Torta de Santiago

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Típica representación sobreimpresa en azucre glas da Cruz de Santiago.

A torta de Santiago[1] é unha sobremesa tradicional da cociña galega, orixinaria de Santiago de Compostela. Os ingredientes principais desta torta son a améndoa, o azucre e os ovos. É unha das sobremesas que máis recoñecemento internacional acadou sendo considerada unha das mellores tortas de todo o mundo.[2]

Dende o 3 de marzo de 2006 a torta de Santiago fai parte do rexistro de Indicación Xeográfica Protexida baixo o nome castelán de "Tarta de Santiago".

Características[editar | editar a fonte]

Un dos ingredientes principais da torta é a améndoa (33% do total da masa) que se esmaga e se mestura con ovo (outro terzo da masa) e azucre (o outro cuasi-terzo restante) nunha masa compacta (adoita levar algunha cantidade de manteiga) que se aromatiza con canela e reladura de limón, para ser posteriormente introducida no forno nun recipiente refractario, normalmente entre 180 °C e 200 °C durante case 45 minutos.

A torta pode ter ou non base; se a ten non pode representar máis do 25% do total do peso. A base poder ser de follado, elaborado con fariña de trigo, manteiga, auga e sal ou de masa crebada (fariña de trigo, manteiga, azucre refinado, ovo enteiro, leite e sal)[3].

Segundo as receitas pode incorporar brandy ou augardente como aromatizadores. O pastel queda no forno ata que se empeza a poñer unha capa dura na tona. É moi frecuente poñer un modelo coa silueta de cruz de Santiago e botar azucre glas sobre a superficie, de modo que ó retirar o modelo fica a cruz "impresa".

O aroma característico desta torta é unha mestura equilibrada entre a améndoa e o ovo, cando se corta o contido debe ter unha cor dourada e a súa textura debe ser lixeiramente esponxosa e algo graúda.

Historia[editar | editar a fonte]

En Portomarín fanse as tortas de Santiago Ancano.

Non se sabe nada sobre o consumo de améndoa en Galicia durante a Idade Media pero sábese que a carestía deste alimento convertíao nun luxo reservado a poucos. A primeira noticia que se ten do uso deste "biscoito de améndoa", ó que hoxe coñecemos como torta de Santiago, procede de 1577 durante unha visita de Pedro de Porto Carrero á Universidade de Santiago[4] aínda que daquela era denominada "torta real" pero tiña a mesma proporción nos ingredientes. As primeiras receitas fiables proceden de apuntamentos de Luis Bartolomé de Leybar que datan de 1838 baixo a epígrafe de "Tarta de Almendra".

A orixe da Cruz de Santiago representada na súa superficie data de 1924, ano no que a compostelá «Casa Mora» comeza a adornar as tortas de améndoa coa que sería a súa silueta característica, acadando grande éxito en Galicia e no resto de España.

O 3 de marzo de 2006 a torta de Santiago entrou no rexistro de Indicación Xeográfica Protexida baixo o nome castelán de "Tarta de Santiago".[4]

Consumo[editar | editar a fonte]

Aínda que na maioría dos casos adoita ser unha sobremesa servida tralas comidas, acompañada dun café con leite, existen outras variantes que permiten degustar esta torta cun viño doce.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]