Cabo Touriñán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°03′11″N 9°17′56″O / 43.05305556, -9.29888889

Cabo Touriñán.

O cabo Touriñán é o punto máis occidental de Galicia, e da España peninsular. Sitúase no concello de Muxía, na provincia da Coruña.

Características[editar | editar a fonte]

O cabo é unha pequena península que se introduce no mar preto de 1 km, tendo na súa parte máis estreita un istmo de centenar e medio de metros de ancho, entre os coídos de Balal e de Cuño. A altitude máxima son 93 metros sobre o nivel do mar. A estrutura xeolóxica é granítica. A erosión da rocha propiciou a formación de depósitos de cantos rodados, coñecidos como coídos e formacións de penedías que forman barras pétreas (laxes) que a marea cobre ou deixa ao descuberto, formándose algún illote como A Ínsua ou O Castelo, na cara oeste do cabo. A punta occidental do cabo, denominado Os Buxeirados, ofrece unha serie de laxes que penetran no mar uns 300 ou 400 metros, coñecidos como A Laxe de Buxeirados ou Baixos de Buxeirados, moi perigosa para a navegación, onde se teñen rexistrados algúns graves naufraxios de que hai constatación documental. Dado o agreste da paraxe, a vexetación está basicamente formada por queiroas e toxos.

Na parte norte aséntase o faro vello (inaugurado o 15 de decembro de 1898) e o novo (inaugurado en 1981). A súa luz, situada a 61 metros de altitude, acada os 37 km.

A denominación procede da próxima parroquia de Touriñán, á cal pertence o cabo, e que debe remontar a un posesor de nome latino, que debemos supor fose un Taurinius ou ben Taurinianus, a través do xenitivo (vila) Tauriniani. Así o considerou, por exemplo, Frei Martín Sarmiento na súa Obra de 660 pliegos:

He sospechado que en la voz Touriñán se conserva una sombra de que allí estuvieron las Aras Sestianas. El 'au' latino pasa a 'ou' gallego. Deauro, mauro, pauco, tauro, dice ouro, mouro, pouco, touro. Así, el nombre Touriñán de hoy se formó de un latín 'Tauriniano'. Nótese que el año 727 de Roma, eran cónsules romanos Augusto y Statilio Taurus, siendo esos dos los primeros próceres del Imperio romano, era natural que dedicando Sestio Apuleyo tres Aras a Augusto, quisiese que el promontorio en donde se erigían se llamase en honor de Tauro, colega de Augusto en el consulado, taurino, tauriano o tauriniano, de donde quedó hasta hoy el nombre Touriñán. Esto era común.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Baña Heim, José, Viaje a la Costa de la Muerte, con la historia y anecdotario de sus naufragios. s.l.(impresa en Mesoiro, A Coruña), DL. 1980, 4ª edición - ISBN 8440400285

Outros artigos[editar | editar a fonte]