Río Navia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Río Navia
PaísEspaña España
Comunidades AutónomasGalicia Galicia
Asturias Asturias
NacementoSerra do Lago, preto de Vilanova do Padornelo (Pedrafita) [1]
Altitude1008 m
LonxitudeAbsoluta: 159 km
Galicia 90 km [2]
ConcaAbsoluta: 2591 km²
Galicia 1120 km² [2]
Caudal medioAbsoluto: 67,3 m³/s
Galicia 48,5 m³/s [2]
Caudal relativoAbsoluto: 25,9 l/s/km²
Galicia 25,5 l/s/km² [2]
DesembocaduraMar Cantábrico
Navia
Altitude desembocadura0 m
Conca do río Navia no territorio galego, marcada en azul escuro
Río Navia pasando por Navia de Suarna

O río Navia é un curso fluvial que nace en Vilanova do Padornelo (Pedrafita do Cebreiro)[1], e desemboca no mar Cantábrico, en Navia (Asturias), entre o cabo de San Agustín e Pena Furada. Mide 99,4 km.

O afluente máis importante é o Ibias, que ten unha lonxitude de 60,5 km e unha superficie vertente de máis de 300 km². Parte da conca alta deste río está incluída no Parque Natural das Fontes de Narcea e do Ibias. Outros afluentes son o Cabornel, o Llouredo, o Ouro e o Augüeira, cos seus afluentes Hío e Soutelo.

Pasa polas localidades das Nogais, fai fronteira entre Becerreá e Cervantes e atravesa Navia de Suarna na provincia de Lugo. En Asturias discorre por Ibias, Grandas de Salime, Allande, Pezós, Eilao, Boal, Villaión, Coaña e Navia.

O importante desnivel que salva ata a súa desembocadura foi aproveitado para a construción de varias centrais hidroeléctricas, como nos encoros de Salime, Doiras e Arbón.

Orixe do nome[editar | editar a fonte]

Martín Sevilla Rodríguez afirma no seu estudo La toponimia asturiana de origen indoeuropeo prelatino que o nome do río deriva do vocábulo indoeuropeo naus, que significa "barco". O río foi chamado Nawia nunha lingua indoeuropea falada na zona en tempos bastante remotos, ó tratarse dun río navegable. Posteriormente, coa romanización, chegouse á forma Navia actual.

Outra posibilidade é que o nome se deba á deusa Navia, que na mitoloxía galaico-lusitana era a deusa da auga e dos ríos.

Percorrido[editar | editar a fonte]

Río Navia transcorrendo polo concello de Negueira de Muñiz

O curso do río é bastante rectilíneo. Nace preto do Cebreiro, cerquiña do Camiño de Santiago. Pouco despois pasa baixo a estrada A-6, e logo atravesa As Nogais. Entre Envernallas e A Muria serve de fronteira entre Galiza e Asturias. Tras internarse brevemente no Principado, regresa a Galiza, pasando por Río de Porto e Ouviaño. Aí acolle o primeiro afluente importante, o Ibias, e logo, en Vilagudín, entra de forma definitiva en Asturias. Acércase entón a Vilarpedre, onde recibe as augas do río del Ouru (metal que se recollía na antigüidade nas súas beiras, cheas de frondosa vexetación). Tras pasar por Salime chega ao encoro de Grandas, unha notable obra de enxeñaría, levada a cabo a comezos da década de 1950 cun importante custo en vidas humanas, gardándose aínda vivo recordo da súa construción en todo o val.

Pouco despois de Grandas está A Valía, onde comeza o encoro de Doiras e desemboca o río Augüeira. En fronte desemboca outro río, o Riello, coa súa sucesión de fervenzas. Nesta parte do percorrido resulta impresionante o encaixe do curso do río entre as montañas. Augas abaixo van sucedéndose as vilas de Santo Estevo das Vruitas, Llanteiro, Bullaso, Zadamoño e Xío, ata chegar ó encoro de Doiras.

En Merou comeza a cola do encoro de Arbón, o máis próximo ó mar, co embarcadoiro de Castrillón. Tras recibir as augas do Polea, o Llouredo e o Frío, pasa por Llandigresia, Miñagón e Serandías. Nesta vila é posible alugar canoas para descender ata Navia. Xa preto da presa de Doiras está o campo de adestramento da Federación Española de Piragüismo e a confluencia co regato de La Pontiga, que uns quilómetros augas arriba forma as fervenzas de Oneta, as máis notables da conca.

Pasada a presa de Arbón iníciase o tramo final do curso. A paisaxe faise máis ampla, pero sempre recuberta por unha vexetación desbordante. O río serpea entre fragas e prados e, de vez en cando, ábrese en intricados ramais (forcadas) e forma illotes. Deixa nas beiras do val as vilas de Villacondide, Cacabellos e o meandro de Porto.

O río ten un abondoso caudal, posiblemente o maior de toda a cornixa cantábrica. En xaneiro de 1996 chegaron a rexistrarse na súa desembocadura ata 2000 m³/s.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Instituto Geográfico Nacional de España. "SIXPAC, coordenadas 42°43'42.5"N 7°06'06.7"W" (Mapa). Visor SIXPAC. Consultado o 08/06/2019. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Cañada, Silverio, ed. (2003). "Navia". Gran Enciclopedia Galega 32. El Progreso - Diario de Pontevedra. pp. 66–68. ISBN 84-87804-26-8. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]