Festa da Dorna

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Festa da Dorna. Carrilanas en Ribeira.

A Festa da Dorna celébrase cada 24 de xullo en Ribeira. Foi declarada Festa de interese turístico de Galicia en 2005[1]. Engadida na axenda de Cultura da Xunta de Galicia, coma Festa Turística e Festa Popular[2].

Historia[editar | editar a fonte]

O 24 de xullo de 1948 tivo lugar a 1ª Singradura da “Festa da Dorna” de Ribeira, celebración declarada de “Interese Turístico de Galicia” no 2005 e “Festivo Local” para o ano 2017[3] por decisión plenaria municipal en 2015 (sic). Dende a súa fundación, ten como sinais de identidade a imaxinación nas actividades, a participación e o humor matizado pola ironía retranqueira, todo nun aparentemente caótico e carnavalesco fluír festivo, “a marea dorneira”. Nese ambiente festeiro ateigado de ”capachos” de ledicia, a cultura popular materialízase chea de modernidade e tradición.

Dende os seus inicios, en anos de ditadura e autarquía, ata a actualidade, a festa navega pola historia capeando temporais ao igual que a embarcación que lle dá nome. Da dorna, embarcación, dise que “é moi mariñeira”; “A Dorna”, a festa, “é a máis rachada”, a máis rompedora, cantan no seu himno. A festa que reuniu no seu primeiro ano a unhas ducias de veciños e veciñas é hoxe punto de encontro e lecer de miles de persoas chegadas dende toda Galicia e cada vez máis coñecida e recoñecida en toda España e máis alá.

As orixes: unha rifa e unha broma[editar | editar a fonte]

Nace o 24 de xullo daquel ano e como todo parto tivo previamente a súa allada e as súas dores ou inevitable “colloada”. A “allada” tivo como “armador” a un boticario, D. Emilio Fernández de Sanmamed que o día da festa da Virxe do Carme, “única e verdadeira”, o 17 de xullo, ocorréuselle contar, a quen quixo escoitar, que el era o gañador do sorteo dunha dorna que se rifara con obxecto de recadar cartos para esa festividade organizada pola confraría de pescadores da localidade e que para celebralo ía facer unha festa cos amigos. A “colloada”, lea, sucedeu porque en realidade o que tiña a rifa gañadora era outro, un pescador de “robalisas e polbos” ao que non lle gustou a broma, pero a cousa non chegou a máis. O que si continuou foi Don Emilio, xunto cos seus amigos, coa idea de celebrar a festa pola dorna que en realidade non gañara, e así crearon a “Real e Ilustre Cofradía de la Dorna” para organizar o 24 do mesmo mes, véspera do día do Apóstolo, a “Fiesta de la Dorna” con dous actos centrais, e outros colaterais, a destacar, a celebración dunha “festa asalto”, baile con música de discos, na cafetería La Granja, no barrio de “A Amarella”, despois da “solemne botadura” da dorna “Virgen del Carmen” que nesa ocasión foi unha pequena maqueta engalanada e coa vela “ao terzo” izada; a “botadura” realizouse na praia de Colomer, con toda a reducida pero ocorrente comitiva traxada como era mester en tan importantes eventos. Houbo discurso,”madriña”, botáronse “foguetes” e a festa seguiu con baile ata o amencer a ritmo de cancións de moda reproducidas por un “pin up” Telefunken.

Do 1948 ao 1959[editar | editar a fonte]

A primeira “directiva” da Festa, o “Alto y gordo estado mayor”, como se lle chamará máis tarde, estivo formada por: “Armador primeiro”, Emilio Fernández de Sanmamed Hermo,“Segundo de abordo”, José Bouzas Martínez, “Almirante”, Ventura Suárez Saíñas, “Sobrecargo”, Julián Elorduy Álvarez, “Notario maior”, Constantino Cobas Álvarez, “Silveireiro maior”, José González Abelleira, “Coheteiro maior”, Juan García Lemiña e “Grumete”, Manuel Cores Cores.

Serán eles os que durante unha década se encargarán da organización da festa, aínda que seguiron participando e “botando un cabo”, colaborando, durante moitos máis.

A partir da 2ª singradura (1949), o baile celebrouse na “Sala de Fiestas Cambeiro”, coa participación de varias orquestras en cada ocasión, xa que a duración non era inferior ás 6 horas ininterrompidas de música e bo ambiente.

Será a partir de 1952 que se comece co sorteo e doazón de dornas, embarcacións de pequeno tamaño para pesca e marisqueo artesanal, a pescadores de poucos recursos para proporcionarlles un medio para poder gañar a vida. A madriña da primeira dorna doada foi Carmenchu, filla de Alejandro Pérez Colomer, a mesma que a da maqueta do 1948, e o nome da embarcación “Virgen del Carmen II”. Dende aquela xa se institucionalizou a doazón de, cando menos, unha dorna ao ano; a idea partiu de Pepe Bouzas, “segundo de abordo”, e tivo grande éxito, pois nos anos seguintes da década doáronse 3, 4 e ata 6 dornas grazas ao apoio de empresas locais ou doutras relacionadas con Ribeira. Destacar ao empresario Tomás Busóms Mascláns como máis sobranceiro mecenas solidario neses tempos. Dende 1952 ata os setenta sempre houbo cando menos unha dorna para aquel fin co recadado durante a Festa, despois seguiu realizándose nalgunha ocasión pero a necesidade era menor e o sentido social foise canalizando cara a outras accións.

A programación festiva da primeira década concretou unha serie de actividades, ritos e símbolos que deron identidade á Festa ao longo da súa dilatada historia: A entrega da “flor natural” aos confrades, o “Exame de patróns” para a admisión de novos membros na “Real e Ilustre Cofradía de la Dorna” na que era e segue sendo indispensable o correspondente suborno, o “Top Secret” ou actividade de rúa na que se ironiza sobre un suceso sinalado da actualidade local ou mundial, tamén a entrega de “poutadas”, insignias con forma de áncora tradicional, de ouro ou prata a destacados confrades e principais mecenas e o “Baile de Gala” que ata os oitenta era a actividade central con ata uns 1 500 asistentes en moitas das súas edicións. Todo contado nun programa, “Caderno de bitácora”, cun planeamento cheo de humor, ironía e orixinalidade no que se recollen as actividades de cada singradura.

Xunto a aquelas actividades xa “clásicas”, dende os cincuenta outras de tipo máis “cultural” como Exposicións de Artesanía, na que destacan as celebradas dende 1958 a 1960, regatas de dornas a remo ou vela, concursos de debuxo para anunciar a festa ou as “sardiñadas” e misas polos confrades xa falecidos complementaron a programación deses tempos.

Do 1960 ata o final da ditadura[editar | editar a fonte]

No 1960 unha nova comisión faise cargo da festa presidida por Lisardo Valeiras Bravo, completándose cos vocais Joaquín Otero Fernández Victoria, Arturo Valeiras Alvite e Perfecto Valeiras Alvite; significándose como colaboradores e colaboradoras, José María Rivas Colomer, Manuel Cores Cores, Albino Valeiras Poch, Joaquín Santos Pérez, María Luisa López Valeiras, Marisa Fernández de Sanmamed, Blanquita Ricoy de Borbón, Fidelina Cobas Álvarez e Elisa Mariño Paz.

A programación destes anos continúa a realizada na década anterior sendo de destacar a actuación da orquestraLos Tamara” en 1968 no “Baile de Gala”; o dificilmente igualable humor de Julio Bravo nos “Exames de Patrón” como examinador ou candidato e nos “Top Secret” como actor principal en distintas propostas das que o foguete “Dornaward 1-X-2” destacou pola súa espectacularidade.

Do final da ditadura ata a transición[editar | editar a fonte]

Nos derradeiros anos da ditadura e inicio da transición democrática un novo grupo de xoves confrades toma as rendas da organización. Sinalar a listaxe que figura nun libro de contas da Festa de mediados dos setenta nos que se citan a algúns dos principais integrantes deses anos: Alejandro Llovo Pérez, Jesús Mariño Míguez, Vicente Colomer Fariña, Daniel Bravo Cores, Antonio Picher, Ignacio Lens, Francisco Ruíz, Francisco Pereira, Cipriano Millet e Julián Álvarez.

No programa deses anos dase relevancia ao “Top Secret”, no 1977 celébrase o “Iº Campeonato de Chin chi Money” e o baile seguirá a celebrarse na Sala Cambeiro que pechará neses anos por reformas para intentar adaptarse aos novos tempos nos que a música disco terá maior predicamento. Os setenta foron os últimos de esplendor do Baile e da Festa seguindo o formato “clásico”.

Os anos oitenta[editar | editar a fonte]

A dificultade para atopar un local axeitado para celebrar o baile, para implicar xente nova disposta a organizar algo que precisaba renovarse en sintonía cos novos tempos e os distintos gustos dos oitenta, deu lugar a que a festa vivise un curto período de certa decadencia pero manténdose viva grazas a antigos confrades, encabezados unha vez máis por Lisardo Valeiras e co apoio de Tino Cobas ou Manolo Cores, entre outros, continuando co baile pero xa con éxito máis reducido na Discoteca Samanthas ou no local do “Círculo Mercantil”, mentres a cuadrilla de rapaces de O Rueiro facían algún “Top Secret”, pero maioritariamente os mozos e mozas orientáronse a festas de cuadrilla, así na “Horta da familia Ruíz” ou na “Horta do Abadiño” distintos grupos de xoves reuníanse para celebrar o día. No 1984 a A.C. Vionta, dentro da “Semana do Mar” do concello, organizou varias actividades de rúa recollendo a tradición dorneira, como o “Top Secret”, o baile de ”adestramento” na praza do Concello ou a rifa dunha maqueta de dorna “Virxe do Carme”, así como xogos para nenos.

Da remodelación de 1988 á actualidade. As peñas dorneiras[editar | editar a fonte]

No verán de 1988 iniciase un novo modo de organizar a Festa coa creación das “peñas dorneiras”. A iniciativa parte dun grupo de xoves que en anos anteriores destacaran pola organización de múltiples actividades culturais e deportivas formando parte da “A.C. Vionta” aos que se uniran outros que participaran en festas de cuadrilla na “Horta do Abadiño”, contando tamén coa aceptación e apoio de antigos confrades.

A fin de semana anterior ao 24 de xullo dese ano houbo a primeira “Asemblea de peñas” na taberna da señora Ramona “A Caseira” en Bandaurrío na que estiveron presentes representantes das que serían as peñas fundadoras: “Cajaboy Island”, ”Os Cabuxos do Mar”, ”Berberechos Asasinos”, “Pedra Pateira”, “As Parrochiñas da Ría”, “Kirie Eleisón”, “Os Petóns”, “Chopitos and Tramallos Corporation”, “As Fanecas bravas e os sinco fodonsiños”, “As nasas” e “Os lorchos”.

A ”casa das almas boas”, recollendo a tradición dun lugar de xuntanza para confrades en datas pretéritas (a primeira foi a de “Carmen a pava” na actual rúa de Galicia, e despois a de “Maruja” na rúa Rosalía de Castro), onde se distribuíron as primeiras camisetas foi na “fanequeira” ( bar ou taberna) “O Cotobado“, na rúa de Galicia, rexentada daquela por Manu Mariño.

Son nomes propios a destacar nos inicios da remodelación da Festa os de Juan Carlos Iglesias, Santiago Páramo, Marcelo Valeiras, Vicente Sánchez, Ricardo Llovo e os seus irmáns Alejandro e Gustavo, Daniel Fandiño, Toño e Suso Callón, María Cores, Moncho Muñiz ou José e Ramona Alborés, entre outro e outras.

A programación do 88 distinguiuse do de edicións anteriores no modo de organizarse e na prominencia que se lle deu ás actividades de rúa e participación (“Top Secret” con crítica paródica da quita de area das dunas de Olveira, “Exame de patróns” con fondo de lancha de contrabandistas, “Jran sardiñada” e “Campionato mundial de chin chi monis” e a “Festa Asalto” no “Callejón”, rúa da “movida” naqueles tempos... Ese ano, debido ao mal tempo, a celebración alongouse a dous días, 23 e 24 de xullo, premonitorio do que en singraduras posteriores sucedería ao irse ampliando o número de actividades e o espectacular éxito que tivo o novo formato.

No 1991 legalízase a A.C. “R.e I. Cofradía da Dorna” para dar cobertura legal e liderar a consolidación e organización da festa, acceder a axudas públicas e promover accións encamiñadas á protección e divulgación da embarcación tipo “dorna”, contando aos poucos meses con máis de seiscentos socios e socias.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Declaran la Festa da Dorna de interés turístico". La Voz de Galicia (en castelán). 2005-05-11. Consultado o 2017-12-13. 
  2. "Evento: Festa da Dorna de Ribeira | Cultura de Galicia". www.cultura.gal (en castelán). Consultado o 2017-12-13. 
  3. "El 24 de julio, día de la Festa da Dorna será festivo local" (en castelán). 2015-07-27. Consultado o 2016-07-02. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]