Laura Bassi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Laura Bassi
Laura Bassi - Carlo Vandi.jpg
Nacemento31 de outubro de 1711 e 29 de outubro de 1711
 Boloña
Falecemento20 de febreiro de 1778
 Boloña
NacionalidadeEstados Pontificios
Alma máterUniversidade de Boloña
Ocupaciónfísica, catedrática, matemática, anatomista, profesora de filosofía e filósofa
editar datos en Wikidata ]

Laura Bassi, nada o 31 de outubro de 1711 e morta o 20 de febreiro de 1778, foi unha reputada científica, poeta e filósofa italiana, profesora da Universidade de Bolonia por máis de 40 anos e primeira Catedrática de física dunha universidade europea. Pioneira na introdución das ideas newtonianas en Italia, foi unha das primeiras mulleres que logrou un éxito semellante.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formación e primeiros anos[editar | editar a fonte]

Laura María Catharina Bassi naceu en Boloña o 29 de novembro de 1711. Seu pai, natural de Módena, era un avogado de orixe non nobre. [1]

Laura manifestou dende moi nena as súas prodixiosa dotes intelectuais, o que levou a seu pai a proporcionarlle unha temperá instrución na súa casa. Con tan só cinco anos comenzou a recibir clases de latín, francés e matemáticas da man de seu primo, o pai Lorenzo Stegani. A partir dos trece anos pasou a ser tutelada polo médico da familia e erudito local Gaetano Tacconi, tamén profesor de filosofía e anatomía da Universidade de Boloña. quen dirixiu durante os seguintes sete anos a súa formación en filosofía, metafísica, lóxica e historia natural. Tacconi decidiu promocionala nos círculos académicos da cidade e as extraordinarias capacidades intelectuais da nena Bassi foron coñecidas entre a intelectualidade de Boloña, empezando os académicos a visitar a casa Bassi para coñecer de primeira man a brillantez da pequena Laura. Entre eles o cardeal Prospero Lambertini -quen anos máis tarde sería o Papa Benedicto XIV- cando volveu a Boloña como arcebispo, decatouse da capacidade de Laura na arte da oratoria e dende ese momento a animou no seu traballo científico e se converteu no seu principal mentor e mecenas, proporcionándolle o apoio necesario ó longo da súa carreira. [2]

O seu ano de gloria[editar | editar a fonte]

No ano 1732, cando aínda non tiña cumpridos os vinte e un anos, teñen lugar unha serie de acontecementos que marcarán de maneira determinante a súa vida posterior.

O 17 de abril, animada pola súa familia e amigos, participa nun debate público sobre filosofía enfrontándose a cinco notables académicos de Boloña. Debido á gran expectación que despertou o evento, este  celebrouse no Palacio dos Senadores de Boloña e nel Bassi demostrou ser unha polemista eficaz, impresionando ó público asistente, entre os que estaban personaxes de peso como o legado papal, o cardenal Grimaldi e o cardeal Próspero Lambertini.[1]

Laura Bassi ataviada para o seu doutoramento
  • O 17 de maio a Universidade de Boloña concedeulle un doutoramento honorario, debido ás súas evidentes capacidades intelectuais, converténdose na segunda muller en doutorarse en Europa, despois de que Elena Cornaro o conseguira en Padua en 1678 . De novo o evento levantou gran interese e, nun acto público que tivo lugar no Palacio Comunal de Hércules, Bassi -que ía ataviada cunha capa de armiño, unha coroa de prata e xoias engastadas e un anel, honores que ata o momento estaban reservados ós homes- deu un discurso de aceptación en latín.[2]
  • O 27 de xuño, có fin de obter unha praza de profesora na Universidade de Boloña, someteuse de novo a un exame público, que de novo foi un éxito. Obtivo unha praza de profesora de filosofía,[3] cun salario de 500 liras ó ano; converténdose así na primeira muller en obter un posto de profesora nesa universidade.[1]
  • En outubro dese mesmo ano deu a súa primeira conferencia na universidade e a ela acudiron personalidades tanto de dentro como de fora da comunidade académica. A conferencia titulouse "De corpore aqua naturali Elemento aliorum corporum parte universi" e posteriormente foi publicada.[1]
    Medalla conmemorativa
  • Para conmemorar todos estes eventos, o Senado de Boloña creou unha medalla no seu honor, na que ela aparecía nunha cara e Minerva –a deusa da sabedoría– na outra, xunto coa inscrición "Soli cui fas vidisse Minervam".[1] Tamén foron escritas poesías na súa honra.[4]

A súa carreira profesional[editar | editar a fonte]

Como muller, tivo numerosas dificultades para exercer a súa profesión. Seus colegas preocupáronse de que ela non creara un precedente que animara a outras mulleres a aspirar a carreiras profesionais e que puidese levar a mulleres novas a convivir entre eles. Condicionaron a súa actividade pública á aprobación dos seus colegas.

Nestes primeiros anos Bassi continuou os seus estudos en diversas áreas: historia natural, grego, mecánica e hidráulica cun dos seus titores da infancia, Tacconi, ata que o abandonou porque necesitaba ser máis independente intelectualmente do que este pretendía. A continuación pasou tres anos estudando matemáticas superiores con Gabriele Manfredi, compaxinando estes estudos cos de poesía, actividade que continuará ó longo de toda a súa vida. Con esta formación en matemáticas superiores Bassi conseguiu unha comprensión máis profunda das áreas máis complexas da física, e empezou a interesarse polas ideas de Newton, algunhas das cales eran moi controvertidas nesa época. Isto permitiulle, en 1735, ter acceso a unha colección especial de libros esenciais no Vaticano, o Indice Liborum Prohibitorium, que ata o momento estivera vetado ás mulleres eruditas. [1]

Estas dificultades víronse un pouco aliviadas cando en 1738 casa co médico e físico Giuseppe Veratti (1707-1793). Segundo ela mesma comenta: ‘Elixín a unha persoa que camiña pola miña mesma senda de aprendizaxe, e pola súa longa experiencia estou segura que non me disuadirá dela.’[5]

Co seu matrimonio consegue facilitar a súa carreira profesional -a pesar dos entre oito e doce fillas e fillos que tivo- xa que a partir dese momento era o seu marido, en vez do Senado ou seus colegas, quen debía concederlle os permisos necesarios para impartir conferencias públicas e desenvolver algúns outros aspectos da súa profesión. A parella compartiu non só vida doméstica senón tamén traballo profesional e curiosidade intelectual.  

En 1742 –para paliar as dificultades que tiña no desempeño da súa profesión– empeza a dar clases particulares de física experimental na súa casa, e en 1749 inaugura, xunto a seu home, un laboratorio, tamén no seu domicilio, que pronto se fixeron famosos en toda Europa.[3] Alí acolleron tanto a persoas de ciencia de renome como a estudantes con interese sobre todo na física newtoniana, toda unha novidade nese momento e que non era aínda contemplada nos cursos da universidade. Os seus potentes coñecementos de física e matemáticas, xunto coa súa formación pioneira nas teorías de Newton -que contrastaba cos enfoques tradicionais dos seus colegas- fixeron de Bassi unha figura clave na difusión da ciencia newtoniana en Italia. Esta fama que adquiriu coa súa docencia privada valeulle tamén un aumento de soldo, que ela reclamou, na universidade.[6]

En 1745 o xa Papa Benedicto XIV creou unha nova sección no Instituto de Ciencias, a Benedettini, co obxectivo de estimular novas investigacións científicas en Boloña, seguindo o modelo da Academia de Ciencias de París. Vinte e catro académicos foron aceptados entre os Benedettini, con unha recompensa económica de cincuenta liras, a condición de que presentasen ó menos un traballo anual sobre novos fitos científicos. Bassi non estaba entre os vinte e catro nomeados inicialmente, pero ela non se conformou e solicitou, a través dun amigo influente, ser incluída neste selecto grupo. O Papa creou unha nova praza, a vixésimo quinta, entre os Benedettini para que fose ocupada por Bassi. Ela pronto presentou o seu primeiro traballo á Academia e así continuou durante toda a súa vida, tendo no momento da súa morte presentados e publicados 31 traballos.[1]

En 1776, cando Paolo Battista Balbi morreu, deixando unha vacante na Cátedra de Física Experimental do Instituto de Ciencia, ligado á Academia de Ciencia, o marido de Bassi era asistente de Balbi. A pesar de que el fose a opción máis obvia para relevar a Balbi, Bassi presentou a súa candidatura. Finalmente, polas súas destacadas habilidades en matemáticas, foi ela a nomeada para ocupar dita cátedra, con seu marido, Veratti, como o seu asistente; sendo nomeada ademais Presidente do Instituto. Ocupouse da lóxica, a metafísica, a filosofía, a química, a hidráulica, as matemáticas, a mecánica, a álxebra, a xeometría, linguas antigas e modernas. [7]

Cando Bassi morreu, dous anos máis tarde, seu marido asumiu o cargo de Presidente e posteriormente foi sucedido por seu fillo Paolo quen se mantivo no cargo ata 1796.[6]

Laura Bassi morreu o 20 de febreiro de 1778 en Boloña e foi enterrada na Igrexa do Corpus Domini.[8]

Legado[editar | editar a fonte]

Foi recordada polas súas fortes conviccións relixiosas, a súa dedicación ós menos afortunados, e a súa poesía –da que ela nunca pasou de considerarse unha aficionada–, pero por riba de todo foi recordada polo seu legado científico. Foi unha das figuras máis relevantes da intelectualidade da florecente Boloña do século XVIII. Un cráter de Venus foi bautizado Bassi na súa honra.[1]

O seu extenso epistolario mostra que mantivo contacto cos personaxes máis célebres da súa época como Volta ou Voltaire. [8] Axudando a este último a entrar na Academia de Ciencias de Boloña en 1744-45.[1]

Publicou máis de trinta traballos -unha boa parte foron sobre física newtoniana e cartesiana- sendo das primeiras persoas que explicou física newtoniana en Italia. Algunhas das súas disertacións foron publicadas nos “Comentarios do Instituto de Boloña” -conservadas na Academia das Ciencias de Boloña (unha de química, trece de física, once de hidráulica, dúas de matemática, unha de mecánica e unha de tecnoloxía)- e  mostran o importante papel desenvolvido por Laura Bassi na discusión científica do seu tempo. Foi tamén autora de versos, que foron publicados en varias antoloxías, entre elas a de Agostino Gobbi, "Scelta di sonetti e canzoni dei più eccellenti rimatori d´ogni secolo" (Venezia, 1739). [8]

Con todo, como recolle por exemplo a profesora Carolina Martínez Pulido no seu artigo "Mujeres entre bambalinas y artefactos para desvelar los enigmas de la reproducción"[9], as súas contribucións foron totalmente ignoradas e non só non aparecen referencias súas nas historias oficiais da ciencia, senón que algúns historiadores afirman que só deu leccións privadas na súa casa, pese a estar documentada a súa docencia na Universidade de Boloña durante máis de cuarenta anos.

Laura Bassi constitúe un bo exemplo do esquecemento, desconsideración e invisibilidade sufrida polas mulleres na historia da ciencia. Os logros de Laura Bassi mostraron que as mulleres podían ser educadas en matemáticas e física, ser mestras exitosas e brillantes investigadoras científicas.

Ela conseguiu ter unha larga carreira científica en pe de igualdade cos homes da época, salvando tódalas dificultades que lle foron xurdindo ó longo da mesma pola súa condición de muller, e tamén formou unha extensa familia. Foi, polo tanto, unha pioneira na conciliación da vida familiar e profesional.[10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 1,9 "Laura Bassi | Encyclopedia.com". www.encyclopedia.com. Consultado o 2019-06-03. 
  2. 2,0 2,1 "Laura Bassi, rompiendo estereotipos - Principia". principia.io (en spanish). Consultado o 2019-06-03. 
  3. 3,0 3,1 Ilecara (2010-11-24). "MUJERES QUE HACEN LA HISTORIA - BREVES BIOGRAFIAS: Siglo XVIII - Laura Bassi". MUJERES QUE HACEN LA HISTORIA - BREVES BIOGRAFIAS. Consultado o 2019-06-10. 
  4. Diccionario (1830). Diccionario histórico, ó Biografia universal compendiada [ed. by N. Oliva]. (en castelán). 
  5. "Laura Bassi y como compaginar 12 hijos con la investigación, siendo mujer y viviendo en el siglo XVIII". Woman Essentia (en castelán). 2017-08-02. Consultado o 2019-06-10. 
  6. 6,0 6,1 "Laura Bassi -". www.projectcontinua.org (en inglés). Consultado o 2019-06-03. 
  7. "Personaggi celebri, ospiti e allievi illustri - Università di Bologna". www.unibo.it (en italiano). Consultado o 2019-06-03. 
  8. 8,0 8,1 8,2 "escritorasypensadoras.com". www.escritorasypensadoras.com. Consultado o 2019-06-03. 
  9. "Mujeres entre bambalinas y artefactos para desvelar los enigmas de la reproducción | Ciencia y más". Mujeres con ciencia (en castelán). 2016-02-10. Consultado o 2019-06-03. 
  10. "Laura Bassi (Bolonia, 1711-1778). Vidas científicas". Mujeres con ciencia (en castelán). 2016-07-13. Consultado o 2019-06-03. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]