Libération

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Libération

Editar o valor em Wikidata
TipoXornal
Fundación1 de xaneiro de 1973
FundadorJean-Paul Sartre
Benny Lévy
Serge July
EditorLibération SARL
LinguaFrancés
ISSN0335-1793
Na rede
https://www.liberation.fr/
Facebook: Liberation Twitter: libe Instagram: liberationfr Youtube: UCtXTGXYlCv2HnQwvQgGs72g Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Libération (tamén coñecido en Francia como Libé) é un xornal editado en París e fundado no 1973 polo filósofo Jean-Paul Sartre e os xornalistas Benny Lévy e Serge July.

O proxecto naceu co nome do periódico clandestino vinculado á Resistencia francesa durante a segunda guerra mundial, o Libération que foi dirixido por Emmanuel d'Astier de la Vigerie, e baixo o impulso do maio francés. Por iso, Libé naceu cunhas características insólitas dentro da prensa europea. As relacións laborais dentro da súa redacción non estaban xerarquizadas, todos os empregados (incluído o persoal dos obradoiros) recibía o mesmo salario e non se aceptaba publicidade nas súas páxinas.

Con esa estrutura e coa dirección moral de Sartre, Libération saíu á rúa por primeira vez o 3 de febreiro de 1973. O seu posicionamento político era de esquerdas pero non estaba vencellado a ningún partido político, como si ocorría con L'Humanité, por exemplo. Con todo, Sartre abandonou a redacción do diario en maio de 1974 e Libération iniciou un longo e ás veces traumático camiño cara á normalidade xornalística.

As relacións non xerárquicas seguiron funcionando ata febreiro de 1980, cando os enfrontamentos internos dentro da redacción fixeron que o diario se deixara de editar durante tres meses. En maio dese ano, Libé reapareceu nos quioscos cun novo formato e co nome do seu primeiro director baixo o seu mancheta: Serge July.

Pouco despois, chegaron os primeiros anuncios e os primeiros socios capitalistas alleos ao traballo na redacción. Aos poucos, os lectores comprobaron tamén que Libé abandonaba o seu inicial radicalismo político. Sen deixar de ser nunca un diario especialmente sensible ás causas sociais, progresista e rupturista nos seus enfoques e no seu deseño, o xornal fundado por Sartre empezou a incluír a columnistas liberais nas súas páxinas de opinión (Rebonds). En 2005, July manifestou o seu apoio ao "si" no referendo para a aprobación da Constitución Europea. O "non" gañou a consulta co voto masivo dos simpatizantes de esquerda.

Aquel resultado anticipou o fin da era July. A caída na difusión (ao redor dos 140.000 exemplares diarios en 2006) e os problemas financeiros da empresa editora xa obrigaran a admitir a un novo home forte no seu accionariado, o empresario Édouard de Rothschild, mal recibido polos xornalistas de Libération. En maio de 2006, Rothschild esixiu o cesamento de July do seu posto, baixo a ameaza de deixar de investir no diario. O 30 de xuño, Libération anunciou na súa primeira páxina a despedida de July. O seu posto foi ocupado por Antoine de Gaudemar e logo Laurent Joffrin.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]