A fiestra valdeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A fiestra valdeira
Autor/aRafael Dieste
Ilustrador/aIsaac Díaz Pardo
CubertaKarawane
OrixeGaliza
Linguagalego
Xénero(s)teatro comedia
Data de pub.1927
editar datos en Wikidata ]

A fiestra valdeira: comedia de remate ledo en tres lances, o derradeiro c'un respiro é unha peza teatral de ambiente mariñeiro escrita por Rafael Dieste. Foi publicada na tipografía de El Eco de Santiago o 16 de marzo de 1927, aínda que saíu á luz uns meses antes, o 21 de xaneiro de 1927, cando Dieste fixera unha lectura da obra para ingresar no Seminario de Estudos Galegos. Ese mesmo ano, a obra foi relida na Festa da Prosa Galega.

Narración[editar | editar a fonte]

Consta de tres actos (tres lances). A acción desenvólvese nunha sala da casa dunha vila mariñeira. Don Miguel é un mariñeiro xa xubilado que fixo cartos na emigración no Brasil e que volta ao seu fogar. A parte máis importante da historia xira ao redor dun retrato encargado por don Miguel a un pintor, no cal aparece a fiestra do cuarto a través da cal se ve o peirao.

Representacións[editar | editar a fonte]

A súa primeira representación tivo lugar en Rianxo no outono de 1935. Naquela ocasión foi dirixida por Castelao, coa axuda de Dieste. O propio Castelao interpretaba o personaxe principal, don Miguel. Os outros actores daquela representación eran persoas de Rianxo e non actores profesionais.

Elenco: Balbina Rañó (dona Balbina), Lola Romero (Adelaida), Ricardo Abuín (O señor Baldomero), Alfonso Arcos (Nogueira), Bieito Rial (Antonio), Sócrates Piñeiro (Matapitos), Bieito Ordóñez (Caramañolas), Roxelio Bravo (O Garreante), Andrés Galván (Dourado), Francisco Ramos (vello anónimo) e Vicente Torres (mozo anónimo).

Tras a reedición da obra en 1958 en Buenos Aires, o Grupo de Teatro Airiños representou o texto en Asados (Rianxo) e Catoira en 1960 e 1961. A propia compañía púxoa de novo en escena en 2006, no 25 cabodano da morte do autor. A peza representada tamén no Teatro Colón da Coruña nos anos 90 polo Centro Dramático Galego.

Lances[editar | editar a fonte]

A obra divídese en tres partes:

Primeiro lance[editar | editar a fonte]

Nesta primeira parte faise unha introdución das personaxes principais, sobre todo do protagonista, don Miguel, do que se fai unha descrición física exhaustiva. Tamén se describe o cadro, tema principal da historia, e as vistas que hai desde a fiestra.

A obra comeza cunha conversa sobre a súa xuventude e sobre o presente entre don Miguel e Baldomero, vello mariñeiro que foi con el á escola. Preséntase neste lance o conflito principal, orixinado polo retrato que lle encarga don Miguel a Antonio. No cadro, o primeiro aparece diante dunha fiestra da súa casa desde a que se pode ver o peirao e o ambiente mariñeiro da vila. É entón cando o protagonista pide a opinión da súa muller Balbina e da súa filla Adelaida. Estas desprezan o cadro, pois tras regresar da emigración no Brasil volven cun nivel económico e social superior e renegan da súa orixe mariñeira. É por isto polo que lle piden a don Miguel que cambie o peirao que se ve no cadro por unha paisaxe máis fidalga. Don Miguel non comprende que ten de malo o cadro nin a súa orixe humilde e non está de acordo con modificar a obra.

Segundo lance[editar | editar a fonte]

Neste segundo lance desenvólvese o conflito. Don Miguel e dona Balbina discuten a teor de que o pintor non quixese facer as modificacións que lle pedían, xa que consideraba o cambio unha falsificación da verdade artística.

Acontecen entón unha serie de sucesos, como que unha personaxe rexeite entregarlle un traxe que lle fixera a Miguel porque se sente ofendido polo rexeitamento deste polas súas orixes. Esta é unha das múltiples persoas que amosan o seu descontento coa decisión de don Miguel. Despois, varios mariñeiros, entre eles Antonio, explícanlle a don Miguel que cambiar o cadro é coma cambialo a el mesmo e converterse nunha persoa diferente.

Por último, aparecen un grupo de mariñeiros que se identifican co retrato e o reclaman como seu. O Garreante, enfadado, quítalle ao cadro o anaco no que se ve o mar e así queda “valdeira”[1] a fiestra.

Terceiro lance[editar | editar a fonte]

Don Miguel, que xa se decatou do seu erro ao facer caso a súa muller e a súa filla, pretende recuperar o anaco do cadro, para iso ofrece unha lancha aos mariñeiros. Nogueira advírtelle que pode parecer que os querer comprar. En determinado momento, entra Adelaida e mira o estado no que se encontra o seu pai. Nese momento cae na conta do erro que cometera e contacta cos mariñeiros. Para rematar, os mariñeiros devólvenlle o anaco do cadro, mais non lle aceptan nada a cambio, pois ven que o seu arrepentimento é sincero. Don Miguel tenta darlle uns cartos a Matapitos para que se faga capitán dun navío ben grande, pero este rexéitaos.

Personaxes[editar | editar a fonte]

  • Don Miguel. É o protagonista principal da obra. Vello de boa planta, mariñeiro na súa mocidade e que fixo fortuna no Brasil. Agora está retirado na súa vila natal (Rianxo) e, pese a súa idade, aínda se considera mariñeiro. É o que lle encarga o cadro ao pintor.
  • Dona Balbina. Muller de Don Miguel, avergóñase e renega da súa orixe humilde e da vida mariñeira do seu marido á vez que manifesta o seu desexo de pertencer á fidalguía.
  • Adelaida. Filla de Miguel e Balbina, moza que despreza aos amigos do seu pai e a súa profesión, Presume de ter unha educación refinada.
  • Nogueira. Home de letras que aínda está estudando.
  • Señor Baldomero. Mariñeiro e amigo de Miguel desde que eran nenos.
  • Matapitos. É un neno que fai de recadeiro de Miguel.
  • Antonio. Pintor do cadro. Don Miguel pensa que é bo pintor, mais a súa filla pensa todo o contrario.
  • Dourado. Mariñeiro pobre e nobre.
  • Caramañolas. Mariñeiro.
  • O Garreante. Mariñeiro con especial sentido da xustiza.
  • Vello e Mozo. Ambos os dous pasan moi inadvertidos pola obra, mais os dous son mariñeiros tamén.

Outros elementos importantes:[editar | editar a fonte]

  • O cadro. É o obxecto principal da obra, xa que arredor del se desenrola a maior parte da acción. É o que trae os problemas e as discusións entre as personaxes da obra. Hai un elemento moi importante a destacar no cadro: A paisaxe que se ve desde a fiestra de don Miguel (barcos e xente traballando, típico de zonas mariñeiras). Isto é o que trae as discusións. No cadro aparenta que pola fiestra son pobres, e a súa filla e a súa muller non lles gusta. A partir disto podemos ver dous conflitos: A filla e a muller queren cambiar o cadro e os mariñeiros do pobo non. Os mariñeiros adiántanse e collen o cadro un día que van a casa de don Miguel. O cadro estivo gardado nunha casa, pero logo dun tempo os mariñeiros devólvenllo a don Miguel. Ao final, a súa muller e a súa filla acéptano. Pero o cadro non tiña a parte da fiestra, a cal foi arrancada, e Antonio vólvese a ofrecer para volver a pintalo. O final todos acaban ceando xuntos. Por último, na obra, a arte adquire un papel protagonista a través do obxecto mesmo do conflito: o retrato coa fiestra desde a que se ve o mar no que o pintor Antonio capta a esencia de don Miguel, e non só del, senón tamén de Baldomero e, por extensión, de todos os mariñeiros da obra.
  • O mar. Tanto o mar como a vida mariñeira son dúas pezas fundamentais nesta obra. A presenza do mar apréciase sobre todo no léxico mariñeiro que podemos apreciar ao longo de toda a obra, tamén nas personaxes, na fiestra, nas historias secundarias etcétera. É, ademais, un punto clave no que ao conflito principal se refire.

Lugar e tempo da acción[editar | editar a fonte]

A obra ten lugar nunha pequena vila mariñeira, a cal pode ser perfectamente Rianxo (o autor foi nado alí). A totalidade da obra desenvólvese nun único espazo: no salón da casa de don Miguel.

En canto ao tempo, pode ser anterior a 1914 (vinte anos antes no momento en que se publicou a obra) e puido durar entre dúas e tres semanas. Para ser máis precisos, hai un tempo para cada lance:

  1. O primeiro lance dura máis ou menos unha mañá.
  2. O segundo, como mínimo catro días despois desde que remata o primeiro.
  3. Finalmente, o terceiro ten un tempo indeterminado.

Elementos destacábeis da obra[editar | editar a fonte]

Léxico mariñeiro[editar | editar a fonte]

Reivindicación dunha cultura popular mariñeira que se respira ao longo de toda a obra con termos como por exemplo: ir ao mar, fondear, aparello, peirao, argola, baldear etc ou mesmo ata parece que somos quen de sentir como “rosma a treboada”.

Conflito de clases[editar | editar a fonte]

Na obra se aprecian tres tipos de clases sociais, a pequena burguesía acomodada (a filla e a muller de don Miguel), a burguesía intelectual e a clase traballadora (os mariñeiros). Estas persoas diferéncianse polo tipo de vestimenta ou polo nome que o autor lles da. Por exemplo, hai unha vontade de desclasamento tanto da filla como da muller contra don Miguel, pois pretenden substituír o fondo do cadro por un máis acorde coa súa clase social actual, xa que non lle gustan as súas raíces obreiras.

Urco[editar | editar a fonte]

Hai outros elementos moi importantes como o Urco a través dos cales o autor tenta revalorizar a cultura galega. O Urco posibilita unha sutil pero moi fermosa expresión do extremadamente oposto mundo vivencial e de intereses entre Baldomero e don Miguel (homes de mar) ou Nogueira e Antonio (xentes da cidade con estudos).

Diferentes edicións[editar | editar a fonte]

Reeditouse en Bos Aires en 1958 pola Editorial Atlántida e, posteriormente, Ediciós do Castro reeditouna na Coruña en diversas ocasións.

O gran número de reedicións denota que a obra tivo unha boa acollida entre o público xeral.

Todas estas edicións teñen en común a grafía “valdeira”, que non é aceptada pola norma, xa que esta prefire o termo "baldeira" por referirse a balde e a baldeirar.

A diferenza máis notábel entre a primeira e segunda edición é que a primeira inclúe a maiores catro contos breves de argumento desacougante:

  1. O neno suicida. Un neno morre dun disparo na tempa. Este neno naceu sendo vello e viviu cara a atrás. Entre os cincuenta e os quince anos traballou e fíxose rico e, antes de esvaer, suicidouse.
  2. A morte de Estreliña. Dieste fálanos dunha nena que foi a ledicia de todos os que a coñeceron e da tristeza dos pais no velorio.
  3. Espanto de nenos. Os nenos senten o primeiro medo metafísico logo de ter sido esculcados por un ollo a través dunha fenda.
  4. O grandor do mundo. O emigrante volve a casa cheo de saudade e alí albisca a inmensidade do mundo.

Dedicatorias[editar | editar a fonte]

A primeira edición foi dedicada a Constantino Candeira e a segunda ao seu irmán Antonio Dieste.

Con esta obra, Dieste tentou modernizar o sistema literario galego e afastalo do ruralismo.

Repercusión da obra na época[editar | editar a fonte]

A obra de Dieste recibiu bastante atención por parte de moitos intelectuais galegos da literatura da época. Tiveron moitos puntos de interese tanto polo seu punto de vista temático de identidade como polas novas posibilidades formais no teatro galego. Cabe destacar tamén a nova estética simbolista que aparece na obra e, obviamente, a identificación de persoas contemporáneas ao autor como fonte inspiración xunto con outras figuras que aparecen na obra. Todo isto representa a realidade que vive a época e que se proxecta na obra cunhas tendencias sociais do seu tempo. Rafael Dieste apoia a mellora social pero tamén recorda que moitísimos galegos procedemos da emigración e do ámbito mariñeiro. Como último apuntamento, o autor facilita ao espectador ou lector á identificación cos personaxes e as súas accións grazas ao perfecto reflexo da realidade no seu teatro.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Definición da palabra baldeiro". academia.gal. Consultado o 2019-04-11. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]