Vieiros (revista)
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Vieiros | |
---|---|
País | México |
Fundación | 1959 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Vieiros, subtitulada como “Revista do Padroado da Cultura Galega de México”, é unha revista galega, cultural e literaria, creada en México en 1959 que deixou de editarse en 1968, tras publicar unicamente catro números. Tiña carácter cultural, antifascista e galeguista e o seu obxectivo era crear unha publicación galega de calidade no exilio e servir de ponte entre exiliados e galegos en España.
Historia[editar | editar a fonte]
A revista naceu en México en 1959 no seo do Padroado da Cultura Galega a través da iniciativa dun grupo de galegos exiliados e comprometidos con esta institución. O seu propósito era recoller nas súas páxinas “calquera idea literaria artística e filosófica, sempre que fose antifascista e non se apoiase na ditadura”.
Vieiros recompilou o máis destacado da cultura galega do momento, tanto do interior como da emigración. Ademais, serviu de ponte entre a xeración que sufriu as consecuencias da guerra e a resistencia antifranquista. Non obstante, tan só perdurou até 1968.
En 1989 Edicións A Nosa Terra publicou unha edición facsimilar desta revista, prologada por Margarita Ledo Andión.
Edicións[editar | editar a fonte]
Vieiros conta coa publicación de catro números que viron a luz en México e que tiveron unha periodicidade irregular: verán de 1959, outono de 1962, outono de 1965 e primavera de 1968.
Era unha revista de gran formato (33 x 23 cm), impresa en excelente papel, con variedade de caracteres tipográficos e amplas marxes brancas; polo que se pode cualificar de refinada e elegante. Estaba escrita integramente en galego, aínda que tamén contaba con algúns poemas en portugués.
A súa extensión era variable, entre 68 e 86 páxinas de coidado deseño que non contiñan publicidade. Nelas podíanse atopar ilustracións como reproducións artísticas e debuxos reivindicativos de Castelao, Luís Seoane ou Maside, así como achegas doutros debuxantes hispanoamericanos. Recompilaba artigos, poesías, ensaios, contos e debuxos e contaba con seccións fixas.
Seccións fixas[editar | editar a fonte]
- “Alicerce”, un espazo para editoriais.
- “As Ideias”, para actividades culturais de Galicia e do exilio.
- “Os homes”, para as persoas significadas no mundo cultural.
- “Os Feitos”, para acontecementos.
- “As Labouras”, para as celebracións e recordos.
Temática e ideoloxía[editar | editar a fonte]
A temática da revista pódese analizar atendendo aos primeiros e últimos números da mesma. Así, nos primeiros números teñen un papel dominante os temas culturais, sobresaíndo a poesía e a narrativa galegas ademais de achegas ás artes plásticas, ao cine e á música de Galicia.
Doutra banda, nos dous últimos números teñen maior peso os artigos adicados ao ensaio político, económico e cultural, especialmente de autores exiliados (Caridad Mateo, Luís Soto, Carlos Velo…).
No tocante á ideoloxía de Vieiros, cabe dicir que esta era moi aberta xa que procuraba non provocar unha ruptura entre os colaboradores. Esta característica pódese observar atendendo á súa ampla lista, na cal destacan os nomes de Ramón Piñeiro, Méndez Ferrín, Celso Emilio, Fernández-Oxea, Alberto Vilanova etc.
Dirección e colaboracións[editar | editar a fonte]
A pesar da súa curta duración, á dirección da revista destacaron personaxes como o escritor Luís Soto, o cineasta Carlos Velo e o poeta Delgado Gurriarán, que a partir do terceiro número será substituído por Caridad Mateos. Ademais, como director artístico a publicación contaba co pintor Arturo Souto.
Na súa elaboración salientaron diferentes colaboradores, ilustradores, redactores e administradores:
- Colaboradores: A. Rey Romalde, Ángel Huete Rodríguez, Benito Varela Jácome, Carlos Casares, Domingo García Sabell, Florentino López Cuevillas, Francisco Fernández del Riego, Ramón Otero Pedrayo, Xosé Neira Vilas, Ramón Piñeiro, Ramón Cabanillas...
- Ilustradores: Carlos Maside, J. Quesada, Luís Seoane, Gironella, Ledo, Tomás Bóveda...
- Redactores: Elixio Rodríguez, Yolanda López, Francisco Comesaña, Luisa Viqueira, Walter Fugarolas…
- Distribuidores: José Cárdenas e Amadeo Varela Rodríguez (responsable da distribución da revista en Europa)
- Administradores: Antonio Yáñez Pereiro, Amadeo Rodríguez, Inocencio Ferrer Ovide, Xermán Rañó.
Relación de Vieiros cos ámbitos literario e artístico[editar | editar a fonte]
Ámbito literario[editar | editar a fonte]
A nivel literario, destaca na revista a abundancia de prosas breves, descricións, relatos curtos e mesmo diálogos costumistas da autoría de Otero Pedrayo, Cabanillas, Cuevillas, Bouza-Brey, Fole…
Nela participaron unha gran variedade de escritores: desde os últimos representantes vivos da xeración Nós (Otero, Cuevillas, Cabanillas…) ata o grupo Brais Pinto, pasando polos homes do Seminario de Estudos Galegos, o grupo Galaxia e os exiliados e emigrados de América. Non obstante, nela tamén escriben, cunha óptica nacionalista, autores do interior como Ferrín ou Alberto Míguez.
Agrupaba artigos, poesías, ensaios e contos:
- Poesía: pódense citar os poemas “Homes-bielas” de Reimundo Patiño, “Primeira lembranza” de Carlos Casares, “Carta” de Arcadio López-Casanova, “Os batracios” de Méndez Ferrín ou “Broadway very late” de Ernesto Guerra da Cal. Ademais, canto aos poetas con maior presenza atopamos a Florencio Delgado Gurriarán, Celso Emilio Ferreiro, Antón Tovar, Matilde Llòria, Xohana Torres, Bernardino Graña…
- Ensaios e comentarios: salientan comentarios sobre a obra de Cabanillas, Manuel Antonio, Iglesia Alvariño, Castelao ou Gil Vicente entre outros; así como o comentario de Ramón Piñeiro sobre a área cultural galego-luso-brasileira. Tamén se publicaron estudos breves sobre lingua e literatura da autoría de Salvador Lorenzana, Carballo Calero, Ramón Lorenzo, Xesús Alonso Montero, Benito Varela Jácome, Emilio Pita, Elsa Fernández González etc.
- Ensaio: tratáronse de forma profunda e rigorosa temas de carácter económico, histórico e social en artigos de Valentín Paz-Andrade, Taboada Chivite, Amadeo Varela, Hilario Caloto, Xosé Caridad Mateo… Esta introdución do galego no ensaio foi un gran logro da revista Vieiros.
Ámbito artístico[editar | editar a fonte]
No campo da arte, coinciden en Vieiros os “Renovadores da Arte Galega” de antes da guerra civil (Arturo Souto, Castelao, Díaz Pardo…) e os novos artistas (Xosé Luís de Dios, Conde Corbal, Xulio Maside, Reimundo Patiño…). Non obstante, a maior contribución desta revista á arte débese ao pintor Arturo Souto como director artístico e responsable do seu deseño.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Rodríguez Iglesias, Francisco (ed.): Proxecto Galicia. Literatura. A Coruña: Hércules de Ediciones, 2000.
- Caraballo-Calero Ramos, María Victoria. “La aportación decisiva de Arturo Souto a la plástica de Vieiros (Méjico 1955-1968)”. Norba. 1989: 231 - 254 Universidade de Estremadura: Servizo de Publicacións.
- Naharro-Calderón, Jose María. El exilio de las Españas de 1939 en las América : «¿Adónde fue la canción?». Barcelona: Anthropos. 1991.
- González, Ana. "Luís Soto y su comprometido exilio gallego". Obra Periodistica, 2. 2011. Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine.
- Mejía Ruiz, Carmen. Dos vidas y un exilio: Ramón de Valenzuela y María Victoria Villaverde. Estudio y Antología. Madrid: Editorial Complutense. 2011
- Simón, David. “Medio siglo de «Vieiros»”. Diario de un médico de guardia. Blogspot. 11 Out. 2009.
- “Publicación Vieiros” Consello da Cultura Galega
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Vieiros.com Páxina oficial do primeiro directorio da rede en galego que toma o seu nome da revista.