Eladio Dieste Saint Martin
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 10 de decembro de 1917 Artigas, Uruguai |
Morte | 29 de xullo de 2000 (82 anos) Montevideo, Uruguai |
Educación | Universidade da República |
Actividade | |
Ocupación | arquitecto, enxeñeiro civil, profesor universitario |
Premios | |
| |
Eladio Dieste Saint Martin, nado en Artigas o 1 de decembro de 1917 e finado en Montevideo o 19 de xullo de 2000, foi un enxeñeiro uruguaio[1].
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de Eladio Dieste Gonçalves (irmán de Eduardo e Rafael Dieste, nado xa no Uruguai) e da brasileira Elisa Saint-Martín Lamarque, de pai francés e nai arxentina. Foi o segundo de tres irmáns, xunto con Ariel e Saúl.
Entre 1936 e 1943 estudou na facultade de enxeñaría da Universidade da República. Nesa época residiu na casa do avogado Antonio Grompone, amigo da familia materna. Despois de graduarse continuou na facultade como profesor de Mecánica teórica e Pontes e grandes estruturas. Foi docente até 1973.
Xa antes de rematar os estudos comezou a traballar na Dirección de Vialidade do Ministerio de Obras Públicas do Uruguai, realizando proxectos de pontes. Traballou aló até 1947, e chegou a ser enxeñeiro xefe da oficina técnica. Entre 1945 e 1948 foi enxeñeiro de proxectos na empresa Christiani & Nielsen.
En 1947, en colaboración nun proxecto do arquitecto catalán Antoni Bonet Castellana en Punta Ballena (Maldonado), realizou os primeiros ensaios co sistema de cerámica armada nas bóvedas da casa Berlingieri. Entre 1949 e 1958 dirixiu a empresa Viermond SA. Fundaciones – Pilotajes. Traballou tamén cos arquitectos Clemot e Sierralta, alumnos de Le Corbusier. Alí comezou a colaborar con Eugenio R. Montáñez, que estudara na súa mesma facultade, co que en 1956 fundou a empresa Dieste y Montáñez S. A.
Foi consultor do proxecto do encoro de Salto Grande sobre o río Uruguai, e membro da comisión asesora para avaliar a construción do encoro de Palmar en Río Negro, cos enxeñeiros Arocena e De Anda. Tamén foi consultor para proxectos de peiraos e emisarios subacuáticos.
Foi membro da Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais e da Academia Nacional de Belas Artes da República Arxentina, así como académico Ad Honorem da Academia Nacional de Enxeñaría do Uruguai. En 1993 foi nomeado profesor honoris causa da Universidade da República, e tempo despois recibiu o doutoramento honoris causa da mesma institución.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con Elizabeth Friedheim Utke o 9 de decembro de 1944, e tiveron once fillos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Eladio Dieste". Proyecto Educativo Dieste (en castelán). 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Eladio Dieste Saint Martin |
- Proytecto Dieste (en castelán).