Grupo Brais Pinto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Brais Pinto[1] foi un grupo galeguista de intelectuais, artistas e escritores galegos que tiñan como obxectivos principais o antifranquismo, a defensa do galego e unha renovación da cultura galega claramente influída polas vangardas. Foi fundado en Madrid no ano 1958.

O seu gomo foi a preocupación por Galiza e os seus problemas, o profundo atraso en que se encontraban as artes galegas e a escasa actividade política, nacionalista e democrática da época. Entón, foron responsábeis da creación dun espazo de reflexión política sobre Galiza que permitiu a creación doutras organización desa índole; e máis dun amplo labor cultural que culminou na creación da súa propia editorial e na participación en proxectos como o movemento plástico A Gadaña. Os seus compoñentes principais son: Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Reimundo Patiño, Xosé Fernández Ferreiro, Xosé Alexandre Cribeiro, Bautista Álvarez, Ramón Lorenzo, Ben-Cho-Shey, Herminio Barreiro e César Arias.

Orixe do nome[editar | editar a fonte]

Con respecto ao personaxe cuxo nome leva o grupo, hai varias versións que intentan responder a esa pregunta. Algúns especulan incluso que Xosé Fernández Ferreiro era o seu inventor e que o heroe dunha das súas novelas, A saga dun afiador (1993), podería estar inspirado en Brais Pinto. Incluso que as historias sexan paralelas, o cal non é certo.[2]

Segundo relatou Crespón Azul —o cronista do grupo— Brais Pinto foi un afiador de Cortecadela —situada na parroquia de Santa Cruz de Rubiacós— que marchou coa roda ós vinte anos para percorrer o mundo alá no 1900. Estivo en Portugal e América e percorreu varios países europeos, incluída Rusia. Mais finalmente atropelouno un autobús na praza de Cibeles de Madrid. Foi enterrado no cemiterio da Almudena, onde os membros de Brais Pinto lle ían facer homenaxes.

Dar un nome descoñecido ao grupo, segundo Fernández Ferreiro: «foi un acerto. Non soaba nada a cousa literaria, como case sempre ocorre nestes casos. Por iso a todos intrigou desde o primeiro momento. Non sabían quen era Brais Pinto e querían coñecer a identidade de semellante personaxe: un afiador, un home inquedo e soñador, solitario e libre, amigo dos camiños e de novos eidos, que levaba no peito un grande amor e un xardín de caraveis vermellos».[3]

Descrición[editar | editar a fonte]

Os integrantes do grupo Brais Pinto definíronse como estudantes e traballadores galegos que vivían en Madrid e compartían un certo interese en continuar co legado do Partido Galeguista[4]. Estiveron moi influídos polos movementos de vangarda, pois un dos seus obxectivos consistía en renovar o panorama cultural galego coas novas formas e movementos literarios que existían no ámbito internacional. Pese a súa orixinaria intención política, Brais Pinto viu a súa actividade limitada ao campo cultural. Fundaron unha editorial de poesía -un xénero marxinado pola editorial Galaxia- onde publicaron un total de cinco poemarios; o primeiro deles Bocarribeira (1958) de Ramón Otero Pedrayo, quen mantivo unha relación próxima cos membros do grupo.

Algúns dos integrantes de Brais Pinto participaron na refundación da UPG (Unión do Povo Galego)

A partir do inicio da década dos sesenta, Brais Pinto organízase como unha sociedade anónima e unha editorial lexitimizada. Aquí aparece un logotipo estilizado no que se vía unha roda de afiar impresa na segunda folla e mais na parte inferior da contraportada. Nesta época contan cun logotipo estilizado no que se vía unha roda de afiar impresa na segunda folla do libro e mais na parte inferior da contraportada. O grupo desvanece co paso dos anos, mais varios dos seus integrantes, con ideoloxías desenvoltas cara o marxismo, participaron na refundación da UPG (Unión do Povo Galego) en 1964.

Historia[editar | editar a fonte]

Ramón Otero Pedrayo mantivo unha estreita relación cos membros do grupo Brais Pinto

Brais Pinto tivo o seu punto de orixe en Madrid no ano 1958, constituído por un grupo de estudantes e traballadores galegos que vivían na capital[5]. O grupo concretouse no café madrileño Os Mariscos[6], unha orixe humilde que encaixaba cos seus propósitos. Os seus primeiros integrantes foron Bautista Álvarez, César Arias, Xosé Cribeiro, Xosé Fernández Ferreiro, Bernardino Graña, Ramón Lourenzo, Xosé Luís Méndez Ferrín e Reimundo Patiño; e a eles incorporouse Herminio Barreiro un ano máis tarde. Todos eles estaban dispostos a traballar pola causa galega, un interese que conformou un dos trazos característicos do grupo.

Unha das primeiras labores que emprendeu Brais Pinto como grupo foi a edición dunha colección de poesía en cinco números: Bocarribeira de Ramón Otero Pedrayo (1958), A Noite de Xosé Fernández Ferreiro (1959), O que se foi perdendo de Ramón Lourenzo (1959) e Acoitelado na espera de Xosé Alexandre Cribeiro (1960). Este último libro tiña o anuncio da seguinte edición de Bandeiras Neboentas de Reimundo Patiño, mais non se publicou até 1992 na editorial Espiral, sete anos despois da súa morte. Pola súa parte, Bocarribeira contiña unha breve declaración dos motivos do grupo para publicaren a colección de poesía:

BRAIS PINTO é unha coleución de poesía fundada por un fato de mozos galegos residentes en Madrid. É a única coleución escrusivamente poética que subsiste no ámbito cultural galego. Pretende incorporar aos seus números as voces mozas e as derradeiras actitudes da modernidade creadora, sen esquecer aos mestres de sempre nin ás figures (sic) representativas do intre actual en Europa, coidadosamente traducidas (sic) e anotadas.

O propio Otero Pedrayo dirixiuse a Madrid para a presentación do libro e así iniciaron as boas relacións entre este autor e mais o grupo Brais Pinto.

O grupo tivo outras actividades salientábeis, como as veladas literarias que fixeron na honra de Ramón Cabanillas (4 de novembro de 1959) e de Luís Pimentel (12 de febreiro de 1960). Tamén en 1960 organizaron un curso de Lingua e Literatura galegas que impartiu Ramón Lourenzo no Centro Gallego de Madrid. En outubro do mesmo ano, Brais Pinto celebrou un certame de poesía galega cunha dote de mil pesetas e a publicación da obra premiada. O poema A cidade é gaivota, de Afonso Gallego Vila, resultou gañadora; mais non a publicaron polos problemas económicos que enfrontaba o grupo no momento.

As actividades do grupo foron remitindo co paso do tempo, aínda que Patiño e Árias fan un intento de renovar a editorial en 1974. O grupo non se disolveu oficialmente en ningún momento, mais os seus membros distanciáronse e moitos participaron posteriormente en movementos políticos de ideoloxías galeguistas e marxistas.

Integrantes[editar | editar a fonte]

Brais Pinto evoluciona a partir da Asociación Castelao[7], fundada en 1958 e que agrupaba a estudantes galegos preocupados polo atraso económico e cultural de Galiza. Este novo grupo, creado en 1958, supón unha evolución cara a unha agrupación de carácter literario-artístico. Participaron Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Reimundo Patiño, Xosé Fernández Ferreiro, Xosé Alexandre Cribeiro, Bautista Álvarez, Ramón Lorenzo, Ben-Cho-Shey, Herminio Barreiro e César Arias; todos eles estudantes na universidade madrileña. Estes galegos participarían en debates literarios nos que dan a coñecer a produción literaria galega e discuten sobre os camiños que esta debe seguir. Ademais, case todos fan obra e creación.

Expresións artísticas[editar | editar a fonte]

Aínda que a maioría dos integrantes especializábanse nas letras, había algún que outro que eran máis coñecidos como Tino Grandío, quen orbitaba ao redor do grupo; Maniel Coia, quen era coñecido como escultor-mariñeiro, facía unhas figuras da raíz dos toxos e dos piornos; Ánxel G. Doreste, fillo do poeta Anxel Xohán.

Luís Seoane, coñecido como redactor de La Noche en Santiago, fixo os debuxos que ilustran a primeira novela de Xosé Fernández Ferreiro: A morte de Frank González.

Virxilio Fernández, Mikal Forcada, Reimundo Patiño, Alfonso Galego; estes últimos nomearanse máis adiante citando cales foron as súas participacións nas publicacións literarias.

Movementos literarios[editar | editar a fonte]

O grupo Brais Pinto ten unha clara relación coa Nova Narrativa Galega, movemento de vangarda que, segundo Guillermo de la Torre é «Un novo estado do espírito manifestado na incorporación de novos temas e na imposición de certas convencións formais, distintas das inmediatamente anteriores»[8]. Estes novos narradores tiñan a intención de renovar a narrativa galega dentro da diversidade creativa e intentar superar a precariedade cultural en que se situaba Galicia e o resto do Estado español como consecuencia da consolidación da ditadura franquista.

Estes autores tamén cultivaron unha narrativa marcada por outras tendencias, influída por unha irrupción do alleo e diminuíndo trazos relacionados co ruralismo e o autóctono. Destaca unha primeira etapa con trazos do existencialismo de Kafka e cunha ruptura cos temas tratados pola literatura galega anterior. De 1964 a 1980 callou o alleo no autóctono cunha tendencia cara a indagación formal e o experimentalismo enunciativo.

Obras destacábeis da Nova Narrativa Galega son Nasce un árbore (1954) de G. Rodríguez Mourullo, Retorno a Tagen Ata (1971) de Xosé Luís Méndez Ferrín ou O camiño de abaixo (1970) de Xohán Casal.

Centros de reunión[editar | editar a fonte]

O café Lyon D’Or, o máis relevante centro de reunión do grupo, xa tiña unha reputación como centro de reunión para debates e coloquios, mais os membros do futuro grupo Brais Pinto destacaron pola súa índole política. O café estaba preto da estación do metro Sevilla, na rúa de Alcalá e cerca da Porta Sol; alí reuníanse galegos cun interese profundo nos asuntos literarios e galeguistas. Estaba este grupo de reunión presidido por Ramón Cabanillas e Ben-Cho-Shey, persoeiros que os integrantes admiraban en grande medida. Ademais, Cabanillas era xa coñecido noutro café de Santiago, o Derby; deste café foron invitados algúns galeguistas ao café El Bombero, na rúa Franco.

O grupo non se reunía só en cafés, aínda que por motivos de organización era o máis sinxelo. Reuníanse tamén en parques, en particular nos días laborais, pois tiñan obrigacións no traballo o nos estudos. Os fines de semana eran, en definitiva, os días en que o grupo era máis numeroso.

Así, non usaban locais alugados nin centros especializados, senón que se reunían no mesmo sitio que outras persoas cun gusto polo debate e os coloquios. Alí empezaron a debater os seus ideais e as correntes que seguirían máis adiante.

Publicacións periodísticas[editar | editar a fonte]

O espazo de reflexión política e cultural que foi Brais Pinto permitiu tanto a creación de organizacións de tipo político como o desenvolvemento dun labor cultural. Así, varios dos membros do grupo participaron en publicacións periodísticas de diversa índole[9].

Vieiros é unha das manifestacións periodísticas en galego máis importantes. Defende un pluralismo ideolóxico marcado polo nacionalismo galego, o progresismo e un rigoroso monolingüísmo. Trataron temas de Antropoloxía, Economía, Historia, Poesía e Agricultura, e recollían os problemas do campo galego e doutras temáticas variadas. Entre outros, colaboraron neste esforzo Xosé Luís Méndez Ferrín e Reimundo Patiño.

No tema do desenvolvemento da súa carreira periodística, Xosé Fernández Ferreiro foi redactor de La Noche e La Voz de Galicia.

Por outro lado, algúns dos membros fixeron tamén colaboracións puntuais en diferentes periódicos. Por exemplo, Xosé Ramón Fernández-Oxea enviou crónicas ao periódico ourensán La Zarpa sobre o conflito bélico de Annual; Xosé Luís Méndez Ferrín publicou un artigo en Faro de Vigo e Celso Emilio Ferreiro publicou unha carta aberta en Chan e logo en Correo de Galicia, ademais de facer unha recensión no periódico ABC.

Outras publicacións salientábeis foron Galicia Emigrante e Outeiro. Esta última publicación dedicaba un par de páxinas á poesía galega e non prosperou moito.

Publicacións literarias[editar | editar a fonte]

Antes de crear unha editorial legal, publicaron varias obras de forma clandestina; logo, coa editorial en Madrid, os libros eran impresos en Gráficas Numen de Vigo. Neste obradoiro vería a luz entre outras:

Na súa primeira época (1958-1962)[10] Brais Pinto publicou 5 títulos de poesía:

Ningún destes poemarios foron reeditados, a excepción de Bocarribeira, de que Anxo Angueira fixo unha edición que publicou Galaxia en 2005. Ningún destes cinco libros superan as 55 páxinas e tamén eran pequenas as súas tiraxes (500 exemplares). Non se vendían nas librerías, senón que se enviaban contra reembolso por correo aos subscritores (entre 70 e 75).

Na segunda etapa editouse máis de media ducia de títulos por Reimundo Patiño e César Arias –que eran os que quedaban en Madrid (1974-89), presentaron os títulos:

Fin do mundo foi o único que foi reeditado. Houbo moitos máis, pero non puideron ser publicados pola censura.

Dentro da colección Cuadernos da Guadaña, patrocinada pola Irmandade Galega de Madrid, aparecerían:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ledo, Bieito (1999-). Enciclopedia Galega Universal 3. Ir Indo. p. 509. ISBN 84-7680-288-9. 
  2. Fernández Ferreiro, Xosé (2012). De Xente Nova a Brais Pinto : memorias dun afiador rebelde. Xerais. p. 163. ISBN 9788499143477. 
  3. Fernández Ferreiro, Xosé (2012). De Xente Nova a Brais Pinto: memorias dun afiador rebelde. Xerais. p. 163. ISBN 9788499143477. 
  4. Ermida Meilán, Xosé Ramón (2008). "Brais Pinto, o Consello da Mocidade e a orixe da UPG: unha evolución discontinua". Terra e Tempo (145-146): 100. 
  5. Gonçales Blasco, Luís (2000). "Algo sobre Brais Pinto e as minhas relaçons com o fato". Agália (63-64). 
  6. Fernández Ferreiro, Xosé (2012). De Xente Nova a Brais Pinto : memorias dun afiador rebelde. Xerais. p. 80. ISBN 9788499143477. 
  7. Rodríguez Iglesias, Francisco (2000). Galicia, literatura 34. A Coruña Hércules de Ediciones. pp. 96–102. ISBN 8489468656. 
  8. Rodríguez Iglesias, Francisco (2000). Galicia, literatura. Hércules de Ediciones. ISBN 8489468656. 
  9. Santos Gayoso, Enrique (2014). Historia de la prensa gallega 2. Do Castro. ISBN 9788474927672. 
  10. Fernández Ferreiro, Xosé (2012). De Xente Nova a Brais Pinto : memorias dun afiador rebelde. Xerais. p. 119. ISBN 9788499143477. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Gonçales Blasco, Luis (2000). "Algo sobre Brais Pinto e as minhas relaçons com o fato". Agalia: 63–64. 
  • Ledo, Bieito (1999-). Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. ISBN 8476802889. 
  • Ermida Meilán, Xosé Ramón (2008). "Brais Pinto, o Consello da Mocidade e a orixe da UPG: unha evolución discontinua". Terra e Tempo (145-146). 
  • Rodríguez Iglesias, Francisco (2000). Galicia, literatura. Hércules de Ediciones. ISBN 8489468656. 
  • Santos Gayoso, Enrique (2014). Historia de la prensa gallega. Do Castro. ISBN 9788474927672. 
  • Fernández Ferreiro, Xosé (2012). De Xente Nova a Brais Pinto: memorias dun afiador rebelde. Xerais. ISBN 9788499143477.