Porto deportivo de Pontevedra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°26′08″N 8°39′01″O / 42.4355, -8.6503055555556

Porto deportivo de Pontevedra
Porto deportivo, Club Naval, Ponte das Correntes e barrio do Burgo
Localización
PaísGalicia Galicia
CidadePontevedra
Detalles
Dirixido porClub Naval de Pontevedra
PropietarioPortos de Galicia
TipoDeportivo
Grúas1
Estatísticas
http://www.clubnavalpontevedra.com/

O Porto deportivo de Pontevedra encóntrase na foz do río Lérez, na súa desembocadura na ría de Pontevedra. A súa carta náutica é 4162-IHM. Está xestionado polo Club Naval de Pontevedra, por concesión do ente público de Portos de Galicia–Zona Sur.

Localización[editar | editar a fonte]

O porto deportivo está situado en pleno centro de Pontevedra, na Avenida Uruguai, xunto ao paseo marítimo e moi preto da ponte das Correntes[1] e do casco antigo.

Historia[editar | editar a fonte]

O Club Naval de Pontevedra fundouse en 1932 e contaba con seccións de natación, moto náutica, vela e waterpolo. Na actualidade, só conserva a sección de piragüismo.[2] O edificio do Club Naval construíuse en 1992.[3][4]

Foi unha riada do Lérez en 1987, provocada por unha profunda borrasca, que desencadeou o proxecto de construción dun porto deportivo que desexaban os afeccionados pontevedreses á náutica. Esta crecida provocou o arrastre de troncos que danaron moitas embarcacións ancoradas no río. Este acontecemento aumentou as peticións do club naval para a construción dun porto deportivo, que foron apoiadas pola súa sección de piragüismo.

As obras do porto comezaron en 1994. Inaugurouse en 1996, con tres liñas de pantaláns con 140 amarres a cada lado, ocupados case na súa totalidade polos socios do Club Naval, que ascenden a 240.[5]

En marzo de 2020 púxose en marcha no porto un proxecto de fondeo de iates con servizo de aloxamento.[6]

Descrición[editar | editar a fonte]

É un porto moi seguro situado en pleno centro da cidade de Pontevedra. A súa posición no fondo da ría, defendida polas barreiras areosas dos ataques por mar, marcou historicamente a cidade e a súa poboación.

O número total de amarres do porto é de 142. Todos os amarres xestiónanse en réxime de alugueiro. O calado da bocana e o peirao é de 2 metros. A desembocadura da canle de navegación está sinalizada con luces verdes e vermellas.

Entre os seus servizos conta con luz e auga no amarre, peirao de espera, duchas e baño, vixilancia, iluminación nocturna, teléfono público, radio (VHF 9), club de vela, servizo MARPOL (recollida de aceites), recollida de lixo, taxi, ximnasio, combustible diésel e sen chumbo, e guindastre.

Porto deportivo de Pontevedra, visto desde a Ponte da Barca.

O edificio do Club Naval foi inaugurado en 2005 e conta cunha primeira planta e unha terraza superior, ambas con vistas á ría de Pontevedra e á cidade.[7] O edificio dispón de cafetería.[8]

Malia ter a canle dragada, o seu acceso vese limitado pola falta de calado (2 metros en baixamar escorada) e pola presenza da ponte da Barca, que non permite o paso a veleiros con máis de 12 metros de altura.

Actualmente hai un proxecto de urxencia para realizar un dragado da zona por mor da perda de calado que leva sufrindo nos últimos anos[7]

Ata a dragaxe do Lérez, o primeiro pantalán é inutilizable porque, en marea baixa, non hai suficiente calado para as embarcacións debido á acumulación de lodo no fondo mariño da desembocadura do Lérez.[9]

Acceso[editar | editar a fonte]

Por terra pódese acceder desde a autoestrada AP-9, saíndo no acceso norte a Pontevedra, ou pola avenida do Uruguai (estrada N-550), que pasa a carón do porto.

Gallería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]