Cinema de Francia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Poster Cinematographe Lumiere.jpg

O cinema de Francia refírese á industria cinematográfica establecida en Francia. O cinema francés comprende os filmes realizados en Francia ou realizados no estranxeiro por parte de cineastas franceses.

Francia foi o lugar de nacemento do cinema e de moitos dos seus pioneiros.[1]

Con 206,5 millóns de entradas vendidas no 2010 e 215,6 no 2011,[2] Francia é o terceiro maior mercado do mundo en canto ao número de entradas (tralos Estados Unidos e a India) e en canto aos ingresos (tralos Estados Unidos e Xapón).[3][4] É a industria cinematográfica de maior éxito de Europa por número de filmes producidos anualmente, cunha marca de 261 en 2010[5] é tamén un dos países onde as producións non estadounidenses teñen maior cota, pois os filmes estadounidenses supuxeron só o 47,7% das entradas no 2010.[6] En 2013 foi o segundo país do mundo por exportación dos seus filmes.[7]

Historia[editar | editar a fonte]

Gaumont1902.jpg

Os irmáns Lumière realizaron a primeira proxeción do cinematógrafo en París o 28 de decembro de 1895.[8] Nos primeiros anos da industria, entre 1896 e 1902, estaba dominada por catro firmas: Pathé Frères, Gaumont Film Company, a compañía de Georges Méliès e a dos Lumière.[9] Méliès inventou moitas das técnicas da gramática do cinema e entre as súas curtametraxes fantásticas atópase Le Voyage dans la Lune, de 1902.

En 1902 os Lumière abandonaron a produción e entre 1904 e 1911 a compañía Pathé converteuse na principal produtora e distribuidora mundial. A Gaumont levou a pioneira Alice Guy á xefatura da dirección, onde supervisou uns catrocentos filmes antes de seguir a súa carreira nos Estados Unidos. Gaumont chegou a ter os maiores estudios do mundo en 1907.

En 1914 retirouse Méliès.

Trala Primeira Guerra Mundial[editar | editar a fonte]

Trala Primeira Guerra Mundial a industria cinematográfica francesa sufriu pola falta de capital e a produción decaeu, coma no resto de Europa. Isto permitiu a chegada da industria estadounidense ao mercado europeo. Isto provocou que varios países comezasen a imponer barreiras comerciais. No caso de Francia impuxo unha cota de 1:7, é dicir, que tiña que producirse e exhibirse un filme francés por cada sete importados.[10]

Durante o período de entreguerras Jacques Feyder e Jean Vigo convertéronse nos fundadores do realismo poético no cinema francés. Vigo tamén dominou o impresionismo xunto con Abel Gance, Germaine Dulac e Jean Epstein.

En 1931 Marcel Pagnol filmou a primeira parte da súa triloxía, Marius, Fanny e César. Outros autores desa época foron René Clair e Julien Duvivier. En 1937 Jean Renoir, fillo do pintor Pierre-Auguste Renoir, dirixiu a primeira das súas obras mestras, La Grande Illusion, á que seguiu en 1939 La Règle du Jeu, citada en ocasións como un dos mellores filmes da historia.

Desde os corenta aos setenta[editar | editar a fonte]

Godard en 1968

A revista Cahiers du cinéma, fundada por André Bazin, agrupou a críticos e amantes do cinema e nela naceu a moderna teoría do cinema. Críticos como Jean-Luc Godard, François Truffaut, Claude Chabrol, Jacques Rivette e Éric Rohmer comezaron a realizar eles mesmos filmes, creando o que sería a nouvelle vague. Entre os primeiros do movemento atópanse O final da escapada (Godard, 1960), con Jean-Paul Belmondo, e Les Quatre Cents Coups (Truffaut, 1959) con Jean-Pierre Léaud.

Fóra deste movemento lograron éxito internacional os filmes minimalistas de Robert Bresson e Jean-Pierre Melville, os thrillers de Henri-Georges Clouzot, e as comedias de Jacques Tati, amais doutros directores achegados á nouvelle vague como Agnès Varda e Alain Resnais.

O cinema comercial deses anos tamén logrou sona. Foron populares as comedias de Louis de Funès e filmes criminais como Rififi de Jules Dassin. Intérpretes franceses como Brigitte Bardot, Alain Delon, Romy Schneider, Catherine Deneuve, Jeanne Moreau, Simone Signoret, Yves Montand, Jean-Paul Belmondo e Jean Gabin foron recoñecidos tamén no estranxeiro. O filme de 1979 La Cage aux Folles foi exhibido durante máis dun ano en Nova York, sendo durante anos o filme estranxeiro de maior éxito nos Estados Unidos.[11]

Década de 1980[editar | editar a fonte]

A principios da década de 1980 chegaron filmes dunha nova xeración de cineastas, como Jean-Jacques Beineix, ao que seguiron outros como Luc Besson e Léos Carax. Foron filmes que destacaban a alienación das súas personaxes principais, no que se coñeceu como Cinema du look.

Camille Claudel, de Bruno Nuytten protagonizado por Isabelle Adjani e Gérard Depardieu, foi un grande éxito comercial, igual có drama histórico Jean de Florette e a súa secuela Manon des Sources, que deron recoñecemento ao actor Daniel Auteuil.

Década de 1990[editar | editar a fonte]

Marion Cotillard en Cannes no 2012

Nos anos noventa o cinema francés continuou a producir éxitos, como Cyrano de Bergerac, de Jean-Paul Rappeneau, que lle deu unha candidatura ao Oscar ao mellor actor a Gérard Depardieu. Os filmes de Luc Besson Léon e The Fifth Element lanzaron as carreiras de Natalie Portman e Milla Jovovich.

Jean-Pierre Jeunet iniciou a súa carreira dirixindo filmes fantásticos cun estilo moi recoñecible. En 1992 Claude Sautet dirixiu a súa obra mestra Un Coeur en Hiver e en 1995 Mathieu Kassovitz debutou como director con La haine que converteu a Vincent Cassel en estrela. En 1997 Juliette Binoche gañou o Oscar á mellor actriz secundaria.

O éxito de Kirikou et la sorcière de Michel Ocelot en 1998 renovou a produción de cinema de animación, que tivo cineastas como Jean-François Laguionie e Sylvain Chomet.

Século XXI[editar | editar a fonte]

Na década de 2000 incrementouse o número de premios para o cinema francés no Festival de Cannes, con triunfos de Laurent Cantet, Tony Gatlif, Agnès Jaoui, Isabelle Huppert e Charlotte Gainsbourg entre outros.

En 2001 Jean-Pierre Jeunet volveu a Francia para dirixir Le fabuleux destin d'Amélie Poulain, que se converteu no filme francés de máis éxito nos Estados Unidos.

En 2008 Marion Cotillard gañou o Oscar á mellor actriz pola súa interpretación de Édith Piaf en La Môme. Ese ano a comedia Bienvenue chez les Ch'tis converteuse no primeiro filme francés en superar os vinte millóns de espectadores.

Outro grande éxito foi The Artist, filme mudo que triunfou na 84ª edición dos Oscar. En 2011 o filme Intocable converteuse no filme con máis espectadores na historia de Francia.

Apoio gobernamental[editar | editar a fonte]

Coa chegada da televisión ameazando o éxito do cinema moitos países tiveron que enfrontarse ao problema de revitalizar a industria. O goberno francés puxo en funcionamento varias medidas de apoio á produción local.

Os gobernos nacionais e rexionais involúcranse na produción dos filmes.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Riding, Alan (28 de febrero de 1995). "The Birthplace Celebrates Film's Big 1-0-0". The New York Times. 
  2. "Fréquentation record des salles de cinéma françaises en 2011". Le Monde. 13 de abril de 2012. Consultado o 19 de abril de 2012. 
  3. [1]
  4. GreenAsh (ed.). "World domination by box office cinema admissions". Consultado o 19 de abril de 2012. 
  5. "Cinéma : record pour la production de films en France en 2010... grâce aux aides publiques". La Tribune. Consultado o 19 de abril de 2012. 
  6. Next.liberation.fr (ed.). "2010, année très cinéphile en France | Next". Consultado o 19 de abril de 2012. 
  7. [2]
  8. December 28, 1895.
  9. The Ciné Goes to Town: French Cinema 1896–1914, Richard Abel
  10. L'Estrange Fawcett: Die Welt des Films. Amalthea-Verlag, Zürich, Leipzig, Viena 1928, páx. 149 (Tradución alemá do libro de Fawcetts de 1928 Film, Facts and Forecasts)
  11. Boxofficemojo.com (ed.). "Foreign Languages Movies". Consultado o 19 de abril de 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Palmer, Tim and Charlie Michael (eds.) (2013). Directory of World Cinema: France, Intellect/University of Chicago Press, Londres e Chicago. ISBN 1-84150-563-3.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]