Maternidade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nai con fillos nos ombros. Chaco boliviano. Gran Chaco

A maternidade é a condición de nai, o feito de traer un bebé ao mundo. Por extensión o termo designa tamén o estabelecemento hospitalario onde se atende as mulleres durante o embarazo, parto e puerperio, así como os lactantes.[1] É un concepto que abrangue moitos puntos de vista e o uso en plural.[2] No século XX e XXI iniciáronse varios debates sobre a maternidade, sobre todo desde o pensamento feminista nos que se cuestiona a súa transcendencia no económico, político e social.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Procede de matrem (mater-matris) e está próxima en morfoloxía e significado a matrix, matriz.[3]

Definición[editar | editar a fonte]

Segundo a historiadora Rosa María Cid López remite a feitos biolóxicos, funcións sociais, representación simbólica e a unha construción cultural e social.[4]

A maternidade vista desde o feminismo[editar | editar a fonte]

Simone de Beauvoir

Antes que o estudo da historia foi o feminismo o que se ocupou da análise da maternidade.[4]

Hai diferentes análises de como enfrontou a primeira onda do feminismo a maternidade. Anne Cova analiza que en numerosos países servíronse da maternidade como triunfo para penetrar na esfera pública reivindicando dereitos para as nais e para as mulleres en xeral.[4][5] Carmen Suárez Suárez denomina feminismo maternalista ou maternalismo feminista á reivindicación desde o feminismo de dereitos especiais ou específicos para as mulleres por ser nais nas primeiras décadas do século XX.[6]

Na segunda onda do feminismo no feminismo da igualdade a maternidade foi cuestionada desde a necesidade de independencia que se analizaba coartada por esta.[7] O segundo sexo de Simone de Beauvoir é clave nesta formulación.[4] Logo, cobrou moita importancia a denuncia da imposición do modelo de muller e de familia na obra de Betty Friedan The Feminine Mystique.[8]. Shulamith Firestone, na década de 1970, en The Dialectic of Sex (a dialéctica do sexo) propuxo unha maternidade artificial para superar a suxeición das mulleres á maternidade.[4]

Adrienne Rich en Of Woman Born: Motherhood as Experience and Institution (Nacemos de muller. A maternidade como experiencia e institución) disocia a maternidade como experiencia da maternidade como institución[9] e oponse á análise da segunda onda do feminismo. Rich considera que a maternidade é un espazo de poder que a muller ten que recuperar.[4] O feminismo da diferenza compartiu esta visión na súa reivindicación dos valores culturalmente atribuídos ao feminino. Valores asociados á maternidade e á socialización diferenciada das mulleres.[7] A maternidade está contemplada na obra de Luisa Muraro L'ordine simbolico della madre (A orde simbólica da nai).[4]

Nas análises desde o feminismo, tamén foi importante o cuestionamento do amor maternal que fixo Elisabeth Badinter na súa obra L'Amour en plus [4] e a obra de Kate Millett.[10]

Historia[editar | editar a fonte]

As transformacións sociais inflúen na forma de concibir e representar a maternidade, mais é un tema que aínda está pouco estudado.[4]

No Antigo Exipto existían significados especiais na maternidade e que usualmente se manifestaban no hábito funerario.[11]

Na investigación histórica na análise da maternidade en occidente estabelecen dous períodos diferenciados, antes e despois do século XVIII. Na antigüidade e na Idade Media habería unha desvalorización da maternidade relacionada coa énfase no poder paterno. No século XVIII deseñaríase unha nova imaxe da relación da muller coa maternidade e unha exaltación do amor materno.[12]

Século XX[editar | editar a fonte]

A Segunda República Española lexislou sobre a maternidade coa instauración do Seguro de Maternidade. Foi controvertido e xerou varios conflitos, sobre todo en Cataluña.[13] No franquismo a Igrexa Católica e a Falange configuraron un modelo de muller tradicional que tiña na maternidade e a perpetuación da familia a súa misión suprema.[14] No Estado Español considérase que unha figura importante na imposición dun modelo maternal foi a do médico Gregorio Marañón.[4]

Na URSS concedeuse desde 1944 a Medalla á Maternidade ás nais que tivesen e educasen cinco fillos (segunda clase) ou seis e máis fillos (primeira clase).[15]

A maternidade desde a antropoloxía[editar | editar a fonte]

A Antropoloxía clásica, Bronisław Malinowski, Margaret Mead, Claude Lévi-Strauss, non se interesou pola maternidade. Comezou a ser obxecto de estudo na década de 1970 coa aparición da antropoloxía feminista.[16]

Conceptualización da maternidade[editar | editar a fonte]

Sharon Hays elaborou o concepto de maternidade intensiva para denominar o tipo de maternidade que se desenvolveu nas décadas de 1970 e 1980 nos países ricos.[17]

Sepáranse como distintos conceptos a maternaxe da maternidade.[18]

Para Celia Amorós o proxecto de ter un fillo cando é un proxecto dunha maternidade pensada, cando é un proxecto humano, non é inmanencia, non é mera repetición da vida, é transcendencia.[19]

No plano político considérase que falar da maternidade tanto apunta ao dereito de ser nai e de vivenciar unha maternidade plena como ao dereito da muller de escoller non ser nai.[20][21]

Para Elisabeth Badinter a maternidade converteuse nunha nova forma de escravitude como resultado da crise económica nos inicios do século XXI en Europa.[22]. Desde a heterodoxia Casilda Rodrigáñez Bustos considera que a maternidade está robotizada.[23]

No plano económico para Carolina del Olmo a maternidade é "un lugar atravesado pola economía, a política e a moral e que ao mesmo tempo constitúe o centro da nosa estrutura social e lle dá forma ao sentido común e á ética compartida".[24]

No século XXI hai unha familia posfamiliar para a que foi preciso que houbese varias disociacións sucesivas, o sexo con respecto á reprodución, a maternidade con respecto ao matrimonio e a maternidade con respecto á parella.[25]

Desde a antropoloxía cultural, como explica a antropóloga Henrietta Moore, en todas as sociedades as mulleres dan a luz, mais este feito non merece sempre idéntico recoñecemento.[26] Para Cristina Palomar Verea "A maternidade non é un “feito natural”, senón unha construción cultural multideterminada, definida e organizada por normas que se desprenden das necesidades dun grupo social específico e dunha época definida da súa historia."[27] Para Perrot a maternidade non comeza co embarazo, xa que para moitas mulleres a maternidade é fonte de identidade aínda cando non fose unha etapa vivida.[28]

En España a propia definición do que é a maternidade quedou traspasada polo cuestionamento da súa existencia máis aló do biolóxico nas sociedades patriarcais e da súa non equiparación e secundarización con respecto da paternidade no libro El vacío de la maternidad de Victoria Sau:

A maternidade biolóxica (concepción, embarazo e parto) así como por extensión a crianza, non pode ser considerada maternidade desde unha perspectiva de rango humano se non vai seguida da súa correspondente transcendencia no económico, político e social. A Nai foi rebaixada á condición de funcionaria do Pai.[29]

A situación legal sobre os permisos de maternidade e de paternidade están converxendo en 2018 en Galiza.[30]. A confluencia pode ser considerada como un índice de maior corresponsabilidade.

Para apoiar o valor social da maternidade e a paternidade é preciso evitar os efectos negativos da maternidade nos dereitos das mulleres e promover a consideración da paternidade nun contexto familiar e social de corresponsabilidade, de acordo cos novos modelos de familia[31]

Marga Tojo en Maternidade fóra de catálogo escribe un ensaio sobre a maternidade [32] no que considera que

os debates da maternidade non se limitan, como con frecuencia se suxire, a dilemas interiores irresolúbeis (...) Temos diante tamén un dilema exterior. Unha situación social analizábel. A procura da corresponsabilidade inclúe sinalar a función dos gobernos no benestar da infancia e a súa implicación na precarización da crianza.[33]

Diana López Varela escribiu Maternofobia que analiza as presións cara a ela na vida das mulleres.[34]

Susana Carro investiga na construción simbólica e xurídica da maternidade.

Na ciencia[editar | editar a fonte]

Desde o sexismo científico opúxose intelecto e maternidade.[35]

A científica María de la Fuente propuxo no século XXI mecanismos correctores para que a maternidade non limitase as carreiras científicas.[36]

No asociacionismo[editar | editar a fonte]

Da maternidade compartida xorden asociacións de acción política como o caso das Nais de Praza de Maio ou o caso das nais contra a droga no xermolo de Érguete.[37]

Na arte[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Maternidade na arte.

A maternidade está amplamente representada na arte sendo central a través da representación da Virxe María evolucionado o seu tratamento na arte contemporánea.

Na socioloxía[editar | editar a fonte]

En 2016 Orna Donath publicou un ensaio sobre a maternidade como unha opción valorada desde o arrepentimento.[38]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para maternidade.
  2. "Maternidades: ser o no ser (madre)". eldiario.es (en castelán). Consultado o 2019-10-12. 
  3. Tembrás, Dores (21 de marzo de 2019). "Maternidades". Luzes. Consultado o 21 de maio de 2019. 
  4. 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 Cid López, Rosa María. Atti del VI Congresso della Societá Italiana delle Storiche, Il Poligrafo, ed. La maternidad en Occidente. Reflexiones desde el feminismo y la historia (en Castelán). 
  5. Cova, Anne. "História da Maternidade: em que ponto estamos?1" (PDF) (en portugués). Consultado o 26 de xaneiro de 2018. 
  6. Maternidades : (de)construcciones feministas. Oviedo: Krk Ediciones. 2009. p. 147. ISBN 9788483671610. OCLC 588972188. 
  7. 7,0 7,1 Sánchez, C.: Simone de Beauvoir: Del sexo al género.
  8. Fernández Pujana, Irati (Setembro de 2014). Feminismo y maternidad: ¿una relación incómoda? (en español). Emakunde. p. 44. ISBN 978-84-697-1242-9. 
  9. Sánchez Benítez, Natalie (Abril de 2016). La experiencia de la maternidad en mujeres feministas (en español). Nómadas 44. p. 257. 
  10. Fernández Pujana, Irati (Setembro de 2014). Feminismo y maternidad: ¿una relación incómoda? (en español). Emakunde. p. 27. ISBN 978-84-697-1242-9. 
  11. Jamille, Márcia. "Ser mãe no Egito Antigo" (en portugués). Consultado o 30 de xaneiro de 2018. 
  12. Sobottka Rolim de Moura, Solange Maria; Araújo, Maria de Fátima (2004). PSICOLOGIA CIÊNCIA E PROFISSÃO, ed. "A Maternidade na História e a História dos Cuidados Maternos" (PDF) (en portugués). p. 47. Consultado o 26 de xaneiro de 2018. 
  13. Giménez Baeza, Estela. Universidad Autónoma de Barcelona, ed. "Segunda República: Relaciones laborales y género" (PDF) (en Castelán). p. 3. Consultado o 28 de xaneiro de 2018. 
  14. Martínez Cuesta, Francisco Javier. Revista de Comunicación y Salud, ed. "Maternidad y primer franquismo" (en Castelán). Arquivado dende o orixinal o 06 de febreiro de 2018. Consultado o 28 de xaneiro de 2018. 
  15. Volodin, A.; Merlai, H. (1997): Медаль CCCP - Medals of the URSS. Riga. ISBN 5-7062-01110
  16. Fernández Pujana, Irati (Setembro de 2014). Feminismo y maternidad: ¿una relación incómoda? (en español). Emakunde. p. 24. ISBN 978-84-697-1242-9. 
  17. Gimeno, Beatriz. Revista Anfibia, ed. "Madres en la trampa del amor romántico". Consultado o 25 de xaneiro de 2018. 
  18. Sobottka Rolim de Moura, Solange Maria; Araújo, Maria de Fátima (2004). PSICOLOGIA CIÊNCIA E PROFISSÃO, ed. "A Maternidade na História e a História dos Cuidados Maternos" (PDF) (en portugués). p. 45. Consultado o 26 de xaneiro de 2018. 
  19. Youtube (ed.). "Teoría feminista. Celia Amorós". Consultado o 8 de maio de 2018. 
  20. Souza, Lizandra (10 de decembro de 2016). Diarios de uma feminista, ed. "Maternidade e feminismo, um diálogo pertinente" (en portugués). Consultado o 24 de xaneiro de 2018. 
  21. Lara, Sandra (1 de febreiro de 2016). Pikara Magazine, ed. "La verdadera evolución de la especie. Un artículo sobre la no maternidad" (en Castelán). Consultado o 24 de xaneiro de 2018. 
  22. Cejudo, Conchi. Cadena Ser, ed. "Elisabeth Badinter: "La maternidad es una nueva forma de esclavitud"" (en Castelán). Consultado o 1 de febreiro de 2018. 
  23. Blog. Todo es lo mismo (ed.). "Entrevista a Casilda Rodrigáñez". Consultado o 8 de febreiro de 2018. 
  24. "Camiñamos cara a un mundo no que coidar persoalmente dos teus fillos vai ser un luxo", entrevista de Marcos Pérez Pena a Carolina del Olmo en Praza Pública, 21 de xaneiro de 2018.
  25. Barceló Tous, María Inmaculada. Revista de Antropología Ibeoamericana, ed. "Un camino hacia la maternidad pospatriarcal" (PDF) (en Castelán). p. 133. Consultado o 29 de xaneiro de 2018. 
  26. http://unaantropologaenlaluna.blogspot.com.es/2012/10/madre-no-hay-mas-que-una-la-maternidad.html
  27. Palomar Verea, Cristina (2005). "Maternidad: historia y cultura". La Ventana (22). 
  28. Barceló Tous, María Inmaculada. Revista de Antropología Ibeoamericana, ed. "Un camino hacia la maternidad pospatriarcal" (PDF) (en Castelán). p. 133. Consultado o 29 de xaneiro de 2018. 
  29. Victoria Sau. El vacío de la maternidad. 
  30. Pérez Pena, Marcos. Praza Pública, ed. "Só 293 pais galegos compartiron o permiso de maternidade en 2017". Consultado o 2 de febreiro de 2018. 
  31. "II Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes da USC 2014-2018" (PDF). p. 12. Consultado o 2 de febreiro de 2018. 
  32. Dopico, Montse. Praza Pública, ed. "Marga Tojo: “Reducir a maternidade a unha guerra entre malas nais e hipernais non axuda. Debilita, divide, quita a voz”". Consultado o 16 de abril de 2018. 
  33. Tojo, Marga (marzo de 2018). "Maternidade fóra de catálogo". Luzes (54): 91. 
  34. López Varela, Diana (2 de xuño de 2019). "Las generaciones anteriores de mujeres estaban menos sometidas que ahora a la presión de 'la buena madre". eldiario.es (en castelán). Entrevista con Marta Borraz. Consultado o 3 de xuño de 2019. 
  35. "El sexismo «científico» en la Europa decimonónica | Ciencia y más". Mujeres con ciencia (en castelán). 2015-03-09. Consultado o 2020-06-16. 
  36. de la Fuente, María (12 de febreiro de 2021). "Non se trata de priorizar a carreira científica ou a maternidade. As dúas deben ser compatibles". Praza Pública. Entrevista con Marcos Pérez Pena. Consultado o 12 de febreiro de 2021. 
  37. "Las madres viguesas contra la droga cumplen 35 años". Atlántico (en castelán). 2020-10-07. Consultado o 2021-01-08. 
  38. https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=5819955

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  1. Merino Murga, Patricia (20 de xuño de 2018). "Maternidad y políticas: confusiones, falsedades y mandatos". El Diario (en español). Consultado o 21 de xuño de 2018. 
  2. Zas Marcos, Mónica (26 de xuño de 2018). "“Una madre no tiene permitido, bajo ningún concepto, ser un sujeto sexual”". El Diario. Consultado o 2 de xullo de 2018.