Escudo de Galicia
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2015.) |
Escudo de Galicia | |
---|---|
![]() | |
Detalles | |
Armiger | Xunta de Galicia |
Adoptado | 29 de maio de 1984 |
Crista | Coroa real |
Escudo | Cáliz de ouro (Santo Graal) en campo de azur, hostia de prata acompañado de sete cruces |
Dentro do escudo de Galicia, é o cáliz a figura heráldica que hai máis tempo vén representando a Galicia. O cáliz aparece documentado por vez primeira como armas dos reis de Galyce no Armorial Segar de Inglaterra do ano c. 1282.
As armas do Reino de Galicia foron evolucionando continuamente a través dos séculos; do orixinario cáliz pechado nun relicario (armoriais Bergshammar, Suecia, 1436, e Gymnich, Flandres, 1445) pasouse á súa representación en forma aberta; o orixinal campo azul da bandeira diversificouse tamén en vermello e branco; e o orixinal cáliz en campo liso sen ningún engadido pasou a conter enfeites diversos como anxos e un número variable de cruces, entre unha, seis ou sete, ou en campo sementado.
A estandarización gráfica moderna das Armas ou Escudo de Galicia foi establecida no ano 1972 pola Real Academia Galega.[1]
Cómpre pór de relevo que o actual cáliz do escudo é unha representación do cáliz do Cebreiro.[Cómpre referencia]
Heráldica[editar | editar a fonte]
Segundo a Lei 5/1984 de símbolos de Galicia, o escudo de Galicia trae, en campo de azur, un cáliz de ouro sumado dunha hostia de prata, e acompañado de sete cruces recortadas do mesmo metal, tres a cada lado e unha no centro do xefe.
O timbre, coroa real, forrada de goles ou vermello, pechada, que é un círculo de ouro, engastado de pedras preciosas, composto de oito floróns de follas de acanto, visibles cinco, interpoladas de perlas e de cada unha das súas follas saen cinco diademas sumados de perlas que converxen nun mundo azur, co semimeridiano e o ecuador de ouro, sumado de cruz de ouro.
Historia[editar | editar a fonte]
Primeiras representacións (séculos XIII-XIV)[editar | editar a fonte]
O documento coñecido máis antigo no que se representa o escudo do entón reino de Galicia é o armorial inglés Segar's Roll (nome do seu último propietario), realizado cara ao ano 1282. Aínda que o orixinal desaparecera xa a mediados do século XVII, del fixéronse varias copias –catro polo que parece–, algunha delas en facsímile. É xunto outros escudos de monarquías europeas onde se aprecia a anotación "Rey de Galyce" e onde aparece a representación heráldica de tres cálices. Hai testemuños serodios que se reproducen en dous armoriais europeos recompilados pouco antes de mediados do século XV: o Armorial Bergshammar, composto en Güeldres ou acaso en Brabante entre os anos 1435 e 1450 e conservado nos arquivos nacionais de Estocolmo, e o Armorial Gymmich, datado arredor do ano 1445 e conservado na Biblioteca Real de Bruxelas.[2]
Armas do Rei de Galyce no Armorial Segar, ano 1282.
Armas do reino de Galicia no Armorial de Diego Hernández de Mendoza. Ano 1497.
Armas do reino de Galicia da porta medieval de Betanzos. Século XV.
Armas do reino de Galicia da porta de Viveiro.
Representacións renacentistas (séculos XV-XVI)[editar | editar a fonte]
Se foi na Europa gótica cando a representación heráldica do reino de Galicia se espallou a través de numerosos armoriais, foi no Renacemento (século XV) cando esta adquiriu certa uniformidade. Deste século tamén datan as primeiras representacións do escudo dentro do propio territorio galego, onde o número de cálices no brasón chegou ata cinco, como é o caso do escudo do reino que se atopaba nas portas da cidade medieval de Betanzos. Este excepcional número de cálices tamén foi representado na porta renacentista da vila de Viveiro, mandada edificar polo emperador Carlos V en 1548.
Porén, desde finais do século XV o número de cálices comeza a estandarizarse nun único, manténdose a cor azul no fondo e dourada no calice, que desde o século XIII se viñan representando.
Armas do reino de Galicia no "Gran Carro Triunfal de Maximiliano I", realizado por Durero en 1515.
Armas do reino de Galicia no "Arco Triunfal de Maximiliano I", realizado por Durero en 1515.
As cruces no escudo (século XVI)[editar | editar a fonte]
A partir do século XVI, o escudo do reino de Galicia sofre unha serie de transformacións, tal vez a máis importante sexa a incorporación dun número inicialmente dispar, e posteriormente estandarizado de cruces. Unha das primeiras representacións nas que cruces recrucetadas se engaden ao cáliz central atópase no Historia originis et succesionis regnorum et imperiorum a Noe usque ad Carolum V (1548). Desde entón practicamente todas as representacións heráldicas do reino contarán con estes adornos estéticos propios da época, e será a finais do século XVI cando o número de cruces fique practicamente reducido a seis.
Escudo do reino de Galicia no Pazo de Franc de Bruges (Bruxas), ano 1528.
Anaco da obra "Pompas fúnebres do emperador Carlos V" no que se representan os estandartes do Reino de Galiza. Autor: Jean e Lucas Doetecum (séc. XVI).
Armas do reino de Galicia no armorial alemán Großes Wappenbuch. Ano 1583.
Escudo do reino de Galicia no armorial Wappenbuch. Século XVI
Escudo do reino de Galicia no armorial de Jean Robin. Ano 1639.
Escudo do reino de Galicia na Insegne di vari prencipi et case illustri d'Italia, século XVI.
De cáliz a relicario: Os cambios tras a Contrarreforma[editar | editar a fonte]
Tras o Concilio de Trento en 1545 a Igrexa católica acordou levar a cabo unha serie de medidas encamiñadas a frear a difusión do protestantismo en Europa. Desde o Papado e as monarquías fieis a Roma, procurouse consolidar o culto católico e sentar o dogma católico. Para logralo crearonse novos instrumentos de comunicación e expansión da fe católica, poñendo especial énfase na difusión da mensaxe católica a través dunha nova propaganda artística; o barroco.
Neste contexto de propaganda das ideas católicas e contrarreformistas, xorde a mudanza que no século XVI sofre o cálice, pasando inicialmente a ser un cáliz aberto (coa hostia visible) para pouco despois converterse nun relicario[3]. Deste xeito, procurábase dar ao escudo do reino de Galicia unha aura católica e relixiosa da que ata ese momento carecía. Os primeiros exemplos xorden no século XVI, se ben o relicario non logrou desprazar por completo ao cáliz orixinal.
Escudo da Coroa de Castela coas armas do Reino de Galicia incorporadas no centro. Ano 1607, Museo de San Antón (A Coruña).
Recuperación do cáliz (séculos XVIII e XIX)[editar | editar a fonte]
Coa superación das ideas barrocas e contrarreformistas, no século XVIII imponse a Ilustración. Con ela, o escudo do reino de Galicia comeza a recuperar a súa forma renacentista, así como a restitución do cáliz no canto do relicario[3].
Relevo en pedra realizado a finais do século XVIII. Fonte da Fama (Ferrol).
Escudo do reino de Galicia no Estandarte do reino de Galicia, 1808. (A Coruña).
Escudo do reino de Galicia no Estandarte do "Rexemento de Alarma do reino de Galicia", 1810. Castelo de Santo Antón (A Coruña).
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Xunta de Galicia: Símbolos de Galicia: o escudo.
- ↑ "Os símbolos de Galicia" (PDF). Academia. Consultado o 22 de xuño do 2016.
- ↑ 3,0 3,1 PARDO DE GUEVARA Y VALDÉS, E. O escudo de Galicia. Orixe, significacións e evolución. En BARREIRO FERNÁNDEZ, X.R.; VILLARES, R. Os símbolos de Galicia. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega; A Coruña: Real academia Galega. 2007. ISBN 978-84-96530-46-1.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Lei de símbolos de Galicia |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- PAZ, R. V. (2008). Los símbolos nacionales de Euskadi, Cataluña y Galicia. Maremagnum: publicación galega sobre os trastornos do espectro autista, (12), 193-202.
- BARREIRO FERNÁNDEZ, X.R.; VILLARES, R. et alli Os símbolos de Galicia. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega; A Coruña: Real academia Galega. 2007. ISBN 978-84-96530-46-1.