Churrasco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Grellada.

Churrasco é un termo que se refire á carne asada á brasa nunha grella[1]. De orixe ibérica, o churrasco aparece xa citado en documentos do século XV,[2] traspasado ás Américas coma un xeito de preparación da carne moi común en toda Suramérica. É típico dun amplo número de países desde España e Portugal a América Latina (asado) particularmente na Arxentina, o Uruguai e Nicaragua; e tamén no Brasil (churrasco) e nos Estados Unidos (barbacue).

O churrasco faise nun asadeiro con grella chamado churrasqueira, un asadeiro ou forno portátil que permite prender lume de forma controlada e manter as brasas concentradas para cociñar as grelladas ao ar libre[1].

O termo churrasco varía lixeiramente o seu significado dun a outros países. En Hispanoamérica o churrasco é un anaco de carne de vacún, xeralmente magro, cocido sobre unha prancha, ás brasas ou directamente sobre as lapas.[3] En España refírese exclusivamente á costela de porco; porén en Galiza é un termo máis amplo (sería a parrillada en castelán) que se refire tanto ao prato (costelas de porco ou tenreira á grella con chourizos crioulos) coma ao evento social en si, especialmente na aldea e no verán. A receita do churrasco é sen dúbida unha das máis evidentes herdanzas do período das grandes emigracións galegas á América do século XX. Hoxe en día, preparar unha churrascada coa familia e amigos ou ir xantar a unha churrascaría pode considerarse un elemento definitorio da Galiza do noso tempo, non importa a clase social ou o idioma que se fale.

  • Na Arxentina, o churrasco faise con bistés cortados en anacos grandes. Os gauchos facían churrasco como parte do seu tradicional asado, que se converteu no prato nacional do país, servido co coñecido chimichurri, ensalada e patacas fritas ou en puré, mesmo cun ovo frito. Tamén se come churrasco en Bolivia, Paraguai e o Uruguai.
  • En Nicaragua, o termo churrasco refírese ao bisté de solombo. Tamén se serve con chimichurri e é así mesmo un dos pratos tradicionais do país. O churrasco feito ao xeito de Nicaragua é moi famoso en Cuba, Tailandia, Nixeria e en Texas.
  • En Chile, churrasco refírese tamén a un bisté á grella, mais cortado en anacos finos, e cómese como un bocadillo. As porcións ásanse á grella e sérvense nun bolo torrado, acompañado normalmente con tomate e/ou aguacate. Se leva maionesa, chámaselle churrasco italiano. Se leva patacas e ovos fritos e cebolas caramelizadas, chámaselle "churrasco do pobre".
  • No Brasil, churrasco refírese a calquera carne cociñada na "churrascaria". A diferenza das nosas churrascarías, as brasileiras non teñen grella senón espetos (tamén alí chamados así) onde pór a carne sobre o lume. A carne de gando (tenreira, cordeiro ou porco) só se prepara con sal groso na tradición gaúcha, mentres que no caso do polo leva ourego, viño branco ou limón ou vinagre, allo, cebola e perexil, deixándose macerar durante doce horas. Os assadores utilizan para o seu labor facas, unha chaira (para afialas) e garfão (que non se afía). A tradición máis forte procede do Rio Grande do Sul, que limita co Uruguai e coa Arxentina.
  • En Portugal, o Frango de churrasco con piri-piri (un tipo de polo salgado á brasa cociñado na churrascaria, ao que se lle bota salsa de pemento picante), é moi popular. O feito de que se faga con polo e non con tenreira ou porco sorprende a moitos galegos cando piden por primeira vez un churrasco nun restaurante luso. A variante portuguesa do churrasco é moi coñecida en todos os países con grandes colonias de emigrantes portugueses.

A churrascaría é un restaurante onde se prepara churrasco. Son moi típicas en Galiza, e tamén no Brasil. É un local onde a carne servida se prepara nestes fornos. Os chamados rodizios son churrascarías nas que os camareiros van arredor do restaurante cos pinchos e serven directamente no prato do cliente.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Definición en VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  2. http://www.fundeu.es/noticia/la-palabra-del-dia-churrasco-3970/
  3. Definición no DRAE de churrasco.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]