Dos arquivos do trasno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dos arquivos do trasno
Rafael Dieste. Dos arquivos do trasno. Contos do Monte e do mar.jpg
Primeira edición
Autor/a Rafael Dieste
Ilustrador Xohán Ledo (2º ed.)
Cuberta Xohán Ledo (ed. 1962)
Orixe Galiza
Lingua galego
Xénero(s) Contos
Editorial Talleres Gráficos El Pueblo Gallego
Data de pub. 1926
Páxinas 42 (1 ed.)
Seguido por A fiestra valdeira

Dos arquivos do trasno: Contos do Monte e do mar é un libro de contos do escritor Rafael Dieste, publicado en 1926.

Foi a súa primeira obra publicada. Apareceu publicado en 1926 con oito relatos que apareceran xa nos xornais Galicia e El Pueblo Gallego. En 1962 fíxose unha segunda edición de Editorial Galaxia con vinte relatos e ilustracións de Xohán Ledo. En 1973 aparece outra edición con catro contos publicados en 1927 xunto coa peza teatral A fiestra valdeira, e outros relatos escritos no exilio. Así, a edición definitiva inclúe textos escritos en circunstancias moi diversas, revisados e corrixidos. Xa en 2008 publicouse outra edición tamén da man de Editorial Galaxia.

Contos[editar | editar a fonte]

  • "Sobre da morte de Bieito"

Un home leva canda a outros tres un cadaleito de camiño ao camposanto. Preto da chegada, sente ruído dentro da caixa, e comeza a ter remorsos por se o seu amigo Bieito está vivo. Dubida até o momento en que comezan a botar terra por riba, pero por vergoña non fala. Mais á noite regresa ao cemiterio cun sacho, pero escoita uns pasos e retírase.

  • "De cómo se condenou o Ramires"

Ramires, un indiano que regresara da emigración logo de vinte anos traballando nas terras de Catamarca, está no seu leito de morte, acompañado da súa muller e os seus fillos. O párroco da aldea intenta convencelo para que morra como bo cristián, pero Ramires négase. O sancristán intenta convencelo meténdolle medo, e mesmo chega un frade que fora párroco da aldea anos atrás, pero nin así.

  • "O regreso"

Resenda ten un fillo, chamado Andrés, que emigrou a Mouramia, e non volveu ter noticias del, mais agárdao con ilusión. Ao cabo, o seu home morre e queda viúva. A veciñanza dicía dela que gardaba moedas de ouro que gardaba para o fillo. Moitos anos despois, oe ruídos na súa casa e sente medo de que lle vaian roubar, polo que comeza a chamar polo marido. Colle afouteza e érguese para pechar a porta, e á luz da lareira ve o seu fillo. Ao día seguinte apareceu morta.

  • "A luz en silencio"

Un home que vive na cidade regresa á casa familiar da aldea para arranxar uns papeis por mor dunhas lindes. De noite, só na casa, comeza a sentirse intranquilo por se houbese un espírito. Prende tres mistos, e ao resplandor da luz vermella sente que non está só. Finalmente, cando entra na sala, descobre amargamente que está só.

  • "Historia dun xoguete"

Un mariñeiro entretén a súa estancia na goleta tallando en madeira unha miniatura dun barco, ao que chama Nosa Señora do Carmen, como a propia goleta. Ten a idea de chegar a terra e penduralo na casa que comparte coa muller, mais de socato chega unha tormenta. Xa na costa, un neno pequeno atopa a miniatura na praia, e a nai recoñéceo. Ao chegaren á casa pendúrano, e a muller comeza a vestir de loito polo seu home.

  • "O vello Moreno"

Nunha taberna dunha vila portuaria están varios homes a falar de mulleres. O vello Moreno é un viaxante que comeza a contar a historia dunha muller que lle é infiel ao seu home emigrado. Cando sabe que o seu marido vai regresar axeita a casa, pero o home non dá chegado. Porén, a esposa recibe moitos cartos e un baúl grande con agasallos e roupa para os fillos, e ela rompe a chorar. O vello Moreno, ao cabo, móstrase partidario da monogamia e a fidelidade.

  • "O vagamundo"

O narador fala do personaxe dos vagamundos, dos que di que hai un en cada vila, xeralmente orfos, que deixan de estudar sen se poñeren a traballar, peregrinando pola vila e os arredores á procura de comida, con roupas vellas. Conta o caso dun vagamundo que vai tras dunha muller para espiala mentres lava a roupa, mais é descuberto por outro home que o golpea.

  • "O vello que quería ve-lo tren"

Un home que vive na montaña non quere morrer sen mirar un tren, e coa axuda do seu neto convence a familia para iren en carro até un apeadoiro. Alí ven achegarse o fume da locomotora e despois o convoi, ao que soben dúas mulleres. Fican abraiados, e mentres que o neno expresa a súa emoción, o avó queda algo triste ao ser consciente de que existen moitos outros mundos que xamais coñecerá.

  • "O neno suicida"

Un cativo suicídase dun disparo, e nunha taberna un home conta a súa historia. Seica tempo atrás, cara a 1830, un ancián apareceu espido nun camposanto. O vello acababa de nacer, e a súa vida iría ao revés, co consentimento de Deus, desde vello a bebé. Tivo unha vida vizosa, traballando de maior e desfrutando das rendas de novo. Mais xa de rapaz comezou a angustiarse ante a chegada do seu fin, quizais entrando no ventre dunha muller, polo que decidiu pór fin á súa vida.

  • "Na morte de Estreliña"

Estreliña é unha meniña ben mandada e simpática, sempre alegre e disposta. Un día finou, e a súa nai e a súa irmá choraban por ela lembrándoa.

  • "O grandor do mundo"

Un home marcha da súa vila cara a Buenos Aires co propósito de facerse rico, e xa no porto da cidade onde embarca sorpréndese do grande que é o mundo. Dez anos despois regresa, pobre, e asolágao un sentimento estraño.

  • "Pampín"

Pampín é un mozo que vive nunha vila costeira, que sempre axuda os demais sen pedir nada a cambio, acompañado dunha pequena cana que leva sempre enriba.

  • "Espanto de nenos"

Uns meniños están a xogar nun sobrado da casa nun día de treboada. De socato, no tellado aparece un ollo a os vixiar.

  • "Na ponte de ferro"

Un home comeza a falar con outro sobre dunha ponte do tren no golfo de México, iniciando a parolada in medias res. Fálalle da ausencia de traballo e de anteriores viaxes; o outro pregúntalle polas súas aspiracións, e respóndelle que montar un sinxelo quiosco de prensa.

  • "Nova York é noso"

Un neno está cos seus amigos a xogar preto do mar. Ese día regresa seu pai de traballar en Nova York e el quere falar do tema, mais os amigos non lle preguntan nada e el resístese a iniciar a conversa. Orgulloso, marcha dicindo a frase "Nova York é noso!"

  • "O caso dos tres fornos"

Un home traballa limpando un dos tres fornos dun buque que se dirixe a Marsella. Un día, ao pouco de chegar, o maquinista dille que limpe os tres, e el négase. O capitán di que con que limpe un chega, pois xa lle é abondo, e o home, doído no orgullo, decídese a limpar os tres. Despois decide abandonar a singladura e pídelle ao capitán que lle pague o salaio, pero este négase. Á noite, nunha taberna, o capitán pídelle que regrese ao barco.

  • "Once mil novecentos vinte e seis"

Un home esperta dentro dun nicho metálico. Asume que está morto, pero reflexiona e comeza a lembrar: un doutor logrou que durmise durante 10.000 anos, e espertou no ano 11.926. Nos seus petos leva un reloxo, un termómetro, unha caixa de mistos, unha petaca, unha pistola, unha lanterna eléctrica, unha carta lacrada e mais unha chave. Coa lanterna iluminou o nicho e atopou a pechadura. Antes de saír asume que é a testemuña viva dunha cultura antiquísima, e rompe a chorar. Despois mira o reloxo, que na esfera ten debuxado unha caveira con dúas tibias, e comprende que só lle quedan unhas horas de vida. No sobre había unha carta con consellos do doutor compostelán Roberto Nóvoa Santos, e outra dirixida aos médicos daquel momento. E ao saír do nicho, ve que Santiago de Compostela desaparecera. Diríxese camiñando cara ao mar, e atopa todo deserto, e entende que é o único supervivente na Terra. Despois descubre unha árbore, un home e un neno; nun principio pensa que son mestre e alumno, mais ao achegarse ve que están a comer dunha perna humana pendurada da árbore. Eles decátanse da súa presenza e comezan a berrar, pero el non os entende, e comeza a escapar. Ao cabo comeza a perseguilo un grupo de xente que lle guinda pedras, e coa pistola dispáralles. E de sócato... esperta.

  • "O drama do cabalo de xadrez"

Nun taboleiro de xadrez están dispostas todas as pezas agás o cabalo de rei branco, que chega tarde e protesta porque quere ter todos os movementos posibles, non só os seus propios. Iníciase un debate entre as pezas brancas, mentres o rei negro mete présa para que comece a partida. Iníciase, e un bispo e unha torre din que envexan mutuamente os movementos do outro. Pasa o tempo e a luz esvaécese, porque unha das torres, que porta un farol, quedou durmida. O cabalo que protestara morreu a mans da raíña negra, e vaise a luz outra vez.

  • "Un conto de Reis"

Un xornalista ten que escribir para o periódico en que traballa un conto de Reis, e non sabe que facer. Vai á taberna e alí escoita falar un mariñeiro que di que traballara co rei Melchor, e que coñecera un tradutor-intérprete que sabía todas as linguas do mundo. De socato, un mozo descoñecido entra na taberna, toma un viño fino e marcha, e o home que falaba marcha detrás del, tras identificalo como o intérprete, para preguntarlle por Melchor. O xornalista perségueos pero non logra ir tras deles, e fica abraiado. De regreso á redacción non se atreve a contar esa historia para o periódico.

  • "De cómo veu a Rianxo unha balea"

Unha balea aparece preto do porto de Rianxo, e os carabineiros comezan a disparar as súas escopetas contra ela. A balea vara e varias lanchas rodéana, sen saber que facer, pois non a daban amarrado con cabos. Un patrón pretende matala cunha machada. De súpeto, quizais ao subir a marea, a balea retírase, e foi morrer a Vilanova de Arousa, onde ficou o seu esqueleto.

Narración[editar | editar a fonte]

O libro comeza cun limiar a modo de esbozo da teoría do conto, a través de seis aforismos. Este estilo utilizárono moitos escritores da época parar dar a coñece-las súas concepcións sobre a arte poética. Constitúe a primeira reflexión sobre o xénero na literatura galega.

Alterna os relatos en primeira persoa (1º, 4º, 6º, 14º, 16º, 17º 19º e 20º) coa terceira persoa (2º, 3º, 5º, 7º, 8º, 9º, 10º, 11º, 12º, 13º, 15º). A peza número dezaoito está escrita en forma de peza teatral.

Xa no propio título fican establecidos os dous planos en que se desenvolve a obra, realidade e fantasía. Así, nalgúns casos, os relatos do libro exploran vivencias que rozan o fantástico, e a atmosfera créase a través dos personaxes. Tódolos contos teñen un momento de tensión máxima, o que Dieste consegue cunha presenza mínima de personaxes, unha precisión máxima da linguaxe e un uso perfecto dos ritmos.

Os diferentes individuos e tipos -nenos, vellos, mariñeiros, vagabundos- que poboan as páxinas de Dos arquivos do trasno forman en conxunto un retrato moi vivo do variado carácter galego. Porén non se limita ao folclórico, senón que, ao contrario, transforma este substrato popular galego en realizacións estéticas de proxección universal.

O libro ten as súas raíces na estrutura do relato oral, que se manifesta nas fontes temáticas de onde obtén material e nos rexistros estilísticos que emprega.[1] Nel abundan as testemuñas sobre a admiración do escritor para as expresións da cultura popular. Dos arquivos do trasno contén a temática máis característica da literatura galega: a morte, a morriña, a presenza dos mortos, o misterio, a dignidade, a emigración e o retorno á terra.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Casas, Arturo (1994). Rafael Dieste e a súa obra literaria en galego. Vigo: Galaxia. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Dieste, Rafael. Dos arquivos do trasno. Vigo: Galaxia, 2008.