Un medio de comunicación é un centro emisor a través do cal se transmiten sinais mediante un código. Teñen unha difusión pública, que fai que transmitan simultaneamente a mesma información a un gran número de persoas.
Entre os diversos medios de comunicación están a prensa escrita, radio, televisión, Internet ou as axencias de información. Cada unha das variantes de medios de comunicación foi unha nova achega á maneira de como o ser humano se comunica cos seus semellantes. Para a historia destes a aparición da imprenta foi un punto de inicio, a partir do cal xurdiron no mundo os primeiros xornais. Igualmente, a aparición de cada un dos medios de comunicación que hoxe en día se coñecen significou no seu momento unha revolución para a humanidade.