Demografía de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Demografía de Galicia
Xente paseando na praia de Augas Santas, Ribadeo
Poboación 2 707 700 (2017)
Poboación estranxeira 103.685 (2011)
Saldo vexetativo -24.725 (2010)
Saldo migratorio 8.563 (2010)
Taxa de paro 14,7 (2017)
Taxa de natalidade 8,3/1.000 (2008)
Taxa de mortalidade 10,6/1.000 (2008)
Número medio de fillos/muller 1,1 (2008)
Esperanza de vida 83 anos (2018)[1]
Xentilicio Galego, galega
Datos do IGE
Parte da serie sobre o
Pobo galego
Por país
Demografía de Galicia
Diáspora
Alemaña · Arxentina · Brasil · Cuba · Estados Unidos de América · Francia · México · Reino Unido · Suíza · Uruguai · Venezuela
Cultura
Arquitectura · Arte · Baile · Gastronomía · Literatura · Loita · Música · Mitoloxía · Relixión · Símbolos · Traxe
Linguas
Galego
Dialecto berciano
Xergas: Barallete · Verbo dos arxinas
Historia de Galicia

Galicia conta cunha poboación de 2 695 645 de habitantes (2017),dos que 1 297 301 son homes e 1 398 344 mulleres (datos a 1 de xaneiro de 2021)[2] Contando así cunha densidade de de poboación de 92,18 hab./km², lixeiramente superior á media española e semellante á europea. Galicia é a quinta comunidade autónoma de España por poboación.

Con 292.986 habitantes Vigo é o concello máis poboado, seguida pola Coruña con 244.099 habitantes, segundo datos de 2017. A poboación de Galicia concéntrase na súa maioría nas zonas costeiras, sendo as áreas das Rías Baixas e o Golfo Ártabro (áreas metropolitanas da Coruña e Ferrol) as de maior densidade de poboación. Xunto con Vigo e A Coruña, Galicia conta con outras cinco localidades consideradas cidades: Ourense, Lugo, Santiago de Compostela (capital administrativa de Galicia), Pontevedra e Ferrol.

Así mesmo, o país conta con seis concellos con máis de 30.000 habitantes: Narón, Vilagarcía de Arousa, Oleiros, Carballo, Arteixo e Redondela, nove concellos de entre 20.000 e 30.000 habitantes, entre os que destacan Ames, Ribeira e Cangas, e trinta e seis de entre 10.000 e 20.000 habitantes entre os que destacan Monforte de Lemos e Moaña.

O Instituto Galego de Estatística (IGE) é un organismo autónomo da Xunta de Galicia creado no ano 1988, e encargado de promover o desenvolvemento do sistema estatístico de Galicia. Presta servizos de recompilación e difusión da documentación estatística dispoñible, desenvolve bases de datos de interese público, analiza as necesidades e a evolución da demanda de estatísticas e asegura a súa difusión.

Segundo as cifras provisionais do INE para o 2011, a poboación galega situaríase nas 2 772 928 persoas, o que supón unha diminución de 24.725 respecto da mesma data do ano anterior.[3] Canto á poboación estranxeira, esta medraría ata as 103.685 persoas, un 3,7 % da poboación galega.

Concellos que gañaron ou mantiveron a súa poboación en 2009

Principais cifras de poboación (2011)[editar | editar a fonte]

Provincia da Coruña[editar | editar a fonte]

Concellos máis poboados de Galicia (2005)
Concellos menos poboados de Galicia (2005)
   

Provincia de Lugo[editar | editar a fonte]

Provincia de Ourense[editar | editar a fonte]

Provincia de Pontevedra[editar | editar a fonte]

   
Concellos máis poboados
Vigo
Vigo 297.241
A Coruña 246.028
Ourense 108.002
Lugo 98.007
Santiago de Compostela 95.207
Pontevedra 82.400
Ferrol 72.963
Narón 38.910
Vilagarcía de Arousa 37.903
Oleiros 34.133
Carballo 31.303
Arteixo 30.482
Redondela 30.006
Datos do IGE

Dispersión da poboación[editar | editar a fonte]

O territorio galaico caracterízase pola súa dispersión poboacional

O territorio galego divídese en 313 concellos, que á súa vez se dividen en entidades colectivas ou parroquias, e estas, en entidades singulares ou lugares. En Galicia hai máis de 30.000 lugares, o que fala do espallamento da poboación no territorio. Destes lugares, 1.183 atópanse deshabitados.[8] Aproximadamente a metade das entidades de poboación do estado español concéntranse en Galicia.[9]

Demograficamente, o interior galego está pouco poboado, e continúa a experimentar a emigración ás áreas urbanas litorais, de xeito que se mantén a estrutura de poboación en pequenos núcleos, pequenas vilas e a poboación dispersa en aldeas,[10] o que se reproduce na costa pero con características diferentes debido á moito maior densidade de poboación.

Seis de cada dez concellos galegos non chegan aos 5.000 habitantes, e, deles, case a metade están por baixo dos 2.000.[11]

En Galicia hai unha clara liña que separa as provincias occidentais das orientais. Estas teñen a metade dos concellos de Galicia pero só un 25% dos seus habitantes, e, con estes ingredientes, concentran un 85% dos concellos con menos de 2.000 veciños.[11]

A maioría da poboación vive á beira das rías atlánticas, nos maiores núcleos urbanos e as súas áreas de influencia.

Movemento natural[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Movemento natural.

No ano 2006, o nivel de fertilidade das galegas era de 1,03 fillos por muller fronte ao 1,38 estatal e menor á cifra de 2,1 fillos por muller necesarios para que se produza o relevo xeracional da poboación[12]. Entre as galegas, as luguesas e as ourensás son as que menos fillos teñen, con 0,88 e 0,93 respectivamente, sendo as primeiras, as que menos fillos teñen en España.[12] En 2006 rexistráronse en Galicia un total de 21.392 nacementos[13], o que supón case 300 máis ca no 2005, segundo o IGE. A cifra implica unha notable mellora respecto de 1998, ano no que houbo 18.538 nacementos. De feito, na actualidade Galicia vive unha recuperación do número absoluto de nacementos comezado en 1999 e que está a sosterse nos últimos anos.

Malia a mellora dos nacementos, o saldo vexetativo, continúa a ser negativo en Galicia. No 2006 houbo un total de 29.389 falecementos polo que a poboación total decreceu en preto de 8.000 persoas.

A cuarta parte dos nacementos que se producen en Galicia -o 26,1%- ten como protagonistas a nais solteiras, segundo estes mesmos datos, relativos a 2006.

Desta forma, os nacementos a cargo de nais solteiras incrementáronse de xeito significativo na última década, xa que en 1996 tan só representaban o 10,6 por cento do total de nacementos.

Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, a provincia de Pontevedra é a provincia galega que rexistra unha maior porcentaxe de partos fóra do matrimonio -o 27,9 por cento-, seguida de Lugo (26,8%), A Coruña (24,8%) e Ourense, onde 23 de cada 100 nacementos son de nai solteira.

Na última década vense producindo un incremento significativo da idade das nais no momento do parto. Así, en dous de cada tres nacementos -o 65,3%- a nai supera os 30 anos, e ata en 880 nacementos a nai excedía os 40 anos, unha idade a partir da cal se incrementa o risco. Vencellado á avanzada idade das nais galegas está o número de partos múltiples, que, na última década medrou un 41,6% grazas ás técnicas de fertilidade.[14]

Con todo, esta circunstancia non se produce entre os colectivos inmigrantes, xa que na meirande parte dos partos protagonizados por mulleres estranxeiras -o 31,4 por cento do total-, a nai tiña entre 25 e 29 anos no intre de dar a luz.

Emprego[editar | editar a fonte]

Os indicadores económicos e sociais de Galicia veñen mellorando sensiblemente nos últimos anos. A taxa de desemprego, despois de caer nos últimos anos, mantense actualmente estancada, pasando do 8,05% en 2006 ao 7,47% no 2007 (95.000 parados[15] e ao 8,3 no primeiro trimestre do 2008. Malia esta evolución positiva, a enquisa que elabora o INE pon de manifesto que en Galicia se manteñen outros datos máis preocupantes respecto da evolución do mercado laboral. Así, a taxa de paro feminino na comunidade galega (9,82%) case duplica á masculina (5,61%). En canto á taxa de paro a máis alta corresponde á provincia da Coruña (8,44%) fronte á de Ourense que, co 5,2% é a menor.[15]

De feito, o maior continxente de parados segue estando representado por mulleres -un total de 55.900 galegas buscan emprego de xeito activo-, fronte aos 40.600 homes na mesma situación.

Crise económica 2008-2013[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Crise económica 2008-2013.

Poboación estranxeira[editar | editar a fonte]

Poboación estranxeira por nacionalidade
Portugal Portugal 18.498 (19,4%)
Brasil 10.512 (11,1%)
Colombia 8.241 (8,7%)
Romanía Romanía 5.177 (5,4%)
Arxentina 5.113 (5,4%)
Marrocos Marrocos 4.633 (4,9%)
Uruguai 4.287 (4,5%)
Venezuela 4.002 (4,2%)
Italia Italia 3.252 (3,4%)
Perú 2.721 (2,9%)
Outras nacionalidades 28.686 (30,2%)
Total 95.112
Fonte: INE.
Ano 2008. Datos provisionais.
Visto en:
Datos estatísticos básicos de Galicia 2008.

A proporción de estranxeiros é do 2,67% da poboación total. As nacionalidades predominantes son a portuguesa (17,93% do total de estranxeiros), a colombiana (10,93%) e a brasileira (8,74%)[16] A administración tramitou nos últimos catro anos en Galicia unha media de 1.460 ordes de expulsión de inmigrantes por careceren de documentación ou por teren o permiso de traballo ou de residencia caducado dos que máis dun 12% (uns 180) destes procedementos se executan.[17]

Esperanza de vida[editar | editar a fonte]

Un reflexo do avellentamento de Galicia é que por cada 100 menores de 20 anos hai 135,2 maiores de 65 (2007)

A esperanza de vida é de 76,8 anos para os homes e de 84 anos para as mulleres, 7,2 máis cos homes galegos. Dende 1981 a esperanza de vida dos galegos medrou en 5 anos, grazas á mellora da calidade de vida[18]. O avellentamento da poboación tamén se pon de manifesto no incremento de anciáns de idade avanzada que rexistra gradualmente a comunidade cada exercicio. Galicia contaba en 1991 con 300 persoas con máis de cen anos. Cinco lustros despois, a cifra medrou un 72% ao superaren o século 518 galegos. Porcentualmente, o número de mulleres centenarias medrou dende 1991 máis có dos homes. No primeiro caso, hai 25 anos eran 224 as mulleres con cen anos ou máis, subindo un 73% na actualidade, ata chegar aos 388 casos. No tocante aos homes, Galicia na primeira referencia ao número de centenarios homes, había en Galicia, 76 habitantes con máis dun século, mentres que agora son xa 130.

Malia a alta esperanza de vida dos galegos, con 292.900 (11,3%) discapacitados, Galicia é a comunidade cun maior número de persoas que sofre algún tipo de discapacidade (fronte ao 8,5 dos españois).[19]

Os concellos con maior íncide de avellentamento atópanse nas provincias de Lugo e Ourense.

Nupcialidade[editar | editar a fonte]

En canto ao número de casamentos, na actualidade a cifra atópase estancada. No ano 2006 celebráronse en total 11.149 vodas, o que representa unha cifra 1,6 por cento superior a 2005, aínda que sinala que o número de matrimonios segue unha traxectoria descendente, alternando anos de aumento con anos de diminución.

Entre o total de novos matrimonios contraídos en 2006 en Galicia, 672 celebráronse entre home de nacionalidade española cunha muller estranxeira, 268 de muller española e home estranxeiro e 136 entre ambos os cónxuxes de cidadanía non española, indica o INE.

En base á lexislación aprobada a mediados de 2005, que permite as unións entre persoas do mesmo sexo, no ano 2007 houbo en Galicia 77 casamentos deste tipo, 48 matrimonios entre homes e 29 entre mulleres.[20]

Grupos de idade (2006)[editar | editar a fonte]

Grupos de poboación. Fonte: Instituto Galego de Estatística. Datos dispoñibles en[21]
Idade media Porcentaxe da pob.
menor de 20 anos
Porcentaxe da pob.
entre 20 e 64 anos
Porcentaxe de pob.
de máis de 65 anos
Índice de
envellemento
Galicia 44,1 16,1% 62,4% 21,5% 133,5
A Coruña 43,8 15,9% 63,7% 20,4% 128,1
Lugo 47,6 13,8% 58,4% 27,8% 200,5
Ourense 47,9 13,8% 57,9% 28,3% 204,4
Pontevedra 41,9 18% 64,0% 18% 100,1

Evolución demográfica[editar | editar a fonte]

A finais do século XVIII, o reino de Galicia era a unidade territorial máis poboada da Monarquía Hispánica, e a única que superaba o millón de habitantes.[22] Após a abolición en 1833 dos antigos reinos da devandita monarquía, a historia demográfica de Galicia foi a dunha continua perda de peso respecto ao resto do Estado, froito da emigración cara a Iberoamérica, Centroeuropa ou outras partes de España. Así, en 1857 a densidade de poboación en Galicia era a maior de todas as rexións do país, e Galicia representaba o 11,49% da poboación española. Con todo, no 2006, só o 6,19% dos españois residía nesta comunidade autónoma.

Evolución demográfica de Galicia e
porcentaxe con respecto ao total estatal[23]
1857 1887 1900 1910 1920 1930 1940 1950
Poboación 1 776 879 1 894 558 1 980 515 2 063 589 2 124 244 2 230 281 2 495 860 2 604 200
Porcentaxe 11,49% 10,79% 10,64% 10,32% 9,93% 9,42% 9,59% 9,26%
1960 1970 1981 1991 1996 2001 2006 2010
Poboación 2 602 962 2 583 674 2 753 836 2 720 445 2 742 622 2 732 926 2 767 524 2 797 653
Porcentaxe 8,51% 7,61% 7,30% 6,90% 6,91% 6,65% 6,19% 5,95%

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Los gallegos han ganado 3 años y 3 meses en esperanza de vida desde el 2000". La Voz de Galicia (en castelán). 
  2. "Piramide PoblaciónPoblación por comunidades, edad (grupos quinquenales), Españoles, Sexo y Año. Galicia.". Estadística del Padrón Continuo (publicado o 17 de xaneiro de 2022). 2021. Consultado o 15 de maio de 2022. 
  3. Censos de Población y Viviendas 2011
  4. Cifras oficiais da poboación a 1 de xaneiro. Ano 2011 A Coruña Arquivado 13 de abril de 2020 en Wayback Machine..
  5. Cifras oficiais da poboación a 1 de xaneiro. Ano 2011 Lugo Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine..
  6. Cifras oficiais da poboación a 1 de xaneiro. Ano 2011 Ourense Arquivado 13 de abril de 2020 en Wayback Machine..
  7. Cifras oficiais da poboación a 1 de xaneiro. Ano 2011 Pontevedra Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine..
  8. Datos estatísticos básicos Galicia 2008. Páxina 4.
  9. La población dispersa en Galicia cuadriplica la media española Arquivado 22 de maio de 2009 en Wayback Machine.. La Voz de Galicia.
  10. La población dispersa en Galicia cuadriplica la media española Arquivado 22 de maio de 2009 en Wayback Machine.. La Voz de Galicia (en castelán).
  11. 11,0 11,1 O despoboamento triplicou en dúas décadas o número de municipios galegos con menos de 2.000 habitantes Arquivado 12 de marzo de 2012 en Wayback Machine. Galiciaé, 01/06/2009
  12. 12,0 12,1 As lucenses son as que menos fillos teñen en España Arquivado 01 de marzo de 2009 en Wayback Machine..
  13. Aumentan os nacementos en Galicia, pero o saldo vexetativo segue en negativo Arquivado 28 de febreiro de 2009 en Wayback Machine..
  14. "Los partos de gemelos y trillizos son hoy un 41% más que diez años atrás". www.elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 2021-02-18. 
  15. 15,0 15,1 "O paro baixa en Galicia en 6 000 persoas no 2007". El Progreso de Lugo. 2008-01-25. Consultado o 2021-02-18. 
  16. Galicia 08. Xunta de Galicia, Consellaría de Cultura e Deporte.
  17. "1.400 órdenes de expulsión de inmigrantes 'sin papeles' al año en Galicia". www.elprogreso.es. Consultado o 2021-02-18. 
  18. A esperanza de vida incrementouse en Galicia en cinco anos desde 1981.
  19. Galicia, a comunidade con maior número de discapacitados 5/11/2008
  20. "Galicia está entre as comunidades coa taxa máis baixa de matrimonios de homosexuais". Arquivado dende o orixinal o 07/07/2008. Consultado o 04/07/2008. 
  21. "Censo de 2007". Arquivado dende o orixinal o 29 de agosto de 2017. Consultado o 20 de xuño de 2019. 
  22. Ferreiro Delgado, Honorio (1977). "Contexto histórico-político de Galicia en la primera mitad del siglo XIX" (PDF). Revista de Estudios Políticos (en castelán) (Madrid: Centro de Estudios Políticos y Constitucionales) (212): 327–348, en 328. ISSN 0048-7694. 
  23. Fonte: Poboación segundo o Instituto Nacional de Estadística de España. Datos dispoñibles en INE. Censo de 1857, Poboación de España por provincias dende 1787 a 1900, Series de poboación de feito en España dende 1900 a 1991, Arquivado 29 de setembro de 2007 en Wayback Machine. e Series de poboación de España dende 1996. Arquivado 18 de abril de 2010 en Wayback Machine.

Outros artigos[editar | editar a fonte]