solucionou ata a véspera do pregón.
  • En 1995, o 10 de outubro, como se fose unha coincidencia, morría Xosé Trapero Pardo, un dos máis populares creadores de Pelúdez.
  • En 2004, o San Froilán recibiu as visitas oficiais no mesmo día do presidente do Goberno e dos duques de Lugo, o primeiro pola mañá e os segundos pola tarde. Proba da importancia das casetas do polbo é que nelas se celebraron as dúas comidas oficiais que lles ofreceu o Concello.
  • En 2005, os barraquistas non aceptaron os prezos que pedía o Concello por instalar as atraccións e deixaron a cidade sen estas[3].
  • En 2008, un incendio en dous postos de churros, na véspera da inauguración das festas, puxo sobre a tapete a necesidade de máis medidas de seguridade no recinto onde se sitúan os vendedores ambulantes e as atraccións[4].

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]