Saltar ao contido

Cantil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Os cantís máis altos de Europa. Santo André de Teixido, Cedeira (Galiza).
Cantís de Moher, Irlanda.
Acantilado de los Gigantes, Tenerife (España).
Isfjorden, Svalbard.

Un cantil ou acantilado é un accidente xeográfico que consiste nun lugar escarpado, de gran pendente vertical normalmente preto do mar, sobre o que forma un beiril ou balconada. Tamén poden considerarse cantís os que existen nas montañas, fallas e beiras dos ríos (cárcavas ou cavorcos).

Os cantís acostuman estar formados de rochas resistentes á erosión e ao desgaste pola acción da atmosfera, xeralmente rochas sedimentarias coma limonitas, arenitas, calcarias ou dolomías, malia aparecer tamén rochas magmáticas coma basaltos ou granitos, coma no caso das formacións galegas.

Unha escarpa é un caso particular de cantil, formada polo movemento dunha falla tectónica ou un derrubamento. A meirande parte dos cantís rematan a xeito de pendente no seu baseamento; en áreas áridas ou baixo grandes cantís, o noiro é polo xeral un amoreamento de rochas desprendidas, mentres que nas áreas de maior humidade, as rochas do noiro fican cubertas por unha camada de terra compactada pola humidade, formando un solo.

Moitos cantís presentan tamén fervenzas e espenucas ou furnas escavadas no baseamento. Ás veces os cantís morren ao final dunha crista, creando estruturas pétreas senlleiras.

En Galicia hai varios ben coñecidos, como os de Fisterra, e en xeral na Costa da Morte, os da Praia das Catedrais, ou os da comarca do Ortegal (Costa Ártabra), onde salientan os de Herbeira, preto de Santo André de Teixido, en Cedeira. Con 613 m sobre o nivel do mar, son os máis altos da Europa continental.

Estranxeiro

[editar | editar a fonte]

Entre os cantís costeiros máis altos do mundo áchanse o Thumbnail (ao sur de Groenlandia, con preto de 1500 metros sobre o mar), o Risco de Faneque na illa de Gran Canaria (Illas Canarias) con 1027 m ou un situado en Kaulapapa (Hawai, con 1010 metros). No Brasil salientan os da cidade de Torres, no Río Grande do Sur.

Entre os cantís interiores máis grandes do mundo atópanse a cara Rupal do Nanga Parbat, no Paquistán, con 4600 metros sobre o baseamento, a parede oriental das Torres do Trango (no cordal do Karakorum, Paquistán, con 1340 m de altura de parede case vertical) e o monte Thor (Illa de Baffin, no Canadá, con 1250 metros de parede vertical con zonas extrachumbadas.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]