Castiñeiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Castiñeiro
Castiñeiro.
Castiñeiro.
Estado de conservación
Non ameazado
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Fagales
Familia: Fagaceae
Xénero: Castanea
Especie: C. sativa
Nome binomial
Castanea sativa
Mill.[1]
Área de distribución da especie: en cor verde, a máxima extensión natural da especie no clima actual; en cor siena, a extensión actual de cultivo da especie.

Área de distribución da especie: en cor verde, a máxima extensión natural da especie no clima actual; en cor siena, a extensión actual de cultivo da especie.

O castiñeiro común[2] (Castanea sativa), tamén coñecido popularmente como castiñeiro bravo,[3] castiro,[4] uriceiro ou castieiro,[5] é unha árbore caducifolia da familia Fagaceae apreciada pola súa madeira e os seus froitos comestíbeis, as castañas. Moitos exemplares acadan unha gran lonxevidade e teñen unha longa historia que se pode remontar a varios séculos.

Orixinario do sur de Europea e de Asia Menor, a súa presenza nestas áreas xeográficas débese a que durante a última glaciación, o castiñeiro atopou zonas de refuxio nas costas cantábrica e atlántica da Península Ibérica, así como na Península Itálica e na Península de Anatolia, sendo moi común nos montes de Galicia. Contrariamente á crenza popular que di que o seu espallamento data da época romana,[6][7] é en realidad unha árbore autóctona galega, que xa estaba presente no noroeste da península hai máis de 20.000 anos.[8]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A verba galega "castiñeiro" ou a súa variante "castañeiro/a"[9] (castanheiro en portugués) vén do latín castanea, á súa vez derivado do grego kastanon. Este nome faría referencia a Kastanon, unha vila de Tesalia sonada na antigüidade pola calidade das castañas alí apañadas.[10] Castanea era o nome antigo que se lle daba ao carballo antes de chegar o castiñeiro a Roma. Sativus significa 'cultivado' en latín.[11] A castaña foi apelidada "árbore do pan" pola bondade nutritiva dos seus froitos. Estes substituíron aos cereais en moitas zonas de Europa, coma nas Cevenas, ao sur de Francia.

Descrición[editar | editar a fonte]

Toro de Castanea sativa onde poden verse os aneis de crecemento.
Flores de castiñeiro. Varias inflorescencias masculinas con abondosos estames amarelos; tres flores femininas, de cor verde con estilos amarelos, no centro da imaxe.

Árbore que pode superar facilmente os 20 metros e acadar gran lonxevidade.[12] Casca é lisa de cor cincenta ou parduzca na xuventude, pasando despois a castaño-escura e agrietada lonxitudinalmente. O tronco é curto e groso nos exemplares culitivados, e máis esvelto nos silvestres.[10]

As follas son estreitas, alternas, coa beira moi dentada, peludas no envés cando son novas. Miden entre 10 e 25 cm de longo por 3-7 cm de ancho e teñen uns 20 pares de nervios paralelos e prominentes polo envés.[10] As flores son unisexuais: as masculinas reciben o nome de candeas e distribúense ao longo dun eixo; as femininas (con sete a nove estilos prominentes e un cáliz con 5-8 lóbulos) na base do amento, xeralmente en tríos dentro dunha roseta de espiñas. As plantas son monóicas, con flores masculinas e femininas sobre a mesma planta[12][10]

Os froitos preséntanse en grupos de dous ou tres e están recubertos por unha casca verde con espiñas (o ourizo) de até 4 cm de diámetro que se abre en catro valvas. Cando o ourizo contén tres castañas, a central é máis pequena e con dúas caras planas, sendo as dos extremos coa cara interna plana e a externa convexa.[12] Cada castaña (aquenio) está protexida por unha cuberta correosa de cor pardo-roxizo , lustrosa no exterior e aterciopelada por dentro, coa base de cor máis clara. Contén normalmente contén unha sóa semente cunha cuberta membranosa pardo-amarela (epispermo).[10]

A época da recollida das castañas é novembro, e en Galicia celébrase co magosto.

Distribución[editar | editar a fonte]

Esta árbore ten unha ampla presenza nas tres penínsulas meridionais de Europa, limitada pola seca propia do verán (menor a tres meses) e cun mínimo de 600–700 mm de choivas anuais. Na zona sur da Península Ibérica o castiñeiro íllase en zonas frescas de montaña e, polo xeral, emprégase como recurso secundario a rega para manter a produción dos outeiros. En Galicia, as maiores securas atópanse no Sil —chegando aos 2,5 meses— e relaciónanse cos danos causados polo cancro nos soutos desta área. O límite da área setentrional está marcado por unha temperatura mínima duns 9 °C para a frutificación e polas destrucións dos brotes novos, propias das xeadas primaverais con valores inferiores ao -1 °C (fenómeno pouco usual xa que adoitan brotar entre finais de marzo e finais de abril)[13].

A boa produción de castaña depende das condicións climáticas durante o verán, no tempo de polinización e fecundación, así como algunha que outra choiva no mes de setembro. A polinización, que ten lugar durante os últimos días de xuño até comezos de agosto, precisa de tempo seco e temperaturas altas. Os soutos máis activos teñen un período de secura dun mes e medio e temperaturas máximas do mes máis caloroso superiores aos 26 °C. A humidade elevada ambiental durante o período estival pode ocasionar o desenvolvemento de fungos portadores da antracnose das follas do castiñeiro, doenza á que son moi sensíbeis certas variedades de castiñeiros e que causa a perda de crecemento e das producións de castaña[13].

Brotación[editar | editar a fonte]

As datas de brotación do castiñeiro divídense en: moi temperá, temperá, media, seriodia e moi serodia; e transcorrendo normalmente dende mediados de marzo a mediados de maio. As datas exactas de inicio da brotación varían segundo as condicións climáticas do ano, fundamentalmente do amoreamento de frío no inverno anterior e do amoreamento de calor dende o final do inverno e durante a primavera, de xeito que pode haber diferenzas de máis de dúas semanas entre anos. Os híbridos tipo Castanea crenata x Castanea sativa adoitan seren de brotación moi temperá ou temperá, mentres que as variedades de Castanea sativa son principalmente de brotación media a serodia, aínda que as hai tamén de brotación temperá e moi serodia[14].

Lonxevidade[editar | editar a fonte]

O castiñeiro é a arbore máis lonxeva de Europa e chega a ser milenario, so sendo superada no resto do munto por Pinus aristata e Sequoiadendron giganteum. Son exemplares destacados pola súa lonxevidade o Castiñeiro dos cen cabalos, localizado en Catania, cunha idade estimada de máis de 3000 anos e o castiñeiro de Rozabales, no concello de Manzaneda (Ourense), con 13,85 metros de circunferencia e unha idade aproximada de máis de 1000 anos.[15]

Aproveitamento[editar | editar a fonte]

Sección do toro dun castiñeiro dunha idade estimada de 270 anos, na Fraga de Catasós (Lalín). Naceu baixo o reinado de Filipe V e fou derrubado polo ciclón Hortensia en 1984.

O principal uso do castiñeiro é a obtención da súa madeira, moi valorada para fabricar mobles, entarimados de chans, instrumentos etc. Para isto era común demoucar as árbores dos soutos. Xa en tempos romanos, introduciuse nas rexións máis ao norte e máis tarde tamén se cultivou nos xardíns dos mosteiros polos monxes. Hoxe en día, os espécimes centenarios pódense atopar en Europa occidental, central e meridional.

Outro dos aproveitamentos desta especie é a utilización do seu froito: empregouse tradicionalmente como fonte enerxética para a poboación en xeral, e mesmo como alimento para os animais (fundamentalmente porcos), mais perdeu o seu lugar de importancia na dieta cando chegou a pataca das Américas. Esta substitución e o papel alimenticio que tiña foron tan importantes que aínda hai hoxe lugares de Galicia onde lles chaman castañas ás patacas (igual que en francés se lles chama pommes-de-terre 'mazás da terra'). A castaña cómese cocida ou asada, e en menor medida crúa. En Galicia é común comer as castañas nos magostos do outono. O marron glacé é un doce con receita francesa que aumenta enormemente o valor engadido. En Galicia só hai unha fábrica deste produto, localizada en Ourense.

A árbore foi unha elección popular para axardinar en Inglaterra, particularmente nos séculos XVIII e XIX. O castiñeiro introduciuse probabelmente na rexión durante a ocupación romana, rexistrándose moitos exemplos antigos[16]. Máis recentemente, a árbore sementouse nas rúas de Inglaterra, puidéndose ver exemplos no borough londinense de Islington.

Outros produtos tradicionais, como a augardente de castaña ou a crema de castañas, ou outros usos, como o reaproveitamento de biomasa, non conseguen frear a caída de produción e consumo desta especie que acompaña aos galegos desde hai dous milenios.

Ameazas[editar | editar a fonte]

Hoxe en día moitos dos soutos están a ser arrasados polos madeireiros. Outra ameaza que sofre o castiñeiro é a "tinta", unha enfermidade de orixe chinesa causada por un protista oomiceto (Phytophtora cinnamomi) semellante a un fungo. Ataca ás árbores pouco a pouco manchándolles a madeira e diminuíndo o seu valor comercial. En Galicia, a enfermidade entrou pola localidade leonesa de Bembibre, a través de camións que traían madeira contaminada. O Centro de Investigación Forestais de Lourizán investiga dende hai anos na creación dun híbrido resistente á enfermidade, para a súa implantación nas zonas de maior importancia industrial (sur de Lugo e oriente de Ourense).

Enfermidade da tinta[editar | editar a fonte]

O clima galego caracterízase polas abondosas e frecuentes precipitacións, amais dos escasos períodos de seca prolongada e as temperaturas mornas. O solo é superficial e pedrento, con pH acedos e gran cantidade de materia orgánica. Todas estas calidades cumpren coas condicións de desenvolvemento axeitado do fungo chamado Phytophthora cinnamomi, que orixina a «enfermidade da tinta» nos sistemas radicais do castiñeiro. O fungo fica inactivo cando a temperatura se mantén por debaixo de 0 °C durante un espazo determinado de tempo, sendo este para a inactivación máis curta canto menor sexa a temperatura acadada. O risco de danos por este fungo incrementa coa temperatura, e polo tanto a probabilidade de prexuízos por este patóxeno mingua dende a costa ata a montaña oriental.

Cancro do castiñeiro[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Cancro do castiñeiro.

É unha doenza provocada polo fungo Cryphonectria parasitica. Inicialmente identificada en 1906 como Diaporthe parasitica, posteriormente pasou a chamarse Endothia parasitica entre 1912 e 1978, ano en que adoptóu o nome actual. E orixinaria de Asia, desde onde se espallou por América do Norte e Europa. Foi a responsable da práctica destrución do castiñeiro americano (Castanea dentata) na primeira metade do século XX. Foi identificada por primeira vez nos Estados Unidos en 1904 e en Europa en 1938 na zona de Xénova, pasando a España (1947), Francia (1956), Grecia e Turquía (1967), Portugal (1989) e moitos outros países.[17]

Avespa do castiñeiro[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Dryocosmus kuriphilus.
Dryocosmus kuriphilus.jpg
Dryocosmus kuriphilus

O himenóptero Dryocosmus kuriphilus ataca as xemas formando un bugallo que altera o crecemento do tallo suprimindo a elongación e reducindo a fructificación. En certos casos pode provocar a morte da árbore. Orixinaria de Asia, atópase na actualidade amplamente espallada por América do Norte e Europa.[18] A presenza de bugallos desta especie tamén incrementa a probabilidade de que a árbore sexa infectada polo cancro.

O castiñeiro en Galicia[editar | editar a fonte]

En Galicia, a formación de orixe humana de castiñeiros para o aproveitamento de madeira e leña coñécese coma souto, é moi común nas provincias do interior. Tamén é frecuente atopar os castiñeiros asilvestrados en carballeiras e fragas.

O castiñeiro e a castaña forman parte da cultura, gastronomía, etnografía e historia galegas. A súa madeira de calidade empregouse na fabricación de mobles e trabes. Foi un alimento moi apreciado, especialmente antes da chegada da pataca das Américas. Árbore e froito arrodéanse de lendas. O magosto é unha das principais festividades da cultura e gastronomía galegas.

Tamén é moi común nos parques e cidades galegas o castiñeiro das bruxas ou de Indias (Aesculus hippocastanum), árbore ornamental caducifolia de xénero completamente diferente ao castiñeiro bravo e froito non comestíbel. Dise na cultura popular que o froito desta última árbore ten propiedades máxicas contra o mal de ollo.

Na cultura popular galega[editar | editar a fonte]

  • A castaña que está no camiño é do veciño.
  • Cando vire-la candea no castiñeiro, leva a ovella ó carneiro.
  • Non hai ruín viño con castañas asadas e sardiñas salgadas.
  • O que non sabe a maña, non come castaña.
  • Sempre un porco ruín ha topar cunha boa castaña.
  • Temperá é a castaña que por setembro regaña.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Miller. Gardeners Dictionary ed. 8 no. 1 (1768)
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para castiñeiro.
  3. Fernández López, Josefa. CINAM Lourizán, ed. "As poboacións autóctonas de castiñeiro e a selección de materiais de reprodución" (PDF). Consultado o 27 de marzo de 2018. 
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para castiro.
  5. "Castiñeiro (Castanea sativa Mill.)". Atlas Lingüístico Galego. Consultado o 9 de setembro de 2016. 
  6. Guillén Oterino, Antonio. "Sobre la introducción del Castaño, Castanea sativa, en el Mediterráneo Occidental" (PDF). Consultado o 27 de marzo de 2018. 
  7. Strasburger, Eduard; Noll, F.; Schenck, H.; Schimper, A. F. W. (1985) [1983]. "3". Lehrbuck der Botanik, 32ª [Botánica] (en español) (7ª ed.). Barcelona: Marín S.A. p. 847. ISBN 84-7102-990-1. Por ello fué introducido por los romanos en las partes más templadas de la Europa media a partir de su área mediterránea 
  8. García, Victoria (29 de xaneiro de 2018). "O castiñeiro é unha árbore autóctona: non a trouxeron os romanos". GCiencia. Consultado o 27 de marzo de 2018. 
  9. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para castañeiro.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 López González, Ginés (1988). La Guía INCAFO de los árboles y arbustos de la Península Ibérica (en castelán) (2 ed.). Madrid: Incafo S. A. pp. 437–9. ISBN 84-85389-34-4. 
  11. Harrison, Lorraine (2012). RHS Latin for gardeners. Reino Unido: Mitchell Beazley. p. 224. ISBN 9781845337315. 
  12. 12,0 12,1 12,2 Font i Quer, Pius (1993). Plantas medicinales, el Dioscórides renovado (en castelán). Barcelona: Península. pp. 103–5. ISBN 84-8307-242-4. 
  13. 13,0 13,1 "Guía de cultivo do castiñeiro para a produción de castaña" (PDF). Consellería do Medio Rural. Consultado o 14 de setembro de 2016. 
  14. Furones, P. (2009). "Morphological and phenological description of 38 sweet chestnut cultivars (Castanea sativa Miller) in a contemporary collection". Spanish Journal of Agricultural Research 7 (4): 829–843. ISSN 1695-971X. doi:10.5424/sjar/2009074-1097. 
  15. Viéitez Cortizo, Ernesto (1996). "4. El árbol herido". El castaño (en castelán). León: Edilesa. pp. 31–41. ISBN 84-8012-134-3. 
  16. "Sweet chestnut". Kew. Consultado o 14 de setembro de 2016. 
  17. Viéitez Cortizo, Ernesto (1996). "4. El árbol herido". El castaño (en castelán). León: Edilesa. pp. 189–200. ISBN 84-8012-134-3. 
  18. Viéitez Cortizo, Ernesto (1996). "4. El árbol herido". El castaño (en castelán). León: Edilesa. p. 213. ISBN 84-8012-134-3. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ernesto Viéitez Cortizo, Mª Luisa Vieitez Madriñán, F. Javier Vieitez Madriñán: El Castaño Ed. Edilesa, León (España) 1996, ISBN 84-8012-134-3, Depósito legal: LE-286-1996
  • M. Adua: The Sweet Chestnut throughout History from the Miocene to the third Millennium. In: G. Salesses: Proceedings of the Second International Chestnut Congress. Acta Horticulturae, Band 494, 1999, S. 29–35, ISBN 90-6605-941-9.
  • Alessandro Bottacci: Castanea sativa. In: Schütt, Weisgerber, Schuck, Lang, Stimm, Roloff: Enzyklopädie der Laubbäume. Nikol, Hamburg 2006, S. 185–193, ISBN 978-3-937872-39-1.
  • G. Bounous, D.T. Marinoni: Chestnut: Botany, Horticulture, and Utilization. Horticultural Reviews, Band 31, John Wiley & Sons 2005, S. 291–347, ISBN 0-471-66694-7.
  • Wilhelm Troll: Praktische Einführung in die Pflanzenmorphologie. Zweiter Teil: die blühende Pflanze, VEB Gustav Fischer Verlag, Jena 1957, S. 169–171.

Outros artigos[editar | editar a fonte]