Boletín Galego de Literatura

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Boletín Galego de Literatura
PaísEspaña
Lingualingua galega e lingua portuguesa
Fundación1989
Primeira edición1989
Circulación
ISSN0214-9117
Na rede
http://www.usc.es/revistas/index.php/bgl e http://dspace.usc.es/handle/10347/708
editar datos en Wikidata ]

O Boletín Galego de Literatura (BGL) é unha revista literaria semestral que edita a Universidade de Santiago de Compostela e está dirixida por Anxo Tarrío Varela, profesor da facultade de Filoloxía da USC. A data de creación é 1989 e o primeiro número corresponde aos meses de xaneiro-maio. Esta publicación está redactada exclusivamente en lingua galega, exceptuando algunhas colaboracións escritas en español, portugués, catalán, francés, italiano, inglés ou alemán. Nela aparecen artigos sobre crítica e historiografía de calquera literatura do mundo, ademais de traballos de investigación en Teoría da Literatura, Crítica Literaria, Poética, Retórica, Hermenéutica, Semiótica[1] etc.

Nacemento e actividade[editar | editar a fonte]

O Boletín Galego de Literatura nace no campo da filoloxía galega e portuguesa baixo a dirección do catedrático Anxo Tarrío Varela e da secretaría de Xabier Campos Villar e Mª Isabel Soto López. Nese momento non existía en Galicia ningunha revista que se dedicase exclusivamente a ofrecer estudos e análises sobre literatura redactados en galego e o director —que naquel tempo dirixía o Seminario de Literatura Galega para o COU—, propúxolles aos seus compañeiros a creación dunha revista onde vehicular reflexións, estudos, análises etc,[2] sobre a materia do Seminario, e así xorde o BGL. Polo tanto, os fundadores da revista son aqueles nomes que figuran nos créditos do primeiro número (maio de 1989): como director Anxo Tarrío, como Secretario, Xosé Luís Sánchez Ferraces, no Consello Redactor, Carmen Blanco García, Antón Capelán Rei, Modesto Hermida García, Xesús Rábade Paredes, Mª do Carme Ríos Panisse, Blanca-Ana Roig Rechou e Xosé Manuel Salgado Rodríguez, consello que foi variando co paso dos anos e, por último, o Consello Científico, que apareceu co segundo número e cun carácter internacional.

Actualmente, está formada por dous consellos, un primeiro Consello Científico —que se encarga de orientar e asesorar sobre os contidos—, formado por dezanove membros entre os que destacan Víctor Manuel Aguilar e Silva, Mercedes Brea López e Carlos Buján, Richard Cardwell, Basilio Losada e Guiuseppe Tavani, e un segundo Consello Redactor e corrector —que decide sobre a presentación e a normativa editorial da revista—, formado por cinco membros entre os que sobresaen Eulalia Agrelo Costas e Miguel Louzao Otero, ambos profesores da Univ. Santiago de Compostela. O deseño da maqueta e da cuberta está a cargo de Alejandro Vidal sobre unha idea de Pedro de Llano e as ilustracións corren da man de Alex Mene. A coordinación das publicacións está baixo o mando de Patricia Fra López e Mª Teresa Vilariño e o servizo de publicación é o da Universidade de Santiago de Compostela. Por último, as encargadas das colaboracións e da correspondencia son Marta Neira Rodríguez e Mª. Isabel Soto López.

O primeiro número é unha homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, personaxe ilustre ao que se lle adicou o Día das Letras Galegas nese mesmo ano. O número 15-16, publicado nun só volume en 1996, foi unha edición subvencionada pola Dirección Xeral de Ordenación Universitaria e política científica da Xunta de Galicia e este número está escrito in memorian de Stefano Jacomuzzi, un colaborador asiduo da revista. Tamén, o número 19 (1º semestre, 1998) publicouse in memoriam de Antón Risco. Pola contra, o número 21-22, publicado nun só volume en 1999, achega unha introdución na que se fai memoria dos 10 primeiros anos do boletín realizado polo Equipo de Redacción e Corrección. No número 27 (1º semestre 2002), publícase un número especial titulado Literatura e Cinema. Na segunda metade do 2004, sae á luz o número 32, baixo o nome de Para entenderte mellor. As literaturas infantís e xuvenís no marco ibérico. Nos dous vindeiros boletíns fanse dous especiais dedicados á Literatura Comparada. O número 35 (1º semestre 2006), realízase unha introspectiva á banda deseñada nacional, baixo o nome de Olladas do Cómic Ibérico.

Por outra banda, por problemas á hora de publicar, os números 36-37 (2º semestre 2006- 1º semestre 2007) preséntanse nun mesmo volume. Nos números 41-42 publicados, nun só volume en 2009, pódese ver un especial titulado 2000. 10 anos de estudo e creación 2009. Asemade, o número 45 (1º semestre 2011) trata sobre a poesía galega e as perspectivas críticas e comparadas. Por último, o número 46 (2º semestre 2011) é un especial titulado Textos a escape. A literatura e a cultura na era dixital.

Despois dunha parada desde o 2011 até o 2015, o BLG reaparece cun novo exemplar coa intención de reavivar a revista desde a propia USC. Actualmente, están á procura de novas investigacións para a súa próxima edición. Unha das características principais para á publicación é escribir en galego para a sección “Documentos” mentres que noutras seccións si está permitido escribir en outras linguas. Os traballos deben ser inéditos e só poderán versar sobre temas relacionados coa literatura e coa crítica literaria. En caso de ser un alumno o que queira publicar, debe estar avalado polo seu titor e o profesor que o dirixiu, ademais de estar sometido ás instrucións propias do boletín. Así mesmo, existe unha extensión máxima dependendo do tipo de traballo e, asemade, o tipo de letra será distinto dependendo do tipo de escrito.

Colaboradores[editar | editar a fonte]

A revista divídese en distintos apartados como Estudios, Notas, Documentos, Encontros, Bibliografías, Libros e Creación, non sempre presentes en todos os números. En canto á creación, moitos dos colaboradores son de fama recoñecida como os escritores Suso de Toro, Uxío Novoneyra, Yolanda Castaño, Agustín Fernández Paz, Xabier Alcalá, Bernardino Graña, Manuel María, Luz Pozo Garza, Claudio Rodríguez Fer, Xosé María Álvarez Cáccamo, Xulio López Valcárcel, Chus Pato, Xavier Queipo, Luísa Villalta e Víctor Freixanes, entre moitos outros. Ademais, do expresidente da Real Academia Galega, X. L. Méndez Ferrín. En canto á sección Estudios, destaca Carlos Caetano Biscainho con A Escola Dramática Galega (1978-1994) e o sistema literario, María Lopo con A propósito do concepto de literatura bretona en lingua francesa, Arturo Casas con Novos suxeitos e nova discursividade na poesía galega actual entre moitos outros.[3]

A selección de textos, mestres o BGL foi editado en papel (1989-2012), foi realizada polos propios fundadores coa axuda do Consello Científico, seguindo criterios de calidade e oportunidade dos traballos en cuestión. A partir da versión dixital (2015-), a selección faise pola lectura de pares anónimos e os autores dos traballos poden acceder á plataforma Open Journal System para seguir o proceso.

Difusión e impacto[editar | editar a fonte]

Nos primeiros anos, o BGL levou de subtítulo “Estudios de Orientación Universitaria”, que abandonaría rapidamente porque o contido da publicación foi moito máis alá de tan restrinxido subtítulo. Actualmente, o Boletín Galego de Literatura conta cun portal dixital en galego na propia páxina da USC. En canto ao impacto do boletín segundo no SCImago Journal & Country Rank non aparece recollido. En MIAR (Matriz de Información para a Análise de Revistas) foi avaliado cun 6.415 no cálculo do ICDS (Índice Composto de Difusión Secundaria), un indicador que amosa a visibilidade da revista nas diferentes bases de datos científicas. No C.I.R.C. (Clasificación Integrada de Revistas Científicas) foi clasificada como C. Tamén en DICE (Difusión e Calidade Editorial das Revistas Españolas de Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas, a clasificación é C, a excepción de ANEP (Axencia Nacional de Avaliación e Prospectiva) que é B.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Universidade de Santiago de Compostela (ed.). "Números anteriores". 
  2. Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Siveriano Cañada. 2003. 
  3. Boletín Galego de Literatura. Servicio de Publicacións da UDC. 1989-2016.