Mulleres nas Matemáticas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Historicamente as mulleres tiveron que loitar para abrirse paso no campo das ciencias, unha contorna tradicionalmente masculina e vetada para elas. A contribución destas mulleres tivo un grande impacto no desenvolvemento das matemáticas.[1]

Contexto histórico[editar | editar a fonte]

As matemáticas sempre estiveron presentes na vida dos seres humanos dende a máis remota antigüidade. A necesidade de contar, medir e rexistrar eses resultados están presentes en multitude de achados arqueolóxicos datados hai miles de anos. Un dos máis famosos é o óso de Ishango, descuberto en 1960 no Lago Eduardo (situado entre a República Democrática do Congo e Uganda). Pertence ao Paleolítico Superior e os últimos estudos o sitúan cunha antigüidade de máis de 20.000 anos. Este óso non só ten marcas, tamén ten agrupacións delas, o que pon de manifesto un coñecemento matemático dun grado superior de abstracción ao da simple marca. Este óso foi descrito

Muller ensinando xeometría. Detalle dunha ilustración medieval
Muller ensinando xeometría.

orixinalmente como un rexistro de números primos e duplicación.[2][3] Posteriormente, Alexander Marshack concluíu que representaba un calendario lunar de seis meses. Pero, como indica a etnomatemática Claudia Zaslavsky no seu artigo "As mulleres como primeiras matemáticas", a natureza cíclica da menstruación ten xogado un papel importante no desenvolvemento do conteo, as matemáticas e a medición do tempo. As marcas lunares atopadas en fragmentos de ósos prehistóricos mostran como as primeiras mulleres marcaron os seus ciclos e así comezaron a marcar o tempo. Agora ben, quen salvo unha muller que faga un seguimento dos seus ciclos necesitaría un calendario lunar? pois probablemente as primeiras persoas que se adicaron á agricultura poderían ter gardado tamén eses rexistros. Pero resulta que as mulleres foron, probablemente, as descubridoras da agricultura.[4][5] Entón, calquera que sexa a mirada, sen dúbida as mulleres foron as primeiras matemáticas, conclúe Zaslavsky no seu artigo.[5]

Despois deses primeiros tempos, ao longo da historia as mulleres foron relegadas da educación, da política, da participación social… da cidadanía, a sociedade impuxo ás mulleres o exercicio duns roles moi definidos, relacionados normalmente có coidado, a educación de fillos e fillas, a alimentación, a familia… é dicir, as tarefas do ámbito privado, doméstico. Un ámbito importante -sen o que non existiría todo o demais- pero desvalorizado socialmente. Pero dende os inicios da civilización atopamos a mulleres que loitaron por saír da esfera do privado e ser recoñecidas no ámbito público. Foi unha tarefa moi complicada na que participaron mulleres de tódalas épocas e clases sociais.[6]

Como di Sandra Harding: "Está probado, histórica e documentalmente, que se intentou excluír ás mulleres do campo científico con máis ardor, aínda, que dos campos de batalla. A represión, burla, desconsideración e desautorización, que tiveron que soportar para acceder á ciencia son dificilmente imaxinables nos tempos actuais, pero a pesar de todo, as mulleres sempre buscaron estratexias para se incorporar a aqueles campos do saber que se consideraban exclusivos dos varóns".[7]

Emilie Le Tonnelier de Breteuil, Marquesa de Châtelet
Marquesa de Châtelet

Todas elas sufriron, en maior ou menor grao, e pola súa condición de mulleres, dificultades para acceder á educación e ao exercicio da profesión científica. A profesora Coral del Río autora do prólogo de Mujeres matemáticas: Las grandes desconocidas- sinala: "Obviamente, a limitada presenza de mulleres nos centros do saber garantía unha cota masculina artificialmente sobredimensionada que permitía (e segue a permitir) aos homes gozar dun maior poder e prestixio. Que ata (ben entrado) o século XX en moitos países as mulleres non tiveran acceso á universidade, e ao exercicio de profesións que requirían estudos superiores, en igualdade de condicións que os varóns, non se pode explicar se non é a partir desta obviedade. De igual forma, só así pode entenderse que mulleres que lograron recoñecemento académico en vida, foran borradas da Historia da Ciencia có paso dos anos. Non é casualidade: o que a unhas se lles nega, a outros beneficia, e neste xogo de suma cero os homes

Emmy Noether
Emmy Noether

(como colectivo) non escatimaron en estratexias obstrucionistas, cando non prohibicionistas e/ou violentas contra das mulleres".[8]

Ada Byron Lovelace
Ada Lovelace
Diagrama de mortalidade, área polar, de Florence Nightingale
Diagrama de Florence Nightingale

Agora ben, no caso particular das mulleres matemáticas, como di Susana Mataix: "A pesar do illamento intelectual ao que estiveron sometidas as mulleres no pasado, resulta admirable comprobar que en todas as épocas xurdiron matemáticas dispostas a desafiar as normas e dedicarse á ciencia. É case imposible descubrir trazos comúns nelas que expliquen por que escolleron o camiño insospeitado; ou identificar circunstancias favorables que xustifiquen a súa loita nun mundo dominado polos homes. Batéronse en solitario, instigadas por un verdadeiro desexo de saber, de entender e de expoñer as súas propias opinións. Se repasamos as achegas dalgunhas destas matemáticas, obsérvase que a súa soidade levounas a elixir campos novedosos e a realizar achegas singulares. Tanto a Marquesa de Châtelet, defensora do británico Newton contra o estamento cartesiano da súa patria; como a xenial Emmy Noether, colaboradora nas teorías da relatividade de Einstein; sen esquecer a figuras tan especiais como Ada Lovelace, visionaria informática; ou Florence Nightingale, pioneira da estatística médica, son exemplos do papel desempeñado polas mulleres con vocación matemática e decididas a liberarse de ataduras e prexuízos para marcar novos rumbos no desenvolvemento da mente humana".[9]

Mary Fairfaix Greig Somerville
Mary Somerville

Unha das mulleres que citaba Mataix, Madame de Châtelet, científica francesa do século XVIII, no prefacio do libro A fábula das abellas, no que expón as súas ideas sobre a exclusión das mulleres das ciencias, di:

Sinto todo o peso do prexuízo que nos exclúe universalmente das ciencias, e é unha das contradicións deste mundo que sempre me sorprendeu moitísimo, dado que hai grandes nacións nos que a lei nos permite regular os seus destinos, pero non hai ningún no que sexamos educadas para pensar...

[10][a]

sophie germain
sophie germain

O rastrexo de mulleres matemáticas ao longo da historia non é tarefa fácil, pois como recoñecen Adela Salvador e María Molero no seu artigo La geometría vista por Grace Chisholm Young [11] o nome das mulleres vai cambiando ao longo da súa vida -primeiro teñen o apelido do seu pai, pero co matrimonio o substitúen polo do seu esposo-. É o caso, por exemplo, da "Raíña das ciencias do século XIX" que nace como Mary Fairfax (polo seu pai), pasa a ser Mary Greig (despois do seu primeiro casamento) e finalmente pasa a chamarse Mary Somerville (polo seu segundo esposo). Pero ademais, moitas mulleres non utilizaban o seu nome, como Sophie Gerrmain que utilizaba un pseudónimo "Antoine-Auguste Le Blanc" ou "Monsieur Le Blanc", ou a propia Ada Lovelace que firmou o seu traballo só coas súas iniciais (A.A.L.), en ambos casos para intentar que o seu traballo non fora rexeitado de entrada pola súa condición de muller.[11] Invisibles para os poderosos e ausentes da historia "oficial" da ciencia, mulleres de tódalas civilizacións sentíronse atraídas polo coñecemento dende os inicios da humanidade.[12]

Séculos XXIII (a. n. e.) - V (n. e.)[editar | editar a fonte]

A historia escrita da ciencia empeza en Exipto durante o Imperio Antigo (2778-2263 a.n.e.), nos tempos das pirámides. A eles interesábanlles os aspectos máis prácticos da ciencia,

Enheduanna, daughter of Sargon of Akkad
En Hedu'anna

polo que desenvolveron as partes das matemáticas e a astronomía máis aplicables aos problemas do momento: reservas de trigo para o comercio, ou como cortar os bloques de pedra que se necesitaban para as súas xigantescas edificacións. O cálculo do tempo foi o que deu o impulso inicial á observación astronómica sistemática, actividade na que foron os pobos de Mesopotamia -sumerios, babilonios e asirios- os que lograron os maiores adiantos científicos. Nestas culturas o coñecemento estaba en mans de sacerdotes e sacerdotisas. A cultura sumeria -adoptada polos sucesivos invasores da rexión- concedía á muller unha posición e unha autonomía relativamente altas; e é precisamente aí onde atopamos a En Hedu'anna, ou Enheduana, primeira persoa en firmar os seus escritos e destacada matemática.[13]

Anos máis tarde a lenda asocia a fundación da cidade de Cartago, no ano 814 a. n.e., coas matemáticas e coa princesa fenicia Elisa de Tiro (s. IX a.n.e), convertida por Virxilio nun dos persoeiros da Eneida co nome de Dido, fundadora e primeira raíña de Cartago. Dido resolveu o problema isoperimétrico[14] de delimitar, no norte de África, o terreo de superficie máxima que podía abarcar coa pel dun touro, onde lle permitían establecerse co seu séquito. Para conseguir o seu obxectivo, elixiu un terreo na costa que circunvalou cunha semicircunferencia cuxa lonxitude era a da corda elaborada coa pel do touro, que cortou en tiras finísimas, atando os extremos[15].

Dende a óptica occidental, cando se buscan os inicios das matemáticas xorde o nome da Escola Pitagórica, considerada a iniciadora da ciencia grega. Aínda que con frecuencia se fala "dos pitagóricos" -invisibilizando así ao gran número de mulleres que formaron parte dela dende os seus inicios ata a súa desaparición- esta comunidade científica introduciu ás mulleres na corrente da filosofía natural e a matemática. Tódolos seus integrantes escribían baixo o nome de Pitágoras e os descubrimentos e especulacións na Escola Pitagórica eran propiedade común dos seus membros, que as conservaban en segredo. Á morte de Pitágoras, foi unha muller -Theano de Crotona- a que tomou as rendas da Escola e, xunto con outros membros da mesma, ocupouse de difundir os coñecementos que alí se tiñan xerado.[12]

Retrato de Hypatia
Hipatia de Alexandría

Fora da comunidade pitagórica as mulleres tiñan poucas oportunidades na sociedade grega. Nunha sociedade que veneraba a sabedoría, a maior parte das mulleres eran analfabetas. A pesar disto, en Atenas e nas demais cidades-estado dominadas polos homes, algunhas mulleres conseguiron superar as trabas culturais e contribuír á ciencia, como Aglaonike de Tesalia que foi famosa no seu tempo (s. V a.n.e.) pola súa capacidade de predicir eclipses solares e lunares, aínda que logo pasara á historia como unha feiticeira.[13]

Xa entrando na nosa era, e baixo o dominio do Imperio Romano, iniciouse unha época de decadencia científica. A crenza xeneralizada era que todo o coñecemento importante atopábase nas obras dos "antigos" -os gregos clásicos- e que era imposible formular novas ideas ou descubrir algo que non coñeceran xa os seus predecesores. Pero pouco antes da caída do Imperio Romano de Occidente, no século IV en Alexandría, deuse un pequeno renacemento científico alumeado pola máis famosa das mulleres de ciencia ata Marie Curie, Hipatia de Alexandría. Foi a última científica pagá do mundo antigo, destacada Astrónoma, Filósofa e Matemática, que se negou a traizoar os seus ideais e converterse ao cristianismo. Como pagá, partidaria do racionalismo científico grego e personaxe político influínte, Hipatia estaba nunha situación moi perigosa nunha cidade que era cada vez máis cristiá. O seu brutal asasinato marcou o final da ensinanza platónica en Alexandría e en todo o Imperio Romano, chegando a simbolizar o fin da ciencia antiga, ou clásica.[13]

Idade media (s. V-XV)[editar | editar a fonte]

Coa caída do Imperio Romano de occidente, os principios do cristianismo pasaron a dirixir tódolos aspectos da sociedade e a Igrexa pasou ser o faro que dirixía a vida, tanto de nobres como de plebeos.[12] O poder político trasladouse a Bizancio, onde houbo varias mulleres no poder que tiveron intereses científicos. Na China tamén houbo mulleres traballando en ciencia aplicada -que foi a que floreceu nesa época- que fixeron avanzar a ciencia e a tecnoloxía. Co xurdimento do islam as traducións de antigas obras gregas pasaron a formar parte dos cementos da ciencia árabe. Na escola de medicina de Bagdad había mulleres e seguíanse as ensinanzas de María a Hebrea.[13] Pero ao igual que en outras culturas, as eruditas musulmás non aparecen nos libros de historia, aínda que si hai testemuñas delas nos contos de As mil e unha noites.[16] O imperio musulmán era neses tempos portador dunha cultura diversa e tolerante, conservou e ampliou os coñecementos da ciencia clásica á que uniu parte das culturas orientais, como a india, que posteriormente introduciu en Europa. Grazas a eles temos en occidente o sistema de numeración posicional ou decimal, tamén chamado sistema Indo-Arábico,[17] que substituíu o dificultoso sistema de numeración romano que tanto tiña complicado o cálculo na antigüidade. A chegada dos árabes a Europa a través de España levou á creación do Califato de Córdoba (929-1031), que foi considerado como o período de maior esplendor político, económico, científico, artístico e cultural; converténdose en lugar de encontro de literatos, filósofos, teólogos e científicos de diversas relixións e culturas. A esta época pertence Fátima de Madrid, que traballou en Astronomía e Matemáticas.[18]

Roswitha von Gandersheim
Roswitha von Gandersheim

En Europa, a medicina era case que a única saída para os intereses científicos das mulleres na Alta Idade Media. A finais do século VIII xorde o renacemento carolinxio que promoveu o establecemento de escolas abaciais en todo o Sacro Imperio Romano, o que produciu un rápido florecemento da vida monástica e que por primeira vez algunhas nenas tiveran acceso a uns rudimentos de educación escolar.[19] A finais do século IX empezan a aparecer en Italia institucións dedicadas á instrución superior, creadas á marxe da Igrexa, e nas que tiveron cabida tanto homes como mulleres. Aínda que a maioría das italianas de clase alta eran nese momento analfabetas, estas primeiras "universidades" de Italia estaban abertas ás mulleres e a súa presenza nelas non era só como estudantes, senón que tamén estiveron como profesoras. Quizais a máis importante de todas elas fora a Escola Salernitana -considerada a primeira universidade europea- na que destacaron numerosas profesionais da medicina e a cirurxía coñecidas como as "damas de Salerno", entre as que destacou Trótura, unha das científicas máis famosas da Idade Media.[13]

Hildegard von Bingen
Hildegard von Bingen

A maior parte das persoas dedicadas á ciencia en Europa durante a Idade Media, tanto homes como mulleres, pertencían a comunidades relixiosas, o que dificulta rastrexar os itinerarios científicos das mulleres nesta época na que moitas delas refuxiáronse nos conventos. Durante este tempo tiveron lugar varias reformas dentro da Igrexa que afectaron á vida nos conventos: Reforma de Cluny (910), Cisma de Oriente (1054), inicio de As Cruzadas (1095), reforma do Císter e Reforma Gregoriana (s. XI) foron algunhas delas. E nesta época convulsa, entre os séculos X e XII, atopamos a dúas mulleres excepcionais: Rosvita von Gandersheim -que escribiu Hortus deliciarum, O Xardín das delicias, compendio de tódolos saberes da época-, e Hildegarda de Bingen -autora de varias obras científicas entre as que se atopa Subtilitates diversaron naturarum creaturarum, Sutilezas da diversa natureza das cousas creadas- obra que converteu a súa autora na sabia máis impresionante da Idade Media-; ambas chegaron a ser abadesas e foron moi influíntes dentro da Igrexa. Trala morte de Hildegarda de Bingen, as portas dos conventos pecháronse moito máis firmemente. A bula Periculoso do papa Bonifacio VIII (1298) prohibiu ás monxas saír dos seus conventos e restrinxiu a súa autonomía dentro deles, facendo que incluso quen os dirixían, como as abadesas, tiveran portavoces masculinos. Os séculos XII e XIII foron testemuñas da idade da escolástica e o xurdimento das universidades fundadas pola Igrexa católica, das que quedaron excluídas as mulleres. A natureza da investigación científica empezaba a cambiar. As profesións necesitaban unha educación universitaria, e en todas partes, a excepción de Italia, as universidades estaban vedadas ás mulleres. A pesar diso, moitas mulleres seguiron exercendo a súa profesión ata que durante os séculos XIV e XV foron consideradas charlatanas e bruxas, pasando a caer todo o peso da Inquisición sobre moitas delas. O camiño fíxose aínda máis tortuoso para as mulleres estudosas, que comezaron unha loita para ser admitidas nas universidades, que se prolongou en moitos lugares ata mediados do século XX.[12]

Renacemento e Revolución científica (s. XV-XVII)[editar | editar a fonte]

A Querela das Mulleres[editar | editar a fonte]

Cassandra Fedele
Sophie Brahe portrait
Sophie Brahe

A exclusión das mulleres dos centros oficiais do saber, e da educación en xeral, levou a que dende principios do século XV xurdira unha corrente, primeiro en Francia, pero que rapidamente se estendeu por toda Europa, coñecida como a “Querela das Mulleres” na que mulleres cultas e con influencia na sociedade da súa época manifestaban publicamente as súas queixas pola discriminación á que as sometía a sociedade, sendo o eixe central das súas reivindicacións o dereito á educación.[20] Desta corrente formaron parte algunhas personaxes importantes como a italiana Cassandra Fedele (Venecia, 1465-1558),[21] que se formou en literatura clásica, filosofía, ciencias e dialéctica; e con 22 anos, logrou un grande éxito en Italia e no estranxeiro cun discurso en eloxio das artes e as ciencias na gradación dun curmán en Padua.[22] Ou a danesa Sophia Brahe (Dinamarca, 1556 − 1643) coautora do catálogo onde se detallaba a posición dos planetas e o fondo estelar, que serviu a Johannes Kepler para enunciar as súas leis astronómicas.[23]

As Damas de Ciencia[editar | editar a fonte]

Margaret Cavendish, Duchess of Newcastle, by Peter Lely
Margaret Cavendish

A gran Revolución Científica do século XVII, iniciada con Galileo Galilei (1564 − 1642) e René Descartes (1596−1650), e culminada con Newton (1643−1727) e Leibniz (1646−1716), xa entrado o século XVIII, tivo o seu xerme na nova astronomía de Nicolás Copérnico (1473−1543), e

Anne Finch Conway
Anne Conway

cambiou a forma en que mulleres e homes instruídos vían o mundo. Os membros ilustrados da alta burguesía e da aristocracia convertéronse en científicos afeccionados e contribuíron a abrir portas á aparición de novas investigacións e novos descubrimentos. As súas esposas, fillas e irmás, uníronse tamén a esta corrente, recibindo o nome de “Damas de Ciencia” e tiveron un destacado papel na ciencia e na sociedade do momento. Eran mulleres que, con poder e coñecementos, influíron no pensamento dos grandes protagonistas. A dama de ciencia encontrou o seu oco en sociedades como a inglesa e, como resultado diso, varias mulleres de ciencia alcanzaron a fama.

Lady Mary Wortley Montagu
Lady Mary Montagu
Elena Cornaro Piscopia
Elena Cornaro Piscopia

Como a inglesa Margaret Cavendish (1623-1673) interesada en todo tipo de ciencias, que chegou a escribir dez libros de filosofía natural e empeñouse en poñer o seu nome e retrato en cada unha das súas obras publicadas. Quería deixar constancia de que era ela, unha muller, a autora da obra.[24] Isabel de Bohemia (1618 − 1680), a Princesa Palatina, influíu significativamente no seu mestre Descartes −quen lle dedicou os seus Principios filosóficos en 1644−. As cartas de Descartes a Isabel de Bohemia, publicadas en 1644, serven para transmitir as súas ideas sobre problemas de matemáticas, física e astronomía.[25] Descartes tamén foi instrutor da raíña Cristina de Suecia (1626-1689), con quen discutía de problemas filosóficos e científicos.[26] Sofía de Hannover (1630− 1714), inspirou o traballo de Leibniz e foi, tanto política como intelectualmente, a colaboradora máis próxima de Leibniz, con quen mantivo unha extensa correspondencia filosófica dende a década de 1670 ata a súa morte.[27] Pero a que máis influíu na filosofía de Leibniz foi Anne Finch Conway (1631−1679) fonte da que bebeu Leibniz para a súa filosofía vitalista, xa que esta se basea nas “mónadas” de Conway. Anne Conway foi unha filósofa naturalista de primeiro nivel; pero de ningunha maneira foi a única, a súa obra influíu na doutras e outros filósofos, e recibiu influencia delas. A Revolución Científica tivo que ver ante todo coa natureza da materia, o movemento e a relación entre eles; e ese é precisamente o traballo que desenvolveu Anne Conway.[28] Carolina Brandenburg-Ansbach (1683−1737) estudou con Leibniz en 1696, pouco antes de converterse en Princesa de Gales. Máis tarde, cando xa era raíña, Newton, Samuel Clarke e Lady Mary Montagu visitaban frecuentemente a súa corte. A raíña Carolina foi intermediaria da famosa correspondencia de 1716 entre Leibniz e Clarke sobre o conflito entre a filosofía mecanicista de Newton e a vitalista de Leibniz.[29] Desta época tamén é Elena Cornaro Piscopia (1646-1684) filósofa, música e matemática veneciana.[30] No ano 1678 converteuse na primeira muller en recibir un doutoramento na universidade.[31] Posteriormente exerceu de profesora de matemáticas na Universidade de Padua.

As Astrónomas[editar | editar a fonte]

Pero se hai unha rama da ciencia na que as mulleres matemáticas sempre tiveron moito peso, dende a antigüidade, esa é a Astronomía. E neste tempo podemos atopar, por

Aspect of Saturn Pastel by Maria Clara Eimmart
Maria Clara Eimmart. Saturno

exemplo á polaca Elisabeth Hevelius (1647 − 1693) que publicou un catálogo recollendo a posición de arredor de 1600 estrelas que non só foi o maior catálogo de estrelas xamais compilado ata ese momento, senón que foi o último que se fixo sen o uso dun telescopio. Está considerada unha das primeiras mulleres astrónomas e a nai dos mapas lunares.[32]

As observacións a través de telescopios fixéronse cada vez máis habituais e as ilustracións volvéronse un complemento importante nos tratados de astronomía. A xermana Maria Clara Eimmart (1676−1707) foi unha das primeiras artistas especializadas en astronomía. Filla dun importante pintor e astrónomo afeccionado, no seu taller-observatorio de Nüremberg reuníanse importantes astrónomos do momento para contemplar e admirar as súas dotes de gravadora para a representación de cometas, manchas solares, eclipses ou as montañas da Lúa. Observacións e representacións que acabaron para sempre co “ceo inmutable e perfecto” de Aristóteles.[33] Maria Winckelmann Kirch (1670-1720) formouse en astronomía no seu Leipzig natal co chamado “campesiño astrónomo”, ata que se traslada co seu esposo Gottfried Kirch (1639–1710) a Berlín e prosegue alí a súa formación como astrónoma.[34]

Esta abundancia de mulleres na elite da astronomía en Europa levou ao astrónomo sueco Andreas Celsius -que coñeceu ás Kirch, nai e filla, cando estudaba en Berlín, que en París topouse con outra gran astrónoma, a irmá de Joseph Delisle, e que cando chegou a Boloña a estudar co director do observatorio atopou que este tamén tiña dúas irmás, Teresa e Maddalena Manfredi, ambas ben preparadas e que colaboraban con el na preparación das efemérides solares, lunares e planetarias de Boloña- a escribir, nunha carta dirixida a Kirch:[13]

Empezo a crer que ter irmás doutas é o destino de tódolos astrónomos, xa que polo menos iso foi o que me topei nos que tiven a honra de coñecer durante a miña viaxe.

Século das Luces (s. XVIII)[editar | editar a fonte]

Nos últimos anos do século XVII iníciase un movemento filosófico, cultural e científico que se prolongará ata a Revolución Francesa e será coñecido como A Ilustración, e converterá ao século XVIII no Século das Luces. Nel enfrontouse a razón á superstición, combateuse a ignorancia e impúxose unha ideoloxía de liberdades e recoñecmento de dereitos. É tamén un momento de cambio na mentalidade feminina con grandes avances nas reivindicacións de dereitos das mulleres. Foi unha época crucial, porque nela iniciouse o debate en torno á igualdade entre ambos sexos. Como consecuencia das novas correntes de pensamento que comezaban a estenderse, nas que os máis conspicuos pensadores constituíanse en defensores dos dereitos dos cidadáns, dos escravos, os indios e os nenos, moi poucos aceptaban e moito menos defendían eses dereitos para as mulleres. Pola súa parte moitas mulleres cultivaron un sentimento igualitario e loitaron por non quedar excluídas dos dereitos e liberdades que se ían conquistando, sobre todo o acceso á educación.[35]

Os Salóns Científicos en Francia[editar | editar a fonte]

A revolución científica tiña cambiado a forma na que as persoas se relacionaban coa ciencia. Homes adiñeirados e ociosos tíñanse convertido en científicos afeccionados e aberto a novas posibilidades para facer ciencia. As súas esposas e irmás convertéranse en damas de ciencia -etiqueta que foi utilizada como un insulto polos seus detractores-, o que lles permitiu alcanzar un nivel de competencia científica moi superior as súas predecesoras. Pero á marxe da polémica sobre se a ciencia considerábase ou non apropiada para as mulleres, un amplo estrato da poboación feminina comezou a interesarse por ela, a estudala e realizar achegas. As mulleres dos salóns do Século das Luces apoiaron e divulgaron as novas teorías de Descartes, Newton e Leibniz.[36]

Retrato de una dama (Marquise du Châtelet) realizado por Largillière
Marquise du Châtelet

O libro de Isaac Newton (1643-1727) Philosophiae naturalis principia mathematica [1687] é unha das obras básicas do novo pensamento científico. Substituíu a mecánica de Descartes –na que as forzas actúan por contacto– pola lei da gravitación universal –na que as forzas actúan a distancia–; o que supuxo un avance cualitativo importante, porque permitiu explicar o movemento dos astros e fenómenos terrestres cunha formulación matemática. O conde Francesco Algarotti (1712-1764), que era un admirador da obra de Newton, en 1735 realizou unha estancia de seis semanas no castelo de Cirey, residencia da Marquise du Châtelet e sede dun dos Salóns de Ciencia mellor dotados do momento. Algarotti aproveitou a súa estancia en Cirey para escribir parte do seu libro Il neutonianismo per le dame (1737); no que, por medio do diálogo entre un filósofo e unha dama, explica parte das ideas de Newton. Nese mesmo lugar, os dous volumes dos Principia de Newton foron traducidos do latín ao francés e comentados por Emilie de Breteuil, Marquise du Châtelet, o que permitiu que se difundiran na Francia cartesiana as ideas de Newton. Esta muller fixo importantes contribucións ao desenvolvemento do pensamento científico francés, ademais de ser fundamental na introdución e difusión das teorías de Newton e Leibniz en Francia. Pero ademais foi unha das que con máis ardor e vehemencia alzaron a súa voz para defender os dereitos das mulleres, sobre todo o dereito das mesmas á educación. Así, no seu Discours sur le bonheur[37][38] mantén que: A sabeduría sempre debe facer ben os seus cálculos, porque quen di sabio di feliz, polo menos no meu dicionario.[b][c] Ou máis adiante:

O estudo fainos totalmente independentes, polo que o amor ao estudo é a paixón máis necesaria para a nosa felicidade; é un recurso seguro contra a adversidade, é unha fonte de pracer inesgotable.[39][40][d][e]

Mentres que na tradución que realizou de "A fábula das abellas", de Bernard Mandeville, di no seu prefacio: Sinto todo o peso do prexuízo que nos exclúe universalmente das ciencias, e é unha das contradicións deste mundo que sempre me sorprendeu moitísimo, dado que hai grandes nacións nos que a lei nos permite regular os seus destinos, pero non hai ningún no que sexamos educadas para pensar.[10][f] Ou nunha carta a Frederico de Prusia:

Xulgádeme polos meus propios méritos ou pola súa falta, pero non me consideres un mero apéndice deste gran xeneral ou dese recoñecido erudito, de tal estrela que brilla na corte de Francia ou destoutro autor tan famoso. Son unha persoa completa, só responsable de min por todo o que son, por todo o que digo, por todo o que fago. Pode que haxa metafísicos e filósofos cuxo coñecemento sexa maior que o meu, aínda que eu non os coñecín. Non obstante, eles tamén son só seres humanos débiles e teñen os seus defectos; Entón, cando sumo o total das miñas grazas, confeso que non son inferior a ninguén.[41]

Italia como pioneira[editar | editar a fonte]

Laura Bassi
Laura Bassi
María Gaetana Agnesi
María Gaetana Agnesi

Italia, que xa en séculos anteriores destacou polo maior respecto ás súas mulleres, foi outro dos lugares nos que floreceron nesta época os Salóns, tanto literarios como científicos, sobre todo no norte do país; onde ademais empezaron a abrirse algunhas das súas universidades á incorporación das mulleres, tanto como alumnas como profesoras, nas mesmas. Nesta época pódese destacar á matemática napolitana Faustina Pignatelli Carafa (1705-1785), que foi fundamental na introdución das teorías de I. Newton en Nápoles.[42] Ou á veneciana Cristina Roccati (1732-1797), que se graduou na Universidade de Boloña en Filosofía Natural (Ciencia), onde tamén tiña estudado literatura, lóxica, metafísica, moral, meteoroloxía e astronomía. Posteriormente foi nomeada membro da Academia Concordi de Rovigo (Véneto) en 1749, onde ensinou física newtoniana durante décadas; sendo ademais unha destacada e afamada poeta.[43] Tamén da mesma época é Diamante Medaglia Faini (1724-1770), que destacou dende moi nova como poeta, pero que xa na súa idade adulta "buscando novas fronteiras intelectuais" descubriu o seu interese pola filosofía natural, especialmente polas matemáticas, a astronomía e a física, que se converteron na súa nova paixón. Abertamente admiradora de Cristina Roccati, foi tamén unha gran loitadora polo dereito das mulleres á educación; tema no que disentiu publicamente de divulgadores como Francesco Algarotti -autor do Newtonianismo para as damas-, quen consideraba que existían conceptos adecuados e non adecuados para as mulleres, o que o levou a excluír ás matemáticas do seu famoso libro, co argumento de que non eran adecuadas para a mente feminina.[44] Para rebater todos estes prexuízos, ela escribiu e publicou unha disertación sobre a importancia do estudo das matemáticas para as mulleres. Pero se hai unhas científicas que brillaron especialmente na Italia do momento foron Laura Bassi (1711-1778) e María Gaetana Agnesi (1718-1799), dúas grandes figuras enciclopédicas. Bassi brillou con luz propia na Boloña ilustrada. No seu ano de gloria, en 1732, despois de ter participado en varios debates públicos con notables académicos, primeiro é nomeada membro da Academia de Ciencias de Boloña, a continuación a Universidade de Boloña concedeulle un doutoramento honorario, e finalmente, nese mesmo ano, despois dun exame público, conseguiu unha praza de profesora na Universidade de Boloña. Tanto na Academia como na Universidade de Boloña “pelexa” por defender os seus dereitos e conseguir un salario -xusto e equiparable ao dos seus colegas- polo seu traballo. Os seus potentes coñecementos de física e matemáticas, xunto coa súa formación pioneira nas teorías de Newton, que contrastaba cos enfoques tradicionais dos seus colegas, fixeron de Bassi unha figura clave na difusión da ciencia newtoniana en Italia.[45]

Pola súa parte Agnesi foi famosa no seu tempo pola súa obra “Instituzioni analítiche ad uso della gioventú italiana”, libro que escribe aos 30 anos pola necesidade de ocuparse da educación matemática das súas 20 irmás e irmáns. A este tratado atribúeselle ter sido o primeiro libro de texto que acometeu o tratamento conxunto do cálculo diferencial e o cálculo integral, facendo explícita ademais a súa natureza como problemas inversos. Tralo éxito deste libro, María Gaetana Agnesi foi elixida membro da Academia de Ciencias de Boloña e nomeada, por orde papal, profesora de matemáticas da Universidade de Boloña.[46]

woman's almanack, for the year of our Lord 1789
The ladies' diary

A situación en Inglaterra[editar | editar a fonte]

Entre 1704 e 1840 publicouse anualmente, en Londres, un almanaque destinado ao público feminino: The Ladies’ Diary or Woman’s Almanack, subtitulado: “Containing New

Improvements in Arts and Sciences, and many Entertaining Particulars: designed for the Use and Diversion of the Fair-Sex”. Ademais das seccións propias sobre o calendario, esta publicación incluía regularmente seccións con adiviñas, preguntas científicas e problemas matemáticos. En cada número incluíanse solucións aos problemas do ano anterior, enviadas polas lectoras, e propúñanse problemas novos, suxeridos tamén por elas. Tanto a redacción dos problemas como a súa solución adoitaban versificarse. Na introdución do número de 1718 o seu editor escribía: “[...] os estranxeiros asombraríanse se lles mostrase non menos de catrocentas ou cincocentas cartas de outras tantas mulleres, con solucións xeométricas, aritméticas, alxébricas, astronómicas e filosóficas”. No século XVIII hai tantas publicacións de carácter científico dirixidas a mulleres –xa sexa en forma de epístolas, periódicos ou textos divulgativos–, que o feito non fai máis que corroborar o anhelo das mulleres pola educación e o seu alto interese polas manifestacións culturais e científicas de toda índole. As mulleres do Século das Luces apoiaron nos seus salóns a difusión das ideas de Descartes, Newton e Leibniz. Posteriormente, a ciencia pasaría dos salóns ás universidades e ás academias, das que as mulleres se verían excluídas durante moitos anos.[47]

As Astrónomas[editar | editar a fonte]

Alegoría de la Astronomía, Urania.Círculo de Jacques Bellange -
Urania, Alegoría de la Astronomía,

Como xa ocorría no século anterior, unha das áreas da matemática cunha importante presenza de mulleres foi a Astronomía. Nesta época, moitas mulleres dedicaban as súas noites a contemplar o firmamento, cal fillas de Urania -musa da astronomía na mitoloxía grega-. O feito de que esta ciencia estivera relacionada con oficios artesáns, que se desenvolvían dende o fogar, probablemente tivo moito que ver para que neste século houbera unha impresionante constelación de astrónomas que traballaron nos observatorios, que eran naquel tempo negocios familiares. Maria Kirch (1670-1720) descubriu o cometa de 1702, aínda que non se lle dou o seu nome nin recibiu recoñecemento por iso. Despois da morte do seu marido, en 1710, preparou a seu fillo, de dezaseis anos para que fose o seu asistente. Catro anos máis tarde, en 1714, foi o seu fillo Christfried, de 20 anos, o elixido como director do Observatorio de Berlín, converténdose a súa nai e as súas irmás nas súas asistentes. As contribucións máis importantes de Maria Kirch á astronomía foron as súas observacións da aurora polar, os seus escritos sobre a conxunción do Sol con Saturno e Venus, e sobre a conxunción de Xúpiter e Saturno. Ela sempre tivo claro que o trato desconsiderado que recibiu da Academia foi debido ao seu xénero; o que anos máis tarde se ratificou ao saír á luz os agres debates que houbo no seo da mesma, nos que se recoñecían os seus méritos, pero nos que se decidiu botala para non sentar un precedente pernicioso; dando por sentado que a institución veríase danada se tiña no seu seo a unha muller. Esta foi unha das primeiras "conxuras dos necios" que houbo nas recentemente creadas institucións científicas.[12] Por contra, o seu amigo Leibniz non tivo ningún problema en recoñecer os seus méritos presentándoa á corte de Prusia, de onde non tardou en recibir unha invitación para traballar na súa corte. Con todo os mediocres atrevéronse a dicir que a presenza dunha muller desprestixiaba a academia; cando eran eles os que a mancillaban coa súa mediocridade.[13]

Caroline Herschel. Retrato de 1829
Caroline Herschel

Pero se houbo nesta época unha estrela que resplandeceu sobre todas as demais, esa foi Caroline Herschel (1750-1848), tamén coñecida como "a cenicienta de Hannover" polo papel á que foi destinada na familia -debido aos problemas de saúde que tivo na súa infancia: variola aos tres aos, que lle deixou a cara marcada, e o tifo aos dez, que por pouco acaba coa súa vida e que detivo o seu crecemento, deixándoa cunha estatura de 1.20 m-. O seu irmán William -12 anos maior ca ela- que a levou con el cando se foi traballar a Inglaterra, xunto coa súa extraordinaria intelixencia, e as súas dotes musicais, permitíronlle brillar primeiro como soprano e máis tarde -cando seu irmán decidiu

Nicole-Reine Lepaute
Nicole-Reine Lepaute

dedicarse profesionalmente á astronomía- como astrónoma. Xa como axudante de seu irmán comezou a ser coñecida. A partir do descubrimento do cometa de 1786, foi recoñecida pola Royal Astronomical Society. e polo rei Xurxo, cunha asignación de 50 libras anuais (cantidade considerable para a época) polo seu traballo como asistente do seu irmán. A fama dos Herschel estendeuse por toda Europa, tanto pola precisión das súas observacións astronómicas como polos telescopios creados por eles, que permitían explorar rexións celestes moito maiores ao ter moita menos distancia focal. Eses telescopios, ideais para varrer o ceo e detectar cometas, foron tamén coñecidos como os "varredores de cometas". Ambos irmáns crearon un gran equipo: el achegaba a intuición e a ambición de saber, e ela unha inmensa capacidade de traballo e de disciplina, ambas necesarias para recompilar os resultados das observacións nocturnas, realizar os cálculos e preparalos para a súa publicación. O ter sobrevivido 25 anos a seu irmán, e continuar facendo, xa en solitario, os mesmos traballos que antes realizaban conxuntamente, a fixo máis coñecida e recoñecida nos ámbitos científicos do momento, conseguindo distincións tanto en Inglaterra como en Prusia, a onde regresou os últimos anos da súa vida que, a pesar da súa fráxil saúde, se prolongou ata os 98 anos.[12]

As francesas foron aproximándose á astronomía da man de Nicole-Reine Lepaute (1723-1788). A súa primeira investigación importante foi sobre as oscilacións de péndulos de lonxitudes variables, o que a levou a gañarse a fama de ser unha das mellores computadoras astronómicas da súa época. Para a chegada do cometa Halley, en 1757, o director do Observatorio de París, Jéröme Lalande, contratou ao matemático Clairaut para predicir a data exacta do retorno do cometa, determinando a súa órbita; e este recorreu a Mme. Lepaute pare que lle axudara na tarefa. O 14 de novembro de 1758 informaron á Academia de Ciencias das datas de regreso do cometa. Foi un gran triunfo da ciencia newtoniana e Clairaut recoñeceu, na súa obra Comets, o traballo de Lepaute; aínda que máis adiante retractouse e hoxe en día todo o mérito da predición se lle atribúe a el. Pola súa parte ela continuou dedicándose ao estudo dos eclipses e publicou varias memorias astronómicas baseadas nas súas observacións, pero tamén colaborou con Lalande noutros moitos traballos. Pero ela non foi a única que colaborou con Lalande; Louise du Pierry (1746-1789), que relevou a Lepaute como colaboradora de Lalande, foi quen fixo os cómputos da maioría das eclipses que utilizou Lalande para o seu estudo do movemento lunar. Tamén colaborou con Lalande a súa sobriña política Marie-Jeanne-Amélie Harlay Lefrançais de Lalande (1768-1832) que deu clases de astronomía en París e traballou tanto en forma independente como con seu esposo.[13]

Retrato de María Andresa Casamayor realizado por Eulogia Merle.
María Andresa Casamayor

A situación en España[editar | editar a fonte]

Na España do século XVIII existiron unhas institucións, as Sociedades Económicas de Amigos do País, defensoras do pensamento ilustrado, que pretendían a recuperación de sectores marxinados, como vagabundos, pobres ou hospicianos, argumentando que podían ser útiles para o progreso do país. Tamén defendían a incorporación da muller a traballos produtivos, pero á hora de valorar a súa capacidade intelectual mostrábanse retrógradas. Proba diso é que a finais do século XVIII produciuse unha fortísima polémica en resposta á demanda dun grupo de mulleres que pretendían pertencer ás Sociedades Económicas, alegando que seus estatutos non o impedían. Un claro exemplo da posición maioritaria destas institucións, respecto ao papel das mulleres nelas, é o da Sociedade Matritense, na que se opoñían a súa admisión argumentando que tal feito puña en cuestión "o pudor e o recato" e que a súa incorporación levaría o caos á institución pola "natureza anárquica" das mulleres e a súa incapacidade para pregarse ás leis e normas establecidas, así como pola súa natureza frívola e inestable. Non obstante outro sector minoritario das sociedades, no que estaba por exemplo Jovellanos, era partidario da incorporación das mulleres, recoñecendo as súas capacidades intelectuais e a posibilidade de admitilas polos seus méritos e non pola súa extracción social. Pero incluso estes crían que, por recato, as mulleres non acudirían ás Sociedades Económicas, polo que propuñan que puidesen facer as achegas dende as súas casas. En 1787 Carlos III pon fin á disputa decretando a admisión das mulleres nas Sociedades Económicas. Pero a sociedade ilustrada empezou a chamar "bachilleras", de maneira despectiva, ás mulleres intelectuais, e poucas ousaron desafiar tal crítica, coa excepción dun pequeno grupo pertencente á nobreza e á burguesía, que desempenou unha importante labor nas Sociedades Económicas.[48] E nesta España ilustrada atopamos en Zaragoza a unha ilustre matemática: María Andresa Casamayor y de la Coma (1720-1780) que a pesar de ter pechadas as institucións oficiais relacionouse coa elite científica da época e legounos dous tratados, escritos baixo pseudónimo: “El tirocinio aritmético” e “El para sí solo“, exemplos de innovación e pioneiros en matemática aplicada. Neles ofrecía ferramentas para mellorar a produtividade, expoñendo dunha maneira clara e accesible as regras de sumar, restar, multiplicar e dividir, buscando exemplos da vida diaria e cun grande interese na súa aplicación práctica. Estes libros obtiveron grande importancia na época, pola necesidade de aplicar estas operacións á agricultura, á gandaría ou ao comercio.[49]

Unha matemática chinesa[editar | editar a fonte]

Tamén nesta época atopamos no afastado leste a unha científica da dinastía Qing, Wang Zhenyi (1768-1797) que destacou sobre todo en matemáticas e astronomía, pero que tamén sobresaíu en poesía, xeografía e medicina.​​ A pesar da súa curta vida, faleceu aos 29 anos, os seus traballos científicos foron recopilados nun libro titulado Shusuan jiancun (Simples Principios do Cálculo) onde se poden atopar artigos como "A explicación do Teorema de Pitágoras e a trigonometría", "Sobre a lonxitude e as estrelas", "Sobre a explicación dos eclipses lunares", "A explicación do eclipse Solar" ou "Sobre a procesión dos equinoccios". Tamén reescribiu o libro do matemático Mey Wending (1633-1721) titulado "Principio do Cálculo", cunha linguaxe máis sinxela e o titulou "As bases do Cálculo"; e con 24 anos escribiu outro libro chamado "Os simples principios do cálculo" no que simplificou as multiplicacións e as divisións para facer que as matemáticas foran máis fáciles, e polo tanto máis divertidas.​[50] En 1994, a Unión Astronómica Internacional nomeou a un cráter de Venus no seu honor.​[51]

Revolución industrial (s. XIX)[editar | editar a fonte]

A situación das mulleres: "o anxo do fogar"[editar | editar a fonte]

A Liberdade guiando ao pobo. adro de Eugène Delacroix
A Liberdade guiando ao pobo.

Ao tempo comprendido entre 1789, comezo da Revolución Francesa, e 1914 comezo da primeira guerra mundial, se lle denomina “Século da Ciencia”, por ser cando a ciencia alcanzou o que se podería considerar a súa maioría de idade. A Revolución Francesa encádrase no ciclo de transformacións políticas e económicas que marcaron o fin da Idade Moderna e o comezo da Idade Contemporánea. Abarca un período de 10 anos (1789-1799), nos que se estableceron en toda Europa novas formas de organización política, social e económica, xurdiron novos usos e costumes, triunfaron novos modos de pensamento e novas tendencias espirituais. Este foi un momento decisivo na historia das mulleres. A condición da muller iniciou un cambio debido a que a Revolución creou ilusión de que a situación das mulleres se inscribira no mesmo núcleo de cuestionamento político do resto da sociedade. O lugar da muller na sociedade e non só na orde doméstica, foi un tema que estivo presente. Considerar que a muller puidera ocupar un lugar na sociedade, constituíu todo un descubrimento para a civilización occidental. Non obstante este descubrimento non se converteu en solucións revolucionarias, nin se experimentaron cambios na perspectiva da vida das mulleres. Durante gran parte do século XIX a educación das nenas continuou sometida aos modelos establecidos pola costume. Os varóns tiñan como destino a vida pública, os traballos das armas e das leis. As mulleres seguían a ser educadas para o fogar e a vida conxugal. A sociedade pasaba de ser rural a industrial, o que derivaba en ser científica e tecnolóxica. Profesionalizouse a ocupación científica, con tódolos requisitos que iso implica: formación institucionalizada e regulamentada, postos de traballo remunerados, avaliación e recoñecemento social. A ciencia dividiuse e organizouse por especialidades, conformando unha estrutura que en grande medida prefiguraba a que adoptaría no século XX. Os científicos tomaron conciencia de seu como clase profesional, reclamaron postos remunerados no ensino e na industria. Xunto a seu crecemento e desenvolvemento, a ciencia gañou prestixio e influencia. Retomou a súa imaxe clásica de obxectividade, veracidade e motor de progreso, virtudes que en boa medida estendéronse tamén aos científicos. No século XIX configuráronse e comezaron a adquirir peso académico disciplinas dedicadas ao estudo do ser humano e da sociedade: Psicoloxía, Socioloxía e Antropoloxía. O século vería tamén o nacemento da Estatística Social e da Xeografía Humana.[52]

Dende a Ilustración, as sucesivas revolucións liberais ampliaron a categoría de cidadanía a sectores sociais excluídos do seu exercicio, pero fundamentaron a conceptualización dos dereitos políticos e de cidadanía na exclusión feminina e na universalización da norma masculina. Ademais, o discurso de xénero consolidou como valor cultural da modernidade a idea de separación entre o espazo público, asignado aos homes, e o privado, ás mulleres. O home quedaba adscrito ao mundo público, é dicir ao ámbito do laboral, do político, da ciencia; mentres que a muller, presentada como “o anxo do fogar”, quedaba relegada ao ámbito doméstico e era sometida a un ríxido sistema patriarcal de valores orientado a sometela á submisión e obediencia ao marido. Este ideal constituía un modo de preservar a institución burguesa máis prezada: a familia. Este modelo correspondeuse co novo modelo social, o da burguesía e o da muller burguesa: nai e esposa.[53]

As Academias[editar | editar a fonte]

Outro dos motivos que permiten entender o proceso de expulsión das mulleres do ámbito científico é a fundación das academias durante os séculos XVIII e XIX. A formación das primeiras persoas científicas -tanto homes como mulleres- non dependía das universidades, senón da práctica directa e do intercambio de ideas, que tiñan lugar nos talleres, salóns, observatorios e laboratorios caseros. Durante o arranque da modernidade, elas fixeron achegas destacadas aos saberes clásicos das matemáticas, a alquimia, a herboristaría ou a filosofía, e participaron na fundación de disciplinas nacentes como a astronomía, a entomoloxía, a botánica ou a xeoloxía. Antes da profesionalización das vellas e novas especialidades, a participación epistemolóxica e práctica no desenvolvemento do saber non requiría a ostentación de credenciais; a maioría dos homes e mulleres que lideraron a revolución científica eran amateurs e diletantes que aproveitaban os seus pequenos talleres produtivos para instalar laboratorios improvisados, ou armaban os seus propios instrumentos ópticos nas azoteas das súas vivendas, ou emprendían expedicións de descubrimento por terras ignotas. Todo pola súa conta, sen a subvención de institucións académicas e coa liberdade suficiente para permitir que irmás, fillas, esposas e nais estiveran presentes no proceso de traballo desas empresas, ou que as viúvas e orfas proseguiran cos esforzos familiares.

Pero o impulso determinante da investigación científica radicou na conformación de institucións formais: por unha banda, as academias, por outra, a aparición das profesións. Ambas instancias funcionaron como mecanismos decisivos para a exclusión feminina. O paradoxal é que, no momento de fundación das academias de ciencias ao longo e ancho de Europa, había unha cantidade importante de mulleres que deberían ter pertencido por mérito propio a estes organismos -e terían entón gozado dos emolumentos que tales institucións achegaban-, pero que non foron admitidas polo feito de ser mulleres. Por exemplo, Maria Winckelmann non ingresou na Academia de Ciencias de Berlín a causa de argumentos como o que expón Jablonski nunha carta dirixida a Leibniz en 1710: "Debe vostede ser consciente de que a decisión que pronto haberá de tomar podería ser tomada como precedente. En principio somos da opinión de que este caso debe ser xulgado non só polos seus presentes méritos senón tamén como puidera selo en adiante, pois o que lle concedamos a ela podería servir de exemplo para o futuro". Neste contexto, a profesionalización das disciplinas e a institución das primeiras academias científicas deuse á par coa expulsión explícita e flagrante das mulleres. É dicir, a orixe da ciencia, como momento cardinal da modernidade, testemuña a participación dunha importante cantidade de mulleres que deberon ser activamente expulsadas ou marxinadas a partir da aplicación das políticas de institucionalización das academias e das profesións. Foi a institucionalización do proxecto científico a que instaurou as regulacións que permitiron a expulsión das primeiras científicas dos espazos académicos e universitarios.[54]

A orixe do home: resposta feminista[editar | editar a fonte]

Emilia Pardo Bazán
Emilia Pardo Bazán

O século XIX foi tamén testemuña dos comezos dunha pseudociencia que intentaba "probar" a inferioridade intelectual das mulleres, e especialmente que as mulleres eran intelectual e moralmente incapaces do traballo científico.[13] Probablemente isto tivo moito que ver coa aparición en 1859 da teoría da evolución de Charles Darwin (1809−1882), xa que un aspecto destacado da mesma foi o profundo nesgo sexista -aplicado ao ámbito do xénero humano, do que carecía nos estudos evolutivos doutras especies- que impregnaba a esta teoría. Como recolle a profesora Carolina Martínez Pulido no seu artigo “Respuesta femenina a El origen del hombre de Charles Darwin”,[55] o contido androcéntrico dos argumentos esgrimidos polo célebre naturalista fixo que algunhas notables mulleres estudosas reaccionaran publicamente presentando obxeccións ante tanto insulto; como por exemplo as norteamericanas Antoinette B. Blackwell (1825 − 1920) e Eliza B. Gamble (1841 − 1920). Catro anos máis tarde da publicación de “A orixe do home e a selección en relación ao sexo” (1871) de C. Darwin, Antoinette B. Blackwell publica “Os sexos a través da natureza”, onde analiza a obra do británico converténdose na primeira muller en responder con argumentación científica sólida ao célebre científico. Case que vinte anos máis tarde de que Antoinette B. Blackwell reivindicara a igualdade entre os sexos, a tamén estadounidense Eliza B. Gamble asumiu unha postura moito máis radical. En 1893 Gamble publicou un libro titulado “A evolución da muller: unha investigación sobre o dogma da súa inferioridade ante o home”, onde defendía sen ambaxes a superioridade do sexo feminino sobre o masculino. Outras destacadas personalidades que realizaron achegas a este debate foron, entre outras, a escritora galega Emilia Pardo Bazán (1851−1921), quen sostiña en 1877 que “a lei do máis forte é nefasta para o sexo feminino”; ou a francesa Clèmence Royer (1830−1902), primeira tradutora ao francés e prologuista da obra de Darwin “A orixe das especies”. Todas estas estudosas, claramente por diante do tempo que lles tocou vivir, atrevéronse a expresar en público comentarios críticos sobre o papel concedido ás mulleres nunha obra tan valorada e respectada como “A orixe do home”.[56]

Esta proscrición lexitimouse mediante un discurso sexista -continuador da lóxica do claustro medieval e da misoxinia imperante en épocas anteriores- que lexitimaba a separación de espazos, agora baseado nun paradigma naturalista. Desta maneira, o que na Antigüidade e na Idade Media fora unha posibilidade para unha mínima elite de mulleres, na modernidade converteuse nunha imposibilidade xeneralizada que declaraba ao conxunto do sexo feminino incapacitado para o saber. Difundiuse así un imaxinario cada vez máis sofisticado onde se atribuía ás mulleres un papel primeiro marxinal e logo por completo ausente da vida intelectual, para recluílas imaxinariamente no espazo doméstico, como se iso fose natural e eterno. Para consolidar esta expulsión do ámbito académico, universitario e científico, moitas das achegas femininas ao coñecemento foron sistematicamente borradas dos rexistros históricos e restabelecelas requiriu dun minucioso traballo de reconstrución.[54] Este proceso consistiu en moitos casos en negar ás mulleres a autoría das súas propias obras e atribuílas erroneamente a varóns -seus confesores, irmáns, pais, esposos ou amantes- ou por o acento nas biografías sociais ou sexuais daquelas que demostraron unha xenialidade incompatible con este imaxinario. O resultado de tal panorama permea as épocas. As mulleres pasaron de novo á invisibilidade, pois as nocións de progreso e modernidade fixéronse incompatibles coas mulleres. Tardouse case que dous séculos en recuperar ese papel perdido. Cabe sinalar que se poden atopar en textos histórico-científicos do século XVIII os nomes e achegas de mulleres como Hipatia de Alexandría, Anna Marıa van Schurman, Lucrezia Marinella e outras, que desapareceron de re-edicións posteriores no século XIX e que non volveron a aparecer ata que as investigacións sobre ciencia e xénero, a partir dos anos oitenta do século pasado, os recuperaron. A medida que a ciencia vólvese profesional, pasando a ser un tema de estudo recoñecido nas universidades, as mulleres que se tiñan dedicado a ela cando era unha actividade amateur viron como se as apartaba, pois non se lles permitía estudar nin formar parte das novas institucións científicas. Non obstante, factores tales como a extensión da educación elemental, as loitas anti-escravistas ou as loitas feministas, reavivaron a polémica sobre a educación das mulleres, ou a súa participación na actividade científica.[13]

Sophie Germain. Matemática francesa
Sophie Germain

Matemáticas na primeira metade do século[editar | editar a fonte]

Dúas destacadas nos primeiros anos[editar | editar a fonte]

Mary Somerville
Mary Somerville

A pesar de tódalas dificultades, xa dende os inicios do século XIX podemos atopar mulleres matemáticas moi relevantes, como a francesa Sophie Germain (1776-1831), filla da Revolución francesa, que marcou a súa infancia, quen se refuxiou na biblioteca familiar para illarse dos disturbios da época. A imposibilidade de acceder aos centros oficiais do saber científico pola súa condición de muller, a levou a utilizar o pseudónimo de “Monsieur Le Blanc” para intercambiar información, ideas e resultados con grandes matemáticos da época como Lagrange e Gauss. Destacou en Teoría de números (os Primos de Germain, denomínanse así na súa honra) e en Teoría da Elasticidade, área na que gañou un concurso da Academia Francesa de Ciencias sobre a teoría matemática que permitía explicar a formación de figuras ao estender area sobre unha placa vibrante. Despois de todos estes méritos conseguidos ao longo da súa vida, o seu nome non figura entre os que aparecen na Tour Eiffel como homenaxe a aqueles que fixeron contribucións, dende a ciencia, a súa construción; e no seu certificado de defunción o que figura como a súa profesión é “rendista”, non matemática.[57] A escocesa Mary Fairfaix Greig Somerville (1780-1872), considerada a “Raíña das Ciencias do século XIX”, segundo parece, tiña que aprenderse de memoria os libros que conseguía, porque o seu pai non estaba en absoluto de acordo con esa rara afección da súa filla polo saber. Afortunadamente para ela e para a humanidade, o marido co que a casou o seu pai, que era da súa mesma opinión en relación ás “mulleres sabias”, morreu ao cabo de 3 anos de matrimonio, deixándoa con 2 fillos e unha situación económica moi acomodada, o que lle permitiu retomar os seus estudos abertamente e empezar a brillar moi rapidamente en concursos públicos. Anos máis tarde volveu casar, pero esta vez cun home que tiña as súas mesmas inquedanzas intelectuais e que non só apoiou a súa carreira científica senón que se converteu no seu enlace ante as institucións ás que ela non podía chegar directamente pola súa condición de muller.[58] Mary Somerville foi unha das mulleres de ciencia afortunadas e unha das últimas grandes científicas amateur. Como lle escribiu Charles Lyell a súa futura esposa, Mary Horner, en 1831: "Se a nosa amiga a señora Somerville tivera casado con Laplace, ou con outro matemático, nunca teríamos oído do seu traballo. Estaría fundido co de seu marido, presentándoo como se fora del.[13]

Ada Augusta Byron Lovelace
Ada Lovelace

O xerme da informática[editar | editar a fonte]

Pero non se pode falar das matemáticas do século XIX sen mencionar a informática, que tivo os seus preliminares neste século XIX e xurdiu con forza a partir de mediados do século XX. Ada Augusta Byron, marquesa de Lovelace (1815-1852)[59] foi o personaxe, crucial no ámbito da ciencia e a tecnoloxía, que sentou as bases dun cambio de rumbo fundamental nas vidas da maioría da poboación mundial. Unha “visionaria” informática: 100 anos antes de que se construíran os primeiros “computadores” deixou escritos programas informáticos que anos máis tarde puideron probar a súa validez. Tivo como titora a Mary Somerville, da que acabamos de falar, que foi quen a levou a unha conferencia de Babbage sobre a súa máquina diferencial, da que quedou absolutamente fascinada. Pero cando máis tarde Babbage a fixo partícipe da súa idea máis ambiciosa da construción da máquina analítica, Ada Byron convértese, con apenas 18 anos, na máis fiel colaboradora de Babbage, aportando importantes innovacións ao proxecto. Xunto á idea de utilizar as tarxetas perforadas para introducir tanto datos como ordes ao sistema, Ada suxeriu o cambio do sistema decimal ao sistema binario. Ada firmou o traballo -no que aparece o seu programa para o cálculo dos números de Bernoulli- como A.A.L. para evitar que fora rexeitado de entrada. Pero toda a xente do ámbito académico e intelectual sabía que a única persoa que podía telo escrito, por ser a única con coñecementos para facelo, era Ada; en consecuencia a Sociedade matemática do momento declarou "pouco relevante" o seu traballo e este quedou relegado ao esquecemento.[60]

Matemáticas na segunda metade do século XIX[editar | editar a fonte]

Durante a segunda metade do século XIX, nos principais centros industriais do mundo; Inglaterra, Francia, Alemaña, Italia, Rusia ou Estados Unidos, tivo lugar o inicio do gran desenvolvemento das matemáticas. En torno ao cambio de século as matemáticas eran unha disciplina científica altamente avanzada e estimada en tódolos países desenvolvidos da terra. Aumentou o número de persoas que se dedicaba a estudar e investigar en matemáticas, o que fixo necesaria a publicación dos logros conseguidos. Como consecuencia apareceron revistas e congresos, ademais de asociacións e agrupacións de matemáticos a nivel nacional. A medida que a ciencia facíase máis complexa, especializada e profesionalizada, ía sendo tema de estudo recoñecido nas universidades onde, polo xeral, as mulleres non tiñan acceso. Na École Polytechnique de París, fundada en 1794, as mulleres non foron admitidas ata 1972. Da mesma maneira, con algunha excepción especial, estáballes vedada a entrada nos centros científicos máis importantes do século XIX, as universidades alemás.[53]

Queen´s College
Queen´s College

É na segunda metade deste século cando empezaron a aparecer moitas mulleres matemáticas en diversos países europeos e nos Estados Unidos de América e, o que é máis importante, empezan a crear escola, preocupándose non só da súa carreira profesional senón tamén da das súas discípulas. Non só realizaron importantes achegas á ciencia e á tecnoloxía, senón que conseguiron derrubar algunhas das barreiras que impedían a integración da muller en pé de igualdade en institucións como as universidades e as academias, facilitando así a incorporación doutras moitas conxéneres ás mesmas. En Gran Bretaña, aínda que nun primeiro intento a principios do século XIX non se conseguiu abrir os estudos de matemáticas de Cambridge ás mulleres, a mediados deste século se lles permitiu estudar matemáticas nos seus propios colexios, como sucedeu no Queen´s College. En 1863 foron avaliados os traballos de 83 mozas por un comité da Asociación Nacional para a promoción das Ciencias Sociais. Un dos expertos asegurou que alentar ás mulleres a usar o seu cerebro non lles faría perder a razón.[13]

Dúas matemáticas inglesas[editar | editar a fonte]

Charlotte Angas Scott
Charlotte Angas Scott
Philippa Fawcett na súa habitación do Newnham College
Philippa Fawcett

A inglesa Charlotte Angas Scott (1858-1931) supón un punto de inflexión na relación das mulleres e as matemáticas. Loitou en Cambridge para conseguir permiso, en 1880, para presentarse ao exame, “Tripos”, que outorgaba a titulación de matemáticas. Conseguiu graduarse en Matemáticas en Cambridge –aínda que non se lle permitiu participar na cerimonia de gradación, o que lle impediu asistir en directo ao boicot que realizaron os seus compañeiros para protestar pola súa ausencia−. Pero non só conseguiu o “permiso” para ela, logrou que a partir de aí outras mulleres puideran facelo. Posteriormente desenvolveu a súa carreira profesional nos Estados Unidos como profesora nunha universidade feminina, na que sempre defendeu un nivel de exixencia igual ao que tiñan as mellores universidades masculinas; á parte de ser editora dunha das mellores revistas científicas  “American Journal of Mathematics” dende os seus inicios, así como ser a primeira muller en formar parte da Sociedade matemática americana.[61] Esta muller inicia unha saga de mulleres matemáticas que a partir do século XX se ocuparon de facilitar a carreira científica das súas discípulas e colegas. Aproveitando a “porta” aberta por Scott, 10 anos máis tarde outra muller, Philippa Garrett Fawcett (1868-1948), conseguiu ser a número un da súa promoción, o que lle permitiu iniciar a súa carreira profesional na propia Universidade de Cambridge, aínda que logo re-encamiñara a súa carreira cara postos de xestión da educación.[62]

Retrato de Maria Mitchell
Maria Mitchell

Astrónomas nos Estados Unidos[editar | editar a fonte]

Tamén na segunda metade do século XIX destaca Maria Mitchell (1818-1889), primeira muller dedicada profesionalmente á astronomía en Estados Unidos e terceira muller en descubrir un cometa, o primeiro de outubro de 1847, ao que puxeron o seu nome, "Miss Mitchell's Comet", polo que recibiu unha medalla de ouro do rei Frederico VII de Dinamarca.[63] Ensinou astronomía a mulleres no Vassar College e participou na fundación da Asociación Americana para o Avance das Mulleres.[64] E a finais do século XIX un grupo de 13 mulleres, coñecidas hoxe como "as calculadoras de Harvard", dedicáronse a contar e clasificar estrelas no Observatorio. Realizaban un traballo tedioso e mecánico que, non obstante, “axudou a sentar as bases da astrofísica moderna”. Traballaron ás ordes do astrónomo E. Charles Pickering (1846-1919). A súa labor consistía en arquivar e catalogar a inmensa colección de fotografías de estrelas do Observatorio de Harvard. Tratábase dunha man de obra barata para realizar unha labor que precisaba de gran paciencia e unha considerable capacidade de observación e cálculo.[65]

Grupo de astrónomas do Observatorio de Harvard: Henrietta Swan Leavitt, Annie Jump Cannon, Williamina Fleming, e Antonia Maury.
Astrónomas do Observatorio de Harvard. Entre elas Henrietta Swan Leavitt, Annie Jump Cannon, Williamina Fleming, e Antonia Maury.

Entre elas Williamina Fleming (1857-1911) desempeñou un papel crucial. Despois de traballar como criada na casa de Pickering, este a contratou para realizar tarefas administrativas e cálculos matemáticos. A súa eficacia fixo que o astrónomo confiara nela para custodiar o arquivo fotográfico do Observatorio e, co tempo, tamén lle encargou recrutar e dirixir a outras mulleres que irían configurando o que desafortunadamente coñeceuse como o "harén de Pickering".[66] Outras que xogaron un papel destacado foron Antonia Maury (1866-1952) quen deseñou un novo sistema de clasificación estelar que sería a base da astrofísica moderna, co que Pickering non estivo de acordo. As súas diferenzas con Pickering pronto foron insalvables e Antonia Maury abandonou definitivamente o observatorio en 1896 para dedicarse ao ensino. En 1943 revisouse o catálogo Henry Draper para incorporar as ideas de Antonia Maury.[67] Annie Jump Cannon (1863-1941), famosa polo seu bo "ollo" para os espectros estelares, fixo que os seus catálogos Draper (que con preto de 400,000 estrelas seguen a ser usados hoxe en día) foran valorados como obra dunha observadora excepcional. Publicou tamén catálogos de estrelas variables (incluídas 300 descubertas por ela). Foi das poucas en conseguir recoñecemento polo seu traballo.[68] Henrietta Leavitt(1868-1921) descubriu e catalogou 1.777 estrelas variables situadas nas Nebulosas de Magalhães. En 1912 confirmou, a partir do seu catálogo, que a luminosidade das variables Cefeidas era proporcional ao seu período de variación de luminosidade, e que esa relación era bastante precisa.[69]

Unha matemática rusa[editar | editar a fonte]

Sofja Wassiljewna Kowalewskaja
Sofia Kovalevski

En Rusia, a mediados do século XIX nace Sofia Kovalevsky (1850-1891) unha matemática singular en moitos aspectos. Mostrou capacidades innatas para as matemáticas dende nena, pero a época que lle tocou vivir –a Rusia dos tsares- non llo facilitou. Membro desde moi nova da corrente Nihilista que tanto éxito tiña entre as e os xoves cultos da época, decidiu realizar un “matrimonio branco” cun amigo seu, Vladimir Kovalesvky, para poder saír de Rusia e estudar matemáticas noutras universidades europeas. Non sen antes superar grandes dificultades, conseguiu ser discípula primeiro e posteriormente colega e amiga do gran Weierstrass, doutorándose en matemáticas na Universidade de Gotinga “in absentia”. Grazas á intervención de Mittag-Leffler, en 1883 conseguiu unha praza de profesora en Estocolmo, onde desenvolvería a parte máis importante das súas investigacións matemáticas. Obtivo o Premio Bordin da Academia das Ciencias francesa en 1888 polo seu traballo "Mémoire sur un cas particulier du problème de le rotation d’un corps pesant autour d’un point fixe, où l’intégration s’effectue à l’aide des fonctions ultraelliptiques du temps". Ademais das súas achegas matemáticas creativas, orixinais e innovadoras no terreo da Análise Matemática, foi durante toda a súa vida unha activista, tomando parte na Comuna de París; sen esquecer a súa faceta literaria, que a levou a dicir que na súa opinión é imposible dedicarse ás matemáticas sen ter alma de poeta.[70]

Final de século: inicio dun cambio[editar | editar a fonte]

Marie Sklodowska Curie
Marie Sklodowska Curie

No último terzo do XIX e comezos do XX, as transformacións económicas e sociais que aconteceron en Europa e, aínda que en menor grao, tamén en España, demandaron man de obra feminina e, polo tanto, a incorporación paulatina das mulleres ao mercado laboral. Neste contexto, incluiríanse as vindicacións de mulleres como Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán, que defenderon para as mulleres, contravindo aos pensadores da súa época, a compatibilidade entre os quefaceres domésticos e o cultivo da súa intelixencia; isto é, a necesidade de non considerar ás mulleres inferiores aos homes.[53]

Na última década do século XIX importantísimos avances tiñan revolucionado as matemáticas, a física, a astronomía e outras ciencias. A ciencia convertérase nunha profesión en tódolos sentidos -nunca máis habería descubrimentos importantes feitos por persoas afeccionadas- e tanto a súa estrutura como a das súas institucións principais tiñan cambiado irremediablemente. Neste contexto, por primeira vez na historia, foi posible que unha muller ingresara nos grupos científicos establecidos. Foi a física e matemática Marie Sklodowska-Curie (1867-1934), quen en 1898 descubriu que a radioactividade era unha propiedade intrínseca do átomo, descubrimento que cambiaría o mundo. Aínda así, as palabras escritas ese mesmo ano 1898, no Popular Science Montly, por Henrietta Bolton non só son pertinentes para miles de anos de historia, senón que continúan a ser certas hoxe en día: Como regra xeral a muller de ciencia debe ser o bastante forte para valerse por si mesma, capaz de soportar o sarcasmo e a antipatía, con frecuencia inxustos, de homes que senten celos ao ver invadido o que consideran ser o seu campo propio de actividade.[13]

Irrupción da muller no espazo público (s. XX)[editar | editar a fonte]

A consecución de dereitos para as mulleres[editar | editar a fonte]

Florence Wallace Pomeroy, loitadora polos dereitos das mulleres.
Florence Wallace Pomeroy, loitadora polos dereitos das mulleres.

O século XX supuxo para as mulleres a consecución dos dereitos de cidadanía polos que algunhas, primeiro de forma individual e máis tarde a través de asociacións, pelexaron a partir da Revolución Francesa. A consecución deses dereitos fundamentais, como: o voto, o divorcio, á custodia dos fillos, á propiedade, á educación e a abolición da dobre moral sexual, entre outros, foi un largo camiño con resultados desiguais e grandes diferenzas entre uns países e outros. Pero ao longo do século fóronse conseguindo eses dereitos na maioría dos países, polo menos nos do considerado primeiro mundo, aínda que ás veces se quedaran máis no aspecto formal que no real.[12]

O século XX foi un século extremadamente convulso a nivel político, con dúas guerras mundiais e que se mantivo dividido durante máis de cuarenta anos en dous bloques -liderados por EEUU e a URSS- enfrentados nunha tensa guerra fría que finalizou coa desaparición dun dos bloques, o soviético. Non obstante se hai algo que caracterizou este século foi o gran desenvolvemento experimentado, sobre todo nos países do primeiro mundo, que levou a un gran crecemento económico, que se iniciou despois da primeira guerra mundial pero que se acelerou despois da segunda guerra mundial. Tamén foi un século no que colectivos sociais tradicionalmente carentes de dereitos políticos e sociais, como as mulleres ou os membros de colectividades raciais non dirixentes, foron consolidando dereitos como o dereito ao voto ou á educación e se foron incorporando á vida social, laboral e política. Neste tempo a ciencia, e da súa man a tecnoloxía, experimentaron un crecemento sen precedentes. Innovacións técnicas, científicas e industriais como: os antibióticos, os automóbiles, a aviación, a electricidade doméstica, as fibras sintéticas, Internet, os ordenadores, a radio, os satélites de comunicación, os sistemas de localización, a telefonía fixa e móbil, a televisión, ou as novas técnicas de exploración clínica, levaron a novas formas de vida totalmente impensables séculos atrás. A ciencia e a tecnoloxía do século XX achegaron á sociedade unha maior calidade de vida, con melloras na saúde, incremento da lonxevidade, maior nivel de educación e novos modos de vida, consecuencia da urbanización e o aumento do consumo e dos bens de servizo. Para as mulleres isto supuxo unha transformación do traballo do fogar e da maternidade, permitíndolle unha maior participación na vida social. Aínda que con bastante atraso respecto aos homes, o século XX supuxo para as mulleres dos países desenvolvidos, e nalgunha medida tamén dos países en desenvolvemento, o acceso á modernidade, co acceso masivo das mesmas a tódolos niveis da educación e ao traballo remunerado, a pesar da desigualdade de oportunidades no acceso á educación e a desigualdade salarial nos empregos.[11][71]

A extensión da alfabetización[editar | editar a fonte]

Neste século fixéronse grandes progresos en alfabetización da poboación. A demanda de prazas escolares de secundaria, e sobre todo, de educación superior multiplicouse, e aumentou considerablemente a poboación que empezou a cursar eses estudos. A ensinanza universitaria que tiña sido insignificante antes da segunda guerra mundial (1939-1945), excepto nos Estados Unidos (en Alemaña, Francia e Inglaterra, tres dos países máis cultos do mundo, os estudantes universitarios eran apenas un 1 por 100 da súa poboación antes de 1939), experimentou un gran auxe, e a finais dos oitenta os estudantes universitarios contábanse por millóns en Francia, a República Federal de Alemaña, Italia, España e a parte europea da URSS.[71]

Anfiteatro da Universidade da Sorbona. París
Anfiteatro da Universidade da Sorbona.

Durante o século XX quizás o máis significativo é que se conseguiu o acceso á ensinanza superior para as mulleres, que fixeron a súa entrada cun gran pulo neste nivel.[71] Nos inicios do século, a loita polo acceso das mulleres ás universidades e á ciencia foi un obxecto secundario que só prantexaban algúns colectivos feministas e considerábase un "capricho de ricas". Esta loita, que xa se tiña iniciado nalgunhas universidades a mediados do século anterior, levantou unha fronte común contra tal osadía. As universidades, consideradas bastións inexpugnables do poder e saberes masculinos, resistíronse durante moitos anos a esta pretensión das mulleres, pero o seu comportamento foi moi distinto dependendo dos lugares. Así, mentres que as universidades de Zürich e París foron das que menos resistencia presentaron á entrada de mulleres, permitindo o seu ingreso dende mediados do século XIX, en España nesa época as aspirantes tiñan que solicitar un permiso especial ao ministro, ata que en 1910 a lei Burrell permitiu o libre acceso das mulleres á universidade, se ben algunhas universidades politécnicas resistíronse ata case que mediados de século á entrada de mulleres nas súas aulas.

Real Colexio de España en Boloña. Antecámara Real
Real Colexio de España en Boloña.

O caso de Gran Bretaña é especialmente significativo, pois a pesar de ser o lugar no que as mulleres inicaron a loita para entrar na universidade, foi o país europeo onde máis tardaron en conseguilo, xa que a lei de autonomía universitaria dese país fixo que houbera que conquistar o dereito de maneira individual en cada unha delas. As máis remisas a admitir mulleres foron as universidades de maior prestixio, especialmente as de Oxford (que non o permitiu ata 1920) e Cambridge (que en 1945 o permitiu, pero con limitacións no acceso de mulleres ata a década de 1970 onde o acceso xa foi totalmente libre), e dentro delas os colleges máis remisos á admisión de mulleres foron "casualmente" aqueles que no seu día beneficiáronse economicamente da expropiación dos conventos de monxas trala creación da Igrexa anglicana no século XVI. Pero o último reducto no veto ao acceso de mulleres á universidade foi o Colexio de España de Boloña, que mantivo a exclusión das mulleres ata xullo de 2020[72] -por ser estas, en palabras do seu fundador, o cardeal Gil de Albornoz, "cabeza do pecado e arma do demo"-.[12]

As mulleres matemáticas no século XX[editar | editar a fonte]

As matemáticas, como o resto das ciencias e das forzas produtivas, experimentaron durante o século XX unha grande expansión. Dende principios de século, considérase que o número de persoas dedicadas ás matemáticas se duplica cada 10-15 anos e cada 10 anos se duplica o número de publicacións matemáticas. Ao final do século XX a matemática era unha ciencia asentada con éxito en todo o mundo, en estreita relación con tódalas esferas da vida social e do resto das ciencias, o que fixo dela unha ciencia extremadamente ramificada e sumamente extensa á que contribuíron, cun peso cada vez maior a medida que avanzaba o século, gran número de mulleres matemáticas.[11]

Principios de século en Europa e os EEUU[editar | editar a fonte]

Mileva Maric en 1912
Mileva Maric
Amalie Emmy Noether
Amalie Emmy Noether

Xa nos inicios do século XX atópanse en Centroeuropa matemáticas brillantes, como Mileva Marić (1875-1948). Sen ela non tería visto a luz a Teoría da Relatividade, polo menos no momento no que o fixo, ao ser ela peza imprescindible na elaboración dos fundamentos matemáticos da mesma.[73] Traballo que logo, unha vez que Mileva se separou de Einstein, continuou Amalie Emmy Noether (1882-1935). Esta muller, considerada a persoa máis brillante no campo das matemáticas do século XX, tivo que loitar primeiro para poder estudar e, unha vez titulada, traballar durante moitos anos sen soldo, impartindo clases en nome doutros, ata que conseguiu un pequeno salario, moi inferior ao dos seus compañeiros ou incluso inferior ao dos seus propios discípulos. E cando xa tiña consolidada a súa posición profesional na Universidade de Gotinga, tivo que fuxir do país pola súa orixe xudía. Destaca polas súas achegas en física teórica e álxebra abstracta, área das matemáticas que revolucionou totalmente.[74]

Euphemia Haynes en 1914
Euphemia Haynes
Retrato de Gertrude Blanch aos 38 anos
Gertrude Blanch

Pero no século XX onde irrompen en masa unha gran cantidade de mulleres matemáticas é nos EEUU. Alí foron moitas as que destacaron en matemática aplicada, pero tamén en matemática pura ou xestión da educación. Entre elas cabe sinalar a Euphemia Haynes (1890-1980) primeira muller afroamericana en conseguir un doutoramento en matemáticas. Loitou durante toda a súa carreira profesional contra a segregación racial e por unhas mellores condicións nas escolas públicas.[75]

Julia Robinson, en 1975
Julia Robinson
Mary Lucy Cartwright
Mary L. Cartwright

Tamén destaca nese tempo Gertrude Blanch (1897-1996) pioneira en análise numérica e posteriormente en computación mecánica. Converteuse, en 1938, en directora técnica do Mathematical Tables Project, proxecto da axencia Works Progress Administration para o cálculo de táboas de funcións matemáticas.[76] E a ucraína-estadounidense Ida Rhodes (1900-1986) que en 1940 se uniu ao Proxecto de Táboas Matemáticas, onde traballou baixo a dirección de Gertrude Blanch, que foi a súa mentora. Con posterioridade fixo importantes achegas en programación informática: pioneira na análise de sistemas de programación, coa programadora Betty Holberton deseñou a linguaxe de programación C-10 para a UNIVAC I a principios dos anos 50. Tamén deseñou o ordenador orixinal da Administración do Seguro Social.[77]

Rózsa Péter, matemática húngara
Rózsa Péter

Da mesma época, pero en Inglaterra, é Mary Lucy Cartwright (1900-1998). Os seus traballos iniciais en optimización de funcións abriron o camiño á teoría fractal, e os seus traballos en ecuacións diferenciais iniciaron a teoría do caos. Leva o seu nome o teorema de Cartwright sobre máximos de funcións. Foi unha das primeiras mulleres que conseguiu recoñecemento en vida polo seu importante traballo matemático e foi galardoada con numerosas distincións: primeira muller matemática en ingresar na Royal Society (1947), primeira muller en presidir a Sociedade Matemática de Londres (1961), a raíña nomeouna en 1969 comandante do Imperio británico.[78] E xa nadas no século XX, Rózsa Péter (1905-1977) matemática húngara coñecida polos seus traballos sobre a teoría de funcións recursivas. É autora do libro Playing with Infinity: Mathematical Explorations and Excursions, traducido polo menos a 14 idiomas, e de Recursive Functions in Computer Theory.[79] Case coetánea é a austríaca Olga Taussky Todd (1906-1995). Os seus traballos en teoría de grupos e teoría de matrices foron de vital importancia para o desenvolvemento dos ordenadores. Esta matemática tamén foi das que facilitou durante toda a súa vida a incorporación de xoves matemáticas ao ensino superior e á investigación.[80] A italiana Emma Castelnuovo (1913-2014) foi referente en didáctica da matemática durante toda a segunda metade do século XX, e unha das responsables da introdución das “Matemáticas Modernas” en tódolos niveis do ensino.[81] Julia Robinson (1919-1985) destacou en lóxica e ecuacións diofánticas, e xogou un papel primordial non só na resolución dun dos problemas do milenio, o 10º, senón tamén no acercamento entre a URSS e os EEUU, polo menos no eido científico. Tamén fixo importantes achegas á teoría de xogos nos seus inicios.[82] Mary Ellen Rudin (1924-2013), que estimulou a investigación en topoloxía durante máis de vinte anos, é recoñecida polas súas construcións e contraexemplos a célebres conxecturas, a máis coñecida delas é o espazo de Dowker.[83]

A muller na informática e a criptografía[editar | editar a fonte]

Dúas programadoras do ENIAC

Pero se houbo algo que caracterizou a ciencia do século XX foron os espectaculares avances en informática e criptografía que permearon o resto das áreas do saber. Como xa se viu, os traballos de C. Babbage e Ada Byron, que constituíron o inicio da informática, quedaran relegados ao esquecemento á morte de Ada Byron e non foi ata a segunda década do século XX que voveron a aparecer traballos relacionados co tema, como o de Edith Clarke (1883-1959) que en 1921 presentou e obtivo unha patente dun calculador gráfico para usalo na solución dos problemas de liñas de transmisión.[84]

Betty S. Holberton
Betty S. Holberton
Frances Bilas Spence, traballando na ENIAC en 1946.
Frances Bilas Spence
Ruth L. Teitelbaum traballando na ENIAC
Ruth L. Teitelbaum

Foi coas Guerras Mundiais que, tanto en Europa como nos USA, aparecen proxectos de construción de máquinas, primeiro electromecánicas e máis tarde electrónicas, para facilitar os cálculos necesarios nos traballos relacionados coa guerra. A este fin retómanse os traballos de C. Babbage e A. Byron. Cando Gran Bretaña declarou a guerra a Alemaña, o alto estamento militar foi consciente de que para decodificar as mensaxes cifradas das máquinas electromecánicas do inimigo necesitaba matemáticos e criptoanalistas. Como a maioría dos mozos foran recrutados para ir á fronte, as mulleres ocuparon un lugar que, seguramente, en condicións de normalidade social terían ocupado os homes. A maioría delas pertencían á pequena burguesía e tiñan graos universitarios en matemáticas, física e/ou enxeñaría. O seu traballo foi excelente e demostraron total capacidade e eficacia técnica para un traballo matemático que requiría método e coñecemento. As mulleres do centro de estudos do exército británico realizaron durante a guerra tarefas complexas de cálculo e codificación que levaron ao desenvolvemento integral da informática. Nese centro, ao final da guerra chegaron a traballar unhas 10 000 persoas, cun 75% de mulleres. De entre todas elas cabe destacar a Joan Clarke (1917-1996),[85] que participou no proxecto Enigma, colaborando moi estreitamente con Alan Turing, sobre todo a partir da posta en funcionamento das máquinas Colossus —máquinas electrónicas e con funcionamento en sistema binario— que lles permitiu descifrar as comunicacións secretas da Alemaña nazi. Clarke converteuse en subdirectora do Hut 8 en 1944 e foi nomeada membro da Orde do Imperio Británico en 1946. Pero impedíuselle progresar polo seu xénero, e pagóuselle polo seu traballo menos que aos homes.[86] Ao outro lado do atlántico, nos Estados Unidos, aproximadamente 80 mulleres traballaron para o exército calculando as traxectorias balísticas. Foron chamadas as "computers". En 1945, o exército dos EEUU financiou un proxecto experimental: a primeira computadora dixital totalmente electrónica, o ENIAC, que vería a luz a mediados de 1948. Foi a máquina máis grande do mundo, ocupando unha superficie de 167 m2 e montando 17 468 tubos de baleiro (válvulas electrónicas) que pesaba 27 toneladas. Aínda que os enxeñeiros a cargo do proxecto foron os que se levaron os honores, pasando á historia como os asombrosos creadores do ENIAC, houbo seis mulleres que foron as encargadas de programar todo aquel monstro. Era unha máquina sen manual de instrucións que puido funcionar grazas a estas matemáticas especializadas en programación que foron silenciadas durante décadas ao ser consideradas profesionais de segunda polo simple feito de pertencer ao tan denostado sexo feminino.[87] Estas seis mulleres programadoras da máquina ENIAC foron: Betty S. Holberton (1917-2001), Kathleen M. M. Antonelli (1921-2006), Marlyn W. Meltzer (1922–2008), Frances Bilas Spence (1922-2012), Ruth L. Teitelbaum (1924-1986) e Jean Jennings Bartik (1924-2011).[88]

Grace M. Hopper, no UNIVAC
Grace M. Hopper
Ann Zeilinger Caracristi
Ann Z. Caracristi

A partir dese momento, foron moitas as mulleres que xogaron un papel destacado no avance e implantación social da informática. Entre outras, Grace M. Hopper (1906-1992), que traballou como programadora no desenvolvemento do Mark I, BINAC e UNIVAC I. No 1952, creou o primeiro compilador da historia, o A-0, precursor do COBOL, e en 1957 o primeiro compilador que usaba ordes en inglés, o B-0.[89] A criptoanalista Ann Zeilinger Caracristi (1921-2016) traballou na Axencia Nacional de Seguridade (NSA) dos EEUU durante corenta anos. Axudou a implantar os primeiros ordenadores para a criptoanálise e fundou un laboratorio para estudar novos fenómenos de comunicación. Foi a primeira muller en ser nomeada Directora Adxunta da NSA (1980).[90]

Mary Allen Wilkes
Mary Allen Wilkes
Frances Elizabeth Allen, en 2007
Frances Elizabeth Allen
Radia Perlman
Radia Perlman
Carol Shaw, en 1983
Carol Shaw

Nesta primeira etapa da posguerra, atópanse xa aplicacións á sociedade civil. Evelyn Berezin (1925-2018) en 1951 entrou a traballar en Elecom, onde desenvolveu o primeiro sistema de reservas de billetes de liñas aéreas. En 1953, creou o primeiro ordenador de oficina e en 1968 o primeiro procesador de texto.[91] Marjorie Lee Browne (1914-1979) fixo toda a súa carreira no ensino e foi pioneira na introdución da informática no ensino medio. En 1960, obtivo unha subvención de 60 000 dólares, de IBM, para ter un ordenador NCCU —un dos primeiros ordenadores en informática académica, e probablemente o primeiro nunha escola historicamente negra—.[92] Frances Elizabeth Allen (1932-2020) foi pioneira na optimización de compiladores e a primeira muller Premio Turing da ACM en 2006. Tivo un papel importante na creación de linguaxes de programación e códigos de seguridade para a Axencia de Seguridade Nacional Americana.[93] Stephanie “Steve” Shirley (1933) foi unha empresaria informática que en 1962 fundou unha empresa de software. Na súa empresa Shirley só contrataba mulleres, ata que en 1975 a lei británica contra a discriminación sexual o prohibiu. A súa empresa realizou a programación do rexistrador de voo da caixa negra do Concorde.[94] Mary Allen Wilkes (1937) en 1965 foi a primeira persoa en crear e traballar cunha computadora privada dende a súa casa. Deseñou diversos sistemas operativos para LINC, co nome de LAP, ata evolucionar ao LAP6,  sistema operativo e linguaxe ensamblador para LINC. No Laboratorio de Sistemas Computacionais da Universidade de Washington, en St. Louis, participou no proxecto de sistemas macro modulares e deseñou un macro módulo múltiple.[95] Jude Milhon (1939-2003) foi coñecida como a “Santa protectora de hackers”. Acuñou o termo cypherpunk, fusión de cipher/cifrar e punk/resistencia. A finais da década dos 90 traballou como deseñadora web e como consultora de Internet. En 1994 publicou un libro dirixido a aquelas mulleres que querían iniciarse no hacking, tratando de desmitificar o funcionamento da rede, titulado: Hacking the Wetware: The Nerd Girls Pillow-book ("Hackeo á rede húmida: O libro de cabeceira da moza na rede"). Fíxose célebre polo seu lema "As mozas necesitan módems!"[96] Radia Perlman (1951), coñecida como a Nai de Internet, foi a creadora do STP, spanning-tree protocol; protocolo fundamental para permitir a redundancia de camiños nas redes de área local (LAN).[97] Carol Shaw (1955), pioneira do deseño de videoxogos, despois de que deseñase varios videoxogos de éxito para a consola Atari 2600 e tamén unha calculadora para Atari 800, en 1982 foi rexeitada pola empresa Imagic por non ter experiencia nos xogos de acción. Fichou entón por Activision onde creou o seu maior éxito: o River Raid para Atari 2600. Aínda que traballar programando e xogando a videoxogos lle parecía algo divertido, en 1990, con 35 anos, decidiu retirarse.[98] A partir dos anos 80 do século XX o mundo da informática mudou de ser un espazo maioritariamente feminino a non ser demasiado atractivo para as mulleres.

As mulleres na NASA[editar | editar a fonte]

Dorothy Vaughan
Dorothy Vaughan

En plena guerra fría apareceu a competición espacial entre a URSS e os EEUU. Os EEUU aproveitaron o mellor persoal que tiñan na NACA, onde as mulleres copaban case que tódolos postos de calculistas, para abordar, xa transformada na NASA, esa competición. Dentro deste persoal dos primeiros tempos de gloria da NASA houbo moitas mulleres que colaboraron, dende as matemáticas e a informática, ao éxito das misións espaciais dos EEUU; como as misións Apollo ou Mercury.[99]

Katherine Johnson, en 2008
Katherine Johnson

A súa contribución foi ignorada ata que a escritora Margot Lee Shetterly publicou o libro titulado Hidden Figures ("Figuras ocultas ou números ocultos") —posteriormente [[Hidden Figures|levado ao cine en 2016— que detalla o traballo destas mulleres ausentes das publicacións académicas e dos rexistros históricos. Non se sabe con exactitude cantas computadoras traballaron na NACA, pero Shetterly estima que foron miles entre 1935 e 1970. Delas catro en particular chamaron a súa atención: Katherine Johnson (1918-2020), que calculou as traxectorias das misións Apollo e Mercury, Dorothy Vaughan (1910-2008), a primeira supervisora afroestadounidense da NASA, Mary Jackson (1921-2005), que se converteu en 1958 na primeira enxeñeira afroestadounidense da NASA e Christine Darden (1942) que traballou no desenvolvemento dos voos supersónicos.[100]

As últimas décadas do século XX[editar | editar a fonte]

Karen Uhlenbeck, en 1982
Karen Uhlenbeck
Graciela Chichilnisky, en 2016
Graciela Chichilnisky
Ingrid Daubechies, en 2005
Ingrid Daubechies
Daina Taimina
Daina Taimina
Darinka Dentcheva, en 2003
Darinka Dentcheva
Tan Lei, en 2008
Tan Lei

Nas últimas décadas do século XX a matemática empezou a vivir un momento de auxe con aplicacións a tódolos campos, tanto das ciencias clásicas e a tecnoloxía, como a ámbitos máis novos como a arte, as ciencias sociais ou da vida; sen esquecer a divulgación, tan importante para fomentar novas vocacións. E como non podería ser doutro xeito, relevantes figuras femininas destacan en case tódolos campos e ademais empezan a implicarse en tarefas de xestión profesional, entrando a formar parte das elites de decisión da ciencia e a investigación. Entre elas pódese destacar á Premio Abel 2019, Karen Uhlenbeck (1942), primeira muller en recibir tal galardón polos “seus avances pioneiros en ecuacións en derivadas parciais xeométricas, teorías gauge e sistemas integrais, e polo impacto fundamental do seu traballo en análise, xeometría e física matemática”.[101] Pero tamén Graciela Chichilnisky (1944), que aínda sendo de orixe arxentina desenvolveu a súa carreira profesional nos EEUU. É especialista en Economía matemática e persoa de referencia nos estudos económicos sobre cambio climático. Moi combativa na defensa dos dereitos a unha carreira profesional das mulleres na universidade, equiparable á dos homes, leva ganadas, por este motivo, dúas demandas á Universidade de Columbia, da que é profesora.[102] Ou Fanya Montalvo (1947), que emigrou coa súa familia aos EEUU onde completou a súa formación e desenvolveu a súa vida profesional. Especializouse en Psicoloxía matemática e foi pioneira en Intelixencia Artificial, área na que desenvolveu a súa investigación, con aplicacións principalmente á aprendizaxe (autistas) e á medicina.[103] A matemática e física belga Ingrid Daubechies (1954) fixo importantes achegas no campo das ondículas en imaxes. As súas achegas foron a base do formato JPEG 2000, fundamental na retransmisión do vídeo dixital. Foi a primeira muller matemática en presidir a Unión Matemática Internacional no período 2011-2014.[104] A matemática letoa Daina Taimina (1954) é recoñecida fundamentalmente por crear obxectos de gancho para visualizar o espazo hiperbólico. O seu método para comprender este tipo de espazos a través do gancho tivo gran éxito nos ámbitos da divulgación científica e na arte. Inspirou o proxecto Arrecife de Coral da periodista científica Margaret Wertheim. Ten escritos varios libros sobre o tema, como Crocheting Adventures with Hyperbolic Planes (2009), que recibiu o Premio Euler 2012 outorgado pola Mathematical Association of America.[105] A búlgara-estadounidense Darinka Dentcheva (1958) é especialista na área de optimización estocástica e as súas investigacións utilízanse en campos como a produción eficiente de enerxía ou o asesoramento a persoas e institucións para a toma de decisións en situacións de risco e incerteza  como poden ser sistemas económicos ou tratamentos médicos.[106] A chinesa Tan Lei (1963-2016) era especialista en sistemas dinámicos holomorfos, onde conseguiu importantes resultados relacionados co conxunto de Mandelbrot e o de Julia. Xunto a John Milnor proporcionou en 1993 os primeiros exemplos de conxuntos de Julia homeomorfos a fractais de Sierpinski.[107]

Maria Assumpció Català i Poch (MUNCYT, Eulogia Merle)
Maria Assumpció Català
Pilar Bayer Isant
Pilar Bayer
Xaro Nomdedeu Moreno
Xaro Nomdedeu

As mulleres matemáticas en España[editar | editar a fonte]

María Josefa Wonenburger Planells
María Wonenburger
María Teresa Lozano Imízcoz
María Teresa Lozano
Olga Gil Medrano
Olga Gil Medrano

En España durante o século XX, a situación foi variando a medida que avanzaba o século. Durante o primeiro terzo, a situación na ensinanza das ciencias foi moi negativa, practicamente inexistente nos niveis de educación primaria durante este período. Cando finalmente se introduciron as materias científicas con carácter obrigatorio no currículum escolar, a falta de tradición destas nos programas e a deficiente preparación científica dos mestres, fixo que as ciencias atoparan grandes dificultades para asentarse como disciplina escolar. Por outro lado, as nenas estaban excluídas por lei da formación científica, o que repercutía nos plans de estudo das Escolas Normais. En canto á formación de nivel superior, durante os primeiros anos do século XX as mulleres españolas seguían sen ter acceso, con carácter xeral, aos niveis superiores de formación, xa que ata 1910 non se regulou pola Administración o acceso da muller á universidade. A pesar diso, ao longo de todo o primeiro terzo do século XX algunhas mulleres fóronse incorporando aos estudos científicos e participando activamente en tódolos foros de renovación do ensino das ciencias, e algunhas delas foron as auténticas protagonistas da renovación, modernización e difusión do ensino das ciencias no noso país a mediados de século.[11] Entre elas podemos mencionar a María del Carmen Martínez Sancho (1901-1995) primeira muller española en lograr un doutoramento en Matemáticas e unha cátedra de instituto nesa mesma disciplina. Foi a primeira muller bolseira da Junta de Ampliación de Estudios na Universidade de Berlín, para afondar nas súas investigacións nun campo amplo das Matemáticas e aprender novos métodos pedagóxicos que se aplicaban en Alemaña. Destacou na súa faceta de investigadora e docente e desempeñou cargos destacados na Sociedade Matemática Española.[108] Ou á catalá María Montserrat Capdevila d’Oriola (1905-1993) que en 1931 foi tamén bolseira da Junta para la Ampliación de Estudios para estudar teoría de funcións na  Universidade da Sorbone (París). A súa carreira como investigadora quedou interrompida pola Guerra Civil: despois de 1939, os seus cargos docentes deixaron de ter validez, e tivo que pasar un proceso de depuración. En 1940 recuperou o cargo de catedrática de instituto de sétima categoría cunha praza en Figueres.[109] A ourensá Antonia Ferrín Moreiras (1914-2009) ademais de matemática era mestra e licenciada en Química e Farmacia. Como a anterior, tamén foi afastada da docencia despois do Golpe de Estado de 1936 –debido a unha denuncia falsa- ata que foi revisado o seu caso en 1940. Foi a primeira profesora que tivo a Facultade de Matemáticas da USC, á parte de ser a primeira doutora española en Astronomía e a primeira astrónoma galega.[110] A astrónoma e matemática Maria Assumpció Català i Poch (1925-2009), primeira muller en obter o doutoramento en Matemática pola Universidade de Barcelona en 1970, levou a cabo observacións sistemáticas de manchas solares durante máis de trinta anos.[111] A coruñesa María Josefa Wonenburger Planells (1927-2014) foi beneficiaria das primeiras bolsas Fulbright (no 1953), o que lle permitiu ir á Universidade Yale, onde realizou a súa tese de doutoramento sobre teoría de grupos. Este foi o inicio dunha prestixiosa carreira profesional primeiro no Canadá e logo nos EEUU -tan estraña e difícil neses momentos- onde liderou un grupo de investigación punteiro en Álxebra.[112] A matemática e música Pilar Bayer Isant (1946) foi Profesora de piano no Conservatorio Municipal de Música de Barcelona (1967) e Doutora en matemáticas pola Universidade de Barcelona (1975). Especialista en teoría de números, desenvolveu a súa actividade investigadora no Seminario de Teoría de Números de Barcelona, que fundou en 1986. Foi nomeada Emmy-Noether-Professorin pola Universidade Georg-August de Gotinga (Alemaña) en 2004.[113] A matemática aragonesa María Teresa Lozano Imízcoz (1946), especialista en Topoloxía e Xeometría, en particular nas 3-variedades, entre 1976 e 1978 foi Honorary Fellow na Universidade de Wisconsin (Estados Unidos). Dende 2006 pertence á Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales. En 2016 recibiu a Medalla da Real Sociedad Matemática Española (RSME).[114] A valenciana Xaro Nomdedeu Moreno (1948) catedrática de matemáticas de Ensino Secundario, tamén impartiu docencia universitaria, impulsou e presidiu a Sociedade de Profesorado de Matemáticas, e dirixiu o Planetari de Castelló. É autora de libros e artigos sobre didáctica das matemáticas, coeducación e matemáticas ou historia das matemáticas, recuperando o papel das mulleres nela.[115] Como as dúas anteriores, en 2008 formou parte de "Mujeres y Matemáticas: 13 Retratos", editado pola Comisión Mujeres y Matemáticas da RSME, como parte do proxecto "La mujer como elemento innovador en la Ciencia", que recollía exemplos de mulleres traballando en diferentes ámbitos profesionais das matemáticas.[116]

María Jesús Esteban Galarza
María Jesús Esteban

No último cuarto do século XX en España, a vida das fillas non se parecía en nada á das súas nais. Nese momento moitas mulleres estudaban xa en facultades de ciencias, entre as que se topaban as facultades de matemáticas, onde a presenza das mulleres xa era moi significativa nese período, chegando a ser algo máis da metade da matrícula do alumnado na carreira de matemáticas nos últimos anos do século -aínda que esa porcentaxe baixa medio punto cando se trata de estudos de terceiro ciclo-.[11] Nas últimas décadas do século a matemática española pasou a ter unha boa posición a nivel internacional e non foi allea a ela a das mulleres matemáticas. En consecuencia, atopamos nese momento matemáticas españolas destacadas, como María Jesús Esteban Galarza (1956) especialista  en ecuacións en derivadas parciais, métodos variacionais, física matemática e aplicacións en química cuántica. Directora de investigación do CNRS (Centre National de la Recherche Scientifique), coordinou o proxecto A Forward Look on Mathematics que impulsaron a Sociedade Matemática Europea (EMS) e a Fundación Europea de Ciencias. Entre 2015 e 2019 presidiu o International Council for Industrial and Applied Mathematics (ICIAM), e é membro da Academia Vasca das Ciencias as Artes e as Letras (Jakiunde) dende 2015. Foi nomeada Doutora Honoris Causa pola Universidade do País Vasco en 2016 e pola Universitat de València en 2017.[117] Carmen (Capi) Corrales Rodrigáñez (1956) é investigadora en Teoría alxébrica dos números, aritmética dos cuaternións e métodos explícitos en aritmética. No ámbito da divulgación móvese en espazos tan pouco explorados como a relación das matemáticas coa arte, ou o papel das mulleres nas matemáticas e na ciencia ao longo da historia.[118]

Olga Gil Medrano (1956), especialista en xeometría diferencial, foi catedrática de Xeometría e Topoloxía, vicerreitora de relacións internacionais e cooperación da Universidade de Valencia, membro do Comité Executivo da Sociedade Matemática Europea (2005-2008), membro do Comité Científico do Instituto de Matemáticas da Academia de Ciencias Polaca, Banach Center, (2006-2009); e dende 2009 é membro do Comité Científico do Tbilisi international Center for Mathematics and Informatics, da Academia de Ciencias Naturais de Xeorxia. Foi, de 2006 a 2009, a primeira muller en presidir a Real Sociedade Matemática Española e o Comité Español da Unión Matemática Internacional (2008-2009). En 2018 foi elixida Secretaria de Política da Comisión para Países en Desenvolvemento (CDC) da Unión Matemática Internacional (IMU).[119]

Incorporación da muller aos ámbitos de toma de decisións na ciencia (s. XXI)[editar | editar a fonte]

Situación xeral[editar | editar a fonte]

No momento actual a matemática está a vivir un momento de auxe, iniciado nas últimas décadas do século XX, con aplicacións a tódolos campos, tanto das ciencias clásicas e a tecnoloxía, como a ámbitos máis novos como a arte, as ciencias sociais ou da vida. As matemáticas son unha das elaboracións humanas intelectualmente máis perfectas, atractivo que seguirá motivando ás novas xeracións neste século XXI e tamén nos sucesivos, e quen se dedique a elas deberá desenvolver as matemáticas adecuadas aos problemas cada vez máis complexos plantexados por outras ciencias. A Matemática continuará a ser no século XXI o idioma da Ciencia e aumentará a súa participación na comprensión do mundo, non sendo previsible a onde pode chegar o coñecemento matemático e as súas aplicacións. Probablemente a razón entre os coñecementos matemáticos dentro de cen anos e os actuais superará a proporción entre a potencia dos actuais ordenadores e os ordenadores de mediados do século XX.[120]

Nun informe do National Research Council das National Academies dos Estados Unidos sobre as matemáticas no século XXI -informe que se recolle no libro The Mathematical Sciences in the 21st Century (2012)[121] que foi realizado por un comité para as matemáticas en 2025- indícase que as ciencias matemáticas estanse a converter nunha compoñente esencial en moitas áreas de investigación como: bioloxía, medicina, ciencias sociais, negocios, deseño avanzado, clima, finanzas, materiais avanzados, e moitas máis. Este traballo involucra a integración das matemáticas, a estatística e a computación nun sentido amplo, así como a interacción destas áreas con outras de potencial aplicación. As ciencias matemáticas teñen a oportunidade de consolidar o seu papel como base da investigación e a tecnoloxía do século XXI á vez que manteñen a forza do seu núcleo, elemento vital para o ecosistema das ciencias matemáticas, esencial para o seu futuro. Isto é cualitativamente diferente da visión predominante o pasado século, dando lugar a un modelo diferente: o dunha disciplina con moito máis alcance e impacto potencial. Neste contexto, a distinción entre matemáticas puras e aplicadas parece cada vez máis artificial; en particular, é difícil hoxe en día atopar unha área das matemáticas que non teña aplicacións relevantes. Ademais, as fronteiras entre as ciencias matemáticas e outras materias tamén se están a erosionar. As investigacións en ciencias naturais, ciencias sociais, ciencias da vida e a enxeñaría móvense tanto no seu campo como no das matemáticas. A disciplina estase a expandir e as fronteiras entre subcampos matemáticos estanse a desvanecer, quedando cada vez máis unificada. As matemáticas teñen evolucionado considerablemente durante as últimas décadas, esténdense hoxe moito máis alá dos intereses que emanan das institucións tradicionais neste campo (departamentos académicos, entidades financiadoras, sociedades profesionais e revistas de investigación máis importantes). O valor das matemáticas para a ciencia en xeral crecería se aumentara o número de especialistas en matemáticas con coñecementos nun rango amplo da disciplina, máis alá da súa propia área de traballo, que comunicaran ben con colegas doutras disciplinas, que comprenderan o papel das matemáticas na ciencia en xeral, así como na enxeñaría, medicina, defensa ou negocios, e cunha ampla experiencia en computación.[122]

As mulleres nas CTEM[editar | editar a fonte]

Unha das sombras que aparecen nesta panorámica positiva da situación da ciencia matemática no século XXI, que ademais comparte co resto de materias STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), é a baixa participación das mulleres nestes campos do saber. Dende hai tempo son moitos os organismos internacionais que están a chamar a atención sobre este tema, e que foi un dos motivos para que en 2015 a ONU declarase o 11 de febreiro (11F) como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Existen diversas razóns polas que as rapazas poden non sentirse atraídas cara ás carreiras STEM. En xeral, a contorna social, familiar e educativa non incentiva igual a rapaces e rapazas a elixir carreiras científicas e técnicas. As rapazas mostran maior ansiedade ante as matemáticas e ciencias que os rapaces, incluso cun rendemento bo nestas materias, o que parece ter relación con: o persoal docente avalía mellor as rapazas en materias non científicas, as familias teñen menos expectativas de que as súas fillas teñan profesións relacionadas coa ciencia e a tecnoloxía en comparación con seus fillos, e a sociedade presenta a tecnoloxía como un ámbito marcadamente masculino. A isto engádese a ausencia de roles científicos femininos, a baixa presenza de mulleres nos textos e a invisibilización de moitos dos seus logros. Toda a contorna social parece ter influencia no baixo interese das rapazas polas carreiras técnicas. Ademais, tanto nos libros de texto como nos medios de comunicación, nas poucas ocasións nas que se fala das científicas, é frecuente presentalas como persoas raras, completamente dedicadas ao seu traballo e con pouca vida persoal; ou ben facendo fincapé en que o aspecto físico e a intelixencia non poden ir unidos. Isto, unido a que a realidade vivida pola maioría das científicas no pasado foi bastante complicada, fai que moitas adolescentes vexan na ciencia un camiño demasiado arduo, difícil de conciliar coa vida persoal e os seus intereses.

Os estudos suxiren que a segregación temática dentro das ciencias podería estar influída por un maior interese en ámbitos de utilidade social. A utilidade social das especialidades técnicas tales como a física ou a enxeñaría é pouco coñecida, ao contrario da das áreas biosanitarias, o que explicaría que as rapazas que se decantan polas ciencias o fagan maioritariamente por aquelas ramas que teñen máis que ver cunha causa social ou dos coidados. Un caso especialmente significativo é o da informática. Ata os anos 80 do século XX a presenza da muller nos estudos de computación nos Estados Unidos foi aumentando e hai exemplos notables de programadoras cun labor de grande impacto. A partir de mediados dos anos 80 esta progresión revértese. Ese momento coincide coa popularización dos ordenadores persoais. Estes ordenadores, incluíndo os videoxogos, enfocáronse en maior medida cara a un mercado masculino.[123]

As mulleres matemáticas nos inicios deste século[editar | editar a fonte]

Marta Macho Stadler
Marta Macho Stadler

Con todo, no século XXI continúa a haber relevantes figuras femininas que destacan en case tódolos campos e que ademais se están a implicar en tarefas de xestión profesional, entrando a formar parte das elites de decisión da ciencia e a investigación. Entre elas pódense destacar as españolas Peregrina Quintela Estévez (1960) catedrática de Matemática Aplicada da USC, especialista en Matemática industrial, área na que dende hai anos desempeña cargos de xestión en diversos organismos nacionais e internacionais deste campo: Preside a Rede Española Matemática Industria (math-in), coordinou a creación do nodo CESGA do Proyecto Consolider Ingenio MATHEMATICA (i-MATH), dirixe o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati), é membro do European Service Network of Mathematics for Industry and Innovation (EU-MATHS-IN), e forma parte do seu Executive Board. No 2016 foi distinguida co Premio María Wonenburguer, sendo a primeira matemática en recibir esta distinción. Forma parte do xurado dos Premios Princesa de Asturias dende 2019.[124] Marta Macho Stadler (1962) é especialista en Teoría Xeométrica de Foliacións e Xeometría non conmutativa. É responsable das seccións de Literatura e Matemáticas e de Teatro e Matemáticas no portal DivulgaMAT da RSME, e dende a súa creación en 2014, é impulsora, editora e coautora do espazo dixital Mujeres con ciencia. Formou parte da Comisión de Mulleres da RSME, é membro da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT), e é membro do Consello de Cooperación da Universidade do País Vasco. En 2015 recibiu o Premio igUAldad da Universidade de Alacant e unha das Medallas da Real Sociedade Matemática Española na súa primeira edición. En 2016 concedéuselle o Premio Emakunde á igualdade do Goberno Vasco. En 2019 recibiu o nomeamento de Ilustre de Bilbao "polo seu labor como divulgadora científica e por visibilizar o papel das mulleres na ciencia".[125] Mercedes Siles Molina (1966) é catedrática de Álxebra da Universidade de Málaga. Leva realizado contribucións singulares en ámbitos moi diversos. No das matemáticas, o seu traballo máis citado é un libro publicado por Springer (Leavitt path algebras), único no seu campo. No cultural, creou as exposicións El Sabor de las Matemáticas e Universos Paralelos Dialogando, polas que foi invitada ao MoMath (Nova York); puxo en marcha en España o Día de pi, e creou o programa SteMatEsElla, patrocinado por Accenture, para potenciar o talento das mozas en disciplinas STEM. Colaborou co Comité Español de Matemáticas (CEMat) para a incorporación de España ao Centro Internacional de Matemáticas Puras e Aplicadas(CIMPA), é Responsable Científica do CIMPA, membro do seu “Equipo África” e do seu equipo directivo. É Secretaria da Comisión de Desenvolvemento e Cooperación do CEMat, e presidiu o Comité de Cooperación para o desenvolvemento da RSME, da que foi responsable de Proxectos Culturais, así como Vicepresidenta Primeira. Preside o Comité Español de Matemáticas. Dende maio de 2019 é presidenta do CEMat. É membro da Sociedade de Honor Sigma Xi. Dende febreiro de 2020 é directora da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA).[126] Ana Justel Eusebio (1967) é licenciada en Matemáticas e doutora en Economía. Leva participado en máis de sete campañas na Antártida como membro dos proxectos Limnopolar e Microairpolar —proxectos interdisciplinarios cuxo obxectivo principal é investigar a sensibilidade dos ecosistemas acuáticos antárticos non mariños e a capacidade de dispersión dos microorganismos nas

Clara Isabel Grima Ruíz
Clara Grima

zonas polares e a súa influencia ante o cambio climático—. Foi directora da Oficina de Análise e Prospectiva da Universidade ata 2017. Talent Woman concedeulle, en 2019, o I Premio Margarita Salas pola súa traxectoria científica.[127] Clara Isabel Grima Ruiz (1971) é especialista en Teoría de grafos. En 2018, xunto a un equipo multidisciplinar de divulgación científica, describiron unha nova forma xeométrica denominada escutoide; o obxecto descubriuse "mirando non aos ollos senón ás glándulas salivares da mosca da froita", e tendo en conta os diagramas de Voronoi, segundo explica a propia Grima​. Dende 2010 é coautora do blog Mati y sus mateaventuras, galardoado co Premio Bitácoras ao mellor blog de Educación 2011, o Premio 20Blogs ao mellor blog de fala hispana 2012 e o Premio Prisma á mellor web de divulgación científica de 2013. Na Televisión colaborou na primeira e segunda tempadas de Órbita Laika de La 2. En 2016 estreou a obra de teatro Científicas: pasado, presente y futuro, onde interpreta a Rosalind Franklin. Como divulgadora foi galardoada co Premio COSCE á Difusión da Ciencia 2017. Dende 2018 forma parte do xurado dos Premios Princesa de Asturias.[128]

A estadounidense Trachette Jackson (1972) é coñecida polos seus traballos en oncoloxía matemática, campo no que utiliza diferentes aproximacións, incluídos modelos matemáticos discretos e continuos, simulacións numéricas e experimentos, para estudar os crecementos tumorais en diversas fases, a súa evolución e os seus tratamentos.[129] A matemática española Ingeborg M. M. van Leeuwen (1973) cando se licenciou, en 1996 na Universidade de Granada, tiña claro que quería aplicar as matemáticas á bioloxía. No Departamento de Bioloxía Teórica da Vrije Universiteit en Ámsterdam traballou en desenvolver novos modelos matemáticos para predicir a incidencia de tumores e a mortalidade en función do tempo e a dose subministrada. Posteriormente, na Universidade de Nottingham, traballou nun proxecto internacional denominado Bioloxía Integradora que pretendía desenvolver ferramentas para permitir e facilitar a simulación de sistemas biolóxicos complexos.[130] Sonia Martínez Díaz (1974) é profesora do Departamento de Enxeñaría Mecánica Aeroespacial na Universidade de California-San Diego, USA. A súa área de traballo céntrase na teoría de sistemas, control non lineal, e modelaxe xeométrica de sistemas mecánicos e físicos. Polo seu traballo sobre o control de sistemas mecánicos con control limitado, recibiu o premio ao mellor artigo da

Danica McKellar, en 2007
Danica McKellar

2002 IEEE Conference on Decision and Control. No 2006 recibiu un CAREER Award para xoves investigadores da National Science Foundation na área de Sistemas de Control.[131] A estadounidense Danica McKellar (1975) é actriz dende nena, cando logrou fama polo seu papel na serie The Wonder Years, pero ademais graduouse en matemáticas na Universidade de California. Compaxina a súa profesión de actriz con actividades de divulgación encamiñadas sobre todo a atraer rapazas aos estudos de matemáticas. Dende 2008 publica libros

Maryam Mirzakhani. March for Science Poster
Maryam Mirzakhani

de matemáticas para adolescentes, con formato de revista, que están a ter moito éxito nos Estados Unidos.[132] A iraniana-estadounidense Maryam Mirzakhani (1977-2017) desenvolveu a súa vida profesional nos EEUU e abandonou o seu anonimato investigador en agosto de 2014 cando lle foi concedida unha das Medallas Fields polos seus avances sobresaíntes nas superficies de Riemann e espazos de moduli ao ser a primeira muller que conseguiu tal galardón en todos os seus anos de historia. O premio recoñeceu as contribucións sofisticadas e altamente orixinais de Mirzakhani aos campos dos sistemas dinámicos e da xeometría, sobre todo na comprensión da simetría das superficies curvas, como as esferas e os obxectos hiperbólicos.[133]

Comezando a súa carreira profesional na segunda década deste século XXI pero xa cunha importante proxección internacional pódese destacar por exemplo a Jezabel Curbelo Hernández (1987). O seu campo de investigación son os problemas de convección complexos, onde a complexidade xorde da non-linearidade, a xeometría, as condicións de contorno e as propiedades reolóxicas que permiten encontrar ecuacións para modelar o comportamento dos materiais. No ano 2015 recibiu o premio Donald L. Turcotte Award, da American Geophysical Union (AGU), que se outorga anualmente a xoves investigadores en recoñecemento ás contribucións da súa tese de doutoramento no campo da xeofísica non lineal. Ese mesmo ano recibiu un Premio Vicent Caselles RSME-FBBVA “polo estudo analítico e numérico de modelos matemáticos da xeofísica”.[134] En 2021 recibiu o premio L’OréalUNESCO “For Women in Science” en recoñecemento ás contribucións no campo da xeofísica non lineal.[135] A cordobesa María Cumplido Cabello (1992), é investigadora no campo da teoría xeométrica de grupos, e conseguiu xeneralizar resultados de carácter xeométrico e topolóxico sobre grupos de trenzas ao contexto alxébrico dos grupos de Artin‐Tits de tipo esférico. Isto permitiulle resolver un problema matemático que levaba 20 anos sen solución: unha propiedade moi básica que é equivalente a que a intersección de curvas é unha curva, e que non estaba demostrada. Este campo de investigación é potencialmente aplicable en criptografía e sistemas de seguridade informática. En 2018 obtivo o segundo premio da Fundación Rennes á mellor tese en Matemáticas e Ciencias e Tecnoloxías da información e comunicación, e en 2020 foi galardoada co Premio de Investigación Matemática Vicent Caselles da RSME.[136]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Texto orixinal:"I feel the full weight of the prejudice which so universally excludes us from the sciences; it is one of the contradictions in life that has always amazed me, seeing that the law allows us to determine the fate of great nations, but that there is no place where we are trained to think ..."
  2. Cita orixinal: "La sagesse doit avoir toujours les jettons à la main: car qui dit sage dit hereux, du moins dans mon dictionnaire."
  3. Cita orixinal da tradución do texto ao castelán realizada por Alicia Martorell: "La sabiduría siempre debe hacer bien sus cálculos: porque quien dice sabio dice feliz, al menos en mi diccionario"
  4. Texto orixinal: "J'ai dit que l'amour de l'étude étoit la passion la plus nécessaire à notre bonheur; c'est une resource sûre contre les malheurs, c'est une source de plaisirs inépuisable (...)"
  5. Cita orixinal da tradución do texto ao castelán realizada por Alicia Martorell:"He dicho que el amor al estudio era la pasión más necesaria para nuestra felicidad; es un recurso seguro contra la adversidad, es una fuente de placer inagotable (...)"
  6. Texto orixinal:"I feel the full weight of the prejudice which so universally excludes us from the sciences; it is one of the contradictions in life that has always amazed me, seeing that the law allows us to determine the fate of great nations, but that there is no place where we are trained to think ..."

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Rubal Thomsen, Maria (07/11/2019). "Grandes mujeres matemáticas de la historia". La Vanguardia. Consultado o 23-04-2021. 
  2. González Redondo, Francisco A.; Martín-Loeches, Manuel; Silván Pobes, Enrique (2010). "Prehistoria de la matemática y mente moderna: pensamiento matemático y recursividad en el Paleolítico franco-cantábrico". Dynamis (30): 167–195. ISSN 0211-9536. Arquivado dende o orixinal |url= incorrecto (Axuda) o 25 de xullo de 2013. Consultado o 23 de abril de 2021. 
  3. "El Hueso de Ishango". matematica.cubaeduca. Arquivado dende o orixinal o 15 de xaneiro de 2020. Consultado o 22 de febreiro de 2021. 
  4. "¿SABÍAS QUE LAS MUJERES DESCUBRIERON LA AGRICULTURA?". Mujeres para el diálogo y la educación (en castelán). 2019-03-12. Consultado o 2021-02-24. 
  5. 5,0 5,1 Zaslavsky, Claudia (xaneiro 1992). "Women as the First Mathematicians". ISGem Newsletter (en inglés) 7 (1). 
  6. Otras miradas: Aportaciones de las mujeres a las matemáticas para integrar en el curriculum de secundaria. Federación de Enseñanza de CCOO. 2011. ISBN 978-84-695-1129-9. 
  7. Harding, Sandra (1996). Ciencia y feminismo. Madrid: Morata. ISBN 978-84-7112-414-2. OCLC 36329114. 
  8. Verdejo Rodríguez, Amelia (marzo de 2017). "Prólogo". Mujeres matemáticas : las grandes desconocidas. Vigo: Universidade de Vigo. Servizo de Publicacións. p. 13. ISBN 978-84-8158-733-3. OCLC 1026321768. 
  9. "USC - Facultade de Matemáticas - 50 Aniversario da Licenciatura de Matemáticas na USC - Actividades - A muller: elemento innovador na ciencias". www.usc.es. Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2017. Consultado o 2020-11-16. 
  10. 10,0 10,1 "Émilie du Châtelet Biography". Maths History (en inglés). Consultado o 2020-10-27. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 "La geometría vista por Grace Chisholm Young" (PDF). Consultado o 27-10-2020. 
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 12,6 12,7 Muñoz Páez, Adela (2016). Sabias. Penguin Randon House. ISBN 978-84-9992-702-2. 
  13. 13,00 13,01 13,02 13,03 13,04 13,05 13,06 13,07 13,08 13,09 13,10 13,11 13,12 Alic, Margaret (1991). El legado de Hipatia. Historia de las mujeres en la ciencia desde la Antigüedad hasta fines del siglo XIX. Siglo XXI editores, s.a. ISBN 968-23-1682-0. 
  14. "La historia del problema isoperimétrico clásico". Gaceta de la RSME. Consultado o 03-03-2021. 
  15. "LA REINA DE CARTAGO, DIDO (SIGLO IX A.C.)". Mujeres con ciencia (en castelán). 2016-01-01. Consultado o 2021-02-27. 
  16. Fierro, Maribel (2020-04-09). "La sabia esclava de las Mil y una noches: Tawaddud y sus avatares". Al-Andalus y la Historia (en castelán). Consultado o 2020-11-13. 
  17. FUNCI (2019-11-18). "Los musulmanes y sus contribuciones a la ciencia". FUNCI - Fundación de Cultura Islámica (en castelán). Consultado o 2020-11-13. 
  18. Ilecara (2011-11-05). "MUJERES QUE HACEN LA HISTORIA - BREVES BIOGRAFIAS: Siglos IX al XII - Fátima de Madrid". MUJERES QUE HACEN LA HISTORIA - BREVES BIOGRAFIAS. Consultado o 2020-11-13. 
  19. Verdejo Rodríguez, Amelia (2017). Mujeres matemáticas. Las grandes desconocidas. Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo. ISBN 978-84-8158-733-3. 
  20. "Querelle des dames à la Renaissance (La)". Encyclopédie d’histoire numérique de l’Europe (en francés). Consultado o 2020-11-19. 
  21. "Fedele, Cassandra (1465–1558) Encyclopedia.com". www.encyclopedia.com. Consultado o 2020-11-19. 
  22. "Biography: Fedele, Cassandra". www.lib.uchicago.edu. Consultado o 2020-11-19. 
  23. "La hermana del astrónomo, Sophia Brahe (1556-1643) Ciencia y más". Mujeres con ciencia (en castelán). 2018-12-21. Consultado o 2020-11-19. 
  24. "Los ‘cuerpos de papel’ de Margaret Cavendish Ciencia y más". Mujeres con ciencia (en castelán). 2016-10-31. Consultado o 2020-11-19. 
  25. "Isabel de Bohemia y Descartes Ciencia y más". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-05-08. Consultado o 2020-11-19. 
  26. Pascual, Clara Díaz (2013-01-06). "DIARIO DE A BORDO: CRISTINA DE SUECIA y DESCARTES (2)". DIARIO DE A BORDO. Consultado o 2020-11-19. 
  27. Ilecara (2009-04-29). "MUJERES QUE HACEN LA HISTORIA - BREVES BIOGRAFIAS: Siglo XVII - Sofia Carlota Hannover". MUJERES QUE HACEN LA HISTORIA - BREVES BIOGRAFIAS. Consultado o 2020-11-19. 
  28. Ilecara (2009-04-27). "MUJERES QUE HACEN LA HISTORIA - BREVES BIOGRAFIAS: Siglo XVII - Ana Finch Conway". MUJERES QUE HACEN LA HISTORIA - BREVES BIOGRAFIAS. Consultado o 2020-11-19. 
  29. "Leibnitiana". www.gwleibniz.com. Consultado o 2020-11-19. 
  30. peoplepill.com. "About Elena Cornaro Piscopia: Italian philosopher (1646 - 1684) Biography, Facts, Career, Wiki, Life". peoplepill.com (en inglés). Consultado o 2021-02-24. 
  31. "Elena Lucrezia Cornaro Piscopia". www.agnesscott.edu. Consultado o 2021-02-24. 
  32. "Elisabetha Koopman Hevelius: la primera astrónoma que se asomó al cielo Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2020-02-13. Consultado o 2020-11-19. 
  33. Popova, Maria (2019-01-06). "The Astronomical Art of Maria Clara Eimmart: Stunning 17th-Century Drawings of Comets, Planets, and Moon Phases by a Self-Taught Artist and Astronomer". Brain Pickings (en inglés). Consultado o 2020-11-19. 
  34. "Una astrónoma en la sombra, Maria Winkelmann (1670-1720) Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2015-12-21. Consultado o 2020-11-19. 
  35. "Mujeres en la historia(3) La Ilustración.". M narrativa. 
  36. ENCARNACIÓN CASTRO MARTÍNEZ. "MUJERES MATEMÁTICAS EN LA HISTORIA DE OCCIDENTE" (PDF). 
  37. Du Châtelet, Gabrielle-Émilie Le Tonnelier de Breteuil (1706-1749 ; marquise) Auteur du texte (1961). Discours sur le bonheur / Mme Du Châtelet ; éd. critique et commentée par Robert Mauzi,... (en francés). p. 19. 
  38. Chatêlet, Marquise De (1996). Discurso sobre la felicidad: ; y correspondencia. Cátedra. p. 106. ISBN 978-84-376-1486-1. 
  39. Du Châtelet, Gabrielle-Émilie Le Tonnelier de Breteuil (1706-1749 ; marquise) Auteur du texte (1961). Discours sur le bonheur / Mme Du Châtelet ; éd. critique et commentée par Robert Mauzi,... (en francés). p. 23. 
  40. Chatêlet, Marquise De (1996). Discurso sobre la felicidad: ; y correspondencia. Cátedra. p. 109. ISBN 978-84-376-1486-1. 
  41. "Filosofía, ciencia y género : Madame du Châtelet. Felicidad, Filosofía y Ciencia.". Filosofía, ciencia y género. 
  42. "Pignatelli, Carafa Faustina, principessa di Colubrano — Scienza a due voci". scienza a due voci. Arquivado dende o orixinal o 11 de marzo de 2012. Consultado o 26 de outubro de 2020. 
  43. "Roccati Cristina — Scienza a due voci". scienza a due voci. Arquivado dende o orixinal o 07 de xuño de 2019. Consultado o 15 de decembro de 2020. 
  44. "Biography: Diamante Medaglia". www.lib.uchicago.edu. 
  45. "Laura Bassi, la primera profesora de física en una universidad". La Izquierda Diario - Red internacional. 
  46. "María Gaetana Agnesi (1718-1799) Vidas científicas". Mujeres con ciencia. 
  47. Pilar Bayer Isant. "Mujeres y Matemáticas". 
  48. "Las científicas y su historia en el aula" (PDF). 
  49. Bernués, Julio; Miana, Pedro J. "Soñando con números, María Andresa Casamayor (1720-1780)" (PDF). 
  50. "El universo de Wang Zhenyi Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2018-01-04. Consultado o 2020-12-18. 
  51. "Wang Zhenyi (1768-97) - BibliotecaUNEDcientificas". sites.google.com. Arquivado dende o orixinal o 09 de outubro de 2020. Consultado o 2020-12-18. 
  52. "MUJERES MATEMÁTICAS EN LA HISTORIA DE OCCIDENTE" (PDF). Universidad de Córdoba. Consultado o 10-01-2021. 
  53. 53,0 53,1 53,2 "DE “PERFECTA CASADA” A “ÁNGEL DEL HOGAR”". www.um.es. Consultado o 2021-01-10. 
  54. 54,0 54,1 Buquet, Ana; Mingo, Araceli; Moreno, Hortensia (2018-03). "Imaginario occidental y expulsión de las mujeres de la educación superior". Revista de la educación superior (en castelán) 47 (185): 83–108. ISSN 0185-2760. 
  55. "Respuesta femenina a ‘El origen del hombre’ de Charles Darwin Ciencia y más". Mujeres con ciencia (en castelán). 2015-01-26. Consultado o 2021-01-10. 
  56. enlace, Obtener; Facebook; Twitter; Pinterest; electrónico, Correo; aplicaciones, Otras. "ANTOINETTE BROWN BLACKVELL y CLEMENCIA ROYER: Las mujeres que se enfrentaron a Darwin.". Consultado o 2021-01-10. 
  57. "Sophie Germain (1776-1831) Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-09-19. Consultado o 2021-01-10. 
  58. "Mary Somerville (1780-1872) Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-08-24. Consultado o 2021-01-10. 
  59. "Ada Lovelace: el primer programador de la historia - YouTube". www.youtube.com. Consultado o 2021-01-10. 
  60. "Ada Byron: Condesa de Lovelace (1815-1851) Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2018-07-10. Consultado o 2021-01-10. 
  61. "Charlotte Angas Scott “amaba las palabras” Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2015-06-10. Consultado o 2021-01-10. 
  62. "La mujer que superó a los hombres en matemáticas Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2015-08-03. Consultado o 2021-01-10. 
  63. "María Mitchell". astronomia-iniciacion.com (en castelán). Consultado o 2021-01-15. 
  64. "Maria Mitchell, la profesora de astronomía que con 14 años guiaba a los barcos balleneros Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2018-09-06. Consultado o 2021-01-10. 
  65. Parr, Dice ser; a. "La asombrosa historia de las calculadoras de Harvard" (en castelán). Consultado o 2021-01-10. 
  66. "Williamina Fleming, la astrónoma accidental que descubrió más de 300 estrellas Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2018-04-05. Consultado o 2021-01-10. 
  67. "Antonia Maury (1866-1952): la mujer que conocía las estrellas Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2019-05-09. Consultado o 2021-01-10. 
  68. "Annie Jump Cannon: Los ojos que nunca se cansaron de mirar al cielo Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2020-01-16. Consultado o 2021-01-10. 
  69. "La desconocida que reveló el Universo Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2015-04-15. Consultado o 2021-01-10. 
  70. "Me acuerdo de Sofia Ciencia y más". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-08-30. Consultado o 2021-01-10. 
  71. 71,0 71,1 71,2 "Pasaje a la Ciencia". www.pasajealaciencia.es. Consultado o 2021-01-24. 
  72. "El Real Colegio de España en Bolonia aceptará mujeres tras 656 años de exclusión". abc (en castelán). 2020-07-24. Consultado o 2021-02-11. 
  73. "Mileva Maric, la mujer detrás del Nobel de Einstein". La Vanguardia (en castelán). 2019-01-05. Consultado o 2021-01-25. 
  74. "Emmy Noether, madre del álgebra abstracta. Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2014-06-02. Consultado o 2021-01-25. 
  75. "Primera mujer afroamericana doctorada en matemáticas Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2015-07-20. Consultado o 2021-01-25. 
  76. "Gertrude Blanch, matemática. Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2015-02-02. Consultado o 2021-01-25. 
  77. "Ida Rhodes, matemática Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-05-15. Consultado o 2021-01-25. 
  78. "MARY LUCY CARTWRIGHT - Matemáticas-El papel de la mujer". sites.google.com. Consultado o 2021-01-25. 
  79. "Rózsa Péter, matemática. Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2015-02-17. Consultado o 2021-01-25. 
  80. "Olga Taussky-Todd, experta en teoría de matrices. Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2014-08-30. Consultado o 2021-01-25. 
  81. "Emma Castelnuovo: matemática y revolucionaria. Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2018-11-28. Consultado o 2021-01-25. 
  82. "Julia Bowman Robinson y el décimo problema de Hilbert Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2018-08-16. Consultado o 2021-01-25. 
  83. "Mary Ellen Rudin: matemáticas desde el sofá. Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2018-09-18. Consultado o 2021-01-25. 
  84. "Edith Clarke (1883-1959), una adelantada a su tiempo. Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-11-22. Consultado o 2021-01-25. 
  85. "Joan Clarke: la criptóloga que ayudó a descifrar (el) Enigma. Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-07-13. Consultado o 2021-01-25. 
  86. Courel, Maite Garrido (2014-11-19). "Joan Clarke, la mujer que descifró el código Enigma junto a Alan Turing". ElDiario.es (en castelán). Consultado o 2021-01-25. 
  87. "Las programadoras de ENIAC (1946-1955). Colegios Profesionales de Ingenieros en Informática de La Rioja". ingenierosinformaticarioja.com. Consultado o 2021-01-25. 
  88. "Computadoras: las mujeres que programaron el ENIAC". www.astromia.com. Consultado o 2021-01-25. 
  89. "HOPPER, Grace Murray". forohistorico.coit.es. Consultado o 2021-02-19. 
  90. "Ann Zeilinger Caracristi, criptoanalista Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-02-01. Consultado o 2021-01-25. 
  91. "Evelyn Berezin, la pionera de la computación que creó el primer procesador de texto". BBC News Mundo (en castelán). Consultado o 2021-01-25. 
  92. "Marjorie Lee Browne y el legado afroamericano en matemáticas. Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-06-27. Consultado o 2021-01-25. 
  93. "Frances Elizabeth Allen, informática. Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2016-08-04. Consultado o 2021-01-25. 
  94. "La primera mujer que se hizo millonaria con las nuevas tecnologías... (haciéndose pasar por hombre)". XLSemanal (en castelán). 2019-09-25. Consultado o 2021-01-25. 
  95. Sánchez, Cristina (2016-09-05). "La madre del teletrabajo: “Fui la primera que tuvo un ordenador personal en casa”". ElDiario.es (en castelán). Consultado o 2021-01-25. 
  96. "Jude Milhon, programadora y hacker. Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-03-12. Consultado o 2021-01-25. 
  97. "Mujeres tecnólogas: Radia Perlman". Gradiant (en castelán). 2020-09-11. Consultado o 2021-01-25. 
  98. "Carol Shaw: la primera mujer que diseñó videojuegos". Blogthinkbig.com (en castelán). 2016-09-26. Consultado o 2021-01-25. 
  99. "Las mujeres afroamericanas que ayudaron a ganar la carrera espacial". Agencia SINC (en castelán). Consultado o 2021-01-25. 
  100. "La increíble historia de las ingenieras negras que fueron clave para que la NASA pudiera mandar al hombre a la Luna". BBC News Mundo (en castelán). Consultado o 2021-01-25. 
  101. López, Nerea Diez (2019-03-29). "Mujeres y matemáticas: Karen Uhlenbeck, Premio Abel 2019". Real Sociedad Matemática Española (en castelán). Consultado o 2021-01-25. 
  102. "Graciela Chichilnisky: “El primer principio para la creación de un cambio que sea real es hacer que ese cambio sea rentable”. Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2015-07-01. Consultado o 2021-01-25. 
  103. Ilecara (2009-12-30). "MUJERES QUE HACEN LA HISTORIA - BREVES BIOGRAFIAS: Siglo XX - Fanya Montalvo". MUJERES QUE HACEN LA HISTORIA - BREVES BIOGRAFIAS. Consultado o 2021-01-25. 
  104. "La matemática que revolucionó el cine digital". La Vanguardia (en castelán). 2017-09-04. Consultado o 2021-01-25. 
  105. "Daina Taimina, matemática Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-08-19. Consultado o 2021-01-25. 
  106. "Darinka Dentcheva, matemática. Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2015-06-03. Consultado o 2021-01-25. 
  107. "Tan Lei, matemática. Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-03-18. Consultado o 2021-01-25. 
  108. "María del Carmen Martínez Sancho: pionera de las matemáticas españolas de principios del siglo XX. Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-07-06. Consultado o 2021-01-25. 
  109. "María Montserrat Capdevila d’Oriola, matemática. Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-08-06. Consultado o 2021-01-25. 
  110. "Antonia Ferrín Moreiras: simplemente, una científica indescriptible. Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-09-26. Consultado o 2021-01-25. 
  111. "Maria Assumpció Català i Poch, astrónoma Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2014-07-14. Consultado o 2021-01-25. 
  112. "María Josefa Wonenburger Planells, apasionada algebrista. Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2014-05-26. Consultado o 2021-01-25. 
  113. "Pilar Bayer, matemática Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2016-02-13. Consultado o 2021-01-25. 
  114. "María Teresa Lozano Imízcoz: ‘Poner en común ideas siempre multiplica las soluciones’ Por pares". Mujeres con ciencia (en castelán). 2014-11-03. Consultado o 2021-01-25. 
  115. "Xaro Nomdedeu Moreno, matemática Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-04-11. Consultado o 2021-01-25. 
  116. "Mujeres y Matemáticas: 13 retratos" (PDF). RSME. Consultado o 25-01-2021. 
  117. "María Jesús Esteban: “Europa tiene que seguir invirtiendo en materia gris”. Protagonista". Mujeres con ciencia (en castelán). 2015-06-24. Consultado o 2021-01-25. 
  118. Jorge (2014-05-17). "Mujeres y Ciencia: CAPI CORRALES RODRIGÁÑEZ". Mujeres y Ciencia. Consultado o 2021-01-25. 
  119. López, Nerea Diez (2018-10-26). "Mujeres y matemáticas: Entrevista a Olga Gil Medrano". Real Sociedad Matemática Española (en castelán). Consultado o 2021-01-25. 
  120. "ALGUNOS DESCUBRIMIENTOS MATEMÁTICOS DEL SIGLO XX" (PDF). RAC. Consultado o 01-02-2021. 
  121. Council, National Research (2012-06-27). Fueling Innovation and Discovery: The Mathematical Sciences in the 21st Century (en inglés). ISBN 978-0-309-25473-1. 
  122. "Las matemáticas del siglo XXI". Investigación y Ciencia (en castelán). Consultado o 2021-02-01. 
  123. "Diferencias en el interés". 11 de Febrero (en castelán). 2016-12-28. Consultado o 2021-02-01. 
  124. Rey, Manuel (2020-02-10). "Peregrina Quintela: "Para acabar coa fenda de xénero hai que ter conciliación real"". GCiencia. Consultado o 2021-02-01. 
  125. admin (2018-12-03). "Biografía de Marta Macho matemática española". Mujeres Notables (en castelán). Consultado o 2021-02-01. 
  126. "Mercedes Siles Molina". AMIT (en castelán). 2016-06-21. Consultado o 2021-02-01. 
  127. RSME (2019-12-13). "Mujeres y matemáticas: Entrevista a Ana Justel Eusebio". Real Sociedad Matemática Española (en castelán). Consultado o 2021-02-01. 
  128. Sevilla, Diario de (2020-04-18). ""Las redes sociales son pura matemática"". Diario de Sevilla (en castelán). Consultado o 2021-02-01. 
  129. "Trachette Jackson, matemática Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2017-07-24. Consultado o 2021-02-01. 
  130. ".: MATEMATICALIA :. - Internacional". www.matematicalia.net. Consultado o 2021-02-01. 
  131. "Sonia Martinez Diaz: Learning Through Teaching". laprensa-sandiego.org. Arquivado dende o orixinal o 12 de febreiro de 2021. Consultado o 2021-02-01. 
  132. "Danica McKellar, matemática y actriz. Efemérides". Mujeres con ciencia (en castelán). 2015-01-03. Consultado o 2021-02-01. 
  133. "Maryam Mirzakhani: “Dibujar garabatos ayuda a mantenerse conectada al problema” Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2016-02-03. Consultado o 2021-02-01. 
  134. "Jezabel Curbelo Hernández (UAM-ICMAT) y Rafael Granero Belinchón (UC) reciben el Premio SeMA Antonio Valle para jóvenes investigadores en el ámbito de la matemática aplicada". ICMAT (en inglés). Consultado o 2021-02-01. 
  135. "La investigadora de la UPC Jezabel Curbelo, premio L'Oréal-UNESCO 'For Women in Science'". UPC Universitat Politècnica de Catalunya (en castelán). Consultado o 2021-02-12. 
  136. "María Cumplido: entrevista con la joven matemática cordobesa". Nobbot (en castelán). 2020-08-13. Consultado o 2021-02-01. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]