Dialectoloxía
Aparencia
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
A dialectoloxía é a rama da lingüística que se encarga do estudo dos dialectos, isto é, do estudo da variación xeográfica e sociolingüística da lingua.[1]
Debido á ambigüidade e inconsistencia dos termos lingua e dialecto, en dialectoloxía adóitase empregar o termo variedade lingüística para designar a forma de comunicación verbal humana de trazos razoabelmente homoxéneos empregada por unha comunidade lingüística. A dialectoloxía sería o estudo desas variedades, principalmente dos xeolectos, e a forma sistemática no que difiren unhas doutras.
O estudo sistemático da xeografía lingüística iniciada no século XIX e a sociolingüística iniciada no século XX, revelou que toda variedade da linguaxe amosa variacións de catro tipos principais:
- Variacións xeográficas, polas cales a fala dunha localidade presenta pequenas variacións no uso, frecuencia e forma de certos elementos lingüísticos con respecto á fala de localidades veciñas situadas a unha certa distancia. Cando se estuda un determinado aspecto, obsérvase que a fala de pequenas zonas é razoablemente homoxénea, e por iso desígnase informalmente como xeolecto a variedade xeográfica ou conxunto delas razoablemente homoxénea (naturalmente o grao de homoxeneidade requirido depende do tipo de propósito de estudo).
- Variacións sociais, posto que as sociedades humanas presentan estratificación social e clases sociais, as persoas dun determinado grupo étnico, socioeconómico ou relixioso relaciónanse en maior medida con persoas do seu grupo social, o cal fai que a fala de certos grupos principalmente socioeconómicos presente homoxeneidade pero difira sistematicamente da variedade empregada por outros grupos. Así, é un feito coñecido que as variantes da linguaxe da clase traballadora difiren sistematicamente das clases dominantes, nunha serie de trazos. A toma de conciencia deste tipo de trazos conduce á estigmatización de certas formas e prestixiamento doutras. Úsase o termo sociolecto para designar a fala relativamente homoxénea dunha clase ou grupo social.
- Variacións históricas ou temporais, o estudo dos textos escritos máis vellos das linguas revela que existen elementos lingüísticos que mudan de forma ou caen en desuso xunto con outros novos elementos que aparecen e son incorporados á lingua. Tamén o feito de que a fala das persoas de máis idade poida diferir de forma sistemática da das persoas máis novas revela que a lingua presenta pequenos cambios de xeración en xeración.
- Variacións estílisticas, que se dan na fala dun mesmo individuo segundo a situación (formal ou informal, lingua falada ou escrita etc.).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para dialectoloxía.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Dialectoloxía |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Áreas lingüísticas do galego
- Atlas lingüístico
- Atlas Lingüístico da Península Ibérica
- Xeografía lingüística