Provincia de Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Selo do goberno político da Provincia de Vigo.
Selo do goberno político da Provincia de Vigo.

A provincia de Vigo foi unha provincia galega que tivo vixencia en dous períodos do século XIX.

Precedentes[editar | editar a fonte]

Proxecto de división de España en prefecturas, incluíndo a de Miño Baixo.

En 1810, o goberno de Xosé Bonaparte intentou ordenar o territorio español, dividíndoo en 38 prefecturas, ao estilo das establecidas en Francia, e 111 subprefecturas, segundo o proxecto do clérigo Llorente.[1] As prefecturas, coma na Francia actual, recibirían nomes relativos a accidentes xeográficos, fundamentalmente ríos e cabos. Esta división nunca chegou a entrar en vigor.

En Galiza facía unha división, onde aparece a capitalidade da cidade de Vigo nunha prefectura supostamente chamada Miño Baixo. As outras prefecturas galegas serían: Tambre, capital A Coruña; Miño Alto, capital Lugo; e Sil capital Ourense. As de Miño Baixo e Tambre coincidían coas actuais provincias de Pontevedra e da Coruña respectivamente. A de Sil comprendía o sur da actual Provincia de Lugo.[2]

1822-1823[editar | editar a fonte]

Primeiro número do boletín oficial da provincia de Vigo.

Na división territorial de 1822, realizada no trienio liberal no mes de xaneiro, establécese que en Galiza hai catro provincias, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo,[3] ademais da provincia de Vilafranca do Bierzo, á que pertencía a Comarca de Valdeorras, que estaba situada na rexión de León. Vigo foi capital da provincia entre o 13 de xullo de 1821 e o ano 1823.[4]

Esta división deu lugar a problemas polos límites e capitalidades, e en 1823 co retorno do Antigo Réxime, quedou sen validez.

En 1833 co decreto de Javier de Burgos establecíase a actual división de provincias, onde Pontevedra tomaba a capitalidade.

1836-1840[editar | editar a fonte]

Trala división de Javier de Burgos, a cidade de Vigo reclamou a capitalidade, e foille concedida por unha Real Orde do 26 de maio de 1836, que non foi cumprida.[5]

En setembro de 1840, tivo lugar un levantamento liberal na cidade de Vigo e proclamouse capital.[6] Dende o 21 de outubro dese ano publicouse o Boletín Oficial de la provincia de Vigo, do que saíron nove números.[5] Un Real Decreto do 6 de novembro do goberno de Espartero decidiu que mentres non se resolvese outra cousa, a capitalidade da provincia seguise en Pontevedra.[4][5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cebreiro Núñez, José Ignacio. "Las prefecturas de José Bonaparte". 
  2. "Prefecturas de 1810". Organización territorial española. 17 de maio de 2007. Consultado o 21 de outubro de 2015. 
  3. "División territorial de 1822". Organización territorial española. 18 de maio de 2007. Consultado o 21 de outubro de 2015. 
  4. 4,0 4,1 de Santiago y Gómez, José. Historia de Vigo y su comarca. Consultado o 21 de outubro de 2015. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Carré Aldao, Eugenio. "La imprenta y el periodismo en Vigo". Boletín da Real Academia Galega (129). Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 21 de outubro de 2015. 
  6. "Vigo asalta y toma Pontevedra". Del Berbés hacia arriba. Historias de Vigo. Consultado o 21 de outubro de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]