Provincia de Betanzos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Superficie aproximada da Provincia de Betanzos

A Provincia de Betanzos era unha das sete provincias históricas nas que se dividía o territorio de Galicia na Idade Moderna, entre finais do século XV e 1833, data da reforma na división territorial feita por Javier de Burgos.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Cunha superficie de 2.433 km² e unha poboación de 127.755 habitantes a comezos do século XIX, a provincia de Betanzos era unha das menos extensas e máis densamente poboadas de Galicia. Ao norte lindaba co mar Cantábrico, ao leste coas provincias de Mondoñedo e Lugo, ao sur coas provincias de Lugo e Santiago e ao oeste coas de Santiago e A Coruña, ademais do océano Atlántico.

A provincia tiña unha cidade (Betanzos, a capital), once vilas, con Ferrol e Pontedeume entre as máis destacadas, e 239 parroquias. O seu territorio coincidía case por completo coa parte máis nordés da actual provincia da Coruña. En concreto, a parte máis oriental dos actuais concellos das Pontes e Mañón, incluíndo completamente as parroquias mañonesas de Mogor e Bares, pertencía á provincia de Mondoñedo.

Historia[editar | editar a fonte]

A provincia de Betanzos xorde como unidade autónoma baixo o reinado dos Reis Católicos; ata entón achábase unida á da Coruña, formando unha provincia única denominada A Coruña - Betanzos. En 1833 perdeu a súa independencia para rematar integrada na actual provincia da Coruña, xunto con grande parte da antiga provincia de Santiago.