Comarca de Valdeorras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Comarca de Valdeorras
Comarca Valdeorras.png
ProvinciaProvincia de Ourense
Área968,90 km²
Poboación25.381 hab. (2020)
Densidade26,2 hab./km²
ConcellosO Barco de Valdeorras
O Bolo
Carballeda de Valdeorras
Larouco
Petín
A Rúa
Rubiá
A Veiga
Vilamartín de Valdeorras
Xentiliciovaldeorrés/valdeorresa

A comarca de Valdeorras é unha comarca galega situada na provincia de Ourense e a súa capital é O Barco de Valdeorras. Pertencen á comarca os concellos de O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras. En total abrangue 968,90 km²,[1] e caracterízase pola súa elevación pois nela está o maior cumio de Galicia, a Pena Trevinca (2127 m). O seu xentilicio é valdeorrés/valdeorresa.

Xeografía[editar | editar a fonte]

O río Sil conforma a comarca en tres áreas, o propio val e as serras que se sitúan ao seu norte e sur. O val do Sil contén numerosos sedimentos terciarios, nas serras do sur, Serra do Eixe, Serra Calva e Serra Segundeira atópanse as maiores altitudes de Galicia, dominando os relevos abruptos con abondosas formas periglaciais. O relevo montañoso do norte fórmano a Serra de Cereixedo, Serra dos Cabalos e Serra da Enciña da Lastra. O sistema fluvial da comarca céntrase no Sil, que é o principal curso de auga e todos os outros ríos son afluentes del. Os tributarios da dereita son ríos curtos, xa que os cumios están próximos ao val, destacando o río Éntoma, e o Leira, os tributarios da esquerda son máis longos, destaca entre eles o Casaio. O clima da comarca é oceánico de montaña nas áreas máis elevadas e oceánico de matiz mediterráneo no Val do Sil. Valdeorras conta con espazos protexidos, o parque natural da Serra da Enciña da Lastra, o Macizo Central e o Pena Trevinca.

Demografía[editar | editar a fonte]

Poboación da comarca
Concello habitantes
ano 2020
O Barco de Valdeorras 13.431
O Bolo 850
Carballeda de Valdeorras 1.499
Larouco 417
Petín 849
A Rúa 4.283
Rubiá 1.383
A Veiga 857
Vilamartín de Valdeorras 1.812
Total 25.381
Fonte: IGE[2]
Padrón municipal 2020 25.381 habitantes[1]
Menores de 15 anos 2.630 (10,36 %)
Entre 16 e 64 anos 15.423 (60,77 %)
Maiores de 65 anos 7.328 (28,87 %)

Historia[editar | editar a fonte]

A chegada dos romanos cambiou substancialmente o val. O principal elemento romanizador foi a construción da Vía XVIII da que quedan como mostra varias pontes na actualidade. Tras os romanos, que buscaban o ouro que había no río Sil, chegaron os suevos e os visigodos e posteriormente, a repoboación, o cristianismo e a influencia das ordes monásticas.

En 1624 púxose en marcha o mosteiro das Ermidas, que se converteu no máis importante lugar de culto da comarca. Durante a Guerra da Independencia, o val de Valdeorras asistiu a diversas escaramuzas entre as tropas francesas por unha banda e o exército inglés xunto coas tropas españolas e os guerrilleiros locais.

En 1822, esta comarca, xunto coa veciña de Trives, pertenceu á provincia do Bierzo (a provincia do Vierzo), coa que aínda pertencendo hoxe día a provincias diferentes, León e Ourense, manteñen importantes lazos económicos e de servizos. En 1833 separouse a provincia berciana en dúas; segundo o deputado leonés, Benito Lobato, “era partidario de deixar para Ourense unha parte do Bierzo con tal de manter a maior porción con León (…)”.

A finais do século XIX tivo lugar un feito decisivo para a economía e a historia humana de Valdeorras: o 1 de setembro de 1883 abriuse ao tráfico a liña férrea Palencia-A Coruña, quedando o val comunicado por ferrocarril á modernidade. Finalmente, durante boa parte do século XX o acontecemento máis notable foi a constante emigración primeiro a Cuba e América do Sur (a Arxentina, o Uruguai...) e posteriormente a Alemaña, Francia e Suíza principalmente.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Vexa o artigo principal en Galería de imaxes da comarca de Valdeorras

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "IGE - Información comarcal". www.ige.eu. Consultado o 2021-04-29. 
  2. "IGE. Táboas". www.ige.eu. Consultado o 2021-04-29. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Docampo Paradelo, Gustavo e Picouto, Millán (1992). O Barco e a terra de Valdeorras. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 978-84-87674-23-5. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre comarcas de Galicia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.