Visigodos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Visigodo")
Migracións dos visigodos

O pobo dos godos foi nomeado xa por Tácito, que os chamou Gotones. Entón habitaban o Norte de Xermania, en terras que antes poboaron Boii, Getae e Scythae. Ampliaron os seus territorios e incorporaron a outros grupos veciños (de orixe xermana e sármata) e dominaron do Theiß (en alemán) ou (Tisza) ao Don e do Ponto ao Báltico.

O pobo que veu do norte[editar | editar a fonte]

Evolución do reino visigótico até o século VI:
laranxa escuro: reino orixinal de Toulouse
laranxa : Extension no século VI
laranxa claro : territorio perdido en Vouillé en 507
verde : conquista do reino suevo en 575
Fíbula aquiliforme visigótica (s. VI, M.A.N., Madrid).

Integraron a nación dos godos pobos diversos: hérulos, ruxios, lemovios, esciros, helvecóns, sidenios, turcilingos, xépidos, vándalos e outros, algúns dos cales acabaron desaparecendo no conxunto, mentres outros formaron os seus propios grupos. Os godos, propiamente ditos, dividíanse en Theruingi (Tervingos) e Greuthungi. Os primeiros poboaron o territorio entre os Cárpatos e o Dnieper e os segundos as estepas ucraínas ao Leste do Dnieper. Así este río servía de límite entre ambos grupos e os Theruingi foron chamados west gohts (visigodos) por situarse en Occidente (West en xermano), e os Greuthungi foron chamados ost gohts (ostrogodos) por situarse no Leste (Ost en xermano). Outra versión atribúe a denominación visigodos á palabra xermana wisgohts, traducida por homes fortes.

Os visigodos ("Godos do Oeste" –alemán Westgoten ou Visigoten- en comparación cos ostrogodos -alemán Ostgoten -; compárese o paralelismo do nome de Austria en alemán que é Österreich ou "reino do leste"- ou "Godos do Leste") foron un pobo xermánico que penetrou no Imperio Romano tardío. Os visigodos foron a póla occidental dos pobos godos. Logo da caída do Imperio Romano de Occidente, os visigodos tiveron un papel importante en Europa durante os 250 anos que seguiron. Os godos, aproveitando a pasividade dos emperadores romanos con respecto a Xermania, establecéronse alí tranquilamente, ata que a principios do século III se instalaron na beira do mar Negro, na zona de Crimea, de onde foron expulsados polos hunos en 376. Para entón os godos dividíranse xa en dous grupos: visigodos e ostrogodos.

Durante o século III ambos grupos efectuaron incursións contra o Imperio, destacando as do 251 (contra Moesia e Tracia), a do 258-259 (contra a costa do Mar Negro, Propóntide, as illas do Exeo, Éfeso, Atenas e outros puntos) e a do 269 (contra Creta, Chipre, Tesalónica e outros puntos). O 270 Aureliano tivo que abandonar a marxe esquerda do Danubio (Dacia) cesando entón as súas incursións e ocupando os godos esta provincia.

Cristianización[editar | editar a fonte]

O bispo godo Ulfilas traduciu a Biblia ao gótico e en gran medida foi responsábel da conversión dos godos ao arianismo (que a mediados do século IV contou co favor imperial en Oriente), cara ao 370 xa foran cristianizados, e estaban gobernados por un rei chamado Hermanrico ou Ermrich, o primeiro rei histórico da dinastía dos Amalos, quen tivo que se enfrontar aos hunos dirixidos por Balamir o 375. Hermanrico, xa ancián, foi gravemente ferido nun atentado e suicidouse antes dunha inminente derrota, sucedéndoo Witimiro ou Winithar, cuxo intento de resistir aos hunos non tivo éxito e el mesmo resultou morto. Os magnates ostrogodos elixiron un novo rei para o seu pobo (a dinastía lexitima ostrogoda dos Amalos preconizaba o mantemento da unidade de todos os grupos godos, baixo a súa dirección) e sometéronse aos hunos. Pero os visigodos, que eran uns douscentos mil, reuníronse na beira norte do Danubio e pediron ao Imperio, contra o que combateran uns anos antes, que os aceptasen nos seus territorios e lles outorgasen terras onde se asentaren. Unha parte dos ostrogodos, a cuxo fronte figuraba o xove rei Viderico, da dinastía lexítima dos Amalos, marchou cos visigodos, e un dos seus descendentes enlazou anos despois coa dinastía ostrogoda (en tempos de Teodorico o Grande).

Ao grupo (esencialmente formado por visigodos) permitíuselle asentarse na beira Sur do Danubio e os Balcáns (Tracia e Moesia). Moitos dos que se asentaron en Moesia convertéronse en campesiños e foron coñecidos como mesogodos. Parece ser que existía un xefe ou xuíz chamado Atanarico, pero foi suplantado por Fritigern ou Fritixerno, que era ariano e contou con axuda do emperador Valente (tamén ariano). Pero a explotación a que foron sometidos polos funcionarios imperiais e por xefes militares romanos creoulles unha situación insostíbel para o seu orgullo. Fritixerno e os magnates visigodos presentarían queixas e o xeneral romano Lucipino intentou asasinar a Fritixerno durante un banquete; o intento fracasou e Lucipino resultou morto. Fritixerno e os visigodos rebeláronse (377) en Marcianópolis (Moesia Inferior), vencendo ás forzas imperiais en Adrianópolis (o 9 de agosto do 378), combate no que morreu o Emperador Valente. O seu sucesor, Teodosio, tras combater contra eles algún tempo, axustou con eles a paz (381), pero tivo que asentalos máis firmemente no Imperio e darlles un papel importante no exército. Fritixerno parece gobernar ata despois do 380, e a sucesión debeu recaer en Badengaudo, da familia dos Baltos. Aínda que o arianismo foi condenado pola Igrexa desde o 381 os visigodos conserváronse fieis a esta doutrina. Os godos tiveron como primeiro bispo a Ulfilas, que traduciu a Biblia ao godo. Os visigodos obtiveron unha participación destacada nas guerras civís do 388 (contra Máximo) e 394 (contra o pagán Uxío). Cando morreu Teodosio (17 de xaneiro de 395) os visigodos estaban gobernados por Alarico I, fillo de Badengaudo; Alarico foi o primeiro que gobernou sobre a totalidade dos visigodos; con el restaurouse plenamente a dinastía dos Balthos ou Baltos. Alarico atacou Constantinopla e abordelou Grecia (395 e 396). O xeneral Estilicón logrou expulsalos de Grecia, pero o Emperador, medorento do poder do xeneral, designou a Alarico gobernador de Iliria, logrando con iso cinco anos de paz (396 a 401).

O saqueo de Roma[editar | editar a fonte]

En 401 Alarico marchou contra Italia, pero foi vencido preto de Pollentia (6 de abril do 402) e despois en Verona. Probabelmente Estilicón negociou con Alarico a súa axuda contra outros bárbaros como Radagaiso, e crese que lle foi ofrecida a confirmación como Magister Militum e gobernador de Iliria, cuns límites que entraban en contradición coas reivindicacións territoriais de Oriente. O partido nacionalista romano, talvez instigado polo goberno de Constantinopla, acusou a Estilicón de preparar a entrega do Imperio a Alarico, e urdiu un complot. Estalou unha revolta de tropas que obrigou a Estilicón a se refuxiar nunha Igrexa, sendo asasinado no momento de saír (tras prometérselle que salvaría a vida se saía) por Olimpo, baixo ordes do Emperador Honorio (23 de agosto do 408). Alarico regresou a Italia e obtivo novas concesións de Honorio que se estableceu en Ravenna, pero unha vez que se retiraron os visigodos, Honorio non mantivo as súas promesas. Os visigodos marcharon cara a Roma e apoiaron a proclamación dun usurpador chamado Prisco Atalo (409), que era de orixe xonia e probabelmente ariano, o cal concedeu a Alarico o título de Magister Militum. Pero Atalo non quixo ou non puido cumprir as súas promesas e o rei visigodo regresou a Roma, depuxo ao usurpador (14 de agosto do 410) e os seus homes saquearon a cidade eterna durante tres días, tras o cal abandonárona levándose con eles a Atalo e a Gala Placidia, irmá de Honorio. De Roma pasaron ao Sur devastando Campania, Apulia e Calabria. Alarico morreu no sitio de Cosenza (410) e sucedeuno o seu cuñado Ataúlfo. Este pactou con Honorio a saída de Italia a cambio da concesión do goberno das Galias (territorios que escapaban do control de Roma, pois se someteron a Constantino).

Os Visigodos baixo Ataúlfo deixaron Italia (412) e foron ao sur de Galia e o norte de Hispania.

As longas e complexas loitas de Ataúlfo para dominar o sur das Galias ocupáronlle varios anos (411 a 414). No 414 o rei Ataúlfo, que tras unha alianza con Honorio e co Magister Militum Constancio, volvera a actuar pola súa conta, casou con Gala Placidia, irmá de Honorio. Constancio foi enviado á zona e os visigodos foron derrotados en Narbona. Constancio logrou desviar a Ataúlfo cara a Hispania (o que lle permitía conservar o sur da Galia), e os visigodos entraron na Tarraconense o 415. No 416 Ataúlfo propuxo unha alianza co Imperio, en nome do cal se había encargar de combater aos suevos, alanos e vándalos asdingos e silingos que ocupaban as provincias de Hispania, excepto a Tarraconense. Con tal motivo Ataúlfo trasladouse a Barcino (415 ou 416), pero alí foi asasinado polo escravo Dubius, a quen se supón instigado polo seu sucesor Sixerico ou ben polo nobre Barnolfo, suposto amante de Gala Placidia.

A cúspide do poder visigodo foi alcanzada durante o reinado de Eurico (466-484), quen completou a conquista de Hispania. En 507, Alarico II foi derrotado en Vouillé polos francos baixo Clodoveo, quen perdeu todas as súas posesións ao norte dos Pirineos. Toledo foi declarada a nova capital visigótica, e a historia dos visigodos converteuse esencialmente na historia de Hispania

O Reino Visigodo foi debilitado polas guerras cos francos e os vascos, e a penetración bizantina no sur de Hispania. O reino recobrou o seu vigor ao final da sexta centuria baixo Leovixildo e Recaredo. A conversión destes dous reis ao catolicismo facilitou a fusión das poboacións visigoda e hispano-romana. O rei Recesvinto impuxo (c. 654) a lei visigótica común a ambos súbditos, godos e romanos, que ata entón viviran baixo diferentes códigos legais (ver leis xermánicas). Os Concilios de Toledo convertéronse na forza principal do estado visigodo, como consecuencia do debilitamento da monarquía.

O rei Vamba, sucesor de Recesvinto, foi deposto por unha guerra civil, que logo se tornou nunha contenda xeneralizada a todo o reino. Cando o último rei, Roderico ou Rodrigo, alcanzou o trono, os seus rivais chamaron ao líder musulmán Tariq Ibn Ziyad, quen, coa súa vitoria (711) nunha batalla preto de Medina Sidonia, terminou co Reino Visigodo e inaugura o período musulmán na Historia da Península Ibérica.

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Visigodos

Véxase tamén[editar | editar a fonte]