Serra do Faro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Monte Faro visto desde San Cristovo.
Monólito con poema de Johan de Requeixo no monte Faro.

A serra do Faro é un accidente xeográfico montañoso galego. Separa a comarca do Deza da comarca de Chantada e máis tamén as concas fluviais do Miño e do Ulla, e está unida polo sur á serra do Farelo.

Características[editar | editar a fonte]

Presenta unha dirección NL-SO e dominan as rochas graníticas moi fracturadas. Divídese morfoloxicamente en tres grandes bloques, o superior situado a 900 metros, o central a 800 metros e o inferior a 700 metros. O monte Faro, con 1187 metros é a máxima altura, outros cumes destacados son Piorno (1059 metros), Penas Grandes (1026 metros), Cabeza (968 metros), Pena de Francia (914 metros) e Cantelle (896 metros).

A serra do Faro presenta tres ecosistemas diferenciados, o principal é o constituído por monte baixo, predominando os toxos, fentos, carpazas, queirogas e xestas no que habitan os coellos, lebres, lobos, raposos e toupas alén de cotovías, lavercas, paspallás, pombas e ferreiros. Nas valgadas aparece o bosque caducifolio, composto por carballos, cerquiños, bidueiros e abruñeiros xunto con arandeiras, cabaciñas ou xabroneiras. Por último o monocultivo de piñeiros constitúe o terceiro ecosistema.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]