Fernando de Rojas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Fernando de Rojas
Fernando-de-Rojas.jpg
Nacemento c. 1465
  La Puebla de Montalbán
Falecemento 1541 e abril de 1541
  Talavera de la Reina
Nacionalidade Imperio Español
Alma máter Universidade de Salamanca
Ocupación escritor, dramaturgo e avogado
editar datos en Wikidata ]
Portada de La Celestina na súa versión definitiva de Tragicomedia.

Fernando de Rojas, nado en La Puebla de Montalbán cara a 1470 e finado en Talavera de la Reina en abril de 1541, foi un dramaturgo castelán.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Pertencía a unha familia de conversos. Porén, polo que este dramaturgo é coñecido e á vez loado é por ser o autor de La Celestina, unha das obras cume da historia da literatura española, e a máis importante na transición entre a Idade Media e o Renacemento.

Cara a 1488 trasládase a estudar na Universidade de Salamanca para obter o título de bacharel en leis, onde estuda latín, filosofía e outras materias necesarias para conseguir o título. Durante estes anos de estudante, redactaría os quince últimos actos da súa única obra coñecida, La Celestina, impresa en 1499, e que nun principio levaba por título Comedia de Calisto y Melibea. Non obstante, parece ser que Fernando de Rojas non foi o autor do primeiro acto, pois el mesmo afirmou que era soamente o seu continuador, cuxa autoría atribuíu a autores como Juan de Mena ou Rodrigo de Cota. Máis tarde, a obra pasaría a ter vinte e un actos e a chamarse Tragicomedia de Calisto y Melibea.

En 1507 muda a Talavera de la Reina, ao parecer debido a un altercado fiscal cun veciño. Alí exerce de home de leis e casará con Leonor Álvarez de Montalbán, con quen tivo sete fillos. Sábese que durante a súa estancia nesa localidade exerceu de alcalde da mesma. Morre no ano 1541 sen facer a menor alusión á súa obra, feito que pode estar xustificado pola persecución que tanto a súa familia coma el mesmo tivo que padecer en mans da Inquisición, xa que a obra era un claro produto da súa condición de converso; de feito, dise que a falta de fe firme nesta obra dramática xustificaría o seu pesimismo e a falta de esperanza patente no seu dramático final.