A illa do Covo, denominada popularmente como illa das Esculturas, é unha insua situada preto da foz do río Lérez, en Pontevedra. Ten uns 70.000 m², e está conectada con ambas beiras do río por pasarelas e pontes.
Recentemente a comunidade de montes de Lérez levou a cabo unha talla da maioría dos eucaliptos que había, substituíndoos por árbores autóctonas. A illa é utilizada por moitas aves como lugar de cría. Situada ó carón do campus universitario, é utilizada por bastante xente como lugar de paseo ou adestramento deportivo.
En 1999 levouse a cabo o proxecto de recuperación deste espazo, coa creación de obras de arte contemporánea interrelacionadas coa paisaxe por parte de 12 autores. O proxecto inaugurouse oficialmente o 29 de xullo de 1999.