Arteixo
| Arteixo | |||||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
| Wikidata G:Commons C:Commons | |||||||||||||||||||||
Arteixo é un concello costeiro da comarca da Coruña. Ten unha superficie de 95,9 km². Segundo o padrón municipal de 2025 tiña 34.403 habitantes (16.968 homes e 17.435 mulleres).[1] O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «arteixán».[2]
A súa economía é principalmente industrial. Ten varios polígonos, coa sede corporativa do grupo téxtil Inditex e a refinería de Repsol. Na Punta Lagosteira construíuse o Porto Exterior da Coruña.
Toponimia
[editar | editar a fonte]O topónimo «Arteixo» é de orixe prerromana. Unha hipótese derívao dunha raíz art-, que significaría «concavidade ou depresión na superficie do chan», en alusión ao val onde se asenta a capital; outra, do lingüista Edelmiro Bascuas, propón un derivado da raíz indoeuropea ar-, de significado hidronímico: «un val regado por cursos de auga». Tamén se suxeriu unha relación co nome dos ártabros, o pobo prerromano que habitaba a zona.[3]
A mención documental máis antiga do topónimo é do 26 de setembro do ano 942, nunha relación de doazóns feitas ao mosteiro de Celanova polo seu fundador: «en Faro, por doazón da miña tía dona Gunterode, Arteixo» (en latín: in Faro, ex dato tie mee domne Gunterodis, Artasio).[4][3]
Nos séculos XIX e XX tivo vixencia a grafía deturpada «Arteijo», mais desde 1985 as denominacións oficiais do concello e da parroquia pasaron a ser de novo «Arteixo». En xullo de 2001 a Comisión de Toponimia de Galicia estableceu as denominacións oficiais das entidades de poboación do termo municipal e aprobou asignar o nome de Arteixo á capital do concello, a vila historicamente coñecida como A Baiuca.[3]
Historia
[editar | editar a fonte]

O campamento costeiro do Reiro, Chamín, ten pegadas dunha comunidade mesolítica (10.000 - 5.000 a. C.). Neste sitio arqueolóxico atopáronse ao aire libre materiais de industria lítica, como cuarzo e cristal de rocha, e tamén restos de cervos, xabaríns ou raspas de peixes. Téñense documentados petróglifos como o de Borroa.[5]
En 1981 foron catalogados no concello os seguintes castros:[6][7]
|
Luís Monteagudo atopou indicios de prospeccións mineiras xa na época protohistórica e romana. En Rorís (Armentón) atopou seis machados dos chamados de tope.[5]
Ao parecer, unha vía romana atravesaba o municipio: o camiño máis antigo que ía desde a Coruña ata Bergantiños pasaba por Lendo (A Laracha) e penetraba no concello polo monte da Estrela, onde quedan os restos dunha capela.[5]
Lucas Álvarez recolle no seu libro San Paio de Antealtares, Soandres e Toques, tres conventos medievais galegos un documento do 25 de marzo do 1182 no que Urraca González, con licenza do seu home Froilán Ramírez e do seu irmán o conde Gómez, concerta co mosteiro de Antealtares a cesión de por vida do mosteiro de Cambre e outras igrexas, entre elas «cum hereditate de Arteixo».[5] O termo municipal pertenceu na Idade Media a diversos señoríos, entre eles os descendentes de Gómez Pérez das Mariñas.[5]
No Antigo Réxime, as parroquias do concello pertencían ás xurisdicións de Anzobre, a Coruña, Erboedo, Morás e Soandres, cos coutos de Oseiro, Suevos, Loureda e Morás, e a capitalidade recaía na vila da Baiuca.[5]
Os movementos migratorios tamén afectaron ao municipio. A creación do polígono industrial de Sabón en 1965 supuxo un importante revulsivo para a evolución económica e demográfica da zona.[5]
No concello de Arteixo naceron ou viviron persoeiros como Manuel Murguía, Dora Vázquez, Arsenio Iglesias, Andrés Rojo del Cañizal e Manuel María Puga Parga, «Picadillo».
Xeografía
[editar | editar a fonte]

Situación
[editar | editar a fonte]Arteixo limita cos concellos da Coruña, Culleredo, A Laracha e Carballo. A súa costa está bañada polo Atlántico.
Orografía
[editar | editar a fonte]Arteixo ten un relevo pouco uniforme: hai vales de diferente tipo con montes de diversas alturas. Nos montes de Monteagudo destacan A Estrela (297 metros), Monte Alto (285 m) e Pedra Arcela (277 m). A serra de Santa Locaia resgarda o val de Loureda polo oeste. Alí están o Coto da Anta (385 m), a Pedra dos Bañadoiros (380 m) e o Coto de Santa Locaia (370 m).
Dos núcleos de poboación montañosos destaca O Monticaño, usado noutrora como fortaleza militar e reconvertido na área recreativa do Monticaño. Outra zona de montaña é o couto do Monte Súbico, de Loureda. Súbico provén do derivado su, da preposición latina sub ‘so’ ou ‘ao pé de’, e máis bico, de raíz celta picc-/becc ‘punta de pedra’ ou ‘cume no monte’. O couto de Súbico ten tres divisións: Lañas, Arteixo e Loureda. Dende o seu lado este albíscase a panorámica do Atlántico.
O monte do Bernal acollía os lugares de Fonte e Marco de Bernal, que facían o linde das parroquias de Armentón, Larín e Lañas, mais desapareceron coa construción da autoestrada. O topónimo «Bernal» procede do nome persoal Bernaldo, de orixe xermánica e coa raíz bern ‘oso’.
O monte da Xesta divide Larín de Armentón. Vai á Fonte Loureira, por debaixo das Casas Novas. O topónimo procede do latín genesta.
O monte de Angra pertence á parroquia de Barrañán. No seu cume están os deslindes das parroquias de Barrañán, Arteixo e Lañas.
Hidrografía e áreas forestais
[editar | editar a fonte]Entre as paraxes naturais destacadas están o encoro do Rexidoiro, unha reserva ornitolóxica, e a fraga de Sisalde, onde hai un muíño antigo.
O encoro de Rexidoiro atópase no polígono industrial de Sabón. É un pantano de orixe artificial que antigamente se usaba para abastecer de auga ás industrias do polígono e da central térmica de Sabón. Agora utilízase como espazo para que aniñen distintas especies de aves durante a súa migración, xa que lles ofrece un lugar tranquilo para a cría e con alimentos. No encoro obsérvanse varias especies de aves acuáticas e terrestres.
A fraga de Sisalde está situada na parroquia de San Xián de Barrañán. É un bosque típico galego con carballos, castiñeiros, ameneiros e salgueiros á beira do río Sisalde que desemboca no areal de Barrañán.
No centro de Arteixo existe un paseo fluvial á beira do río Bolaños. Esténdese dende a parroquia de Loureda ata a Ponte do Va, o polígono industrial de Sabón e o muíño do Rañal. Ten zonas axardinadas nas dúas marxes do río e zonas de descanso.
Litoral
[editar | editar a fonte]Algúns espazos, como o de Sorrizo, son aproveitados para a pesca local ou para embarcacións tradicionais. As principais praias son a de Barrañán e a praia de Alba, en Sabón. É unha costa con facilidades de avistar aves de costa ou migratorias e cetáceos. A zona costeira do concello conta con paseos marítimos, zonas peonís, parques e carrís bicicleta.
Cabos
[editar | editar a fonte]Os cabos e puntas da costa de Arteixo son:
- O cabo Llol
- O cabo Xancán
- A punta Percebeira
- Na península da Punta Lagosteira sitúanse o cabo Cociñadoiro, a punta Pariñeira, o cabo Armón, a punta Malveira e a Boleira de Antos
- A Punta de Augadoce
- A Punta Regueiro
Miradoiros e áreas recreativas
[editar | editar a fonte]No concello de Arteixo existen varios miradoiros naturais:
- Monte de Santa Locaia: situado nas parroquias de Loureda, Arteixo e Oseiro.
- Monte do Cruceiro: situado na parroquia de Pastoriza, preto da igrexa da Nosa Señora de Pastoriza.
- Monte de Agra: situado na parroquia de Barrañán, no lugar do Galo. Dende o seu cume pódense ver Barrañán, Chamín, Valcobo, o porto de Lagosteira en Suevos e tamén o interior do concello.
Existen tamén as seguintes áreas recreativas:
- O Monticaño: situada en Pastoriza, ten zonas axardinadas con paseos peonís. É un lugar con vistas ao mar e a Arteixo que foi unha antiga base militar da que se conservan edificios e canóns.
- Seixedo: sitúase nas marxes do río Seixedo, entre o lugar de Ponte e a rotonda do Seixedo. Hai un parque infantil, campo de fútbol, áreas axardinadas e un paseo peonil pola beira do río.
- Meicende: dispón dunha zona axardinada, parque infantil e un paseo peonil que bordea o encoro.
- Os Barreiros: situada na parroquia de Monteagudo, é un espazo amplo cunha grande área verde na que gozar do aire libre.
Praias
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Praias de Arteixo.
O litoral do concello abrangue as seguintes praias:
- Praia de Barrañán: A súa extensión é de 1.100 m por 20 m de longo. O nivel medio de ocupación é alto. É unha praia semiurbana con paseo marítimo, galardoada coa bandeira azul, principalmente composta por area branca. O estado habitual do mar é de ondada forte e é ventosa.[8]
- Praia das Combouzas: Está ao lado da praia de Barrañán. É unha praia de area branca e semiurbana, nudista e con paseo marítimo. Ten bandeira azul.[9] O nivel de ocupación é alto. A súa extensión é de 300 m por 30 m de largo. Adoita estar con ondada moderada e é ventosa.[10]
- Suevos Grande: A súa extensión é de 145 m de longo por 15 metros de largo. O nivel medio de ocupación é medio. É unha praia semiurbana sen paseo marítimo principalmente composta por area branca. O estado habitual do mar é de ondada moderada. Está nunha zona de deposición de augas industriais. No lugar de Suevos están ademais as praias de Augadoce e Area Pequena de Suevos.[11]
- Porto Chas: A súa extensión é de 90 m de longo por 1 m de largo. O nivel medio de ocupación é baixo. É unha praia semiurbana sen paseo marítimo e principalmente composta por rochas. O estado habitual do mar é de ondada moderada. Carece de area, polo que a afluencia de bañistas é practicamente nula.
- Valcobo ou Area Grande: Esta praia é de area moi fina e está rodeada por un arco de cantís rochosos. Ten cámpings e restaurantes á beira.[12]
- Area Pequena ou A Hucha: Praia illada, con paseo marítimo, e que está ao carón da praia de Valcobo. Ten unha forte ondada, co cal non é axeitada para o baño, pero si para percorrer o seu litoral. Os estratos da praia son bolos e rochas brancas. A súa extensión é de 95 metros por 15 metros de largo. O nivel medio de ocupación é alto.[13][14]
- Repibelo: É unha praia pequena e illada con cantís. É de augas limpas e axeitada para a práctica do surf. A súa extensión é de 145 metros por 15 metros de largo. O nivel medio de ocupación é medio. O estado habitual do mar é de ondada moderada. Nas súas proximidades está a praia da Salsa[11]
- Santa Irene: É unha pequena cala de area branca. É semiurbana e non ten paseo marítimo. A súa extensión é de 180 metros de lonxitude por 25 metros de largura. O nivel de ocupación é medio. O estado habitual do mar é de ondada moderada, e é ventosa.
- Alba ou Sabón: É unha praia ao lado do porto exterior da Punta Lagosteira, en Oseiro, con vistas á central térmica de Sabón. A súa extensión é de 800 metros de longo por 30-50 metros de largo. É unha praia para a práctica do surf e kitesurf. O nivel de ocupación é medio e está composta principalmente por area branca. O estado habitual do mar é de ondada forte.[15]
- O Reiro: Está situada a escasos metros da praia de Barrañán. Presenta as condicións máis adecuadas para o baño, mais é pouco frecuentada.[16]
En 2025 Arteixo foi o concello da comarca con máis bandeiras azuis, con seis praias galardoadas: Repibelo, Barrañán, as Combouzas, Porto de Suevos, Sabón e Valcobo; A Hucha perdeu o distintivo polos danos derivados das obras do porto exterior.[9]
Todas as praias de Arteixo están unidas pola senda peonil de 6,6 km do LIC Costa da Morte, que discorre desde Sabón ao Reiro. Está recoñecido co distintivo «Senda Azul» que outorga a Asociación de Educación ambiental e do consumidor (ADEAC-FEE).[17]
Demografía
[editar | editar a fonte]No 2025, segundo o padrón municipal, Arteixo tiña 34.403 habitantes (16.968 homes e 17.435 mulleres).[1] A idade media da poboación situouse nos 44,1 anos.[18]
| Censo total 2025 | 34.389 habitantes |
|---|---|
| Menores de 15 anos | 4.549 (13,2 %) |
| Entre 15 e 64 anos | 23.541 (68,5 %) |
| Maiores de 65 anos | 6.227 (18,1 %) |
| Arteixo. Gráfica de poboación dende 1900 a 2025. |
|---|
![]() |
| División menor: 1.000 habitantes. |
| Fontes: Instituto Nacional de Estadística[19] e Instituto Galego de Estatística.[20] |
Patrimonio
[editar | editar a fonte]O concello conserva unha importante representación da arte románica a través das igrexas de Santaia de Chamín, Santa Mariña de Lañas, San Tomé de Monteagudo e San Tirso de Oseiro.[5] A mesma arte percíbese na ponte dos Brozos, situada na parroquia de Santiago de Arteixo: atravesa o río Bolaños e é unha obra de dous arcos con contrafortes entre eles e un lixeiro peralte, con ramplas de acceso e calzada orixinal, que se conserva en bo estado.[5]
Entre os monumentos civís destacan os pazos do Atín (Loureda), de Anzobre (Armentón), de Mosende (Lañas) e das Covadas (Sorrizo), do século XVII.[5] No século XVIII construíuse o balneario, hoxe rehabilitado, no que o xeneral Porlier asinou en setembro de 1815 o levantamento constitucional polo que foi publicamente executado poucos días despois no Campo da Leña da Coruña.[21]
Política
[editar | editar a fonte]Eleccións municipais 2019
[editar | editar a fonte]Nas eleccións municipais de 2019 o PPdeG de Carlos Calvelo revalidou a maioría absoluta con 12 dos 21 concelleiros.[22]
| Partido Político | Escanos | Diferenza de escanos | Votos | Repartimento de escanos |
|---|---|---|---|---|
| PPdeG | 12 | -1 | 7.580 | 12 / 21 |
| PSdeG-PSOE | 6 | +2 | 3.929 | 6 / 21 |
| BNG | 2 | = | 1.398 | 2 / 21 |
| Alternativa dos Veciños | 1 | +1 | 938 | 1 / 21 |
| Cidadáns | 0 | = | 385 | 0 / 21 |
Eleccións municipais 2023
[editar | editar a fonte]Nas eleccións municipais de 2023, Calvelo ampliou a maioría absoluta ata os 14 concelleiros.[23]
| Partido Político | Escanos | Diferenza de escanos | Votos | Repartimento de escanos |
|---|---|---|---|---|
| PPdeG | 14 | +2 | 8.519 | 14 / 21 |
| PSdeG-PSOE | 4 | -2 | 2.584 | 4 / 21 |
| BNG | 2 | = | 1.514 | 2 / 21 |
| Alternativa dos Veciños | 1 | = | 974 | 1 / 21 |
Economía
[editar | editar a fonte]
A economía de Arteixo estivo marcada pola creación do polígono de Sabón[24]. Actualmente teñen nel a súa sede empresas como Bonilla a la Vista, Leyma, Teais, o grupo Inditex,[25] La Voz de Galicia, a fábrica de FerroAtlántica ou a Central Térmica de Sabón. O polígono foi oficialmente inaugurado o 14 de agosto de 1965 despois de que Franco autorizase á Deputación Provincial a expropiar os terreos para o asentamento industrial. O proceso de expropiación comezou o 25 de xaneiro de 1966 e expropiou 1500 leiras rústicas e 150 vivendas.
Os outros dous polígonos industriais situados no concello son o Polígono industrial de Morás e o Porto Exterior da Punta Lagosteira, que iniciou as súas operacións comerciais en setembro de 2012.[26] A Refinería da Coruña é outra empresa importante situada entre Arteixo e A Coruña.
O concello pola súa extensión e orografía ten unha importante base forestal e do agro, plantacións de eucaliptos e piñeiros nas zonas montañosas e un número importante de explotacións agrarias por todo o concello. Outro sector importante son as explotacións mineiras como canteiras a ceo aberto.
Cultura
[editar | editar a fonte]Festas
[editar | editar a fonte]Ao longo do ano celébranse festas e romarías nas trece parroquias do concello. Entre elas están a feira e festa gastronómica das Flores, na capital (última fin de semana de maio), a romaría da Pedra o Aguillón, no Rañal (xuño), e as festas patronais de cada parroquia, como San Xián de Barrañán (7 de xaneiro), Santiago Apóstolo (25 de xullo), Santaia de Chamín (10 de decembro) ou Santa Mariña de Lañas (18 de xullo).[27]
Deporte
[editar | editar a fonte]Arteixo ten un equipo de fútbol, o Atlético Arteixo, que chegou a militar unha tempada en Segunda división B. Na tempada 2025-26 milita na Terceira Federación.[28] Xoga como local no Campo Municipal Ponte dos Brozos.
Tamén ten un dos circuítos de autocross con máis tradición, o Autocross Arteixo, que foi sede de probas do Campionato de España da modalidade.[29]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de Arteixo.
Parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Arteixo
[editar | editar a fonte]Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Arteixo vexa: Lugares de Arteixo.
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 "Poboación por municipios e sexo. Arteixo (15005)". Instituto Nacional de Estadística (en castelán). Consultado o 2 de novembro de 2026.
- ↑ Costas González, Xosé-Henrique (2016). Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega (PDF). Vigo: Universidade de Vigo. p. 41. ISBN 978-84-8158-706-7.
- 1 2 3 "Toponimia". Concello de Arteixo. Consultado o 2 de novembro de 2026.
- 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 "Historia". Concello de Arteixo. Consultado o 2 de novembro de 2026.
- ↑ O noso patrimonio, castros de Galiza. Arteixo
- ↑ BOP da Coruña, núm 69 páx 3918, 26 de marzo de 2008 catálogo do patrimonio artístico e cultural, aprobado en pleno 8-4-96.
- ↑ "Barrañán". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2015. Consultado o 20 de xullo de 2016.
- 1 2 "Daños colaterales en las banderas azules de Arteixo". La Opinión A Coruña (en castelán). 15 de maio de 2025. Consultado o 2 de novembro de 2026.
- ↑ "As Combouzas". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2015. Consultado o 20 de xullo de 2016.
- 1 2 "Salsa e Repibelo". Arquivado dende o orixinal o 03 de abril de 2016. Consultado o 20 de xullo de 2016.
- ↑ "Area Grande". Arquivado dende o orixinal o 13 de agosto de 2013. Consultado o 20 de xullo de 2016.
- ↑ "Area Pequena". Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2013. Consultado o 20 de xullo de 2016.
- ↑ "Area Pequena - A Hucha". Arquivado dende o orixinal o 06 de agosto de 2016. Consultado o 20 de xullo de 2016.
- ↑ "Alba ou Sabón". Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2013. Consultado o 20 de xullo de 2016.
- ↑ "O Reiro". Arquivado dende o orixinal o 03 de abril de 2016. Consultado o 20 de xullo de 2016.
- ↑ "Senda Azul". Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2016. Consultado o 20 de xullo de 2016.
- ↑ "Ficha municipal: Arteixo" (PDF). Instituto Galego de Estatística. Consultado o 2 de novembro de 2026.
- ↑ Páxina do INE.
- ↑ Páxina Arquivado 09 de xaneiro de 2016 en Wayback Machine. do IGE.
- ↑ "Cuando Porlier se fue de baños". La Opinión Coruña (en castelán). 14/10/2011.
- ↑ "Resultados electorales en Arteixo. Elecciones municipales 2019". El País (en castelán). Consultado o 2 de novembro de 2026.
- ↑ "Resultados elecciones municipales en Arteixo 2023: Calvelo logra una mayoría absoluta más amplia". La Opinión A Coruña (en castelán). 2023-05-28. Consultado o 2024-02-16.
- ↑ "Concello de Arteixo. Historia". Arquivado dende o orixinal o 15 de xuño de 2013. Consultado o 18 de maio de 2013.
- ↑ "Contacto". Inditex (en castelán). Consultado o 2 de novembro de 2026.
- ↑ "Punta Langosteira ya está preparada para acometer su primera operación comercial el próximo 27 de septiembre". Cadena de Suministro (en castelán). 4 de setembro de 2012. Consultado o 2 de novembro de 2026.
- ↑ "Festas". Concello de Arteixo. Consultado o 2 de novembro de 2026.
- ↑ "Los entrenadores de los equipos coruñeses de Tercera analizan una jornada desafortunada". DXT Campeón (El Ideal Gallego) (en castelán). 20 de outubro de 2025. Consultado o 2 de novembro de 2026.
- ↑ "30º CEAX Autocross Arteixo". Autocross Arteixo (en castelán). Consultado o 2 de novembro de 2026.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Arteixo |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Navaza, Gonzalo (2021). Os nomes dos concellos da provincia da Coruña. Real Academia Galega. ISBN 978-84-17807-09-2. doi:10.32766/rag.377.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]
Arteixo en OpenStreetMap.
Este artigo sobre concellos de Galicia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre. Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |

